O ALCALDE CONVIDOU A MARCHARSE AO CONCELLEIRO DE EU, LINO COSTAS, BAIXO PETICIÓN DALGÚNS DOS PRESENTES NA REUNIÓN —
ESQUERDA UNIDA PRESENTARÁ UNHA ALEGACIÓN AOS ORZAMENTOS DO ESTADO CON RESPECTO Á N120 —
O pasado venres 18 de xaneiro, celebrouse unha xuntanza no salón de plenos do concello entre os grupos da Corporación Municipal de Ponteareas e a Plataforma de afectados da N120 para tratar o asunto dos Orzamentos do Estado para 2019. Nesta reunión o alcalde de Ponteareas manifestoulle ao concelleiro de EU, Lino Costas, que segundo a devandita plataforma, non tiña sentido que participara na xuntanza ao non compartir o posicionamento dos outros grupos da Corporación Municipal, PP, PSOE, ACiP, BNG e ARDT con respecto á variante de Ponteareas, convidándoo a marcharse da xuntanza á que fora convocado o día anterior e negándolle deste xeito a tratar a cuestión da mellora da seguridade viaria da N120 ao seu paso por Ponteareas.
Esquerda Unida sabe, que o verdadeiro motivo para negarlle a esta organización participar nesa reunión é que nin o alcalde de Ponteareas nin os resto dos grupos da corporación municipal queren escoitar as razóns de EU para opoñerse á chamada variante de Ponteareas. Non queren que esta agrupación lles desmonte a súa farsa: o engano continuado á veciñanza por motivos electoralistas.
Esquerda Unida lembra que se ten un representante na Corporación Municipal de Ponteareas débese a que este foi votado pola veciñanza, polo que negarse a escoitar as súas razóns é unha actitude totalmente antidemocrática.
Con respecto á eliminación da previsión de gasto destinado á chamada variante de Ponteareas, EU xa manifestou o seu rexeitamento por non considerala unha mellora real da mobilidade do Concello e por afectar de xeito moi grave ao entorno do río Uma.
Esquerda Unida non se opón á mellora do acceso a Ponteareas, pero considera que esta non debe facerse a través dunha circunvalación ineficiente e de enorme impacto ambiental, se non a través doutras alternativas, como por exemplo o desdobramento da PO403 ao seu paso por Angoares. En todo caso, EU considera que a mellora do acceso á vila de Ponteareas debería facerse comezando por un estudo técnico que valore todas as alternativas.
Esquerda Unida afirma que os distintos gobernos do Estado levan vinte anos xogando coa veciñanza ao propoñer a posibilidade desta variante que saben inxustificable, xogo ao que se suman o resto dos grupos da corporación municipal de Ponteareas.
Por outra banda, EU manifesta a súa disconformidade coa rebaixa de seis millóns a cen mil euros do custe total da partida contemplada no proxecto de orzamentos do Estado para 2019 adicada á mellora da seguridade viaria na N 120 ao seu paso por Ponteareas.
Por iso, Esquerda Unida presentará unha alegación a estes orzamentos para que se manteña a partida contemplada nos anteriores de 2018. Manter cen mil euros como custe total desta obra, que incluiría construción de beirarrúas, rotondas, carril bici e pasos de peóns, cando anteriormente se contemplaban seis millóns, sería tanto como recoñecer que non se ten pensado facer.
A agrupación local considera inexplicable que non se lle dea a máxima prioridade a esta actuación da que depende a seguridade das persoas que utilizan a diario ese tramo da N 120. Esta decisión do actual goberno do Estado parece menos explicable aínda cando existía un compromiso anterior da Dirección General de Carreteras, manifestado en distintas reunións mantidas coa corporación e con representantes da veciñanza de Ponteareas, de executar estas actuacións no prazo máis breve posible.