Todalas entradas de Esquerda Unida Ponteareas

ESQUERDA UNIDA SOLICITA AO CONCELLO QUE SE INSTALEN AS MARQUESIÑAS NOS BANCOS DA PRAZA BUGALLAL CONTEMPLADAS NO PROXECTO

Plano das xardineiras coas marquesiñas nos bancos.

O pasado 10 de xuño o goberno municipal de Ponteareas comunicaba á veciñanza a través dunha nota de prensa a apertura ao uso público da totalidade da Praza de Bugallal e o remate das obras. Pola contra, Esquerda Unida considera que non se pode dar por rematada a obra ata que estean instalados todos os elementos incluídos nos planos do proxecto que foi aprobado polo Pleno Municipal.

Esquerda Unida lembra que unha vez aprobado polo xurado o proxecto gañador do concurso establecido polo Goberno Municipal, convidouse aos grupos municipais a coñecer o proxecto e aportar as súas valoracións. Nese contexto, na reunión mantida en marzo de 2019 entre os arquitectos e os grupos municipais, o representante de Esquerda Unida, Lino Costas, manifestou as dúbidas desta organización en canto á funcionalidade do proxecto. As dúbidas manifestadas por esta organización ían referidas á escasa funcionalidade da Praza unha ver realizadas as obras ao non contemplar ningunha zona cuberta que permitira a estancia na mesma en situacións climáticas adversas coma choiva ou sol extremo. Foi por isto que finalmente o equipo redactor incluíu nos planos do proxecto a instalación de marquesiñas nas xardineiras numeradas nos planos como 9, 10 e 16. Algo que aínda que non melloraba significativamente o proxecto, si que si era un pequeno apaño.

Cuestión aparte é o feito de que unha obra que tiña un prazo de execución de seis meses tardara máis de dous anos e que nin sequera estea rematada tal e coma estaba contemplada nos planos. Asunto este sobre o que o goberno municipal ata o momento respondeu de xeito pouco convincente e sobre o que agardamos agora aclare tal e coma se comprometeu.

Debido a estas cuestións, considerando que o prioritario nos espazos públicos é que os mesmos permitan un adecuado uso e desfrute por parte da veciñanza, Esquerda Unida solicitou por rexistro de entrada no Concello que se faga cumprir co establecido nos planos do proxecto e se instalen as marquesiñas contempladas no mesmo.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA A FALTA DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO

Sede de Esquerda Unida en Ponteareas. R/Amado Garra 12

BNG E PSOE APROBAN O ORZAMENTO DE 2022 REXEITANDO AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR EU SEN RESPONDER ÁS MESMAS

O pasado venres 13 de maio, o BNG e o PSOE aprobaron definitivamente o Orzamento Xeral do Concello de Ponteareas para o exercicio de 2022 ao rexeitar as tres alegacións que se presentaron en prazo. Entre as alegacións presentadas estaba a rexistrada polo Coordinador Local de EU, Lino Costas na que se pedía que se subiran á páxina de transparencia do Concello, xunto coa outra documentación relativa aos orzamentos, as liquidacións do exercicio anterior tal e coma establece a lexislación. No dito pleno, o concelleiro de facenda asegurou que se respondera á alegación enviando a documentación requirida, o que non é certo. Si é certo que se incluíu na páxina de transparencia a documentación que faltaba, pero sen comunicarse de ningún xeito co alegante. De feito, a día de hoxe EU aínda non dispón de ningún informe que xustifique o rexeitamento da alegación.

O que si está claro que dende o concello faltouse á debida transparencia ao non ter a disposición da veciñanza as liquidacións do exercicio anterior para poder valorar con criterio a proposta de orzamentos para o 2022. Non era suficiente subir a documentación que faltaba, se non que dende o concello deberían prorrogar o prazo de exposición pública para que a veciñanza puidera estudar a documentación co debido tempo, algo que non fixeron. Este feito motivou que a alegación de EU de manter a partida de axudas de emerxencia e aumentar a do Centro de Reparto de Alimentos, non fora rexistrada dentro do prazo.

Quedou así aprobado o orzamento xeral de Ponteareas para o 2022 cunha moi limitada posibilidade de participación. Un orzamento con importantes recortes en materia social, rebaixando 90.000 euros as axudas de emerxencia e 5.000 a dotación económica do Centro de Reparto de Alimentos ao mesmo tempo que renuncia ao xa de por si raquítico canon anual de 3.680 euros que paga a empresa concesionaria do complexo deportivo e que aumenta en 21.000 euros o previsto para órganos de goberno.

ESQUERDA UNIDA AGRADECE A PARTICIPACIÓN DA VECIÑANZA DE PONTEAREAS NA CONSULTA REPUBLICANA

Mesa de votación na Praza de Bugallal en Ponteares

O pasado sábado 14 de abril, dentro da campaña da consulta “Monarquía ou República”, que se desenvolveu en toda España, a veciñanza de Ponteareas tivo tamén ocasión de expresar a súa preferencia sobre estes dous modelos de estado. Ata a mesa de votación que se situou na Praza de Bugallal, achegáronse 177 veciños e veciñas do concello, así como persoas doutros concellos, que quixeron participar nesta xornada de expresión democrática. Das persoas que se achegaron a votar, o 92% decantouse pola opción republicana.

Esquerda Unida considera moi aceptable a participación veciñal na xornada de consulta no Concello de Ponteareas tendo en conta que a difusión da mesma se desenvolveu practicamente en exclusiva a través dos medios propios das organizacións participantes na convocatoria e sen colaboración dos medios de prensa. É de xustiza, iso si, valorar positivamente a reseña incluída no periódico de difusión local “A Peneira”.

Dende Esquerda Unida queremos agradecer á Xunta Republicana do Condado, ao PCG á XC e a Podemos a súa colaboración na preparación e desenvolvemento da xornada.

No conxunto de Galicia colocáronse 17 mesas nas que votaron 2.872 persoas, das que o 95% votaron pola opción republicana. Así mesmo, no total do estado montáronse 724 mesas de votación nas que votaron 81.617 persoas, das que o 93% votaron a favor da república.

Esquerda Unida quere agradecer a participación de todas as persoas que se achegaron a participar na consulta. A súa colaboración é unha mostra do interese da cidadanía en que se abran novas vías de participación cidadá e de que é hora de que dende as institucións do estado se lle dea a posibilidade de pronunciarse sobre a súa opinión sobre o modelo de estado.

PONTEAREAS PARTICIPARÁ NA CONSULTA MONARQUÍA OU REPÚBLICA

A MESA ESTARÁ INSTALADA EN HORARIO DE MAÑÁ NA PRAZA BUGALLAL

Este sábado 14 de maio celebrarase en toda España unha consulta popular Monarquía ou República, para que a cidadanía se poida pronunciar sobre a súa preferencia sobre o modelo de estado. A consulta está promovida pola “Plataforma Consulta Popular Estatal Monarquía ou República” , plataforma da que, entre outras organizacións forma parte IU.

En todo o Estado colocaranse máis de 700 mesas de votación, sendo a primeira vez que se realiza un acto de tal magnitude no noso país . Entre as mesas de votación que se instalarán o día 14 de maio en todo o estado haberá unha en Ponteareas, que estará na Praza de Bugallal entre as 10h e as 15h. Poderán participar na votación todas as persoas maiores de 16 anos e ao peche da mesa procederase a facer o reconto dos votos. O resultado será trasladado á plataforma para que se compute cos do resto do estado. Logo, os resultados globais serán difundidos pola plataforma o antes posible.

Esquerda Unida de Ponteareas quere animar á veciñanza a participar nesta consulta. Por moito que a mesma non poida ser vinculante, si que servirá para mostrar que outro modelo de estado é posible. Hai que ter en conta que cando se referendou a Constitución Española do ano 1978, incluíuse a monarquía xunto cun todo, se dar a posibilidade á cidadanía de pronunciarse ao respecto. Ademais, a maior parte da poboación actual non tivo a oportunidade de pronunciarse naquel referendo. Será a primeira vez que, aínda que de xeito informal, boa parte da poboación poida pronunciarse sobre a súa preferencia sobre o modelo de estado.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA O INCREMENTO DAS AXUDAS DE EMERXENCIA

NOS ORZAMENTOS PARA O ANO 2022 O CONCELLO REBAIXA A PARTIDA DE AXUDAS DE EMERXENCIA EN 90.000 EUROS E A DOTACIÓN ECONÓMICA DO CENTRO DE REPARTO DE ALIMENTOS EN 5.000

O Concello decidiu rebaixar esas partidas logo de que no exercicio do 2021 soamente gastaron 101.000 dos 200.000 previstos, e na partida do centro de reparto de alimentos soamente gastaron 6.000 de 15.000. Pola contra, Esquerda Unida entende que o feito de que non se gastaran as partidas previstas para axudas de emerxencia e para o centro de reparto de alimentos, non quere dicir que as necesidades da veciñanza empobrecida estean cubertas, se non que dende o concello non se está a xestionar adecuadamente estas axudas. A proba disto é o feito de que moitas veciñas e veciños teñen que recorrer ás distintas organizacións solidarias que hai no concello para poder cubrir as súas necesidades básicas. De feito, o propio concello colabora nalgunhas ocasións na recollida de alimentos para as persoas necesitadas.

En todo o ano 2021 o Concello soamente gastou 6.000 euros no Centro de Reparto de Alimentos cando podían ter gastado 15.000

Esquerda Unida pregúntase que lóxica ten que o Concello participe en recollidas solidarias de alimentos cando pola sua parte non chegan a empregar nin a metade do orzamentado para esa cuestión. Lembremos que, de acordo coas contas presentadas, en todo o ano 2021 o Concello soamente gastou 6.000 euros no Centro de Reparto de Alimentos cando podían ter gastado 15.000.

Por todo iso, Esquerda Unida considera necesario non soamente aumentar estas partidas, se non que ademais deberíanse modificar as ordenanzas, tanto a das axudas de emerxencia como a o Centro de Reparto de Alimentos, para dar unha maior cobertura á veciñanza en dificultades.

Por outra banda, Esquerda Unida manifesta tamén que non obtivo ningún tipo de resposta por parte do Concello á solicitude de ampliación do prazo de exposición do Orzamento Xeral. Esta organización solicitou a ampliación logo de que o Concello non subiu á plataforma de transparencia ás liquidacións dos exercicios anteriores ata o 22 de abril aínda que o anuncio da exposición foi publicado no BOPPO o 4 de abril. Ante esta irregularidade agarda que o Concello teña en conta a solicitude de ampliación. De non facelo así estaríamos ante un novo entorpecemento da participación democrática por parte do goberno municipal.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA A AMPLIACIÓN DA EXPOSICIÓN DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS.

Praza da Perillana e biblioteca

DE NON FACELO O CONCELLO ESTARÍA A INCUMPRIR A DEBIDA TRANSPARENCIA NA TRAMITACIÓN DOS ORZAMENTOS.

Esquerda Unida de Ponteareas entende que a exposición pública dos orzamentos municipais de Ponteareas para o 2022 de cara á súa aprobación definitiva non está a ter a debida transparencia.

O pasado 4 de abril foi publicada no Boletín Oficial de Pontevedra a aprobación inicial do Orzamento Xeral 2022 do Concello de Ponteareas. No documento indicábase que o orzamento estaría exposto ao público durante un prazo de 15 días dende a publicación. Indicábase tamén que durante dito prazo “poderá ser revisado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións que se estimen pertinentes. Así mesmo, estará a disposición dos interesados na sede electrónica deste concello.”

O feito é que para que se poidan dar por expostos ao público os orzamentos, entre a documentación dispoñible debe figurar a liquidación do orzamento do exercicio anterior e o avance da do corrente, referida polo menos a seis meses do exercicio corrente. Pola contra, na sede electrónica do Concello de Ponteareas, a día 18 de abril, non se atopaba dispoñible ningún tipo de liquidación orzamentaria. Nin referida ao ano 2020 nin ao 2021, tendo en conta que o orzamento que se pretende aprobar é o do exercicio en curso. Debido a iso, Esquerda Unida presentou unha alegación á exposición dos orzamentos do concello solicitando a inclusión das liquidacións orzamentarias e o aprazamento do inicio do período de exposición pública. De xeito que os 15 días de exposición pública comezaran a contar logo da publicación do erro no Boletín Oficial de Pontevedra e da posta a disposición dos documentos.

Dous días despois da presentación da alegación por parte de EU, o Concello publica a documentación solicitada pero non aclara se vai a reiniciar ou non o período de exposición pública dos Orzamentos do Concello para permitir o seu estudo por parte da veciñanza. Esquerda Unida entende que, de non reiniciar o período de exposición estaríamos ante unha clara falta de transparencia por parte do Concello e que non se podería dar por cumprimentado o trámite de exposición pública dos Orzamentos para a súa aprobación definitiva.

ESQUERDA UNIDA PRESENTOU ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE MODIFICACIÓN DA N-120

Esquerda Unida de Ponteareas rexistrou o pasado 13 de abril dúas alegacións ao proxecto de Trazado “Construción de glorietas e tratamento de marxes da estrada N-120″. Por un lado, na liña do demandado pola veciñanza de Ribadetea e Padróns, solicitouse unha nova incorporación dende a PO 7201 á N-120 coincidente co contemplado no PXOM e por outro que se contemple a creación dun carril-bici en todo o trazado.

A incorporación dende a PO 7201 á N-120 é un punto conflitivo onde a miúdo hai accidentes debido á escasa visibilidade e á intensidade do tráfico. Nese punto sería complexa a creación dunha rotonda que facilitara a circulación debido á existencia de elementos patrimoniais colindantes como son A Capela dos Remedios e a Fonte da Fama. Por outro lado, no PXOM do Concello de Ponteareas contémplase unha nova estrada que partiría dende a N-120 entre o P.K. 645,50 e o 645,100 e que iría a enlazar coa PO 7201. Debido a estas circunstancias e tendo en conta o xa solicitado pola veciñanza, EU presentou unha alegación solicitando que no proxecto se contemple a creación deste novo enlace e dunha rotonda no punto de intersección da N-120 e a PO 7201. Esta actuación viría a dar solución a unha problemática á que ten que facer fronte a veciñanza de Ribadetea e Padróns a diario.

Ademais do anterior, EU considera que o proxecto non ten en conta o feito de que a N-120 ao seu paso por Ponteareas é frecuentemente utilizada por ciclistas. A falta dun carril propio para circular en bicicleta provoca riscos para a seguridade das persoas que utilizan este medio de transporte. Ademais a incorporación do carril bici ao proxecto, iría a favor de avanzar cara a unha mobilidade sostible, medida necesaria para reducir os efectos do cambio climático.

ESQUERDA UNIDA RESPONSABILIZA AO CONCELLO POLA SITUACIÓN PRECARIA DE PONTE SOLIDARIO

A permanencia da asociación Ponte Solidario nas instalacións da estación de autobuses de Ponteareas está en dúbida logo de que o Concello renunciara a xestionar dita estación e da ruptura do convenio acordado coa Xunta de Galicia que lle permitiría o uso do primeiro andar.

Ponte Solidario leva dende o 2011 apoiando e promovendo a autoaxuda da veciñanza de Ponteareas en situación de pobreza. Para levar a cabo a súa actividade necesita dun local adecuado no que almacenar alimentos, roupa e demais obxectos de primeira necesidade destinados a suplir as carencias materiais e sociais da veciñanza con dificultades. Carencias materiais e sociais que, lembremos, o Concello parece incapaz de cubrir na súa totalidade. Por iso, despois de que tiveran que deixar un local que lle estaba a prestar un particular do noso concello, acadaron do Concello a cesión para o seu uso dun local no primeiro andar da estación de autobuses de Ponteareas.

Cabe lembrar que cando o Concello de Ponteareas cedeu o uso deste local a PS, xa manifestara á Xunta de Galicia a súa renuncia a xestionar a estación de autobuses. De feito o pleno municipal acordou no 2015 a proposta do goberno de devolver a xestión da mesma á Xunta de Galicia. O único partido que votou en contra dese acordo foi Esquerda Unida e xa advertíamos daquela que devolver a xestión á Xunta suporía a súa privatización e renunciar a dispoñer duns locais públicos aos que se lles podería dar uso.

Agora a situación de Ponte Solidario está nas mans da Xunta de Galicia, xa que os gobernantes municipais renunciaron a facerse responsables dun inmoble que está no seu concello e do que poderían facer uso. Polo tanto Esquerda Unida entende que o goberno municipal deixa de ser un interlocutor válido nesta cuestión por vontade propia. Dende Esquerda Unida preguntámonos para que queren BNG e PSOE facerse cargo do goberno municipal se non queren asumir responsabilidades que, por moito que legalmente sexan das consideradas “impropias”, achegan a política á veciñanza en lugar de deixala en mans da Xunta de Galicia do PP.

Por parte de Esquerda Unida manifestamos o noso total apoio á asociación Ponte Solidario ante calquera posible intento de desaloxo e faremos o que estea na nosa man para que esta asociación poida manter a súa actividade nas mellores condicións posibles.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O CONCELLO TENTA ENGANAR Á VECIÑANZA COA XESTIÓN DA AUGA

O pasado 22 de febreiro, o goberno municipal de Ponteareas levou a pleno a aprobación inicial da estrutura de custes do contrato de concesión do ciclo integral da auga. Este acordo trátase dun trámite necesario dentro do proceso de realizar unha nova adxudicación do servizo unha vez rematado o anterior contrato.

Esquerda Unida denuncia que con este proceder, non soamente están a incumprir o acordo plenario de 2018, se non que ademais, tal e como quedou claro no pasado pleno coas declaracións da alcaldesa, están tentando facer ver que si se está a cumprir.

A alcaldesa asegurou nese pleno que dispoñen dun informe solicitado a unha consultora externa que ven a dicir que a xestión privada do ciclo integral da auga é mellor que a xestión directa. E non soamente iso, se non que dixo que ao mercar ese informe se cumpría co acordado no pleno de 2018. Nada máis lonxe da realidade. O que se acordou en 2018, por unanimidade de tódolos grupos, foi a creación dunha comisión interna para a elaboración dun informe sobre a forma máis sostible de xestión do ciclo da auga. A creación de esa comisión e a elaboración dese informe quedou claro que son pasos que esixe a lexislación vixente para iniciar o proceso de remunicipalización e así se manifestou no pleno en todo o momento. Certo que no acordo abríase a porta a solicitar asesoría externa en cuestións concretas e nas que non fora posible contar con asesoría interna, pero en ningún caso como substitución da comisión. Polo tanto, Esquerda Unida denuncia que a alcaldesa minte cando di que con ese informe externo cumpre co acordo plenario. Resulta moi revelador que dúas forzas políticas supostamente de esquerdas como son o BNG e o PSOE se acollan a un informe dunha empresa privada para xustificar a privatización dos servizos. Toda unha declaración política propia de calquera partido da dereita neoliberal.

Esquerda Unida quere denunciar tamén que dende o concello pretenden enganar á veciñanza coas supostas melloras que podería aportar unha empresa privada á hora de adxudicarlle a concesión. Certamente é tal o interese por parte dos operadores privados en xestionar os servizos públicos, que están dispostos a ofrecer inversións millonarias nos mesmos con tal de facerse con eles, sabedores como son de que en pouco tempo recuperarán a inversión e obterán beneficio dela. Pero saben perfectamente que estas melloras vai a pagalas a veciñanza sobradamente e que a manterá como clientela forzosa dunha multinacional durante décadas. A empresa ofrecerá esas melloras para poder lucrarse utilizando unhas infraestruturas que xa pagamos a veciñanza con cartos públicos. E todo isto o saben o BNG e o PSOE.Pouco lles importa que privatización supoña atar as administracións a intereses privados e restarlle capacidade de decisión ou que ao final a veciñanza acabe pagando máis caro un servizo que moitas veces vai empeorando co tempo.

Por todo iso dende Esquerda Unida queremos manifestar unha vez máis o noso rexeitamento da decisión do concello de continuar a privatización do ciclo da auga, denunciamos a actitude servil aos intereses do capital dos partidos do goberno de Ponteareas, BNG e PSOE e reclamamos a remunicipalización do servizo.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A PERSISTENCIA PRIVATIZADORA DO CONCELLO

No pleno municipal deste martes 22 de febreiro, o Concello de Ponteareas aprobou inicialmente a “estrutura de custes para a xestión, en réxime de concesión, do servizo do ciclo integral da auga”. Esta estrutura de custes será sometida a información pública durante un prazo de 20 días durante os cales se poderán presentar alegacións. Este é un trámite obrigatorio para todos os contratos de máis de cinco millóns de euros que realicen as administracións públicas. Trátase dun paso máis na continuación da privatización do servizo.

PSOE E BNG SON UN LASTRE PARA CALQUERA INTENTO DE REALIZAR POLÍTICAS DE ESQUERDA

Esquerda Unida denuncia unha vez máis o incumprimento por parte do goberno de Ponteareas do acordo plenario de 2018 onde tanto BNG como o PSOE se comprometeron coa iniciativa de EU de dar inicio ao proceso de remunicipalización da xestión da auga en Ponteareas. Dende entón non fixeron nada ao respecto nin xustificaron de ningún xeito o incumprimento. O certo é que para Esquerda Unida non é sorprendente esta actuación xa que ten claro que tanto BNG como o PSOE, máis alá da propaganda, están comprometidos coas políticas neoliberais de privatizacións. Mostran de cara afora a súa faciana socialdemócrata, pero nos feitos actúan como calquera partido de corte liberal coma o PP.

Deste xeito unha vez máis BNG e PSOE porán a favor dunha empresa privada, previsiblemente unha gran transnacional, toda a inversión pública en materia de abastecemento, saneamento e depuración de augas. Os gastos para o sector público que pagamos a veciñanza e os beneficios para as grandes empresas privadas. Esa é a realidade das políticas que están a levar a cabo. Cabe lembrar, para máis gravidade do asunto, que o pasado xaneiro asinouse un convenio entre ACUAES, Xunta de Galicia e Concello de Ponteareas para a ampliación da depuradora de augas residuais e a mellora do saneamento. Dito convenio contempla a inversión de 11,7 millóns de cartos públicos, cartos que BNG e PSOE porán tamén ao servizo da obtención de beneficios por parte dunha empresa privada.

Con este acordo, non soamente poñen a inversión pública ao servizo do beneficio privado, se non que ademais renuncian ao control directo da xestión da auga nuns momentos nos que estamos a ver como unha xestión responsable dos recursos hídricos é máis necesaria que nunca. Ademais hai que ter en conta que este tipo de contratos son sempre de longa duración, polo que proporcionarán tamén a estas empresas especuladoras dos bens públicos unha clientela forzosa durante moitos anos, xa que a xestión privada do ciclo da auga é unha forma de monopolio privado.

Esquerda Unida denuncia a hipocrisía das forzas do goberno municipal cando reclaman a xestión pública das cuestións que non son da súa competencia, coma a sanidade, pero manteñen as privatizacións cando teñen a oportunidade de revertilas.