Arquivos da categoría Noticias

Engloba tódalas seccións que correspondan con noticias

Esquerda Unida e Podemos renovan a súa forza para as vindeiras eleccións cun novo candidato ao fronte das súas listas, Manoel Ucha.

  • O novo bloco de esquerdas que forman Esquerda Unida Ponteareas e Podemos elixe un novo candidato para as súas listas, o veciño da vila Manoel Ucha.
  • O actual coordinador de Esquerda Unida, Lino Costas, deixa de ser candidato á alcaldía pero continúa vinculado e ilusionado co novo proxecto, despois de dúas lexislaturas como número un das listas electorais.
  • Ambos partidos políticos están ilusionados e con forza ante a presentación deste novo candidato.

Como froito da alianza rexenerada das esquerdas en Ponteareas entre Esquerda Unida e Podemos xorde tamén a selección dun novo candidato para encabezar as súas listas, Manoel Ucha, veciño da vila de 32 anos. A elección foi o pasado sábado 28 de xaneiro nunha reunión entre as forzas para decidir quen encabezaría a proposta.

Na reunión, na que tiveron oportunidade de participar a militancia e simpatizantes de Esquerda Unida e Podemos de Ponteareas, acordouse por unanimidade que Manoel Ucha encabezaría a candidatura conxunta que as dúas organizacións teñen previsto presentar para ditas eleccións, pasando Lino Costas a testemuña o fronte do espazo de esquerdas despois de oito anos.

En palabras de Lino C Vila, coordinador local de Esquerda Unida, e concelleiro por Esquerda Unida en Ponteareas entre os anos 2015 e 2019, “A elección de Manoel Ucha coma candidato ás eleccións municipais, tendo en conta a súa capacidade e a súa traxectoria de traballo nos colectivos sociais, pode ser o revulsivo que a esquerda necesita para ter unha importante presenza no Concello de Ponteareas”.

Pola súa parte, Jonathan Martínez, enlace de coordinación de Podemos Ponteareas, manifestou “Teño o convencemento de que a decisión de elixir a Manoel Ucha como cabeza da candidatura unitaria para as Eleccións Municipais de 2023 é unha boa decisión que permitirá, ademais de obter unha boa representación no Concello, afondar na confluencia entre as dúas organizacións”.

Ao remate da reunión, unha vez tomada a decisión por parte de Esquerda Unida e Podemos Manoel Ucha manifestou o seu compromiso en traballar para a mellora das condicións de vida da veciñanza de Ponteareas, sen deixar ningunha persoa atrás, a través das liñas marcadas no programa conxunto e sempre dándolle a máxima importancia a tomar as decisións de xeito democrático.

Manoel Ucha é un coñecido veciño de Ponteareas, xa que é nativo da vila, e especialmente a causa da súa vinculación con un dos colectivos sociais más fortes de Ponteareas. Profesor de profesión e activista político dende moi novo, sempre formou parte das inquedanzas sociais e políticas que rodearon os temas do pobo,

polo que, o seu salto a política como cabeza de lista despois de levar varios anos vinculado a Esquerda Unida é un paso lóxico na súa implicación co partido e o futuro da vila.

Sen dúbida esta elección de novo candidato, completamente unánime e consensuada mostra unha unidade sólida entre ambas forzas de esquerdas ante unhas novas eleccións municipais.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA E PODEMOS INCLÚEN NO SEU PROGRAMA DE GOBERNO CREAR UN CARRIL BICI QUE CONECTE PUNTOS ESTRATÉXICOS,  UNHA COMUNIDADE ENERXÉTICA E UN PUNTO LIMPO MÓBIL NAS PARROQUIAS

  • O obxectivo de crear unha Comunidade Enerxética propia para a vila é un eixo central nas políticas ambientais deste espazo político. 
  • Outro dos puntos engadidos o seu programa é dotar as parroquias de servizos propios de compostaxe, reciclaxe e reutilizazión, así tamén a posta en marcha dun punto limpo móbil. 
  • A recuperación das ribeiras do Tea e do Uma, naturalizar o casco urbano e recuperar os montes da contorna formarán parte principal do programa de goberno que están a elaborar

Esquerda Unida Ponteareas e Podemos seguen co seu calendario de xuntanzas programáticas abertas ao público para elaborar o programa de goberno para as eleccións municipais de maio. 

A última xuntanza tivo lugar a pasada semana e centrouse no medio ambiente e urbanismo. Entre as medidas incluídas no seu programa atopamos a creación dunha Comunidade Enerxética, a posta en marcha dun Punto Limpo Móbil nas parroquias e o fomento da compostaxe, reciclaxe e reutilazación de produtos.

Sobre os proxectos de humanización do casco urbano actual de Ponteareas pretenden darlle continuidade, pero a súa visión novidosa é aportar un carácter ecolóxico e participativo, naturalizando o casco urbano e ofrecendo capacidade de decisión á cidadanía nos proxectos futuros. Ademais, dotarán ao pobo dun carril bici que conectará puntos estratéxicos de corta e media distancia cun sistema de camiños con servizos que conceda á vila un ecosistema sólido para as bicicletas e outros vehículos sen motor. Deste xeito fomentarase o uso de medios de transporte non contaminantes garantindo unha vía segura para as persoas usuarias. Este proxecto de carrís bicis virá acompañado dun servizo de aluguer de bicicletas, como xa teñen outros núcleos de poboación similares, apeadeiros e vías que conecten desde Xinzo a Salvaterra ou os polígonos da Plisan e Porriño.

Na xuntanza tamén aprobáronse propostas de mellora no servizo de autobuses, que a día de hoxe é unha das carencias esenciais de Ponteareas, sen servizos de calidade e frecuencia, e que tantas polémicas ten acumulado coa xestión da estación de autobuses nos últimos anos. Por este motivo determinouse oportuno incluír no programa os servizos de lanzadeiras de transporte público tamén á Plisan, aos polígonos do Porriño ou a Lomba e ás estacións de trens de Ourense e Vigo.

Todas estas medidas van enfocadas a facer de Ponteareas unha vila aberta ao medio natural, onde a convivencia entre o ecosistema e as persoas sexa o máis ampla posible.

A terceira xuntanza celébrase na sede de Esquerda Unida Ponteareas (Rúa Amado Garra, 12) o sábado 28 de xaneiro ás 10h co gallo de acordar o programa de goberno nas áreas de servizos sociais, vivenda, saúde e sanidade pública. Todas estas reunións están abertas o debate a calquera persoa do pobo que queira colaborar na elaboración do programa electoral, alén da súa militancia e simpatizantes.

ESQUERDA UNIDA E PODEMOS FARÁN ESTE SÁBADO A SÚA PRIMEIRA REUNIÓN PROGRAMÁTICA

Logo do acordo de traballo conxunto de cara ás vindeiras Eleccións Municipais de 2023 Esquerda Unida e Podemos de Ponteareas comezarán a realizar unha serie de reunións programáticas de cara a elaborar conxuntamente o programa electoral. A primeira destas reunión realizarase este sábado 3 de decembro e nela trataranse as cuestións relativas a administración e emprego.

Nestas reunión participarán tanto a militancia coma simpatizantes das dúas organizacións. O resultado dos acordos tomados nestas reunións serán incorporados ao Programa Electoral para as Elección Municipais de 2023 ao que se presentarán as dúas organizacións de forma conxunta en Ponteareas. A intención é contar para as eleccións cun programa claramente de esquerdas e posible de executar, que non caia en promesas valeiras pero que ao mesmo tempo sexa un programa con intención transformadora e que vaia máis alá da simple “xestión do que hai” á que nos teñen acostumados os actuais gobernantes. Con esta forma de traballo conxunto agárdase camiñar cara a unha confluencia pola base que vaia máis alá do simple acordo electoral.

ESQUERDA UNIDA E PODEMOS PRESENTARANSE XUNTOS NAS VINDEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS NO CONCELLO DE PONTEAREAS

As formacións locais de Esquerda Unida e de Podemos en Ponteareas manifestaron a súa vontade de concorrer de forma conxunta ás vindeiras eleccións municipais de 2023. As dúas organizacións presentarán nos vindeiros comicios unha candidatura á esquerda dos actuais partidos gobernantes no Concello, na que integrarán tanto a persoas das dúas formacións coma outras que, sen estar adscritas a ningunha das dúas, comparten a súa liña política e obxectivos.

A falta de concretar a fórmula de presentación nas eleccións, algo que en parte dependerá dos acordos aos que cheguen Esquerda Unida e Podemos a nivel nacional, a intención das dúas organizacións locais é a de camiñar cara a unha confluencia que supere o puramente electoral e que sirva para chegar a puntos de acordo político e programático.

Para concretar esta liña de traballo as dúas formacións iniciarán no mes de decembro unha serie de reunións, abertas á mílitancia e simpatizantes, para acordar o programa electoral e nas que contarán con asesoramento técnico de distintas persoas segundo a temática a tratar. A idea e presentar nas vindeiras eleccións municipais tanto unha candidatura solvente coma un programa ambicioso pero realista, centrado no benestar da veciñanza e no coidado do entorno.

O GOBERNO DE PONTEAREAS, BNG MÁIS PSOE, RENUNCIAN TAMÉN A REMUNICIPALIZAR O SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS E LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA

O CONTRATO DE FCC CO CONCELLO DE PONTEAREAS REMATA EN DECEMBRO DE 2022, PRORROGABLE UNICAMENTE POR UN ANO MÁIS

Días atrás o Concello publicaba a través da prensa e da páxina web municipal que a mediación da alcaldía fora clave no desbloqueo da negociación do Convenio Colectivo do persoal de FCC no Concello de Ponteareas. Non soamente iso, se non que na publicación do Concello sinálase ao mesmo coma unha das partes asinantes do Convenio. Un auténtico despropósito en si mesmo, xa que entre o persoal de FCC e o Concello non existe “vínculo ningún de dependencia funcionarial nin laboral”. A situación sería distinta se o goberno de Ponteareas, BNG e PSOE, remunicipalizara o servizo tal e coma cabería agardar de calquera organización que se reivindique de esquerdas, algo que está claro que non está no seu horizonte. Nese caso non estaríamos ante este problema porque as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do servizo serían negociadas directamente polo concello.

Para o Coordinador de EU en Ponteareas “É evidente que a este goberno municipal de PSOE e BNG non lle interesa o máis mínimo remunicipalizar o servizo e asumir eles directamente as negociacións das condicións laborais. De feito cando se trata de traballadores e traballadoras do propio Concello mostran unha absoluta falta de interese en mellorar as súas condicións laborais tal e como se leva visto dende que están no goberno. Sáelles máis a conta facer a farsa de que apoian aos traballadores e traballadoras cando en realidade non queren saber nada deles.”

Esquerda Unida considera que estamos ante un caso máis da renuncia do goberno municipal a realizar calquera tipo de política máis alá do que faría o propio PP. Nos case oito anos que levan no goberno de Ponteareas non reverteron nin unha soa das privatizacións do PP. Non soamente iso, se non que xustifican as privatizacións dicindo que a xestión privatizada é máis eficiente que a xestión directa. Exactamente o mesmo que di o PP e toda unha declaración de incompetencia. Deste xeito xustifican continuar poñendo os recursos municipais e polo tanto os cartos da veciñanza ao servizo do lucro das grandes multinacionais.

Esquerda Unida defende e sempre defenderá a xestión directa dos servizos públicos por estar demostrado que é a mellor opción para a veciñanza. Ao mesmo tempo, a organización é consciente de que reverter a externalización dos servizos coa actual lexislación é máis complexo que simplemente contratar a redacción de novas licitacións e mantelos privatizados. Pero Esquerda Unida entende tamén que para facer o fácil e non cambiar nada, tampouco facía falta que se presentaran ás eleccións.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A DESIDIA DO CONCELLO DE PONTEAREAS EN MATERIA LABORAL

CASE QUE CATRO ANOS DESPOIS DA PUBLICACIÓN DO CONVENIO COLECTIVO AÍNDA NON APLICOU OS PLUSES CONTEMPLADOS

O nove de xaneiro de 2019 era publicado no boletín oficial da provincia de Pontevedra o novo Convenio Colectivo dos traballadores e traballadoras laborais do Concello de Ponteareas. Isto incluía unha serie de retribucións complementarias en función das diferentes características ou dificultade dos distintos postos de traballo, algunhas novas e outras xa contempladas no anterior Convenio.

O Convenio contemplaba tamén que a concreción de esas novas retribucións complementarias e a revisión das xa existentes anteriormente tiña que ser revisada na Comisión Paritaria. Comisión que ten entre as súas funcións a de facer seguimento do cumprimento do convenio e que está composta por representantes sindicais e do Concello. A pesares disto, máis de tres anos despois, o Concello nin levou á Comisión Paritaria ditas retribucións nin as aplicou aos traballadores e traballadoras que as veñen solicitando. Así, traballadoras e traballadores municipais coma os adscritos á unidade de bacheo ou as de Servizo de Axuda no Fogar, que xa durante a negociación do Convenio viñan reclamando esas retribucións, ven como a pesares das promesas, levan máis de tres anos ser ver mellorar a súa situación.

A maiores o Convenio rematou a súa vixencia xa en decembro de 2020 e dende o concello, a pesares das solicitudes dos sindicatos, néganse a avanzar na negociación dun novo convenio.

Todo isto da unha idea da falta de compromiso dos gobernantes do Concello de Ponteareas, BNG e PSOE cos dereitos laborais dos traballadores municipais.

Por todo iso, Esquerda Unida solicita ao Concello de Ponteareas que se sente a negociar dunha vez as melloras retributivas contempladas no Convenio Colectivo para o persoal laboral do Concello de Ponteareas e se deixen de enganar aos traballadores e traballadoras con falsas promesas.

Esquerda Unida de Ponteareas xa non lles pide a BNG e PSOE que fagan políticas minimamente de esquerdas, se non que polo menos cumpran co que asinan.

ESQUERDA UNIDA LAMENTA A NEGLIXENCIA NAS SÚAS COMPETENCIAS DAS DISTINTAS ADMINISTRACIÓNS CON RESPECTO AO TEA.

ASÍ MESMO CONSIDERA POSITIVO QUE A VECIÑANZA SE ORGANICE NA DEFENSA DO ENTORNO DA FREIXA

Praia da Freixa, Ponteareas. Setembro de 2022

Esquerda Unida considera que é necesario tomar medidas contundentes tanto no entorno da Freixa coma con respecto a posibles vertidos que estean a afectar á calidade da auga do Tea. Aínda así, considera que boa parte da polémica xurdida esta tempada de verán con respecto ás zonas de baño da Freixa, débese á falta de información por parte das administracións, por un lado, e a interese en desinformar por parte de algunhas persoas ou mesmo medios de comunicación. O regulamento sobre a xestión das aguas de baño indica que o SERGAS ten que realizar análises bacteriolóxicos periódicos nas zonas de baño durante o verán e, ao final da tempada, facer a cualificación da calidade destas augas. A raíz das análises de 2021, a calidade da agua das zonas de baño de Ponteareas é cualificada como “insuficiente”.

Neste punto, dende algún medio de comunicación estívose dando a entender que as augas da Praia da Freixa non eran aptas para o baño debido ao estado do mantemento da contorna e á neglixencia do concello cando, por una banda, a presenza de bacterias pode ter distintos orixes e por outra e co regulamento na man, corresponderíalle á Confederación Hidrográfica do Miño Sil a determinación das causas da contaminación e as medidas a tomar, algo que non se fixo.

Pola contra, isto non quere dicir que a actuación do Concello fora a correcta. Correspóndelle a este manter as debidas condicións de limpeza das praias e o mais importante, informar correctamente ao público. O concello é responsable de instalar carteis en lugares de fácil acceso, nas inmediacións das zonas de baño, información sobre a clasificación das augas vixente en cada momento así coma calquera prohibición ou recomendación sobre o baño e no seu caso as causas da contaminación. Consultando as análises realizadas durante este verán da páxina do SERGAS, pódese comprobar que os niveis bacteriolóxicos están dentro dos límites recomendados. Unha correcta publicidade por parte do Concello destes resultados daría maior tranquilidade á veciñanza a hora do uso dos nosos ríos e ante a aparición doutros episodios esperpénticos como a instalación de cartelería falsa na beira do río.

En todo caso Esquerda Unida entende que estas obrigas non se fixeron correctamente e que foi precisamente esta falta de información por parte do Concello o que xerou confusión. Tendo isto en conta, Esquerda Unida solicitou ao Concello que informe dun xeito adecuado sobre a calidade das augas do Tea e reclame á CHMS a realización dos estudios e medidas oportunas.

Por outra banda, Esquerda Unida considera moi positivo que a veciñanza estea a realizar demandas de actuación concretas ao Concello con respecto tanto á zona de baño da Freixa coma ao seu entorno. A presión social é a mellor forma de forzar ás administracións públicas a tomar medidas en beneficio do entorno.

ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA MELLORA NO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

A COORDINADORA LOCAL DENUNCIA A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO E AS MALAS CONDICIÓS TANTO DAS TRABALLADORAS COMA DAS PERSOAS USUARIAS

O servizo de axuda no fogar (SAF) ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teña limitada a súa autonomía persoal e nos casos de desestruturación familiar. Entre os obxectivos do SAF está mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a súa permanencia no contorna de convivencia habitual e previr situacións de dependencia ou exclusión social, debendo ser un servizo esencial para a calidade de vida da cidadanía.

Ponteareas leva anos sufrindo recortes no SAF. Nestes intres unicamente contamos con catro traballadoras no cadro de persoal do concello de Ponteareas cando deberían ser, polo menos, once para garantir un servizo acorde ás demandas da veciñanza. Na propia RPT aparecen sete prazas, polo que tres están sen cubrir.

Esquerda Unida denuncia que o concello de Ponteareas leva anos precarizando o servizo. Na actualidade as traballadoras non cobran os pluses de perigosidade e penosidade que veñen recollidos no convenio laboral vixente1 e están obrigadas a usar o seu coche persoal sen que se lle actualice a tarifa de quilometraxe (0,19€/quilómetro), reducindo así o seu poder adquisitivo. Ademais, levamos anos vendo como as xubilacións son cubertas por baixo da taxa de reposición autorizada, xa que o goberno municipal decidiu unicamente cubrir unha de cada dúas. O bipartito está moi cómodo privatizando este servizo e desententéndose tamén da realidade das traballadoras da empresa concesionaria, que levan un tempo denunciando a súa precariedade 2.

Dende Esquerda Unida reclamamos ampliar o persoal para este servizo, rematar coa súa privatización recuperando e ampliando todas as competencias do SAF por parte do executivo local, mellorar as condicións laborais e abrir unha ronda de escoita activa coas traballadoras e persoas usuarias co gallo de garantir un servizo de calidade.

Para Esquerda Unida a política é cuestión de prioridades. Está moi ben investir recursos municipais en mellorar o entorno do casco urbano, pero, a diferencia do que está a facer o goberno municipal, a principal preocupación dos e das gobernantes debería ser garantir unhas condicións mínimas de vida digna para toda a veciñanza.

Pero é ben sabido que a política social non é a que dá réditos electorais.

1 Convenio colectivo para o persoal laboral do concello de Ponteareas (18/12/2018)

2 Traballadoras do SAF de Ponteareas denuncian o “non” a actualización da quilometraxe (31/08/2022)