
O pasado sábado 14 de abril, dentro da campaña da consulta “Monarquía ou República”, que se desenvolveu en toda España, a veciñanza de Ponteareas tivo tamén ocasión de expresar a súa preferencia sobre estes dous modelos de estado. Ata a mesa de votación que se situou na Praza de Bugallal, achegáronse 177 veciños e veciñas do concello, así como persoas doutros concellos, que quixeron participar nesta xornada de expresión democrática. Das persoas que se achegaron a votar, o 92% decantouse pola opción republicana.
Esquerda Unida considera moi aceptable a participación veciñal na xornada de consulta no Concello de Ponteareas tendo en conta que a difusión da mesma se desenvolveu practicamente en exclusiva a través dos medios propios das organizacións participantes na convocatoria e sen colaboración dos medios de prensa. É de xustiza, iso si, valorar positivamente a reseña incluída no periódico de difusión local “A Peneira”.
Dende Esquerda Unida queremos agradecer á Xunta Republicana do Condado, ao PCG á XC e a Podemos a súa colaboración na preparación e desenvolvemento da xornada.

No conxunto de Galicia colocáronse 17 mesas nas que votaron 2.872 persoas, das que o 95% votaron pola opción republicana. Así mesmo, no total do estado montáronse 724 mesas de votación nas que votaron 81.617 persoas, das que o 93% votaron a favor da república.
Esquerda Unida quere agradecer a participación de todas as persoas que se achegaron a participar na consulta. A súa colaboración é unha mostra do interese da cidadanía en que se abran novas vías de participación cidadá e de que é hora de que dende as institucións do estado se lle dea a posibilidade de pronunciarse sobre a súa opinión sobre o modelo de estado.