O PLENO APROBA A MOCIÓN DE EU-SON CONTRA A LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ
O Pleno Municipal de Ponteareas aprobou, na sesión celebrada o pasado 18 de outubro, unha moción rexistrada por EU-son en contra da Lei de Seguridade Cidadá, tamén chamada Lei Mordaza. Na proposta rexistrada por EU-son contémplase a esixencia do Pleno Municipal ao goberno do estado da retirada inmediata da Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de Protección da Seguridade Cidadá e dar traslado deste acordo tanto ao goberno do estado coma a todos os grupos parlamentarios. Esta moción aprobouse coa abstención de ACiP e o voto en contra do PP,
O concelleiro de ESQUERDA UNIDA, Lino Costas, expuxo a intencionalidade desta lei -aprobada en solitario polo goberno do Estado en mans do PP- que non é outra que a de impedir a mobilización cidadá contra as medidas antiobreiras do goberno. Deste xeito, pretenden meter medo á cidadanía para que non exerza o seu dereito de manifestación con sancións que van dende os 100€ para o grado mínimo e chega aos 600.000€ nos casos máis graves. Segundo esta lei, nos procedementos sancionadores as declaracións dos axentes da autoridade serán consideradas coma probas, sen necesidade de aportar probas obxectivas, sendo a persoa acusada a que debería demostrar a súa inocencia, o que vai claramente en contra do principio de presunción de inocencia establecido no Art. 11 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 10 de decembro de 1948.
Por se isto fora pouco, na lei contémplase sancionar ás persoas organizadoras das manifestacións que por calquera causa se considerasen sancionables, considerando persoa organizadora non soamente á persoa ou organización que convocara á mesma, senón a calquera persoa que se manifestara a favor ou simplemente porte bandeiras ou outros signos de apoio. Unha lei feita para coartar a liberdade de expresión da clase traballadora.
Ante esta proposta de rexeitamento da Lei Mordaza presentada por EU-son, o grupo municipal de ACiP optou por non pronunciarse ao respecto, máis o grupo do PP dixo estar totalmente de acordo coas medidas contempladas nesta lei represora e reiterou que se o PP a aprobou en solitario foi porque tiñan capacidade para facelo. Deste xeito, o PP mostra así a súa verdadeira liña política, branda cos capitais e dura coa clase traballadora.
ESQUERDA UNIDA agarda que a nova maioría parlamentaria derogue a Lei Mordaza, de non ser así, ningunha lei lle impedirá manifestarse democraticamente e chamar á mobilización contra as políticas antiobreiras do actual goberno ou dos que veñan.