ESQUERDA UNIDA COMEZA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO SEU PROGRAMA PARA AS MUNICIPAIS

NA WEB, PROGRAMA ABERTO, PÓDENSE FACER ACHEGAS AO PROGRAMA NA REDE

O PROGRAMA SERÁ COMPLETADO EN ASEMBLEAS ABERTAS E REUNIÓNS CON COLECTIVOS

Esquerda Unida puxo en marcha esta semana a web Programa Aberto. Nesta páxina pódese acceder ao borrador do programa de Esquerda Unida para as vindeiras eleccións municipais de 2015.

Programa Aberto é unha ferramenta de participación que Esquerda Unida pon nas mans da cidadanía para a elaboración colectiva do Programa de Esquerda Unida.

Deste xeito, a veciñanza de Ponteareas, poderá ir completando e corrixindo o programa, non soamente a través da rede, senón tamén nas distintas asembleas e reunións que Esquerda Unida fará cos distintos colectivos da vila.

Todas as achegas, tanto as que se fagan a través da rede, como as recollidas nas distintas xuntanzas, serán tidas en conta e debatidas finalmente nunha asemblea aberta.

Este programa, será tamén a referencia da organización á hora de traballar no necesario proceso de converxencia de movementos políticos e sociais da esquerda que a actual conxuntura require. Esquerda Unida ven traballando todos estes anos de cara a unir forzas para facer fronte ás agresións que os donos do capital están a efectuar, a través dos gobernos do PPSOE, contra as clases traballadoras e populares.

Nesta páxina, podedes facer achegas e comentarios que serán estudadas e debatidas. Para facelo, chegará con poñer no formulario un correo electrónico e o concello ao que se pertence.

Agardamos que esta iniciativa sexa do voso interese. A vosa participación é importante.

Deixar un comentario