Arquivos da categoría Plenos

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA A FALTA DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO

Sede de Esquerda Unida en Ponteareas. R/Amado Garra 12

BNG E PSOE APROBAN O ORZAMENTO DE 2022 REXEITANDO AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR EU SEN RESPONDER ÁS MESMAS

O pasado venres 13 de maio, o BNG e o PSOE aprobaron definitivamente o Orzamento Xeral do Concello de Ponteareas para o exercicio de 2022 ao rexeitar as tres alegacións que se presentaron en prazo. Entre as alegacións presentadas estaba a rexistrada polo Coordinador Local de EU, Lino Costas na que se pedía que se subiran á páxina de transparencia do Concello, xunto coa outra documentación relativa aos orzamentos, as liquidacións do exercicio anterior tal e coma establece a lexislación. No dito pleno, o concelleiro de facenda asegurou que se respondera á alegación enviando a documentación requirida, o que non é certo. Si é certo que se incluíu na páxina de transparencia a documentación que faltaba, pero sen comunicarse de ningún xeito co alegante. De feito, a día de hoxe EU aínda non dispón de ningún informe que xustifique o rexeitamento da alegación.

O que si está claro que dende o concello faltouse á debida transparencia ao non ter a disposición da veciñanza as liquidacións do exercicio anterior para poder valorar con criterio a proposta de orzamentos para o 2022. Non era suficiente subir a documentación que faltaba, se non que dende o concello deberían prorrogar o prazo de exposición pública para que a veciñanza puidera estudar a documentación co debido tempo, algo que non fixeron. Este feito motivou que a alegación de EU de manter a partida de axudas de emerxencia e aumentar a do Centro de Reparto de Alimentos, non fora rexistrada dentro do prazo.

Quedou así aprobado o orzamento xeral de Ponteareas para o 2022 cunha moi limitada posibilidade de participación. Un orzamento con importantes recortes en materia social, rebaixando 90.000 euros as axudas de emerxencia e 5.000 a dotación económica do Centro de Reparto de Alimentos ao mesmo tempo que renuncia ao xa de por si raquítico canon anual de 3.680 euros que paga a empresa concesionaria do complexo deportivo e que aumenta en 21.000 euros o previsto para órganos de goberno.

Advertisement

Esquerda Unida Ponteareas reclama unha Escola Infantil pública que garanta os dereitos de toda a veciñanza

Recentemente coñeceuse a apertura de expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas debido a irregularidades na ampliación da Escola Infantil entre os anos 2006 e 2007, cando Ponteareas estaba gobernada polo Partido Popular. Segundo o propio goberno municipal, a Xunta de Galicia obrigou ao peche de dúas aulas e para poder solucionar as irregularidades sería necesario pechar a escola durante un curso, algo impensable para Esquerda Unida Ponteareas tendo en conta a necesidade de contar con este servizo.

Esquerda Unida Ponteareas denuncia que as prácticas que o Partido Popular levo adiante durante moitos anos en Ponteareas seguen a ter consecuencias dramáticas para a poboación e esixe responsabilidades ao PP local por realizar obras ilegais.

A sentenza destes días non fai máis que agravar a realidade existente, xa que as prazas da Escola Infantil xa eran insuficientes antes deste procedemento sancionador por parte da Xunta de Galicia. De feito a construción dunha nova escola infantil en Ponteareas é unha necesidade que contempla o Concello dende fai anos e mesmo se contempla no Plan de Ordenación Municipal, pendente de aprobar a localización desta nova escola infantil nos terreos que lindan co parque Ferro Ucha. A construción dunha nova escola infantil viría a solucionar os problemas existentes pero isto está parado de momento dada a demora da aprobación no PXOM. Por outro lado a Xunta de Galicia négase a aportar fondos para a nova escola infantil ata que non estea aprobado o PXOM e o Concello de Ponteareas non redacte o proxecto para a súa construción.

Esquerda Unida Ponteareas ofrece ás forzas políticas con representación no pleno municipal que apliquen a lexislación vixente e fomenten dende o Pleno Municipal a declaración de interese autonómico.

Esquerda Unida Ponteareas, dende a súa posición de oposición sen representación no pleno, insta publicamente ao alcalde de Ponteareas a que promova ante a Xunta de Galicia esta declaración de interese autonómico que aportaría saída a unha realidade que condiciona o benestar presente e futuro das persoas con crianzas na etapa educativa 0-3 anos. Está máis que demostrada a necesidade de avanzar o antes posible na construción dunha nova escola infantil en Ponteareas.

ESQUERDA UNIDA INSTA Á XUNTA DE GOBERNO A AVANZAR NA AMORTIZACIÓN DAS PRAZAS DE TAXI

EN CATRO ANOS, NON SE FIXO PROPOSTA ALGUNHA QUE PERMITA APLICAR A PARTIDA ADICADA

peter-kasprzyk-111462-unsplash

ESQUERDA UNIDA manifesta que os 50.000 euros aprobados no pasado pleno municipal de Ponteareas adicados á amortización de prazas de taxi serán totalmente inútiles se non se avanza no xeito de empregalos.

EU apoiou no pasado pleno as modificacións orzamentarias propostas polo goberno municipal. Entre ellas, a creación dunha partida adicada á amortización de prazas de taxi no Concello, tendo en conta que a día de hoxe existen 13 prazas de mais, feito que produce que o colectivo de taxistas do concello teña uns baixos ingresos polo seu traballo.

Ainda así, ESQUERDA UNIDA entende que a creación dunha partida para este fin non supón que se inicie o proceso de amortización de prazas, xa que ata agora o goberno municipal non avanzou en absoluto na busca da fórmula de aplicación destes 50.000 euros para amortizar prazas. Polo tanto, actualmente esta partida non se pode aplicar.

Esta cuestión foi manifestada por Lino Costas, concelleiro de EU no pleno municipal, instando así mesmo ao alcalde e á xunta de goberno a avanzar nesta cuestión. ESQUERDA UNIDA considera que non é xustificación o feito de carecer de informes, tal e como manifestaba no pleno a concelleira de seguridade, xa que o feito é que a día de hoxe non teñen ningunha proposta ao respecto que se poida valorar. EU entende que a única vía para proceder á amortización de prazas de taxi pasa pola elaboración dunhas bases de subvencións para tal fin, previa valoración das mesmas, algo que xa manifestou en diversas ocasións ao goberno municipal.

ESQUERDA UNIDA lembra que a amortización de prazas de taxi foi un compromiso ao que chegaron no ano 2015 todos os partidos que estaban naquel momento na corporación municipal, PP, BNG, PSdG e ACiP.

Para EU, o feito de que nestes catro anos non se avanzara absolutamente nada nesta cuestión responde á absoluta falta de interese por parte do goberno municipal.

Así mesmo, ESQUERDA UNIDA manifesta que por moito que non fora o actual goberno quen creou o problema das prazas de taxi concedidas indiscriminadamente por gobernos anteriores, o feito é que éste é un problema creado pola administración municipal e polo tanto, un debe resolvelo o Concello.

ESQUERDA UNIDA INSISTE NA REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO DA AUGA

O CONCELLO DE PONTEAREAS DEBERÁ INICIAR O PROCESO NO SERVIZO DE ABASTECEMENTO E SANEAMENTO

O pasado 18 de decembro, o Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade a proposta de EU de iniciar o expediente para a determinación da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento da auga e saneamento e depuración de augas residuais. Segundo a lexislación vixente, este será o primeiro paso para chegar á remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento.

Despois deste acordo plenario, deberá ser o alcalde de Ponteareas quen inicie o proceso creando a comisión encargada de elaborar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. Deberán formar parte desta comisión membros da corporación municipal e técnicos municipais, ademais do apoio técnico externo para elaborar o documento.

O contrato de xestión do saneamento e de abastecemento de auga potable coa actual empresa xestora remata no ano 2020, motivo polo que ESQUERDA UNIDA considera que se debe aproveitar este momento para recuperar a xestión do servizo de abastecemento e saneamento directamente dende o concello, motivo polo que levou esta proposta a pleno.

EU afirma que os servizos públicos non deben estar condicionados por ningún interese empresarial e máis tratándose de servizos básicos como son o abastecemento de auga potable e o saneamento. Por outro lado, entende tamén que o modo de xestión directa é máis sostible economicamente. Isto é algo que o propio Tribunal de Cuentas demostrou no seu informe do sector local de 2011. É algo tan sinxelo como que no modo de xestión indirecta, a través dunha empresa privada, garantirlle á concesionaria unha rendibilidade durante toda a vixencia do contrato. Hai que garantirlle uns beneficios.
É máis: este compromiso que adquire o concello cunha empresa privada, condiciona a mesma prestación do servizo, o que fai que o concello non poida variar a prestación do mesmo por moito que varíen as condicións sociais ou económicas do servizo público. E de aí ven que en Ponteareas estea establecido un consumo mínimo de 15 metros cúbicos ao mes, un consumo mínimo desproporcionado que a veciñanza de Ponteareas ten que pagar aínda que non o faga e que ademais vai totalmente en contra de calquera idea de xestión sostible e responsable da auga.

Agora, despois da aprobación deste acordo plenario, é responsabilidade da xunta de goberno, e máis concretamente do alcalde de Ponteareas, levar adiante este procedemento. ESQUERDA UNIDA insiste en que este se inicie o antes posible.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA APROBAR A RPT

Logo de que na mañá do pasado venres 21 se chegara a un acordo entre representantes sindicais do Concello de Ponteareas, ESQUERDA UNIDA solicita a celebración dun pleno extraordinario para levar a aprobación canto antes tanto o Convenio de Laborais como o Acordo de Funcionarios e a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Unha vez logrado este acordo soamente quedaría pendente a redacción final do documento da RPT e a sinatura do mesmo por parte da representación sindical para poder levar o documento a Pleno, algo que debe facerse coa maior brevidade.

EU é consciente de que o acordo acadado despois dunha tensa negociación entre a representación sindical e a do concello, que estivo a punto de romperse pola actitude autoritaria deste último, pode non satisfacer a todas as traballadoras e traballadores. Aínda así, trátase dun primeiro paso importante na mellora das súas condicións laborais e para minimizar as discriminacións salariais instauradas no concello polos gobernos municipais anteriores.

Rematados este acordos, o Concello debería levalos coa máxima brevidade para a súa aprobación polo Pleno Municipal incluíndo na mesma sesión a resolución das emendas ao orzamento municipal de 2018, algo para o que agora si que poderían contar co apoio de ESQUERDA UNIDA. Esta organización condicionou dende o primeiro intre a aprobación dos orzamentos á aprobación da RPT, algo do que era perfectamente coñecedor o alcalde de Ponteareas. Pola contra, decidiu convocar un Pleno Extraordinario para a resolución das alegacións e a aprobación definitiva dos Orzamentos de 2018, un día antes da reunión da Mesa Xeral de Negociación onde se trataría este documento, feito que motivou que EU votara en contra do tratamento dos asuntos e non puidera celebrarse.

Para ESQUERDA UNIDA, o feito de que o Concello tentara aprobar os orzamentos antes da negociación da RPT, soamente pode ser interpretado como un intento de verse coas mans libres e así poder ser máis intransixentes, se cabe, na negociación.

Aínda así, EU ratifica que a pesares de todas as trampas por parte do Concello, unha vez aprobada a RPT, e dadas as relativas melloras para o concello contempladas nos novos orzamentos de 2018, poderá contar co apoio de ESQUERDA UNIDA para a aprobación definitiva dos mesmos.

ESQUERDA UNIDA ESIXE SERIEDADE Á HORA DE APROBAR OS ORZAMENTOS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas votou no pleno extraordinario deste xoves en contra da urxencia de tratar a resolución das alegacións presentadas ao orzamento de 2018 aprobado inicialmente.

Esta organización sempre vinculou o apoio definitivo dos orzamentos ao remate da RPT do Concello, algo que está aínda en proceso. A Mesa Xeral de Negociación está convocada para este venres, por tanto EU non ten a certeza de que a RPT sexa realizada.

De convocarse o pleno para tratar as alegacións dos orzamentos en tempo e forma, este podería celebrase o luns ou o martes da seguinte semana. É dicir, un ou dous dias hábiles despois de finalizado o proceso da RPT. Este feito por si mesmo deixa en evidencia que o tratamento do asunto pola vía de urxencia non estaba motivado en absoluto.

ESQUERDA UNIDA considera que de todas estas cuestións era perfectamente coñecedor o alcalde de Ponteareas, que preferiu arriscarse a que non fora aprobada a súa proposta para tratar pola vía de urxencia as alegacións dos orzamentos a negociar con EU a data de celebración do Pleno.

A diferencia entre celebrar o pleno pola vía ordinaria ou facelo por vía de urxencia estaría unicamente en que pola vía ordinaria este se celebraría con posterioridade á celebración da Mesa Xeral de Negociación, momento no que ESQUERDA UNIDA xa tería coñecemento do resultado da mesma. O que é máis, a Xunta de Goberno podería obter o apoio de EU á urxencia do asunto, se convocara o Pleno para tratar as alegacións aos Orzamentos de 2018 o propio venres pola tarde despois da xuntanza da Mesa Xeral de Negociación.

ESQUERDA UNIDA leva tres anos demostrando a súa disposición a chegar a acordos con flexibilidade para non entorpecer o labor da Xunta de Goberno. Pero o que non vai a tolerar esta organización son actitudes prepotentes por parte do alcalde.

Por outra banda, EU lembra que se as presas da Xunta de Goberno para aprobar definitivamente os orzamentos tivesen bases sólidas, podería convocar na mesma tarde do xoves -unha vez rexeitada a súa proposta- unha convocatoria de Comisión Informativa en tempo e prazo para celebrar canto antes o Pleno e debater as alegacións dor orzamentos.

EU SOLICITA AO PLENO A RETIRADA DA COMPETENCIA DE SERVIZOS SOCIAIS AO CONCELLEIRO RESPONSABLE

A XUNTA DE GOBERNO EVITA O DEBATE E VOTACIÓN DA MOCIÓN

ESQUERDA UNIDA levou unha moción de urxencia ao Pleno Municipal celebrado onte, 15 de maio, para darlle fin ás irregularidades do Centro de Reparto de Alimentos (CRA), xestionado pola concellería de Servizos Sociais.

A agrupación de Ponteareas tivo coñecemento de que dende os Servizos Sociais do Concello se está facendo asinar ás persoas usuarias do CRA un documento onde se comprometen a “non utilizar os servizos de calquera outra entidade pública ou privada” polo mesmo servizo. Tendo en conta que a achega de alimentos ás persoas sen recursos por parte do CRA é claramente insuficiente para acadar unha alimentación adecuada, resulta especialmente grave que se tente privar a estas persoas da posibilidade de complementar os produtos que reciben dende o Centro de Reparto de Alimentos cos que poidan adquirir por outras vías.

É certo que o CRA de Ponteareas é un Organismo Asociado de Reparto (OAR) autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dentro do Programa de Axuda Alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD), e que como tal, recibe alimentos do mesmo e ten que adecuarse ás esixencias establecidas por este organismo. É coñecido que o FEGA establece o impedimento ás persoas destinatarias finais dos alimentos de acudir a máis dunha OAR a recibir os mesmos. Pero o certo é que no documento que se está a facer asinar ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas non se establece a limitación de utilizar unha soa OAR, se non que se pretende impedir que estas persoas poidan utilizar o servizo de calquera outra organización, estean consideradas ou non unha OAR e reciban ou non os alimentos a través das canles establecidas polo FEGA.

Non existe, polo tanto, ningún impedimento legal ou de outro tipo para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas poidan recibir alimentos de parte de outro tipo de organizacións que non estean integradas no FEAD. Deste xeito EU entende que estamos ante un intento de coacción totalmente inxustificada ás persoas sen recursos do noso Concello. Unha coacción sen ningunha base legal coa que se ameaza ás persoas usuarias do CRA coa posibilidade de ser apartados da utilización do mesmo se recorren ao mesmo tempo a outra organización.

Hai que engadir por outra banda, que no Consello Sectorial Social celebrado o 8 de xullo de 2016, o Concelleiro de Servizos Sociais, o Sr. Troncoso, comprometeuse a ordenar a retirada dun cartel colocado no CRA que establecía do mesmo xeito, o impedimento ás persoas usuarias de utilizar ao mesmo tempo o CRA e calquera outra organización. Este compromiso por parte do Concelleiro de Servizos sociais produciuse ante a reclamación de varias persoas membros do Consello Sectorial Social e despois de recoñecer que non existía ningún impedimento legal para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas puideran ao mesmo tempo ser beneficiarias de outras organizacións que non constituíran unha OAR.

Ante a gravidade destes feitos, que constitúen unha coacción e humillación ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello precisamente por parte do organismo que debería preocuparse da súa seguridade e benestar, ESQUERDA UNIDA presentou unha moción de urxencia para instar ao Concelleiro de Servizos sociais a informar debidamente ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas con respecto á nulidade do documento feito asinar ás mesmas, e para reprobar e retirar a delegación da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro Manuel Troncoso por actuar ou permitir que se actúe de xeito totalmente improcedente con respecto a estas persoas.

Ao ser de urxencia, a moción non pode ser debatida nin votada se non se aproba primeiro a súa urxencia polo pleno. E para a súa aprobación fai falta a maioría absoluta. Onte, nin o concelleiro de Servizos Sociais, nin o resto da Xunta de Goberno estiveron a favor do seu debate no Pleno Municipal.

ESQUERDA UNIDA ACUSA AO GOBERNO TRIPARTITO DE FACER A MESMA POLÍTICA PRIVATIZADORA DO PP

ESQUERDA UNIDA considera lamentable a actitude da Xunta de Goberno de Ponteareas, conformada por BNG, PSOE e ARDT con respecto á prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O tripartito de Ponteareas aprobou, grazas ao voto de calidade do alcalde e co voto en contra de EU-son, un novo expediente de contratación do SAF. Este novo contrato, cun custe de preto de dous millóns e medio de euros, terá unha duración de tres anos, e será prorrogable por un ano máis.

Isto imposibilitará durante polo menos tres anos a posibilidade de xestionar o servizo dende o propio concello. Deste xeito, a actual Xunta de Goberno de Ponteareas non soamente non fixo nada para acadar a remunicipalización do servizo, se non que foi máis alá do anterior contrato formalizado polo PP que era renovable anualmente.

Por outra banda, Lino Costas, concelleiro de EU-son, denunciou que o anterior contrato, formalizado no ano 2013 foi prorrogado directamente en Xunta de Goberno tanto polo PP como pola actual Xunta de Goberno, feito que constituíu unha irregularidade xa que a competencia con respecto ao contrato era do Pleno. A maiores disto, ESQUERDA UNIDA lembra que a inoperancia do concelleiro de servizos sociais ante a finalización do contrato da actual empresa xestora do servizo, que rematou en setembro de 2017, posibilitou a chantaxe da empresa CLECE ao concello reclamando unha suba do prezo do contrato. Este aumento do prezo foi tamén formalizado irregularmente pola actual Xunta de Goberno que non era competente para tal modificación.

ESQUERDA UNIDA entende que a reinternalización de servizos sería unha prioridade para calquera formación que se diga de esquerdas, polas posibilidades de mellora do servizo, minoración de custes e mellora das condicións laborais das traballadoras que o prestan, e por que supón extraer a prestación de servizos da lóxica de obtención de plusvalía e da explotación laboral.

ESQUERDA UNIDA é consciente das dificultades dos procesos de reinternalización de servizos debido á lexislación privatizadora do goberno do PP, máis o certo é que existen maneiras de acadar a remunicipalización dos servizos, tal e como están a facer noutros concellos de todo o estado. Isto implicaría pedir informes ao respecto e estudar todas as posibilidades. Pola contra, a actual xunta de goberno non fixo nada nese sentido, deixando así en evidencia que en pouco ou nada se diferencia a súa política da do Partido Popular.

ESQUERDA UNIDA LEVARÁ AO PLENO O APOIO Á FOLGA FEMINISTA

No vindeiro pleno do 20 de febreiro, ESQUERDA UNIDA defenderá unha moción de apoio á Folga Feminista que terá lugar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, convocada polo movemento feminista coa colaboración de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais.

Esta é unha convocatoria de denuncia fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais que sofren máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario.

A progresiva privatización e o

s recortes dos servizos públicos esenciais, de xeito especial os de atención as persoas dependentes, os de igualdade, contra a violencia machista, sanidade e educación, precarizan aínda máis a vida da muller. Os plans de igualdade no ámbito laboral continúan sendo insuficientes, e as mulleres teñen as maiores taxas de desemprego, a maior desprotección socioeconómica, os contratos con peores condicións: maior temporalidade e xornadas a tempo parcial, os salarios máis baixos, cunha brecha salarial dun 25% menos que os homes por realizar as mesmas funcións.

Este chamamento quere ademáis, poñer en valor o traballo doméstico, de coidados, non remunerado, tamén chamado traballo reprodutivo, que non soamente é desprezado polo sistema económico, se non utilizado para ocultar carencias orzamentarias, así como facer invisible a falla de corresponsabilidade.

Por estas e moitas máis razóns ESQUERDA UNIDA instará ao Concello de Ponteareas a que apoie a Folga Feminista convocada para o 8 de marzo. Unha folga que irá enmarcada con grandes mobilizacións ao longo de todo o país, onde as mulleres tomarán as rúas para demostrar que non só hai que parar o mundo, senón que tamén hai que transformalo cambiando os seus modelos patriarcales por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.

Unha folga feminista contra un sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades estruturais que padecen as mulleres estean alcanzado tales niveis de gravidade e de tal dimensión, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de traballo para demostrar que sen as mulleres o mundo párase.

2018_folga 8M

ESQUERDA UNIDA LEVARÁ AO PLENO A AMPLIACIÓN DA ACTIVIDADE DO CEMIT

laurent-peignault-119950

ESQUERDA UNIDA rexistrou unha moción para que a actividade da aula CeMIT do Concello de Ponteareas se manteña durante todo o ano, tendo en conta a demanda por parte dos alumnos e alumnas do mesmo.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), ten como finalidade achegar e facilitar o uso das novas tecnoloxías ao conxunto da poboación. Ponteareas conta, dentro desta rede, con unha das chamadas Aulas de Referencia ao cumprir co requisito de rexistrar unha actividade superior ás 1000 horas anuais.

O feito de contar cun aula de referencia permítelle ao Concello acceder a unha subvención anual da Xunta de Galicia de 15.000€. A pesares disto, polo menos no referente aos anos 2016 e 2017, a aula non estivo operativa durante todo o ano e cesou na súa actividade en xaneiro de 2018. En previsión deste feito, o alumnado do CeMIT rexistrou en decembro de 2017 unha solicitude, asinada por corenta alumnos e alumnas, dirixida ao alcalde de Ponteareas de cara a que se mantivera operativo o servizo máis alá de ese mes, que era cando estaba previsto o fin dos cursos. A pesares disto, a día de hoxe aínda non se iniciou ningún procedemento de contratación de profesorado para a realización de cursos.

Con referencia á posibilidade de manter operativa a aula con realización de cursos, hai que sinalar que durante os anos 2016 e 2017, o Concello non chegou a utilizar a totalidade da subvención. No ano 2016 empregáronse para o funcionamento da aula CeMIT, 12.246€ e no 2017, 10.814€. Deste xeito perdéronse para o funcionamento da aula 2.753€ no ano 2016 e 4.186€ no ano 2017. Estes datos deixan e evidencia, por unha banda que a aula puido estar operativa durante máis tempo, e por outra, tendo en conta que os cursos aínda non comezaron no mes de febreiro de 2018, que esta situación vaise repetir.

Ademáis chama a atención que durante o ano 2017, dos 10.814€ empregados no desenvolvemento de cursos na aula CeMIT, 6.904€ foron adicados á contratación de empresas externas en lugar de facelo á contratación directa de profesorado. ESQUERDA UNIDA considera que non existe xustificación algunha para recorrer á contratación externa, encarecendo deste xeito o servizo, cando o Concello pode contratar directamente o profesorado para a aula.

En vista desta situación, ESQUERDA UNIDA solicita que se amplíe o período de funcionamento da aula e que se desbote a contratación de empresas privadas para o seu funcionamento.