ESQUERDA UNIDA EN CONTRA DA PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DA E.T.A.P. DE PONTEAREAS

Dende Esquerda Unida de Ponteareas queremos manifestar o noso rexeitamento á intención do Concello de deixar a xestión da E.T.A.P. de Ponteareas en mans dunha empresa privada.

A auga é un dereito, non unha mercancía obxecto de lucro.

Consideramos que a xestión pública do servizo da auga é o que mellor pode garantir a universalidade e racionalidade do subministro, poñendo por riba de todo, o interese público e non os beneficios. Deste xeito, consideramos que é necesario tamén un cambio de política con respecto ao subministro de cara ao aforro da auga, baixando a cota de consumo mínimo e tendo en conta o número de habitantes por vivenda.

Ademais, a construción desta potabilizadora en Ponteareas, que se levou a cabo grazas ás  reclamacións dos veciños pola mala calidade da auga subministrada, foi integramente financiada con diñeiro público, cun custe nesta primeira fase de 1.381.000 euros dos que o Concello de Ponteareas puxo 300.000. A xestión pública serviría para que o concello fora recuperando o investido. Con máis razón neste momento no que os concellos teñen problemas de financiamento, e ademais o de Ponteareas, como sabemos, é dos máis endebedados.

Por outra banda, dende Esquerda Unida consideramos que no futuro, non soamente a potabilización, se non a distribución da auga, actualmente en mans da concesionaria Aquagest, debe pasar ao Concello.

MOCIÓN POLA III REPÚBLICA

O Consello Local de Esquerda Unida de Ponteareas, ante o 81 aniversario da proclamación da II República, fixo este mércores chegar ao Pleno da Corporación de Ponteareas unha moción para que o Concello de Ponteareas se constitúa en Comisión Promotora da III República.

Coa escusa da crise económica, as traballadoras, traballadores, as e os estudantes, estamos vendo como os nosos dereitos sociais e laborais son recortados. Privatización dos servizos públicos, reformas laborais e incluso unha reforma constitucional pola vía rápida para incluír na Constitución a prevalencia do pago da débeda externa ante calquera outra consideración.

Todos estas agresións aos dereitos das persoas, levadas a cabo polos sucesivos gobernos do Estado Español coa suposta xustificación da esixencia dos mercados poñen en cuestión a propia existencia da democracia.

Dende o Consello Local de Esquerda Unida de Ponteareas recordamos que a soberanía reside no Pobo, e non nos mercados, e que á súa vez, os mercados, non son unha forza natural inevitable. O compoñen persoas con nomes, apelidos e intereses; moitos intereses. Por iso rexeitamos que o noso futuro e o dos que veñan detrás se vexa comprometido por decisións políticas tomadas para garantir os beneficios dos grandes capitais.

Reclamamos a apertura dun proceso constituínte cara á III República para retomar o camiño democrático iniciado en abril de 1931, truncado polo golpe de estado levado a cabo polas clases dominantes. Un proceso constituínte que nos leve a construír unha auténtica democracia, que recoñeza o dereito de autodeterminación, participativa, laica, cuxa maior preocupación sexan as persoas, non os mercados, e que non outorgue privilexios a ningún cidadán.

Noticias relacionadas co ámbito de Esquerda Unida de Ponteareas

A %d blogueros les gusta esto: