YOLANDA DÍAZ: ESQUERDA UNIDA-SON É A ÚNICA FORZA POLÍTICA QUE ESTÁ EN CONTRA DOS CORRUPTOS E TAMÉN DOS CORRUPTORES

ONTE CELEBROUSE EN PONTEAREAS UN ACTO NO CENTRO SPORTIVO DE ESQUERDA UNIDA-OS VERDES SON

Este martes, Esquerda Unida-Os Verdes Son, celebrou un acto de campaña no Centro Artístico Sportivo de Ponteareas, no que interviñeron, Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE no Parlamento Galego e Coordinadora Nacional de EU, Patricia Pardo e Lino Costas, número dous e candidato á alcaldía respectivamente na lista de EU-Son no Concello de Ponteareas. Candidatura froito da coalición a nivel nacional entre Anova, Esquerda Unida e Os Verdes.

Nas súa intervención, ante ducias de veciñas e veciños de Ponteareas, Yolanda Díaz pediu o voto para a candidatura de EU-Son en Ponteareas, e lembrou que “EU-Son é a única forza política que, ademais de estar con tódalas consecuencias en contra da corrupción política, non lle treme o pulso á hora de denunciar tamén aos corruptores”. Lembrou tamén que un cambio real, pasa necesariamente polo voto á esquerda e pola mobilización social.

Patricia Pardo, pola súa parte, fixo un repaso polas distintas mobilizacións que historicamente levanse feito en Ponteareas, mobilizacións que Esquerda Unida sempre apoiou e animou á veciñanza a seguir opoñéndose ás políticas caciquís e escurantistas da dereita para acadar un cambio auténtico na vila. Reivindicou tamén que o voto para EU-Son é o voto realmente útil, o voto para comezar a construír unha alternativa e transformar realmente o Concello de Ponteareas.

Á súa vez, Lino Costas manifestou que estamos ás portas do feito histórico de que unha forza autenticamente de esquerda coma EU-Son vaia a ter por primeira vez representación no Concello de Ponteareas. Manifestou tamén o apoio de EU-Son á loita dos traballadores e traballadoras de FCC polos seus dereitos laborais, á da veciñanza da Freixa por manter un cinto de seguridade entre as súas casas e o futuro polígono industrial da Lomba.

Todos eles pediron o voto para EU-Son en Ponteareas, pola súa aposta decidida pola rexeneración da política local e pola defensa dos intereses da maioría social traballadora e polo Medio Ambiente.

Un comentario en “YOLANDA DÍAZ: ESQUERDA UNIDA-SON É A ÚNICA FORZA POLÍTICA QUE ESTÁ EN CONTRA DOS CORRUPTOS E TAMÉN DOS CORRUPTORES”

Deixar un comentario