MANIFESTACIÓN EN PONTEAREAS NO DÍA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA
Este 1º de Maio enfrontámonos ao ataque máis brutal e antidemocrático que sufrimos as traballadoras e traballadores en moito tempo. Presentan medidas contra a crise que son só un intento de rapiña sobre salarios, as conquistas da clase traballadora e os dereitos sociais. Non importan as persoas e os seus dereitos, senón o beneficio dos bancos e as multinacionais.
EU chama á cidadanía a participar na manifestación convocada en Ponteareas, para que este 1º de Maio sexa unha auténtica rebelión cidadá polos nosos dereitos. EU chama á mobilización hoxe e nos meses próximos por unha saída de esquerdas da crise, polo emprego, a defensa do público, o dereito á vivenda e á igualdade.
Queremos denunciar tamén unha vez máis o despropósito de que organizacións que se fan chamar de esquerda axuden á igrexa a desfigurar o verdadeiro sentido do Día Internacional da Clase Traballadora. Isto vense repetindo durante anos, xa que estas organizacións, en troques de chamar ás traballadoras e traballadores a mobilizarse polos seus dereitos, invitan á mocidade a participar nunha romería, incluíndo os actos relixiosos no propio 1º de maio.
Esquerda Unida de Ponteareas chama á clase traballadora a participar na manifestación convocada pola Plataforma 1º de Maio, da que forma parte xunto a outros colectivos da vila. A manifestación sairá dende os Xardíns da Xiralda ás 19:00 baixo o lema “UNIDADE E LOITA OBREIRA CONTRA O CAPITALISMO”.