ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA MELLORA NO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

A COORDINADORA LOCAL DENUNCIA A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO E AS MALAS CONDICIÓS TANTO DAS TRABALLADORAS COMA DAS PERSOAS USUARIAS

O servizo de axuda no fogar (SAF) ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teña limitada a súa autonomía persoal e nos casos de desestruturación familiar. Entre os obxectivos do SAF está mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a súa permanencia no contorna de convivencia habitual e previr situacións de dependencia ou exclusión social, debendo ser un servizo esencial para a calidade de vida da cidadanía.

Ponteareas leva anos sufrindo recortes no SAF. Nestes intres unicamente contamos con catro traballadoras no cadro de persoal do concello de Ponteareas cando deberían ser, polo menos, once para garantir un servizo acorde ás demandas da veciñanza. Na propia RPT aparecen sete prazas, polo que tres están sen cubrir.

Esquerda Unida denuncia que o concello de Ponteareas leva anos precarizando o servizo. Na actualidade as traballadoras non cobran os pluses de perigosidade e penosidade que veñen recollidos no convenio laboral vixente1 e están obrigadas a usar o seu coche persoal sen que se lle actualice a tarifa de quilometraxe (0,19€/quilómetro), reducindo así o seu poder adquisitivo. Ademais, levamos anos vendo como as xubilacións son cubertas por baixo da taxa de reposición autorizada, xa que o goberno municipal decidiu unicamente cubrir unha de cada dúas. O bipartito está moi cómodo privatizando este servizo e desententéndose tamén da realidade das traballadoras da empresa concesionaria, que levan un tempo denunciando a súa precariedade 2.

Dende Esquerda Unida reclamamos ampliar o persoal para este servizo, rematar coa súa privatización recuperando e ampliando todas as competencias do SAF por parte do executivo local, mellorar as condicións laborais e abrir unha ronda de escoita activa coas traballadoras e persoas usuarias co gallo de garantir un servizo de calidade.

Para Esquerda Unida a política é cuestión de prioridades. Está moi ben investir recursos municipais en mellorar o entorno do casco urbano, pero, a diferencia do que está a facer o goberno municipal, a principal preocupación dos e das gobernantes debería ser garantir unhas condicións mínimas de vida digna para toda a veciñanza.

Pero é ben sabido que a política social non é a que dá réditos electorais.

1 Convenio colectivo para o persoal laboral do concello de Ponteareas (18/12/2018)

2 Traballadoras do SAF de Ponteareas denuncian o “non” a actualización da quilometraxe (31/08/2022)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s