ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O CONCELLO TENTA ENGANAR Á VECIÑANZA COA XESTIÓN DA AUGA

O pasado 22 de febreiro, o goberno municipal de Ponteareas levou a pleno a aprobación inicial da estrutura de custes do contrato de concesión do ciclo integral da auga. Este acordo trátase dun trámite necesario dentro do proceso de realizar unha nova adxudicación do servizo unha vez rematado o anterior contrato.

Esquerda Unida denuncia que con este proceder, non soamente están a incumprir o acordo plenario de 2018, se non que ademais, tal e como quedou claro no pasado pleno coas declaracións da alcaldesa, están tentando facer ver que si se está a cumprir.

A alcaldesa asegurou nese pleno que dispoñen dun informe solicitado a unha consultora externa que ven a dicir que a xestión privada do ciclo integral da auga é mellor que a xestión directa. E non soamente iso, se non que dixo que ao mercar ese informe se cumpría co acordado no pleno de 2018. Nada máis lonxe da realidade. O que se acordou en 2018, por unanimidade de tódolos grupos, foi a creación dunha comisión interna para a elaboración dun informe sobre a forma máis sostible de xestión do ciclo da auga. A creación de esa comisión e a elaboración dese informe quedou claro que son pasos que esixe a lexislación vixente para iniciar o proceso de remunicipalización e así se manifestou no pleno en todo o momento. Certo que no acordo abríase a porta a solicitar asesoría externa en cuestións concretas e nas que non fora posible contar con asesoría interna, pero en ningún caso como substitución da comisión. Polo tanto, Esquerda Unida denuncia que a alcaldesa minte cando di que con ese informe externo cumpre co acordo plenario. Resulta moi revelador que dúas forzas políticas supostamente de esquerdas como son o BNG e o PSOE se acollan a un informe dunha empresa privada para xustificar a privatización dos servizos. Toda unha declaración política propia de calquera partido da dereita neoliberal.

Esquerda Unida quere denunciar tamén que dende o concello pretenden enganar á veciñanza coas supostas melloras que podería aportar unha empresa privada á hora de adxudicarlle a concesión. Certamente é tal o interese por parte dos operadores privados en xestionar os servizos públicos, que están dispostos a ofrecer inversións millonarias nos mesmos con tal de facerse con eles, sabedores como son de que en pouco tempo recuperarán a inversión e obterán beneficio dela. Pero saben perfectamente que estas melloras vai a pagalas a veciñanza sobradamente e que a manterá como clientela forzosa dunha multinacional durante décadas. A empresa ofrecerá esas melloras para poder lucrarse utilizando unhas infraestruturas que xa pagamos a veciñanza con cartos públicos. E todo isto o saben o BNG e o PSOE.Pouco lles importa que privatización supoña atar as administracións a intereses privados e restarlle capacidade de decisión ou que ao final a veciñanza acabe pagando máis caro un servizo que moitas veces vai empeorando co tempo.

Por todo iso dende Esquerda Unida queremos manifestar unha vez máis o noso rexeitamento da decisión do concello de continuar a privatización do ciclo da auga, denunciamos a actitude servil aos intereses do capital dos partidos do goberno de Ponteareas, BNG e PSOE e reclamamos a remunicipalización do servizo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s