Arquivos da categoría Mocións

EU SOLICITA AO PLENO A RETIRADA DA COMPETENCIA DE SERVIZOS SOCIAIS AO CONCELLEIRO RESPONSABLE

A XUNTA DE GOBERNO EVITA O DEBATE E VOTACIÓN DA MOCIÓN

ESQUERDA UNIDA levou unha moción de urxencia ao Pleno Municipal celebrado onte, 15 de maio, para darlle fin ás irregularidades do Centro de Reparto de Alimentos (CRA), xestionado pola concellería de Servizos Sociais.

A agrupación de Ponteareas tivo coñecemento de que dende os Servizos Sociais do Concello se está facendo asinar ás persoas usuarias do CRA un documento onde se comprometen a “non utilizar os servizos de calquera outra entidade pública ou privada” polo mesmo servizo. Tendo en conta que a achega de alimentos ás persoas sen recursos por parte do CRA é claramente insuficiente para acadar unha alimentación adecuada, resulta especialmente grave que se tente privar a estas persoas da posibilidade de complementar os produtos que reciben dende o Centro de Reparto de Alimentos cos que poidan adquirir por outras vías.

É certo que o CRA de Ponteareas é un Organismo Asociado de Reparto (OAR) autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dentro do Programa de Axuda Alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD), e que como tal, recibe alimentos do mesmo e ten que adecuarse ás esixencias establecidas por este organismo. É coñecido que o FEGA establece o impedimento ás persoas destinatarias finais dos alimentos de acudir a máis dunha OAR a recibir os mesmos. Pero o certo é que no documento que se está a facer asinar ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas non se establece a limitación de utilizar unha soa OAR, se non que se pretende impedir que estas persoas poidan utilizar o servizo de calquera outra organización, estean consideradas ou non unha OAR e reciban ou non os alimentos a través das canles establecidas polo FEGA.

Non existe, polo tanto, ningún impedimento legal ou de outro tipo para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas poidan recibir alimentos de parte de outro tipo de organizacións que non estean integradas no FEAD. Deste xeito EU entende que estamos ante un intento de coacción totalmente inxustificada ás persoas sen recursos do noso Concello. Unha coacción sen ningunha base legal coa que se ameaza ás persoas usuarias do CRA coa posibilidade de ser apartados da utilización do mesmo se recorren ao mesmo tempo a outra organización.

Hai que engadir por outra banda, que no Consello Sectorial Social celebrado o 8 de xullo de 2016, o Concelleiro de Servizos Sociais, o Sr. Troncoso, comprometeuse a ordenar a retirada dun cartel colocado no CRA que establecía do mesmo xeito, o impedimento ás persoas usuarias de utilizar ao mesmo tempo o CRA e calquera outra organización. Este compromiso por parte do Concelleiro de Servizos sociais produciuse ante a reclamación de varias persoas membros do Consello Sectorial Social e despois de recoñecer que non existía ningún impedimento legal para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas puideran ao mesmo tempo ser beneficiarias de outras organizacións que non constituíran unha OAR.

Ante a gravidade destes feitos, que constitúen unha coacción e humillación ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello precisamente por parte do organismo que debería preocuparse da súa seguridade e benestar, ESQUERDA UNIDA presentou unha moción de urxencia para instar ao Concelleiro de Servizos sociais a informar debidamente ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas con respecto á nulidade do documento feito asinar ás mesmas, e para reprobar e retirar a delegación da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro Manuel Troncoso por actuar ou permitir que se actúe de xeito totalmente improcedente con respecto a estas persoas.

Ao ser de urxencia, a moción non pode ser debatida nin votada se non se aproba primeiro a súa urxencia polo pleno. E para a súa aprobación fai falta a maioría absoluta. Onte, nin o concelleiro de Servizos Sociais, nin o resto da Xunta de Goberno estiveron a favor do seu debate no Pleno Municipal.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA LEVARÁ AO PLENO O APOIO Á FOLGA FEMINISTA

No vindeiro pleno do 20 de febreiro, ESQUERDA UNIDA defenderá unha moción de apoio á Folga Feminista que terá lugar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, convocada polo movemento feminista coa colaboración de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais.

Esta é unha convocatoria de denuncia fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais que sofren máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario.

A progresiva privatización e o

s recortes dos servizos públicos esenciais, de xeito especial os de atención as persoas dependentes, os de igualdade, contra a violencia machista, sanidade e educación, precarizan aínda máis a vida da muller. Os plans de igualdade no ámbito laboral continúan sendo insuficientes, e as mulleres teñen as maiores taxas de desemprego, a maior desprotección socioeconómica, os contratos con peores condicións: maior temporalidade e xornadas a tempo parcial, os salarios máis baixos, cunha brecha salarial dun 25% menos que os homes por realizar as mesmas funcións.

Este chamamento quere ademáis, poñer en valor o traballo doméstico, de coidados, non remunerado, tamén chamado traballo reprodutivo, que non soamente é desprezado polo sistema económico, se non utilizado para ocultar carencias orzamentarias, así como facer invisible a falla de corresponsabilidade.

Por estas e moitas máis razóns ESQUERDA UNIDA instará ao Concello de Ponteareas a que apoie a Folga Feminista convocada para o 8 de marzo. Unha folga que irá enmarcada con grandes mobilizacións ao longo de todo o país, onde as mulleres tomarán as rúas para demostrar que non só hai que parar o mundo, senón que tamén hai que transformalo cambiando os seus modelos patriarcales por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.

Unha folga feminista contra un sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades estruturais que padecen as mulleres estean alcanzado tales niveis de gravidade e de tal dimensión, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de traballo para demostrar que sen as mulleres o mundo párase.

2018_folga 8M

ESQUERDA UNIDA LEVARÁ AO PLENO A AMPLIACIÓN DA ACTIVIDADE DO CEMIT

laurent-peignault-119950

ESQUERDA UNIDA rexistrou unha moción para que a actividade da aula CeMIT do Concello de Ponteareas se manteña durante todo o ano, tendo en conta a demanda por parte dos alumnos e alumnas do mesmo.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), ten como finalidade achegar e facilitar o uso das novas tecnoloxías ao conxunto da poboación. Ponteareas conta, dentro desta rede, con unha das chamadas Aulas de Referencia ao cumprir co requisito de rexistrar unha actividade superior ás 1000 horas anuais.

O feito de contar cun aula de referencia permítelle ao Concello acceder a unha subvención anual da Xunta de Galicia de 15.000€. A pesares disto, polo menos no referente aos anos 2016 e 2017, a aula non estivo operativa durante todo o ano e cesou na súa actividade en xaneiro de 2018. En previsión deste feito, o alumnado do CeMIT rexistrou en decembro de 2017 unha solicitude, asinada por corenta alumnos e alumnas, dirixida ao alcalde de Ponteareas de cara a que se mantivera operativo o servizo máis alá de ese mes, que era cando estaba previsto o fin dos cursos. A pesares disto, a día de hoxe aínda non se iniciou ningún procedemento de contratación de profesorado para a realización de cursos.

Con referencia á posibilidade de manter operativa a aula con realización de cursos, hai que sinalar que durante os anos 2016 e 2017, o Concello non chegou a utilizar a totalidade da subvención. No ano 2016 empregáronse para o funcionamento da aula CeMIT, 12.246€ e no 2017, 10.814€. Deste xeito perdéronse para o funcionamento da aula 2.753€ no ano 2016 e 4.186€ no ano 2017. Estes datos deixan e evidencia, por unha banda que a aula puido estar operativa durante máis tempo, e por outra, tendo en conta que os cursos aínda non comezaron no mes de febreiro de 2018, que esta situación vaise repetir.

Ademáis chama a atención que durante o ano 2017, dos 10.814€ empregados no desenvolvemento de cursos na aula CeMIT, 6.904€ foron adicados á contratación de empresas externas en lugar de facelo á contratación directa de profesorado. ESQUERDA UNIDA considera que non existe xustificación algunha para recorrer á contratación externa, encarecendo deste xeito o servizo, cando o Concello pode contratar directamente o profesorado para a aula.

En vista desta situación, ESQUERDA UNIDA solicita que se amplíe o período de funcionamento da aula e que se desbote a contratación de empresas privadas para o seu funcionamento.

ESQUERDA UNIDA ESIXE A REVOGACIÓN DO PECHE DO TALLER MECÁNICO MUNICIPAL

SAM_4735_2

O PROCESO LEVADO A CABO POLA XUNTA DE GOBERNO FOI TOTALMENTE IRREGULAR – – –

O concelleiro de EU-son en Ponteareas, Lino Costas, rexistrou hoxe unha moción destinada ao Pleno Municipal para esixir á Xunta de Goberno a revogación da decisión do peche do taller mecánico e traslado do funcionario adscrito ao mesmo tomada na sesión do 27 de xullo de 2017.

Dito peche fíxose efectivo o día 11 de setembro do mesmo ano, día no que o traballador foi destinado a un novo posto. Todo o proceso de peche do taller e de cambio de destino do funcionario adscrito ao mesmo foi totalmente irregular.

Esta decisión supón o peche dun servizo municipal e a privatización do mesmo, cuestión ésta que non é competencia da Xunta de Goberno, se non do Pleno, tal e como queda exposto no Artigo 22.f da Lei de Bases de Réxime Local, que establece que corresponde ao Pleno “a aprobación das formas de xestión dos servizos e dos expedientes de municipalización”.

Por outra banda, o cambio de destino do funcionario auxiliar de mecánico adscrito ao parque móbil supón unha modificación do Cadro de Persoal aprobado xunto co Orzamento de 2016, o que requiriría dos mesmos trámites que para a modificación do mesmo. Así mesmo, a Lei de Bases de Réxime Local establece que corresponde ao Pleno a aprobación e modificación dos orzamentos. Na mesma lei exponse que corresponde ao Pleno a aprobación do Cadro de Persoal. Polo tanto, queda bastante claro que a decisión de traslado dun funcionario fora do departamento ao que está adscrito non é unha competencia da Xunta de Goberno Local, se non do Pleno, polo que a decisión tomada de trasladar ao funcionario adscrito ao taller municipal é totalmente irregular.

Ademais o peche do taller fíxose efectivo o 11 de setembro antes do acordo definitivo para facelo. Así, esta decisión tomouse pola Xunta de Goberno o 27 de xullo, dando un prazo de dez días ao funcionario para presentar alegacións, cousa que fixo. Unha vez pasado este prazo, a Xunta de Goberno tería un mes para contestar á alegación presentada e para proceder ao acordo definitivo do peche. Acordo que a día de hoxe non se produciu o que ven a aumentar as irregularidades desta decisión.

Polo demais, e dado que o acordo do 27 de xullo con respecto ao taller mecánico afecta a un servizo municipal e a un traballador, necesitaría -antes de ser tomado- dun informe de intervención e de outro de persoal, informes que non constan no expediente.

ESQUERDA UNIDA PROPORÁ UN PLAN DE FORMACIÓN E PROMOCIÓN PARA PERSOAL MUNICIPAL

entrepreneur-593357_1280

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas defenderá no vindeiro pleno unha proposta para a elaboración e execución, no prazo máis breve posible, dun Plan de Formación e Promoción dos empregados e empregadas municipais negociado coa representación sindical dos mesmos.

Segundo o concelleiro de EU-son, Lino Costas, o Concello de Ponteareas ten serias dificultades de cara ao seu normal funcionamento debido á falta de persoal cualificado. Isto leva a que cuestións habituais, como as mesas de contratación, elaboración de pregos de condicións para os contratos, redacción de proxectos de obras ou outras obrigatorias coma é a elaboración dun inventario municipal, non se poidan levar adiante con normalidade. Esta realidade fai que en moitas ocasións téñase que recorrer a empresas externas para realizar tarefas que, de contar o Concello co persoal necesario, poderíanse resolver dun xeito máis áxil e sen o custe económico que implican as externalizacións.

Certo é que a lexislación estatal, como as Leis de Orzamentos do Estado, enfocada claramente a favorecer a privatización dos servizos públicos e dificultar a remunicipalización dos privatizados, limita a autonomía dos concellos á hora de contratar persoal ou mesmo de cubrir as prazas vacantes. Con todo, ESQUERDA UNIDA considera que isto non debe ser a escusa para que o Concello quede paralizado á hora de mellorar a administración municipal. Por unha banda, a agrupación de EU cre unha obriga do concello aproveitar as excepcionalidades contempladas tanto na vixente Lei de Orzamentos do Estado para o ano 2016 coma na do 2017 á hora de facer novas contratacións, e por outra, levar a cabo un plan de formación e promoción do persoal municipal actual.

Así, o Estatuto Básico do Empregado Público establece coma un dereito, no seu artigo 14, os de progresión na súa carreira profesional, a promoción interna, a formación continua e a actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais, preferentemente dentro da xornada laboral.

Actualmente o Concello de Ponteareas non conta con ningún plan de formación e promoción do persoal municipal, feito que é unha anomalía máis entre as que padece este concello, polo que se debería proceder á elaboración dunha planificación ao respecto.

Hai que ter en conta, que o Estatuto Básico do Empregado Público establece ademais, que este tipo de plans de formación e promoción, así coma os fondos adicados aos mesmos deben ser levados á negociación coa parte sindical.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA A LIMPEZA E AMAÑO DA URBANIZACIÓN DE A FREIXA

A urbanización de A Freixa, na parroquia de Ribadetea, ten a clasificación de zona urbana tanto na ordenación vixente coma no PXOM aprobado de forma provisional e pendente de aprobación final. Isto supón na práctica, que a veciñanza da zona pague os impostos municipais coma o IBI ou a recollida de lixo ao mesmo prezo que os veciños e veciñas da vila.

A pesares disto, os servizos que reciben por parte do concello non se adecúan a esta situación. As súas rúas atópanse en estado de abandono por parte do Concello. Tanto as cunetas coma as beirarrúas carecen dun adecuado mantemento e limpeza, o que provoca un gran malestar entre a veciñanza residente na zona.

Ante a persistencia desta situación, ESQUERDA UNIDA rexistrou un rogo para ser debatido no vindeiro pleno, solicitando ao Concello que proceda á limpeza e amaño da zona, xa que considera que debe rematarse con este trato discriminatorio.

ESQUERDA UNIDA PROPORÁ AO PLENO UN REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL

PONTEAREAS NON CONTA CON ESTE INSTRUMENTO, CONTEMPLADO NA LEXISLACIÓN DENDE 1986

EU de Ponteareas rexistrou unha proposta ao Pleno do Concello para iniciar a elaboración dun Regulamento Orgánico Municipal. A posibilidade de aprobar este instrumento estaba xa contemplada por Real Decreto dende 1986 polo que se aprobou o Regulameno de Organización e Funcionamento das Entidades Locais.

A finalidade deste Regulamento é a de dotar á administración municipal de maior eficacia na toma de decisións e na sua execución. Deste xeito, unha vez aprobado, o documento servirá para regular o estatuto dos concelleiros e concelleiras, a existencia dos órganos municipais, o procedemento a seguir para dotar a esta Administración de maior eficacia na toma de decisións e na súa execución e, especialmente, a organización e funcionamento do Pleno do Concello de Ponteareas en todo aquilo que non esté xa contemplado no ROF.

ESQUERDA UNIDA considera necesario aprobar de forma urxente este regulamento, dadas as situacións, ás veces esperpénticas que se dan na actualidade no Concello de Ponteareas e que impiden o normal funcionamento dos órganos municipais. Esta situación da coma resultado que o Concello non teña a fluidez suficiente para xestionar e dar solucións aos problemas que afectan á veciñanza de Ponteareas.

O Regulamento de Organización Municipal proposto por EU contempla cuestións coma o dereito de acceso á información dos concelleiros e concelleiras, a forma de toma de decisións, os tempos de intervención nos plenos, ou a posibilidade por parte da presidencia do Pleno de impoñer sancións ante a desobediencia dos concelleiros e concelleiras ás normas municipais.

A aprobación deste Regulamento necesita contar co acordo da maioría absoluta do Pleno, polo que o procedemento elixido por ESQUERDA UNIDA para a súa elaboración e aprobación foi a de presentar unha proposta ao Pleno para iniciar o proceso achegando un borrador a consensuar co resto dos Grupos Municipais no prazo dun mes dende a adopción do acordo.

Con esta proposta,xunto coa da creación dun Regulamento de Participación Cidada, EU quere contribuir á normalización e democratización do concello de Ponteareas, anclado aínda a día de hoxe nunha forma den entender a política municipal antidemocrática e caciquil. Lembremos que a día de hoxe, o Concello de Ponteareas non conta con cuestións obrigatorias coma son a Relación de Postos de Traballo ou o Inventario municipal.

ESQUERDA UNIDA QUERE UN CONCELLO LIBRE DE TRÁFICO DE MULLERES

O CONCELLEIRO LINO COSTAS DEFENDERÁ A ABOLICIÓN DA PROSTITUCIÓN

428992_362403813780904_1291319334_nLino Costas, concelleiro de EU-son en Ponteareas, rexistrou esta semana unha moción para o seu debate en Pleno Municipal que, de aprobarse, permitirá ao Concello tomar unha serie de medidas e accións destinadas á erradicación da trata de persoas, na súa maioría mulleres e nenas.

ESQUERDA UNIDA mantén que a prostitución é unha forma de explotación que debe ser abolida e non unha profesión que hai que regulamentar xa que é unha forma de violencia de xénero extrema: o que as mulleres prostituídas e homes teñen que soportar equivale ao que noutros contextos correspondería á definición aceptada de abuso sexual e violación reiterada. O feito de que se pague unha cantidade económica pode transformar ese abuso nun «emprego», ao que se lle quere dar o nome de “traballo sexual”.

Nunha sociedade que regula a prostitución estamos socializando a nenos e nenas en valores claramente diferenciados: aos nenos, en que eles como homes, van poder mercar, pagar por usar, o corpo, a atención, o tempo… das mulleres. E ás nenas, en que elas como mulleres, poden estar ao servizo dos homes. Quizais non elas persoalmente ou directamente, pero si as mulleres, moitas mulleres. Se se regula a prostitución, educar na igualdade nas nosas cidades vai ser imposible.

Por iso ESQUERDA UNIDA comparte e defende claramente a ambiciosa postura do movemento abolicionista que busca ir á raíz dun problema que afecta os dereitos humanos. Dereitos que en tanto que esenciais están fóra de discusión: os de toda persoa a non ser abusada nin utilizada sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio de ningunha compensación económica. Por iso é polo que o foco debamos dirixilo ás persoas que demandan, a clientela, os prostituidores. Porque sen demanda, a oferta desaparece.

De aprobarse a moción de ESQUERDA UNIDA, o Concello de Ponteareas será adherido á rede de municipios libres de trata de mulleres destinadas á prostitución, ademáis de facer campañas de sensibilización e esixir a penalización dos clientes e proxenetas entre outras intervencións relacionadas.

ESQUERDA UNIDA RECOLLE AS REIVINDICACIÓNS DOS COLECTIVOS SOCIAIS

LEVAN MÁIS DUN ANO AGARDANDO UNHA SOLUCIÓN

OS COLECTIVOS DISCRIMINADOS SON DOS MÁIS ACTIVOS DO CONCELLO

EU-son de Ponteareas rexistrou no Concello unha proposta de acordo ante o Pleno Municipal, recollendo o escrito rexistrado polos colectivos sociais de Ponteareas: ADENCO, Festival das Brétemas, Círculo Feminista, Ponte Solidario e a PAH. Nesta proposta solicítase á Xunta de Goberno local, que solucione o problema da falta de espazos para uso dos colectivos sociais do Concello.

Así, na proposta rexistrada, exponse o trato discriminatorio da Xunta de Goberno, que pon locais municipais a disposición dalgúns colectivos escollidos, mentres outros con sobrada e coñecida actividade no concello, quedan fora.

O único ofrecemento aos colectivos por parte da Xunta de Goberno consistiu na cesión temporal dun local na estación de autobuses pero sen ningún tipo de garantía temporal de ocupación, de xeito que os colectivos terían que desaloxalo en calquera momento a requirimento do concello ou da Xunta de Galicia. Este ofrecemento ademáis, en forma de contrato, referíase a un local distinto e máis pequeno que o falado en xuntanzas previas, e segundo denuncian os colectivos, con equivocacións, erros ortográficos e erratas que poñen de manifesto a falta de preocupación ao respecto da Xunta de Goberno.

ESQUERDA UNIDA denuncia que a día de hoxe, a única acción concreta por parte da Xunta de Goberno con respecto ao uso de espazos a disposición de colectivos locais do Concello, foi para agravar o problema. Así, en setembro de 2015 propuxeron ao Pleno Municipal esixir á Xunta de Galicia que asumira a xestión da estación de autobuses e o acordo de que o Concello non asumira ningún gasto con respecto á mesma a partir de 2016, proposta que foi aceptada por todos os grupos da Corporación Municipal agás EU-son. Con este acordo, o goberno municipal desentendeuse da estación de autobuses, renunciando así á posibilidade de xestionar os seus locais, feito polo cal non poden dar ningunha garantía de ocupación sobre os mesmos.

Por estes motivos, ESQUERDA UNIDA considera moi oportuna a proposta rexistrada por estes colectivos, polo que procedeu a recollela para que sexa debatida no vindeiro Pleno Municipal. A Xunta de Goberno de Ponteareas ten a obriga de solucionar o problema que eles mesmos contribuíron a crear.

PONTEAREAS CONTRA A LEI MORDAZA

O PLENO APROBA A MOCIÓN DE EU-SON CONTRA A LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ

O Pleno Municipal de Ponteareas aprobou, na sesión celebrada o pasado 18 de outubro, unha moción rexistrada por EU-son en contra da Lei de Seguridade Cidadá, tamén chamada Lei Mordaza. Na proposta rexistrada por EU-son contémplase a esixencia do Pleno Municipal ao goberno do estado da retirada inmediata da Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de Protección da Seguridade Cidadá e dar traslado deste acordo tanto ao goberno do estado coma a todos os grupos parlamentarios. Esta moción aprobouse coa abstención de ACiP e o voto en contra do PP,

O concelleiro de ESQUERDA UNIDA, Lino Costas, expuxo a intencionalidade desta lei -aprobada en solitario polo goberno do Estado en mans do PP- que non é outra que a de impedir a mobilización cidadá contra as medidas antiobreiras do goberno. Deste xeito, pretenden meter medo á cidadanía para que non exerza o seu dereito de manifestación con sancións que van dende os 100€ para o grado mínimo e chega aos 600.000€ nos casos máis graves. Segundo esta lei, nos procedementos sancionadores as declaracións dos axentes da autoridade serán consideradas coma probas, sen necesidade de aportar probas obxectivas, sendo a persoa acusada a que debería demostrar a súa inocencia, o que vai claramente en contra do principio de presunción de inocencia establecido no Art. 11 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 10 de decembro de 1948.

Por se isto fora pouco, na lei contémplase sancionar ás persoas organizadoras das manifestacións que por calquera causa se considerasen sancionables, considerando persoa organizadora non soamente á persoa ou organización que convocara á mesma, senón a calquera persoa que se manifestara a favor ou simplemente porte bandeiras ou outros signos de apoio. Unha lei feita para coartar a liberdade de expresión da clase traballadora.

Ante esta proposta de rexeitamento da Lei Mordaza presentada por EU-son, o grupo municipal de ACiP optou por non pronunciarse ao respecto, máis o grupo do PP dixo estar totalmente de acordo coas medidas contempladas nesta lei represora e reiterou que se o PP a aprobou en solitario foi porque tiñan capacidade para facelo. Deste xeito, o PP mostra así a súa verdadeira liña política, branda cos capitais e dura coa clase traballadora.

ESQUERDA UNIDA agarda que a nova maioría parlamentaria derogue a Lei Mordaza, de non ser así, ningunha lei lle impedirá manifestarse democraticamente e chamar á mobilización contra as políticas antiobreiras do actual goberno ou dos que veñan.