Na Festa Internacional do Traballo, chamamento de EU.
Enfrontamos neste 1 de Maio o intento do gran capital de consolidar un modelo de saída da crise gravemente daniño para os traballadores e traballadoras de todo tipo e inspirado na ideoloxía neoliberal.
Tratan de endosar definitivamente os custos da crise aos que viven do seu traballo, de consolidar o retroceso dos dereitos laborais e sindicais e de facer retroceder a democracia. En definitiva, de crear as condicións laborais, sociais e políticas para favorecer máis aínda a explotación. Ese é o sentido das recomendacións do Presidente do BCE, Mario Draghi, para endurecer aínda máis as reformas laborais.
No último ano, as reformas do PP e os recortes fixeron aumentar a pobreza, especialmente a feminina, e a desigualdade social. As reformas laborais do bipartidismo diminuíron os salarios e relegaron os dereitos laborais e a negociación colectiva. No que vai de 2015, os salarios foron reducidos en media un 7%, mentres as grandes empresas, especialmente as cotizadas no IBEX 35, aumentaron fortemente os seus beneficios.
O Goberno do PP non pode presentar ningún balance positivo de saída da crise ao pobo traballador. Un pouco máis de traballo a cambio de contratos precarios e salarios miserables. De novo apareceu na nosa sociedade a figura do traballador con contrato, pero pobre. Por iso lexisla para recortar as liberdades democráticas e evitar a protesta, como acontece coa chamada “lei Mordaza”.
O 1 de Maio é a Festa Internacional do Traballo. A loita solidaria de traballadores e traballadoras está no centro desta celebración. Hoxe a violencia cae con maior intensidade sobre os pobos, e especialmente sobre as súas xentes traballadoras. A causa é, como sempre, a cobiza explotadora do capitalismo; é dicir, o intento de dominar as fontes enerxéticas e a produción das materias primas.
Dende Esquerda Unida queremos expresar a solidariedade activa cos traballadores e traballadoras do mundo en loita polos seus dereitos e a nosa esixencia de que España sexa un factor de paz na política internacional.
Un aspecto dramático desta situación son as correntes migratorias que están a producir tantos mortos en Ceuta, Melilla, o Mediterráneo e outros lugares. A resposta da UE é cínica e a de España, expresada por boca do seu ministro do Interior, ademais inhumana. Todas esas vítimas, non só os mortos, son tamén consecuencias da explotación capitalista e dun sistema de relacións internacionais ao servizo dos grandes intereses económicos. É xusto recodarles nun día de loita como este.
En Europa, o pobo traballador grego enfróntase ao cerco económico, político e mediático das grandes empresas e os bancos europeos que son os que controlan a política da Comisión e o BCE. Do chamado “rescate” de Grecia, só o 9% foi parar ao pobo grego; o resto, aos bancos europeos. Por iso, tamén dicimos “Todos somos Grecia”.
En España, a corrupción aparece con toda claridade como algo funcional co sistema, un factor intrinsecamente asociado ao modelo produtivo que nos trouxo a esta situación. Un modelo produtivo que é a causa de que, se antes da crise o paro en España estaba en torno ao 9% e era algo inferior á media europea, agora mentres na UE subiu ao 12%, en España disparouse ata o 25%.
Modelo produtivo perverso, estimulado polo PP e mantido polo PSOE e causante fundamental do paro. Para Esquerda Unida, neste 1 de Maio a loita polo emprego segue sendo o elemento determinante da mobilización e das alternativas políticas.
Un emprego que ha de ser de calidade e con salarios dignos. Para logralo é imprescindible desenvolver un novo modelo produtivo, sostible e democrático. E iso, ligado a un novo proxecto de país que garanta pan, teito, e traballo, pero tamén saúde, educación e dignidade.
Para Esquerda Unida, eses son os obxectivos principais da mobilización do 1 de Maio e das alternativas políticas que nos propoñemos levar aos Gobernos de Concellos e CC.AA. nas próximas convocatorias electorais. É o tempo da esquerda e para iso, EU é necesaria.
Chamamos a toda a cidadanía, e especialmente a todos os traballadores e traballadoras a participar nas manifestacións e outras mobilizacións convocadas polos sindicatos de clase!
Chamamos o pobo traballador a loitar e organizarse para impedir ao neoliberalismo impoñer a súa saída da crise!
VIVA O 1 DE MAIO!
VIVAN OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS!