ESQUERDA UNIDA ACUSA AO GOBERNO TRIPARTITO DE FACER A MESMA POLÍTICA PRIVATIZADORA DO PP

ESQUERDA UNIDA considera lamentable a actitude da Xunta de Goberno de Ponteareas, conformada por BNG, PSOE e ARDT con respecto á prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O tripartito de Ponteareas aprobou, grazas ao voto de calidade do alcalde e co voto en contra de EU-son, un novo expediente de contratación do SAF. Este novo contrato, cun custe de preto de dous millóns e medio de euros, terá unha duración de tres anos, e será prorrogable por un ano máis.

Isto imposibilitará durante polo menos tres anos a posibilidade de xestionar o servizo dende o propio concello. Deste xeito, a actual Xunta de Goberno de Ponteareas non soamente non fixo nada para acadar a remunicipalización do servizo, se non que foi máis alá do anterior contrato formalizado polo PP que era renovable anualmente.

Por outra banda, Lino Costas, concelleiro de EU-son, denunciou que o anterior contrato, formalizado no ano 2013 foi prorrogado directamente en Xunta de Goberno tanto polo PP como pola actual Xunta de Goberno, feito que constituíu unha irregularidade xa que a competencia con respecto ao contrato era do Pleno. A maiores disto, ESQUERDA UNIDA lembra que a inoperancia do concelleiro de servizos sociais ante a finalización do contrato da actual empresa xestora do servizo, que rematou en setembro de 2017, posibilitou a chantaxe da empresa CLECE ao concello reclamando unha suba do prezo do contrato. Este aumento do prezo foi tamén formalizado irregularmente pola actual Xunta de Goberno que non era competente para tal modificación.

ESQUERDA UNIDA entende que a reinternalización de servizos sería unha prioridade para calquera formación que se diga de esquerdas, polas posibilidades de mellora do servizo, minoración de custes e mellora das condicións laborais das traballadoras que o prestan, e por que supón extraer a prestación de servizos da lóxica de obtención de plusvalía e da explotación laboral.

ESQUERDA UNIDA é consciente das dificultades dos procesos de reinternalización de servizos debido á lexislación privatizadora do goberno do PP, máis o certo é que existen maneiras de acadar a remunicipalización dos servizos, tal e como están a facer noutros concellos de todo o estado. Isto implicaría pedir informes ao respecto e estudar todas as posibilidades. Pola contra, a actual xunta de goberno non fixo nada nese sentido, deixando así en evidencia que en pouco ou nada se diferencia a súa política da do Partido Popular.

Deixar un comentario