NON Á REFORMA DAS PENSIÓNS

ACTO INFORMATIVO – Intervirán:

José Cuevas Raposo
Coordinador de Esquerda Unida na comarca de Vigo

Juan Fajardo
Deputado de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia
—————————————————-

POR QUE QUEREN RECORTAR AS NOSAS PENSIÓNS?

As institucións europeas prestaron ao Goberno español 61.000 millóns de euros para rescatar aos bancos, pero non só queren que se lles devolvan os cartos, tamén que se fagan diferentes reformas como a reforma laboral e a das pensións. Esixen que a reforma das pensións estea aprobada antes do 31 de decembro deste ano.
Xa houbo unha primeira reforma feita polo goberno socialista que elevou a idade de xubilación aos 67 anos e aumentou o período de cotización para ter dereito á pensión plena. Agora, a reforma do PP agrava os recortes da anterior.

15 respostas para estar ben informado/a:

· Para que queren recortar as pensións?

Para lograr que se subscriban plans privados de pensións (que dan moitos beneficios aos bancos) e para asegurar que o Goberno teña diñeiro para pagar as débedas aos bancos internacionais. É unha esixencia do FMI, Comisión Europea e Bancon Mundial (a Troika).

· E canto máis imos a perder?

A propia Memoria do Goberno que acompaña ao Proxecto de Lei fala de 32.900 millóns de euros, é dicir en media 1.500 euros por pensión. Pero podería chegar a 3.500 euros se o IPC sobe máis do 1%.

· Pero, estaba en risco a túa pensión?

Non, o actual sistema público de pensións está asegurado. Aínda hoxe con 6 millóns de parados/as sobrarían uns 6.500 millóns de euros para pagar as pensións estritamente contributivas e ademais, o fondo de reserva dispón aínda de 56.000 millóns de euros. O problema é que se pagan outras moitas cousas.

· Onde estaría, entón, o risco?

Está precisamente nos fondos privados. A súa rendibilidade é negativa en case todos os casos e a estabilidade da Banca é dubidosa, como se viu. O Estado nunca quebra.

· Vai aumentar o número de pensionistas?

Seguramente, pero non como di o Goberno. Ninguén nace pensionista. Quen mañá sexa pensionista, hoxe é traballador/a e cotizante. Non haberá ningunha catástrofe demográfica. A poboación actual está a baixar.

· Entón, haberá que gastar máis en pensións?

Certo. Pero haberá moitos máis recursos. Hoxe en España utilízase para as pensións 2,8 puntos de PIB menos que na media dos países da Unión Europea. Unha vez pagadas as pensións, quedan libres no PIB español uns 900.000 millóns de euros. En 2030, quedarán libres 1,7 billóns. Casi o dobre.

· Temos que resignarnos a esa perda?

De ningún xeito. O Goberno e os bancos só queren recortar, pero hai outra política que permite consolidar as pensións e mesmo melloralas, garantindo o seu poder adquisitivo tal como di a Constitución Española.

· En que se concreta esa outra política?

Os Gobernos, primeiro o do PSOE e agora o do PP insistiron en recortar os gastos; é dicir, baixar as pensións. O que hai que facer é mellorar os ingresos, e iso pódese facer de tres formas: separando as fontes de financiamento, separando o destino do gasto e mellorando as cotizacións.

· Por que hai que separar as fontes de financiamento?

Porque agora coas cotizacións sociais se pagan moitas cousas que non son estritamente pensións contributivas. Todo o que non sexan pensións deste tipo debe pagarse cos impostos dos Presupostos Xerais do Estado.

· Por que hai que separar o destino do gasto?

Pola mesma razón. Hai que deslindar ben o que son pensións contributivas do que non o é. Mesmo dentro das pensións, separar a parte que non é contributiva (por exemplo, os complementos a mínimos ou as melloras en razón dos ingresos do/a pensionista)

· Como se poden mellorar os recursos?

Hai moitas medidas que poden lograr ese obxectivo. Por exemplo:

  1.   Aumentar a base máxima de cotización, incrementar as cotizacións das horas extras e dos contratos precarios, perseguir a fraude na contratación e combater a economía mergullada, produciría 2.700 millóns anuais.
  2. Igualar o salario de homes e mulleres. 3.000 millóns/ano por cada 5 puntos de redución das diferenzas.
  3. Crear emprego. 1.000 millóns por cada 100.000 novos postos de traballo.
  4. Elevar o salario mínimo. 500 millóns/ano por cada 100 euros/mes de suba.

· Como se poden reducir os gastos?

Por suposto, non recortando as pensións, senón facendo que os gastos non destinados a pensións sexan financiados polos Presupostos Xerais do Estado. Isto representaría uns 7.100 millóns/ano.

· Como se pode lograr todo isto?

Cambiando de política. As medidas de austeridade, como o recorte das pensións, estannos levando a unha crise máis longa (xa levamos 6 anos) e con maior sufrimento para os sectores populares. O paro non baixará do 25% polo menos ata 2020 se seguimos con esta política.

· Pero, existe diñeiro para pagar todo isto?

Si. Ninguén viu queimar o diñeiro nas rúas. Se alguén comprou, alguén vendeu. É falso que vivísemos por enriba das nosas posibilidades con pensións tan baixas, salarios tan curtos e tanto paro. O que hai que facer é combater a fraude fiscal e a economía mergullada. Todas as medidas que propón Esquerda Unida son posibles, realistas e realizables a curto e medio prazo.

· Para cambiar de política hai que cambiar de Goberno?

Si. Rajoy dixo que as pensións eran intocables. Enganounos nisto e noutras cousas. O Goberno do PP ten que dimitir e convocar eleccións xerais. Para que a cidadanía poida decidir.

GOBERNO DIMISIÓN.
OUTRA POLÍTICA PARA SAÍR DA CRISE E GARANTIR A TÚA PENSIÓN.

Deixar un comentario