Dende Esquerda Unida de Ponteareas queremos manifestar o noso rexeitamento á intención do Concello de deixar a xestión da E.T.A.P. de Ponteareas en mans dunha empresa privada.
A auga é un dereito, non unha mercancía obxecto de lucro.
Consideramos que a xestión pública do servizo da auga é o que mellor pode garantir a universalidade e racionalidade do subministro, poñendo por riba de todo, o interese público e non os beneficios. Deste xeito, consideramos que é necesario tamén un cambio de política con respecto ao subministro de cara ao aforro da auga, baixando a cota de consumo mínimo e tendo en conta o número de habitantes por vivenda.
Ademais, a construción desta potabilizadora en Ponteareas, que se levou a cabo grazas ás reclamacións dos veciños pola mala calidade da auga subministrada, foi integramente financiada con diñeiro público, cun custe nesta primeira fase de 1.381.000 euros dos que o Concello de Ponteareas puxo 300.000. A xestión pública serviría para que o concello fora recuperando o investido. Con máis razón neste momento no que os concellos teñen problemas de financiamento, e ademais o de Ponteareas, como sabemos, é dos máis endebedados.
Por outra banda, dende Esquerda Unida consideramos que no futuro, non soamente a potabilización, se non a distribución da auga, actualmente en mans da concesionaria Aquagest, debe pasar ao Concello.