LINO COSTAS PRESENTARÁ NO PLENO DE PONTEAREAS UNHA MOCIÓN PARA A ELABORACIÓN DUN REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Esquerda Unida considera que o afondamento democrático soamente será posible reformando as formas de facer política e apostando pola democracia participativa tendente a acadar un cambio político substancial que leve un xiro económico, social, cultural e ético dende a participación cidadá e a transparencia na xestión do público.
O local é o ámbito dende o cal é posible poñer en marcha e afondar nos procesos de construción de democracias participativas, en tanto é o espazo no que a cidadanía habita, e se relaciona e é o Concello a institución de proximidade, á que a cidadanía se dirixe a trasladar as súas problemáticas e demandas.
É ineludible, polo tanto, a responsabilidade da corporación municipal á hora de facilitar e promover a participación da cidadanía nos asuntos públicos para camiñar cara a unha auténtica democracia.
Baixo estas formulacións, Lino Costas, concelleiro de EU-son, presentará ao pleno municipal unha moción para elaborar un Regulamento de Participación Cidadá en conxunto con toda a veciñanza de Ponteareas.
Dende EU, confiamos en que unha ferramenta de enorme calado democrático coma é un Regulamento de Participación Cidadá, sexa aprobado sen problemas no Pleno Municipal de Ponteareas.