A instancia da Agrupación Local de Esquerda Unida de Ponteareas, o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda rexistrou na mesa do Parlamento Galego unha Proposición non de Lei para o seu debate en Comisión dirixida a iniciar a reforma integral do Fermín Bouza Brey.
Na PNL presentada, o grupo parlamentario de AGE detalla as enormes deficiencias que presenta actualmente o CEIP Bouza Brey, como son o deficiente illamento térmico, o deterioro da cuberta, condensacións e humidades, o mal estado da instalación eléctrica, a obsolescencia dos saneamentos e a falta de adaptación do centro a alumnos con problemas de mobilidade. Ademais, insta á Xunta de Galicia a iniciar as obras de reforma integral do CEIP Bouza Brey, que en todo caso deberían contemplar o cambio de cuberta do edificio principal, a remodelación de elementos en estado de avanzado deterioro como as fiestras, falsos teitos, instalación eléctrica, saneamento, calefacción…, así como a dotación dun patio cuberto e un ascensor.
Esta Proposición non de Lei, vense a sumar á alegación orzamentaria presentada na que o grupo parlamentario de AGE propoñía unha partida de 750.000 euros destinada á reforma do colexio.