MANIFESTO 1º DE MAIO

O 1º de Maio é unha data especialmente simbólica para a clase traballadora de todo o mundo. Con ela lembramos e recuperamos a heroica loita dos traballadores asasinados pola patronal en Chicago en demanda da xornada de oito horas, aló polo ano 1886.

Hoxe temos que loitar con mais forza que nunca, xa que o ataque que estamos a sufrir por parte do capital recorda o salvaxismo patronal do século XIX.

Os colectivos sociais máis desfavorecidos, mulleres, emigrantes, xuventude, persoas maiores, estudantes, proletarios, en definitiva a clase traballadora, sufrimos en primeira liña a explotación laboral e social, o despoxo dos dereitos máis básicos, a exclusión, a precariedade,a temporalidade, a marxinación, o paro… nun sistema capitalista sostido e xestionado polos mercados e políticos profesionais, a patronal, a banca, as grandes multinacionais.

Novamente as mulleres son as peor paradas coa reforma laboral, xa que prexudica seriamente os dereitos de conciliación da vida persoal e profesional. Coa nova formula do contrato a  tempo parcial e coa ampliación do mesmo a través da posibilidade de realizar horas extraordinarias, se precariza máis se cabe a realidade laboral das mulleres, xa que concentran o 77% deste tipo de contratos. Ao igual que acontece coa retirada das bonificacións para a súa reincorporación  tras a baixa de maternidade, o que supón novamente pechar a porta a inclusión laboral das mulleres, como tamén, os recortes nos servizos sociais por partida dobre.

Están degradando e recortando todo tipo de dereitos laborais, sociais, sindicais e humanos acadados pola loita da clase obreira e que en ningún momento chegaron a ser suficientes.

Hoxe temos que traballar máis para cobrar menos, temos que traballar máis anos para ter dereito a unha pensión máis pequena, obrígannos a asinar contratos en branco podendo botarnos á rúa libremente e sen indemnización, erradicaron o referente dos convenios colectivos que poñían freo os abusos das empresas.

Non podemos seguir aturando a política económica e antisocial imposta polo capital coa complicidade dos gobernos, non son os donos das nosas vidas.

A consecuencia da imposición destas medidas  por parte dos partidos dos mercados son, mais de 275.000 desempregadas/os en Galicia, mais de 5.700 desempregadas/os na Comarca do Condado e mais de 3.200 no Concello de Ponteareas, consecuencias tamén son o estado lamentable no que se atopan os servizos públicos básicos como auga, sanidade, educación, dependencia e un longo etc., que a maioria padecemos.

Mentres acontece isto o goberno español por se fora pouco  declara a amnistía fiscal. Con esta amnistía, o goberno prevé ingresar 2.500 millóns de euros renunciando a perseguir o fraude fiscal que está cifrado en 75.000 millóns de euros segundo fontes dos inspectores de Facenda. Feito que contrasta coa intención do goberno de reformar o Código Penal para criminalizar a mobilización social. Por outra banda, reducirá as deducións aos impostos das empresas para lograr que as grandes sociedades paguen algo máis. Así mesmo, subirá o imposto ao recibo da luz, o gas, o butano, a gasolina e  a xustiza se se recorre á segunda instancia.

O 29M foi unha data moi importante na que a clase traballadora e clases populares saíron fortalecidas, pero son necesarias futuras mobilizacións como xermen das xustas loitas e accións organizadas, xunto coa unidade da clase traballadora, en Ponteareas, en Galicia, no Estado, en Europa e no mundo, até conseguir abolir o capitalismo por ser un sistema inxusto, depredador e antagonico cos principios de xustiza social, solidariedade e benestar do proletariado, que impide unha repartición xusta e equitativa do traballo e a riqueza.

CONTRA O CAPITALISMO, LOITA OBREIRA

CONTRA A PATRONAL, UNIDADE OBREIRA

CONTRA A DITADURA DOS MERCADOS, PODER POPULAR

POLOS DEREITOS DOS TRABALLADORAS/ES, LOITA OBREIRA

POLA CONSTRUCIÓN DUN MUNDO CON XUSTIZA SOCIAL, REPARTO DO TRABALLO,  E A RIQUEZA,  REVOLUCIÓN SOCIAL.

Advertisement

A PLATAFORMA 1º DE MAIO DE PONTEAREAS CONVOCA ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES A MANIFESTARSE NO DÍA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA

A Plataforma 1º de Maio, da que forman parte distintos colectivos da vila como Esquerda Unida,  XC, PCG, CSA O Fresco, Plataforma de Desempregados e Desempregadas do Condado e AMC, convocou unha manifestación que sairá dende diante do Concello de Ponteareas este martes ás 19:00 baixo o lema: “UNIDADE E LOITA OBREIRA CONTRA O CAPITAL”.

Ante o recrudecemento dos ataques aos dereitos laborais e sociais das traballadoras e traballadores que se está a producir por parte das clases dominantes utilizando aos seus gobernos títeres, é  máis importante que nunca que a clase traballadora se organice e loite polos seus intereses. Por iso, este primeiro de maio, data na que conmemoramos as loitas obreiras para conquerir a xornada de oito horas, é imprescindible que a clase traballadora mostre masivamente o seu rexeitamento a estes ataques.

Queremos denunciar tamén a mentira que se está tentando impoñer de que é necesario que todos nos esforcemos para saír da crise. O certo é que esta crise para o que está servindo é para que os propietarios do capital gañen aínda máis a costa dos dereitos laborais e sociais e como escusa para privatizar os servizos públicos, de xeito que poidan mercadear libremente con cousas tan básicas como a saúde e a educación.

Soamente coa mobilización e loita obreira pararemos as agresións do capital.

ESQUERDA UNIDA PONTEAREAS CHAMA Á MOBILIZACIÓN NO 1º DE MAIO

MANIFESTACIÓN EN PONTEAREAS NO DÍA INTERNACIONAL DA CLASE TRABALLADORA

Este 1º de Maio enfrontámonos ao ataque máis brutal e antidemocrático que sufrimos as traballadoras e traballadores en moito tempo. Presentan medidas contra a crise que son só un intento de rapiña sobre salarios, as conquistas da clase traballadora e os dereitos sociais. Non importan as persoas e os seus dereitos, senón o beneficio dos bancos e as multinacionais.

EU chama á cidadanía a participar na manifestación convocada en Ponteareas, para que este 1º de Maio sexa unha auténtica rebelión cidadá polos nosos dereitos. EU chama á mobilización hoxe e nos meses próximos por unha saída de esquerdas da crise, polo emprego, a defensa do público, o dereito á vivenda e á igualdade.

 Queremos denunciar tamén unha vez máis o despropósito de que organizacións que se fan chamar de esquerda axuden á igrexa a desfigurar o verdadeiro sentido do Día Internacional da Clase Traballadora. Isto vense repetindo durante anos, xa que estas organizacións, en troques de chamar ás traballadoras e traballadores a mobilizarse polos seus dereitos, invitan á mocidade a participar nunha romería, incluíndo os actos relixiosos no propio 1º de maio.

Esquerda Unida de Ponteareas chama á clase traballadora a participar na manifestación convocada pola Plataforma 1º de Maio, da que forma parte xunto a outros colectivos da vila. A manifestación sairá dende os Xardíns da Xiralda ás 19:00 baixo o lema “UNIDADE E LOITA OBREIRA CONTRA O CAPITALISMO”.

MANIFESTO DO 14 DE ABRIL

No día de hoxe, 14 de abril, conmemoramos unha data significativa no estado español. Dous días despois da celebración dunhas eleccións municipais, no 12 de abril de 1931, nas que o voto republicano obtivo unha maioría abafadora en corenta provincias, o rei Afonso XIII deuse por vencido e instaurouse a II República.

Por iso aquí, diante da casa do concello, é onde conmemoramos esta data que representa por si mesma a primeira experiencia democrática no estado español. Un intento democrático truncado en xullo de 1936 por unha clase, a dos capitalistas, latifundistas, nobreza, clero, exército e a dereita política, que querían manter intacto o estatu quo vixente, querían manter intactos os seus privilexios.

 Estas clases dominantes, vencedoras da guerra civil que levaron a cabo contra a república, impuxeron despois unha sanguenta ditadura de medo, ignorancia e miseria.

Foi esta ditadura a que impuxo como a súa natural sucesión, a monarquía que padecemos. Esa mesma monarquía que nos queren mostrar como democrática pero que de feito, existe para que o vello estatu quo, o dos señores e vasallos siga inamovible.

 Por iso conmemoramos o nacemento da II República. Non como un ideal democrático, xa que a nosa intención é superala, se non coma un requirimento mínimo para poder comezar a construír a democracia.

 Para iso reclamamos a III República, para retomar o camiño democrático emprendido en 1931, despois do paréntese autoritario da ditadura e a monarquía.

 Nestes días, nos que os gobernos mesmos recoñecen que obedecen aos ditados do capital, o que eles lle chaman as necesidades dos mercados. Nestes días, nos que coa escusa da crise económica, os gobernos están intentando acabar cos dereitos acadados coas loitas da clase traballadora é máis necesario que nunca recordar que a soberanía está no pobo. Non nos gobernos nin nos mercados.

Por iso chamamos ás traballadoras, traballadores e estudantes a mobilizarse e a loitar polo que é xusto. Os chamamos a mobilizarse, organizarse e a loitar polos nosos dereitos sabendo que esta é a única vía para conservalos e seguir avanzando cara á democracia.

Por iso nesta data, 14 de abril, nós, persoas convencidas da necesidade de traballar cara á unha auténtica democracia, reclamamos a III República. Unha república federal, respectuosa co dereito de autodeterminación dos pobos, cunha democracia participativa, laica e anticapitalista.

ESQUERDA UNIDA EN CONTRA DA PRIVATIZACIÓN DA XESTIÓN DA E.T.A.P. DE PONTEAREAS

Dende Esquerda Unida de Ponteareas queremos manifestar o noso rexeitamento á intención do Concello de deixar a xestión da E.T.A.P. de Ponteareas en mans dunha empresa privada.

A auga é un dereito, non unha mercancía obxecto de lucro.

Consideramos que a xestión pública do servizo da auga é o que mellor pode garantir a universalidade e racionalidade do subministro, poñendo por riba de todo, o interese público e non os beneficios. Deste xeito, consideramos que é necesario tamén un cambio de política con respecto ao subministro de cara ao aforro da auga, baixando a cota de consumo mínimo e tendo en conta o número de habitantes por vivenda.

Ademais, a construción desta potabilizadora en Ponteareas, que se levou a cabo grazas ás  reclamacións dos veciños pola mala calidade da auga subministrada, foi integramente financiada con diñeiro público, cun custe nesta primeira fase de 1.381.000 euros dos que o Concello de Ponteareas puxo 300.000. A xestión pública serviría para que o concello fora recuperando o investido. Con máis razón neste momento no que os concellos teñen problemas de financiamento, e ademais o de Ponteareas, como sabemos, é dos máis endebedados.

Por outra banda, dende Esquerda Unida consideramos que no futuro, non soamente a potabilización, se non a distribución da auga, actualmente en mans da concesionaria Aquagest, debe pasar ao Concello.

MOCIÓN POLA III REPÚBLICA

O Consello Local de Esquerda Unida de Ponteareas, ante o 81 aniversario da proclamación da II República, fixo este mércores chegar ao Pleno da Corporación de Ponteareas unha moción para que o Concello de Ponteareas se constitúa en Comisión Promotora da III República.

Coa escusa da crise económica, as traballadoras, traballadores, as e os estudantes, estamos vendo como os nosos dereitos sociais e laborais son recortados. Privatización dos servizos públicos, reformas laborais e incluso unha reforma constitucional pola vía rápida para incluír na Constitución a prevalencia do pago da débeda externa ante calquera outra consideración.

Todos estas agresións aos dereitos das persoas, levadas a cabo polos sucesivos gobernos do Estado Español coa suposta xustificación da esixencia dos mercados poñen en cuestión a propia existencia da democracia.

Dende o Consello Local de Esquerda Unida de Ponteareas recordamos que a soberanía reside no Pobo, e non nos mercados, e que á súa vez, os mercados, non son unha forza natural inevitable. O compoñen persoas con nomes, apelidos e intereses; moitos intereses. Por iso rexeitamos que o noso futuro e o dos que veñan detrás se vexa comprometido por decisións políticas tomadas para garantir os beneficios dos grandes capitais.

Reclamamos a apertura dun proceso constituínte cara á III República para retomar o camiño democrático iniciado en abril de 1931, truncado polo golpe de estado levado a cabo polas clases dominantes. Un proceso constituínte que nos leve a construír unha auténtica democracia, que recoñeza o dereito de autodeterminación, participativa, laica, cuxa maior preocupación sexan as persoas, non os mercados, e que non outorgue privilexios a ningún cidadán.

Noticias relacionadas co ámbito de Esquerda Unida de Ponteareas

A %d blogueros les gusta esto: