ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2019
INTRODUCIÓN
ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN presenta un programa para gobernar Ponteareas ao servizo da maioría social. Este documento delimitan as medidas que EU levará ó Concello para defender á clase traballadora dos ataques dos mercados e das políticas neoliberais, garantindo unha vida digna para todas as persoas. Son as liñas que marcaremos para defender ao medio natural do impulso contaminador das actividades predadoras dos recursos. Son tamén, un puño alzado contra o machismo, para levar o impulso emancipador do movemento feminista e derrubar ó Heteropatriarcado.
Neste programa electoral de ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN recollemos os debates que ó longo dos últimos meses tivemos, nas asembleas programáticas, decenas de ponteareás que teñen o obxectivo de colocar as institucións municipais ao servizo da xente do común. Queremos afastar do consistorio os intereses das grandes empresas, de especuladores inmobiliarios, de caciques de onte e de hoxe e das políticas que privatizan os dereitos e os servizos público.
A tradición política de ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN é facer do seu programa electoral un contrato vinculante coa veciñanza, antepondo a calquera outro tipo de circunstancia no transcorrer dos catro anos de lexislatura.
Así, estruturamos este programa en 3 grandes preguntas:
- ONDE VIVIMOS? Que queremos facer co espazo que habitamos, onde transcorre a nosa vida cotiá.
- COMO VIVIMOS? Isto é, como facemos para experimentar unha vida digna.
- PARA QUE VIVIMOS? Que cousas son as que nos permiten ser felices e levar unha vida plena.
ONDE VIVIMOS?
O territorio, o medio natural, o lugar, a parroquia e a rúa.
A nosa vida transcorre nun espazo concreto, e na súa calidade radica todo o que nos acontece e da forma en que acontece. Por tanto, é fundamental defender o espazo urbano e o medio natural. Sen el, ningunha actividade humana é posible.
MEDIO AMBIENTE
O medio ambiente é fundamental para a vida. É o entorno onde esta se desenrola. Contrariamente ao que debería ser, estamos a ver como continuamente se producen novas agresións ao medio polo simple feito de sacar algún tipo de beneficio económico.
O cambio climático, a perda da biodiversidade e a contaminación estrutural, son algúns dos efectos máis visibles dunhas políticas orientadas exclusivamente a favorecer aos capitais. É absolutamente necesario trocar o modelo económico cara outro enfocado a garantir a cobertura das necesidades das persoas respectando o medio no que habitamos. Isto non se poderá facer plenamente sen saír do sistema capitalista. Mentres isto non se produce, temos a obriga de tomar todas as medidas posibles e mitigar os impactos.
Dende ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN traballaremos, no ámbito local, un programa do medio natural sostido en cinco eixos:
- Plan para reducir e optimizar o consumo de enerxía.
- Por en práctica iniciativas para reducir a produción de residuos e mellorar a súa xestión.
- Mellorar a xestión municipal da auga, tanto do abastecemento potable como no tratamento residual.
- Facer un esforzo pola conservación medioambiental, elaborando unha estratexia de prevención de incendios para protexer os nosos montes poñendo espceial coidado na conservación dos ríos e regatos de Ponteareas.
- Actuacións específicas para a protección dos animais domésticos e abandonados.
Un dos elementos transversais do noso programa electoral é a participación cidadá. En cada un dos eixos anteriores poremos especial interese na colaboración coas comunidades de veciños e veciñas, de montes, das traídas de augas, das protectoras de animais e os diversos movementos sociais de Ponteareas.
Loitaremos por modificar e combater á Lei para a Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, que limita a competencia das administracións locais nas políticas ambientais.
Enerxía
A enerxía é a capacidade para producir cambios físicos no medio material. A pegada ecolóxica causada polos seres humanos medra do mesmo xeito que o consumo de enerxía.
O gasto mundial de enerxía no ano 2000 era cinco veces maior que no 1950. Nese mesmo tempo a poboación mundial multiplicouse por máis de dous e o poder adquisitivo por persoa multiplicouse por dous e medio.
O maior gasto enerxético prodúcese na industria baixo o control irracional dos mercados.
A solución a este problema global pasa por transformacións no sistema de produción.
Porén, o noso pobo porá en marcha as seguintes iniciativas que contribúan á optimización do uso enerxético e axuden a combater o cambio climático.
- Trazar un plan de concienciación e formación cidadá dirixido ao aforro enerxético. Con isto, toda a veciñanza terá a oportunidade de tomar conciencia e descubrir que pequenos cambios nos nosos hábitos permiten aforrar enerxía sen perda de calidade de vida. Levarase a cabo un maior esforzo nos centros escolares para concienciar aos cativos e cativas da localidade.
- Elaborar unha ordenanza sobre eficiencia enerxética.
- Co fin de optimizar o consumo enerxético nos edificios públicos, realizaranse auditorías enerxéticas en todos eles para coñecer o estado actual, tal e como se contempla na estratexia da EDUSI. En consecuencia dos resultados obtidos, esixirase a financiación para a rehabilitación dos edificios públicos co fin de reducir o gasto enerxético e acadar a clasificación de clase B ou superior acadando os mellores certificados de aforro enerxético. Estas reformas permitirían ademais cumprir coa directiva 2010/31/UE
- Realizar un programa para rehabilitación e climatización sostible de vivendas, dando prioridade ás rendas mais baixas por unidade familiar e aquelas vivendas que sexan primeira residencia.
- Creación dunha oficina de axuda para subvencións de institucións como o Inega.
- Climatización sostible dos edificios públicos.
- Cambio dos sistemas menos eficientes de iluminación pública das zonas rurais reducindo o consumo e a contaminación luminosa e fomentando luminarias dirixidas ao chan para gozar do dereito ao ceo nocturno.
- Creación dunha Rede de Calor, de explotación municipal, co obxectivo de xerar enerxía a partir dos residuos de orixe forestal e agrícola producidos nas tarefas cotiás.
- Fomentar fórmulas de autoconsumo de enerxía. Para iso, realizáranse estudos de viabilidade co obxectivo de crear unidades de produción de enerxía renovable.
Estas nove medidas pulan por unha crecente autonomía enerxética do municipio.
Xestión de residuos
No modelo de xestión implantado por SOGAMA, prima a incineración, solución tomada puramente dende o punto de vista empresarial. A incineración aforra man de obra na cadea de reciclaxe e fomenta graves consecuencias medioambientais.
Dende ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN propomos un modelo de residuos descentralizado que recolle as tres liñas básicas de actuación para un modelo social e sostible: redución, reutilización e reciclaxe. A tendencia ten que ser o “residuo cero”, eliminando á incineración que xera unha grande cantidade de dioxinas altamente daniñas para a saúde humanas. Ademais dun modelo sostible apostamos pola xestión pública dos residuos e un cambio de paradigma que permita concibilos como materiais perfectamente recuperables e para iso facemos as seguintes propostas:
- Liderar un cambio da xestión comarcal de RSU alternativo a Sogama.
- Promover dende o Concello un estudo para reducir ao máximo a cantidade de residuos que finalmente son incinerados. En primeiro lugar, valorar a creación dunha planta de compostaxe de carácter municipal ou comarcal ou a derivación dos residuos orgánicos á proxectada planta de compostaxe de Pontevedra. Unha vez feito este estudo, aplicaríase a mellor opción.
- Recollida selectiva de restos de poda públicos e privados e preparación da madeira para o seu uso preferentemente no municipio (tronco para chemineas, acha fina como material de cubrición en zonas verdes…). Estaría integrado nas tarefas da nosa proposta sobre a creación dunha Rede Loxística Municipal.
- Recollida selectiva de restos vexetais en zonas verdes públicas e privadas para a súa compostaxe, así como de mercados e mercadiños.
- Remunicipalizar o servizo de recollida de lixo.
- Adecuar os impostos sobre a recollida de lixo ás persoas censadas na vivenda, así como bonificar fiscalmente a aquelas unidades familiares que estean inscritas no sistema de compostaxe municipal.
- Publicar horarios ben definidos para tirar o lixo, e informar sobre as rutas dos camións de recollida.
- En canto á contaminación electromagnética, guiarémonos polo principio de precaución, polo que pularemos por compartir as infraestruturas de emisión, repetición e recepción. Apoio á Declaración de Benevento 2006.
Auga
- Abastecemento: a auga é un ben básico que non debería ser en ningún caso medio de lucro, polo que en Esquerda Unida consideramos que a súa xestión, en todos os aspectos, non ten cabida fóra do ámbito público.
Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN consideramos que se ben deben implantarse medidas que graven seu o consumo excesivo, ten que garantirse a súa subministración á poboación, independentemente da capacidade económica e de onde estea a vivenda. A auga non pode estar suxeita aos intereses do mercado, polo que manifestamos o noso total rexeitamento a calquera forma de privatización da súa xestión, e aínda máis, do recurso en si mesmo. Por isto, presentamos as seguintes medidas:- Remunicipalizar o servizo de abastecemento de auga.
- Establecer un consumo mínimo por persoa axustado ao necesario. A partir dese valor aplicar unha forte progresividade da tarifa de xeito que se incentive o aforro de auga, e pague máis, en termos absolutos e relativos, quen máis consume, atendendo sempre ao número de habitantes por vivenda.
- Augas residuais: A depuración das augas residuais é unha necesidade ineludible e inaprazable. O plan actual pretende recoller nunha soa depuradora as augas pretratadas das EDAR das áreas industriais do Val do Tea, da Lomba e de Puzo e as da totalidade das áreas rurais de todas as parroquias, sen ter en conta outras solucións menos custosas economicamente e máis respectuosas ambientalmente. Boa parte da poboación de Ponteareas atópase en núcleos dispersos, feito que dificulta a implantación do saneamento na totalidade das parroquias. Actualmente existen medios de depuración non convencional adecuados a núcleos de menos de 2000 habitantes que requiren baixos custes de instalación e mantemento, e que permiten a devolución ao medio das augas residuais tratadas nunhas condicións óptimas.En lugar de derivar todas as augas residuais das áreas industriais e das parroquias que actualmente non contan con rede de saneamento, debe facerse un estudo que estableza o método de depuración natural máis adecuado. Derivado disto, desde ESQUERDA UNIDA-SON EN COMÚN formulamos as seguintes medidas:
- Implantar métodos de depuración natural nos núcleos rurais, de cara ao tratamento da totalidade das augas residuais.
- Facer un seguimento continuo da eficiencia da depuración.
- Completar a separación de augas residuais e pluviais.
- Eliminar a canalización de regatos que verten na depuradora de Ponteareas, que aumentan a sobrecarga da mesma.
- Reutilizar as augas pluviais para o regadío agrícola e dos xardíns.
- Crear un plan especifico de depuración para a industria actual. E planificar de maneira exhaustiva o próximo polígono, tendo en conta a minimización do impacto ambiental a través dunha infraestrutura de depuración óptima.
Conservación da natureza
O medio natural onde vivimos sofre unha presión pola actividade humana que vai en aumento. Os ecosistemas están sometidos ás verteduras, á fragmentación polas infraestruturas e ás actividades de ocio e turismo sen regulamentación. Para tratar de coidar o espazo onde habitamos, propoñemos as seguintes medidas:
- Fomentar un uso sostible e correcto do noso contorno, a través de campañas de información, desde a escola e as diferentes asociacións culturais e deportivas do concello.
- Promover o estudo científico do noso territorio en diversos campos para coñecer, e facer coñecer, a riqueza dos ecosistemas existentes en Ponteareas. Isto axudará a realizar proxectos de conservación nos diferentes ámbitos.
- Loitar contra a proliferación da avespa velutina. E poñer a disposición das diferentes comunidades de montes, de produtores agrogandeiros e de particulares, información e infraestrutura para combater ás “patiamarelas”. Tamén, permanecer en contacto coa comunidade científica para poder aplicar solucións alternativas ás ineficacias actuais.
- Iniciar unha campaña conxunta coas diferentes asociacións de produtores e comunidades de montes para frear e reverter a proliferación do Eucalipto e demais especies pirófilas. O obxectivo será ampliar a superficie de bosque autóctono nos próximos catro anos, mediante a substitución do monocultivo de eucaliptais, mimosas, etc.
- Denunciar de maneira activas as malas prácticas medioambientais.
Loita contra os incendios
O monte galego, e en particular o ponteareán, leva décadas sufrindo os lumes que o devastan e provocan perdas millonarias. Hai moitas causas polas que aparecen os incendios, pero sen dúbida a xestión do monte é na que, desde a administración, máis traballo queda por facer. En ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN formulamos as seguintes medidas para que nunca máis suframos escenas como as do outono de 2017:
- Elaborar un plan estratéxico para a prevención de incendios, baseado na xestión integral do monte e coordinado coas mancomunidades e as restantes actividades.
- Involucrar á veciñanza na prevención e loita contra os incendios. En relación, crear unha organización a nivel de parroquia para combater os factores do risco de propagación, así como medidas para a a extinción dos lumes.
- Introducir especies caprinas no monte, en propiedade e corresponsabilidade comunitaria e municipal, para a axuda no mantemento dun bosque limpo.
- Levar a cabo a execución subsidiaria para a limpeza dos montes nos casos no que os propietarios non se fagan cargo das súas parcelas. Incorporar ao patrimonio do concello aquelas nas que o valor dos traballos realizados superen o custo do terreo e non teñan dono recoñecido, tal e como marca a lei. Poremos os recursos necesarios para levar a cabo todos os trámites. Así, evitaremos que polo baleiro na propiedade dunhas cantas parcelas perigue a supervivencia das restantes. Utilizaremos o terreo para actividades de explotación gandeira, forestal ou agrícola comunitaria.
- Apoiar ás comunidades de montes coa Rede Loxística Municipal proposta por ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN.
Recuperación da Ribeira do Tea e do Uma
A ribeira do Tea é un dos principais valores naturais do Concello de Ponteareas. A aplicación do PXOM supón unha agresión ambiental ao espazo protexido que conforma o LIC Río Tea (E1140006) pertencente á Rede Natura 2000. Nesta extensión hai catalogados 12 hábitats de conservación prioritaria e 23 especies de interese comunitario segundo a directiva europea 92/43/CEE. No proxecto contémplanse diferentes actuacións, como infraestruturas viarias e plans de acondicionamento de zonas verdes que supoñen un grave impacto ambiental para os ríos Tea e Uma, pertencentes á devandita área protexida.
Rexeitamos todas as actuacións que afecten directamente aos ríos Tea e Uma e que produzan un impacto ambiental en toda a area protexida LIC Río Tea. De aí que manifestemos as seguintes disposicións:
- Erradicar todas as verteduras de augas residuais sen depurar ao Tea.
- Desbotar actuacións, como infraestruturas viarias e plans de acondicionamento de zonas verdes, que supoñan un grave impacto ambiental para ambos ríos.
- Reconfigurar a senda do Tea. Debido ao seu actual transcurso, supón un impacto ambiental e patrimonial importante, así como un alto custo de mantemento debido ás crecidas.
- Iniciar os trámites para a declaración do espazo protexido ENIL Tea-Uma, estudando a posibilidade de ampliar a zona.
URBANISMO
Opoñémonos ao concepto de urbanismo ao servizo dos intereses especulativos privados que nos levaron á crise do 2008. Defendemos o urbanismo como instrumento para o ben común, así como unha ordenación integral do territorio na que se contemplen as potencialidades e necesidades a gran escala de forma complementaria.
Apostamos decididamente por unha xestión ecolóxica do hábitat humano, sendo a sustentabilidade un principio reitor do noso proceder coherente ante a crise ecolóxica actual e preservando a natureza como un ben de todas.
A planificación urbana que defendemos desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN corresponde a unha sociedade de empregos estruturais de larga duración ligados a un modelo de produción e consumo ecoloxicamente sostibles, que garanta as necesidades básicas de todos os seres humanos, sabendo que estas son a saúde (estado de completo benestar físico, mental e social) e a autonomía (a non dependencia das demais persoas), co obxectivo universal de participar satisfactoriamente na vida social, sen perigo para a integridade persoal.
Para acadar unha Ponteareas pensada para vivir, e non especular, propoñemos:
- Crear o “Centro Verde”. Un proceso de humanización do centro da vila.
- Transformar o concello para o uso cotiá das persoas. Non deseñar en función das demandas do tráfico rodado privado se non para o desfrute do espazo público. E acadar que as rúas volvan a ser o espazo de encontro, actividade, xogo e aprendizaxe.
- Realizar un plan para a recuperación do centro histórico, rescatando vivendas, usos terciarios e peonalizándoo. Financiarase a través da procura de subvencións a nivel europeo e estatal.
- Rehabilitar o espazo público existente aportándolle o máximo confort, diversificando e facilitando usos cos que acadar ambientes óptimos para a vida comunitaria cotiá, fomentando así as relacións sociais e a calidade de vida da veciñanza.
- Unir a PO-403 coa N-120, enlazándoa desde o colexio Bouza Brey coa nova vía que pasará pola rotonda das Pombas, cruzará a estrada de Guillade detrás do IES Pedra de Auga e se conectará á N-120 xunto a actual gasolineira. Desta forma, obterase unha rúa circunvaladora máis próxima ao núcleo, mentres se preserva o espazo natural, de alto valor biolóxico e paisaxístico, e se reducen os tempos de traslado. Tamén, minorarase o tráfico na estrada principal de Angoares a través do desdobramento da PO-403 ao seu paso, o que permitirá deseñar este tramo para o uso cívico. Ao realizar esta actuación, lograremos unha circunvalación completa en torno ao casco urbano, que permitirá limitar o tráfico do centro e devolver o espazo urbano ao uso comunitario.
- Fomentar a implantación de corredores verdes para o enriquecemento dos ecosistemas urbanos, que conecten unha rede de parques e xardíns máis ambiciosa co actual.
- Adecuar a velocidade do tránsito rodado á combinación de usos públicos no interior do perímetro da “circunvalación”. E limitar o uso do transporte privado motorizado a residentes, carga/descarga, persoas con mobilidade reducida, etc.
- Evitar a segregación social e física redistribuíndo os equipamentos, os servizos, as vivendas sociais, o comercio, a industria e os espazos verdes; cunha accesibilidade atendendo á diversidade funcional.
- Deseñar espazos públicos, tanto no medio urbano como no rural, en base a criterios de socialización, da estancia colectiva e da escala humana. Para isto é necesaria a participación cidadá na transformación, revalorización e apropiación do espazo público como hábitat da vida comunal.
- Fomentar usos efémeros no espazo público impulsados pola participación cidadá.
- Fomentar mediante subvencións e exoneracións fiscais a rehabilitación para acondicionar a edificación aos estándares actuais e mellorar a súa eficiencia enerxética, así como para recuperar vivendas en estado de abandono ou ruinoso. Deste xeito mantense o patrimonio e respéctase o medio ambiente, ao aproveitar material e non ocupar novos terreos. Os criterios e obxectivos da rehabilitación serían: diminuír as emisións de dióxido de carbono e outros gases con efecto invernadoiro, implantar sistemas de reutilización de auga doméstica, reducir a factura enerxética dos fogares e empresas, crear postos de traballo absorbendo parte do desemprego do sector, reducir a dependencia enerxética do Estado, mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas e da saúde dos centros de traballo. Dita rehabilitación debe dirixirse a todo tipo de edificios, tanto de vivendas como de tipo industrial, de servizos e equipamentos.
- Levar a cabo un extenso programa de plantación de árbores na maioría de rúas do casco urbano así como nos lugares de convivencia nas parroquias. E fomentar a implantación de corredores verdes que conecten unha rede de parques e xardíns máis ambiciosa co actual.
- Fomentar a edificación bioclimática, é dicir, o deseño de edificios tendo en conta as condicións climáticas (sol, vento, chuvia, vexetación) para reducir o impacto ambiental e diminuír o consumo enerxético.
- Fomentar o uso de enerxías renovables mediante a formación de especialistas, a súa promoción no uso residencial e industrial e o seu aproveitamento en edificios públicos.
- Recuperar os recursos hídricos e as fontes históricas.
- Fomentar a construción de cubertas axardinadas para aproveitalas como mesas agrícolas, espazos de estancia, soporte para a produción de enerxía renovable e aporte de maior illamento térmico.
- Favorecer a participación cidadá. Integrar ás demais concellerías na toma de decisións urbanísticas que afecten ao seu campo de actuación.
- Evitar a corrupción na concesión de obras públicas. Todos os proxectos e licitacións de obras promovidas pola administración local serán concedidas a través de concurso público. Todo o proceso estará rexido pola máxima transparencia empregando para elo a web municipal como soporte analóxico. Ao final de toda obra realizarase un balance económico de consulta pública.
- Pular pola integración de Ponteareas na Área Metropolitana de Vigo. Deste xeito se participará na rede de transportes e se coordinará a xestión de servizos de maior escala cando resulte máis eficiente. Tamén, traballar pola colaboración e complementariedade entre concellos fronte á visión competitiva e desorganizada actual.
- Acondicionar os equipamentos públicos que presentan un estado deficiente, como os colexios públicos e as instalacións deportivas municipais, e introducir sistemas de eficiencia enerxética.
- Transformar o concello para o uso cotiá das persoas, revitalizando socialmente os barrios e parroquias, dotándoos dos servizos e dos espazos públicos necesarios.
- Dotar ao municipio dos espazos imprescindibles para o desenrolo da actividade de colectivos sociais, facilitando a súa dispoñibilidade para fomentar a organización popular.
- Velar polo cumprimento das normas de accesibilidade universal nas novas actuacións e nos edificios e espazo público existente.
PXOM
Debemos modificar o carácter expansivo do PXOM, que segue un modelo desfasado no contexto actual. Por iso, desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN promocionaremos a cidade compacta, primando a rehabilitación e recualificación interior, e formulando medidas para evitar a dispersión no medio rural. Propoñemos unha planificación territorial cun enfoque supramunicipal, perseguindo o equilibrio territorial, con distintos niveis de codecisión e priorizando a conservación do medio natural. Esiximos, ademais, que o modelo de vila sexa debatido e decidido entre toda a veciñanza. Para isto formulamos as seguintes modificacións previas a aprobación do PXOM:
- Axustar a previsión de crecemento demográfico do PXOM aos estudos de proxección de poboación realizados polo IGE. Un PXOM que parte dunha hipótese básica errada non garante unha ordenación racional e sostible. Isto repercutiría nunha redución da área susceptible de especulación.
- Poñer os medios necesarios para evitar un proceso de urbanización dispersa no rural afastada dos usos tradicionais.
- Fomentar a participación veciñal para materializar o Plan de acordo ás necesidades reais da poboación, tendo en conta criterios sociais e ecolóxicos. Tamén, evitar a mercantilización do solo e adaptar o proxecto ao Plan de Acción Local da Axenda 21.
- Crear espazos públicos (prazas, zonas verdes e de ocio, vinculadas a equipamentos prioritariamente) en solares baleiros nas zonas de maior conxestión do casco urbano.
- Realizar un informe das necesidades e prioridades en equipamentos para desenvolver un programa de dotación preciso que atenda ás necesidades e dereitos do pobo. A súa situación responderá a criterios de accesibilidade sustentable e igualitaria. Exemplos de equipamentos necesarios son: centro médico de especialidades, casa da xuventude, centro cívico ou instalacións para unha protectora municipal de animais. Priorizarase a optimización dos equipamentos existentes e a rehabilitación sobre a nova construción.
- Recualificar a parcela de Granitos como zona de equipamentos inseridos no núcleo urbano. Isto facilita a súa accesibilidade e xeraría espazos públicos de calidade.
- Planificar unha rede de transporte público que conecte os núcleos rurais da vila e os lugares de traballo, administración, servizos e lecer da área metropolitana de Vigo. O actual Plan confía a mobilidade no transporte privado que leva ao sobredimensionamento viario. Esta opción é cara para a administración e particulares e lesiva co medio ambiente. Propoñemos iniciar unha rede pública de transporte baixo demanda para conectar as parroquias co núcleo urbano, e esixir unha conexión de autobuses máis completa, a través da rede metropolitana de transportes.
- Transformar os carrís bici do PXOM, destinados ao lecer, en verdadeiros eixos para a mobilidade diaria sostible, conectando os núcleos de poboación cos equipamentos públicos e centros de traballo.
- Eliminar toda actuación lesiva co medio ambiente contemplada no PXOM nas ribeiras do río Tea e Uma (ámbito de alto valor ambiental pertencente á Rede Natura 2000).
- Descentralizar o tratamento das augas residuais mediante estacións de depuración natural nas parroquias. A proposta actual de unha única depuradora central e cara e agresiva co medio.
- Redacción de tres plans especiais mentres non se elabore un PXOM acorde ás necesidades da xente e da preservación do entorno, e non dos especuladores inmobiliarios. Estes plans son instrumentos necesarios a maiores da aprobación do plan xeral, polo que impulsándoos estaremos adiantando as solucións aos problemas reais da vila:
- Plan de dinamización das áreas de rexeneración urbana.
- Plan especial para o polígono da Lomba.
- Plan especial para o acceso rodado ao núcleo urbano.
Mobilidade
O transporte é un gran consumidor de recursos enerxéticos. Emite o 25% dos gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático, sendo a estrada a emisora do 75 % das emisións do transporte de persoas e mercadorías. É necesario polo tanto adoptar medidas contundentes que reduzan o seu impacto no medio ambiente.
Unha boa política en materia de mobilidade, polo tanto, ten que ter en conta, en primeiro lugar, a redución das necesidades de desprazamento, e en segundo, a diminución do consumo enerxético. En relación ao anterior, desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN enunciamos:
- Modificar o PXOM de cara a achegar os servizos á veciñanza.
- Crear unha Rede Loxística Municipal. Para iso, organizar e favorecer a distribución directa e o consumo de produtos de proximidade (agricultura ecolóxica) poñendo a disposición medios públicos e articulándose mediante as propias organizacións de consumidores e produtores. Proveeremos de capacidade loxística para reducir o número de desprazamentos derivados de actividades económicas de pequenos produtores e cooperativas. Ademais, a rede levará a cabo tarefas de transporte de residuos agroforestais para alimentar a Rede de Calor.
- Elaborar de maneira urxente un Plan de Mobilidade Sostible, que contemple a seguinte orde de prioridades:
- Peonil.
- Carril bici que conecte os principais puntos de afluencia de persoas (centro de saúde, piscina municipal, zonas industriais…).
- Colocación de aparcadoiros de bicicletas.
- Transporte público urbano que dea servizo ás parroquias. Valoraranse diferentes opcións novas, como o uso dos taxis nunha rede de servizo comunitario baixo demanda.
- Inclusión do Concello de Ponteareas no Transporte Metropolitano de Vigo.
- Estudo da mellor forma de conexión ferroviaria de Ponteareas.
- Establecer bonos para o transporte público en función do nivel adquisitivo sendo gratuíto para desempregadas/os e persoas en risco de exclusión social, garantindo así a accesibilidade universal.
- Habilitar aparcadoiros disuasorios en torno ao perímetro do “Centro Verde” conectado coas liñas de transporte público.
- Instalar puntos de recarga de automóbiles eléctricos e híbridos por parte do concello. Esixir nas renovacións das concesións das gasolineiras a introdución dun punto de recarga eléctrica.
Medio Rural
De cara a conservar un medio rural habitado e produtivo, desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN formulamos as seguintes iniciativas:
- Realizar un plan económico valorando as necesidades e potencialidades agrícolas, gandeiras, turísticas e de aproveitamento dos montes.
- Potenciar a diversificación no aproveitamento forestal (gandería extensiva, apicultura, micoloxía…) mediante asesoramento e subvencións.
- Promover a creación dun banco de terras municipal, con adhesión voluntaria, no que se distribúan co gallo de ser produtivas e reverter o abandono do medio rural e o problema demográfico.
- Fomentar a agricultura local incentivando a produción sostible. Para elo proporcionarase asesoramento e axuda material e se asegurará o comercio local.
- Impulsar a creación de cooperativas agrarias, gandeiras e de aproveitamentos forestais, mediante asesoramento e subvencións.
- Pular pola creación de empresas públicas de procesado da madeira e produtos agrícolas e gandeiros locais con elevado valor engadido.
- Desenvolver un plan de ordenación agro-forestal a nivel municipal. O Concello, como promotor organizativo e económico, xunto coas comunidades de montes en man común e persoas propietarias que así o estimen, acadarán un aproveitamento sostible do territorio agrícola e forestal do municipio. Os diferentes sectores a coordinar serán os seguintes: madeireiro, forraxeiro, gandeiro, alimentario, social, turístico, ecolóxico e enerxético.
- Dotar as casas culturais dos medios necesarios para desenrolar actividades culturais, lúdicas e organizativas. Garantir en todas as parroquias acceso a internet, unha sala de lectura, zonas de estudo, espazos para realizar actos e para levar a cabo reunións de asociacións, cursos formativos, sistemas de calefacción, etc. Descentralizar os servizos e equipamentos que o permitan eficientemente, en lugar da infradotación que sofren actualmente as parroquias comparadas co centro urbano.
- Crear un Consello Sectorial do Rural. Traballarase cos diferentes colectivos para a construción conxunta concello-parroquia das diferentes actuacións no rural.
- Garantir un transporte público de calidade a través dunha rede de transporte baixo demanda, facendo uso do servizo de taxi, que aproveite as rutas de varias usuarias para reducir o custe da viaxe.
- Deseñar espazos públicos no rural, en base a criterios de socialización, estancia colectiva e a escala humana. Para isto é necesaria a participación cidadá na transformación, revalorización e apropiación do espazo común como hábitat da vida colectiva.
- Humanizar o tramo da nacional que atravesa Xinzo, Arnoso e Areas, como espazo vertebrador destas parroquias, para o uso cotiá por parte de toda a veciñanza.
- Impulsar as escolas rurais e unitarias a través dun plan especial, onde o concello informe e promova a matriculación nuns centros que supoñen un valor e enriquecemento no desenvolvemento social e cultural, e que permiten unha maior participación da veciñanza no ámbito educativo.
- Crear un sistema de reparto a domicilio para aquela parte da veciñanza que non pode trasladarse ao comedor social por residir nas parroquias.
Animais
Entendemos que unha sociedade xusta debe evitar o sufrimento dos animais, sexan da especie que sexan. Facemos polo tanto, as seguintes propostas de protección animal:
- Iniciar un programa de esterilización de animais de compañía para evitar a superpoboación e o risco de abandono, así como estender a actuación aos xa abandonados. Esta medida levarase a cabo mediante subvencións e convenios con clínicas veterinarias.
- Impoñer a xestión e a titularidade públicas dos Centros de Recollida de animais.
- Impulsar a atención veterinaria, vacinación e esterilización dos animais da rúa, así como a creación de albergues municipais (tanto mascotas como animais de carga).
- Desenvolver campañas de concienciación a favor da adopción de animais.
COMO VIVIMOS?
Como queremos vivir? Estamos inmersas nun sistema económico que nos aboca á precariedade, á inestabilidade e á incerteza. Os dereitos máis fundamentais, como o traballo ou a vivenda, non están garantidos. En Ponteareas, non todas as familias teñen asegurado ter acceso a tres comidas diarias. Isto non se pode solucionar mentres os mercados e as grandes multinacionais sigan tendo o control total da economía e da produción. Pero non nos podemos resignar. Traballaremos arreo para que, desde o público e entre toda a veciñanza, poidamos obter as ferramentas para garantir unha vida digna, sen medo á perda do traballo ou da casa.
Ademais, queremos que se conte con nós, as veciñas e veciños de Ponteareas, nas decisións a tomar para mellorar as nosas condicións de vida. Seguiremos traballando para que sexa a veciñanza quen participe das resolucións fundamentais do municipio.
ADMINISTRACIÓN
Ao Concello de Ponteareas, como a institución máis próxima, diríxese a cidadanía para trasladar problemáticas e demandas, constituíndo deste xeito o ámbito desde o que é posible poñer en marcha procesos democráticos baseados na participación.
Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN, traballamos por unhas institucións que defendan os servizos públicos, o pluralismo cooperativo, a descentralización de funcións, a posta en práctica de procedementos sinxelos e accesibles a todas as persoas, a prestación de servizos municipais de calidade e o fomento da participación cidadá. Por elo, comprometémonos a realizar o preciso para avanzar na rexeneración da vida democrática e na inclusión de todas as persoas e colectivos na vida política, asegurando un comportamento ético de todas as que acceden a un cargo público. Na construción dun Concello transparente e democrático, poremos en práctica as seguintes medidas centrais:
- Realizar unha auditoría dos contratos que ten o Concello con empresas privadas.
- Facer un inventario dos recursos materiais cos que conta o Concello de Ponteareas.
Xestión dos ingresos e dos gastos
A administración local xoga un papel fundamental no proceso de cohesión social. É o Concello de Ponteareas o primeiro que debe reaccionar ante as demandas cidadás e garantir unhas condicións de vida digna.
As administracións locais están gravemente prexudicadas pola aprobación da Lei para a Racionalización e a Sostibilidade da Administración Local, aprobada polo goberno do Partido Popular o 31 de decembro de 2013. Unha lexislación que pretende o desmantelamento da autonomía e a democracia local, a privatización sistemática e a perda de servizos públicos municipais.
Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN apostamos por loitar e acadar que os concellos gocen de maiores medios e autonomía financeira. Seguimos esixindo a mellora das partidas orzamentarias municipais, para garantir a redistribución das rendas e a suficiencia económica, elementos fundamentais para profundar na democratización das institucións. Por iso, concretamos as seguintes propostas en relación aos ingresos:
- Vincular o financiamento de Taxas e Prezos Públicos á capacidade económica do contribuínte.
- Reclamar á Deputación de Pontevedra que facilite o pago dos diferentes impostos municipais, mediante a creación de sistemas que permitan o seu abono ao longo de todo o ano.
- Penalizar a especulación mediante o incremento dos tipos a aplicar no imposto de plusvalía nos alleamentos (cambios no título de propiedade ou uso) que se producisen nos primeiros anos de tenencia da propiedade.
- Dado o escaso espazo fiscal propio, buscar recursos alternativos mediante a xestión do patrimonio municipal.
- Facilitar os servizos de inspección tributaria e loita contra a fraude fiscal.
- Crear un grupo de traballo para a procura e xestión de subvencións no ámbito comunitario, estatal, nacional e provincial.
Ao igual que é preciso unha xestión eficaz e eficiente en materia de recadación, é esencial unha boa xestión dos recursos materiais e económicos que invirte o Concello de Ponteareas e que se concretan nas seguintes medidas:
- Traballar o deseño do novo equipamento municipal de nova construción baixo o prisma de redución de gastos de mantemento.
- Empregar fórmulas de organización municipal que reduzan os gastos de xestión, mellorando a eficacia dos sistemas de titularidade pública. Así mesmo, aumentar, na medida do legalmente posible, o número de persoal técnico municipal.
- Aplicar medidas de control enerxético para reducir os consumos de auga, gas, electricidade, telefonía, carburantes en xeral e materiais consumibles en toda a administración local.
- Implantar sistemas de compra centralizados co fin de obter mellores prezos.
- Eliminar a publicidade partidista desde o goberno municipal.
- Limitar ao imprescindible os gastos da actividade do goberno municipal (viaxes, eventos protocolarios, comidas…).
- Avaliar todos os servizos de titularidade pública, co fin de evitar a duplicidade no gasto debido a relacións clientelares entre goberno municipal e empresas privadas, promovendo sempre que sexa posible a remunicipalización.
- Limitar os gastos superfluos en materia de espectáculos e ocio, avogando pola creación de riqueza cultural e de ocio a nivel local, facendo posible a autoxestión municipal das festas e outros eventos, incentivando así a reversión económica no pobo.
- Limitar a retribución dos cargos municipais a dúas veces o SMI como máximo.
- Permitir dedicacións parciais só para persoas que non dispoñan dun traballo a xornada completa. Quen cobre para traballar no Concello debe dispoñer de tempo para facelo.
- Comprometerse a espremer as marxes legais no beneficio común estudando a regra de gasto imposta polo anterior goberno do PP tras o cambio constitucional promovido polo PSOE no ano 2011 que puxo ao mercado económico por diante das persoas.
Reforma da Administración Local
O asentamento da cultura democrática só será posible reformando o xeito de facer política e apostando por unha democracia participativa que teña como obxectivo o cambio substancial que leve a un xiro económico, social, cultural e ético. Desde a participación cidadá e a transparencia na xestión do público, desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN formulamos:
- Adecuar a organización e o número de efectivos da Administración Local ás competencias e funcións que realizan. E delimitar con claridade os ámbitos políticos, administrativos e de xestión. Traballo que axudará a mellorar a actual RPT.
- Implantar a xornada laboral de 35 horas semanais.
- Establecer o software libre nos sistemas informáticos do Concello de Ponteareas.
- Garantir o acceso á información municipal por parte da cidadanía, coa dixitalización da documentación do Concello. Garantindo así á veciñanza o dereito de acceso, mediante as ferramentas tecnolóxicas adecuadas e cumprindo a Lei de Transparencia.
- Impulsar politicamente o cumprimento do Regulamento de Participación Cidadá elaborado por Esquerda Unida e aprobado en pleno municipal.
- Desenvolver mecanismos que obriguen ao alcalde ou á alcaldesa e ao seu equipo de goberno a render contas de forma periódica.
- Crear unha oficina de asesoramento, tramitación e xestión das administracións públicas, co obxecto de facilitar á cidadanía, ás pequenas empresas e ás cooperativas a súa relación coa institución.
Loita contra a corrupción
A corrupción é un fenómeno estrutural do capitalismo que deteriora a democracia e nega os principios de transparencia e igualdade. Defenderemos cantas medidas sexan precisas para erradicar esta lacra que pon en perigo aos servizos públicos e á participación política da cidadanía. Por iso propoñemos:
- Adoptar medidas precisas para asegurar un comportamento exemplar das persoas que representan á cidadanía aplicando o código ético e mecanismos de control.
- Velar pola transparencia financeira de todos os grupos políticos con representación no pleno municipal.
- Regular de maneira estrita as incompatibilidades e a obriga de declarar os bens patrimoniais. Tamén, poñer en marcha unha ordenanza expropiadora dos bens adquiridos mediante prácticas corruptas.
- Crear a figura da Defensora/or da cidadanía como órgano municipal que vele polos intereses de toda a veciñanza de Ponteareas.
- Cumprir a Lei de Transparencia na tramitación dos contratos públicos. Ir mais alá da lexislación e publicar a xestión de contratos na páxina do Concello de Ponteareas. Tamén, impedir actividades corruptas entre empresas e o Goberno Local, imposibilitando prácticas que favorezan a unhas e prexudiquen a outras.
Unha administración Laica
Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN cremos que a laicidade é fundamental nunha democracia. As actividades de culto deben ser ofertadas polas diferentes institucións relixiosas e non pola administración local. Así, poremos en marcha as seguintes medidas para achegarnos a unha Ponteareas laica:
- Ningunha autoridade, cargo público ou funcionario participará, en calidade de tal, en cerimonias relixiosas, nin aceptarán distincións en función do seu cargo.
- Os actos relixiosos que impliquen o uso da vía pública levaranse a cabo cumprindo coa mesma legalidade e tramitación que corresponda a calquera acto civil promovido por calquera organización privada.
- A cooperación que as Administracións poidan establecer coas entidades relixiosas rexerase polos mesmos principios que sexan de aplicación a calquera outra entidade de carácter privado, sempre de acordo ao interese público e en ningún caso para actividades litúrxicas nin de culto relixioso.
- Non se concederá financiamento directo nin indirecto (sexan subvencións e doazóns, ou exencións e bonificacións fiscais) a ningunha confesión ou institución relixiosa para a súa aplicación en bens de uso privativo ou para a realización das súas propias actividades de carácter relixioso.
Democracia participativa e presupostos participativos
Defendemos a economía participativa contra a actual relación política entre os poderes públicos e a veciñanza, baseada no intercambio caciquil de favores. Esta tradición, profundamente arraigada na nosa cultura, conduce á pasividade e á non participación da veciñanza na vida pública.
Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN poremos en marcha un proceso de socialización da economía municipal, co gallo de que a veciñanza teña influencia directa nas decisións sobre o gasto público, incidindo na participación das asociacións locais e organizacións veciñais. Os recursos orzamentarios asignados de xeito participativo non comprometerán ás partidas imprescindibles para garantir as necesidades básicas da poboación, debendo cumprir criterios de sostibilidade ecolóxica, equidade social, solidariedade e diversidade. Por iso adoptaremos as seguintes medidas, baseadas na experiencia doutras vilas que xa xestionan os seus recursos dun xeito participativo:
- Impulsar un proceso de concienciación da necesidade de planificación democraticamente a economía, colocando a vida digna no centro da política.
- Pular por entender a participación cidadá como eixo transversal da acción de goberno en todos os seus ámbitos.
- Aplicar o regulamento de participación cidadá aprobado a iniciativa de Esquerda Unida – Son no pleno municipal.
- Poñer en marcha modelos de elaboración de Orzamentos Participativos.
- Impulsar un tecido asociativo potente para garantir a participación.
- Establecer criterios á hora de dotar de recursos aos colectivos veciñais, asociacións e movementos sociais. Velaremos pola incorporación da perspectiva de xénero nas asociación do municipio e fomentaranse os criterios participativos, democráticos e igualitarios, tendo en conta de forma especial aqueles colectivos historicamente discriminados. Garantindo así a presenza de asociacións pola defensa dos dereitos sociais, humanos e do medio natural na vida política de Ponteareas.
- Instaurar a transparencia institucional, de forma que anualmente presentaranse publicamente balances da contabilidade do curso anterior, para comprobar que se fixo, que se está a facer e que resta por executar do programa de goberno.
- As decisións económicas participativas do Concello de Ponteareas tomaranse nunha Asemblea Xeral de Economía Municipal que será impulsada e coordinada polo Goberno Local. Nela, as persoas representantes das asociacións, movementos sociais e colectivos veciñais, participarán levando a voz dos todas e garantindo a participación da maioría na toma de decisións. Isto porase en práctica cos orzamentos participativos e estará regulado de forma específica.
- Crear unha comisión da economía local para facer valer e aplicar os debates xurdidos pola Asemblea Xeral de Economía Municipal. Estará integrada pola representación das asociacións locais e partidos políticos, tendo en conta os seguintes criterios:
- Cinguirse ás decisións tomadas pola asemblea xeral de economía municipal.
Equidade na distribución de servizos e infraestruturas, invertendo máis naqueles lugares que máis o precisan. - En cada actuación concreta consideraranse as prioridades decididas nas asembleas do lugar.
- Dar prioridade ás necesidades de recuperación ambiental, social ou de entorno das áreas de poboación.
- Cinguirse ás decisións tomadas pola asemblea xeral de economía municipal.
ECONOMÍA E EMPREGO
É urxente un sistema de desenvolvemento económico que coloque ás persoas no centro das políticas económicas. Propoñemos un modelo laboral cun carácter eminentemente social e co obxectivo inmediato de equilibrar os conceptos de Mercado e Estado. Necesitamos situar no centro das medidas económicas á creación de emprego estable e de calidade, o interese xeral e o desenvolvemento sostible dende os puntos de vista humano, social e medioambiental.
Co obxectivo de paliar os efectos da situación de precariedade na que nos atopamos, son urxentes medidas destinadas á creación de emprego e xeración de riqueza para o común da sociedade a corto e medio prazo. Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN traballaremos para implantar as seguintes propostas:
- Os orzamentos participativos, elaborados pola veciñanza organizada, permitirán realizar un plan de choque económico con inversión municipal para atender as necesidades persoais equitativamente.
- Reivindicar ao resto de administracións a transferencia da xestión e dotación económica en materia de servizos sociais e a xestión pública da Lei de Dependencia.
- As taxas, impostos e prezos públicos de carácter municipal seguirán criterios de progresividade, garantindo que cada persoa contribúa en función da súa capacidade económica.
- Aplicar a lexislación vixente para evitar a especulación, incrementando os tipos no imposto de plusvalía nos alleamentos (cambios no título de propiedade ou uso) que se produzan nos primeiros anos de tenencia do ben ou servizo.
- Asignar a progresividade no Imposto de Actividades Económicas (IAE) conseguindo que as empresas que menos facturen, menos paguen.
- Modificar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e gravar ás vivenda baleiras que non se acollan á bolsa de aluguer social e aplicar un tipo impositivo gradual.
Emprego, un concello xerador de traballo de calidade.
Defendemos un Concello que defenda unha economía ao servizo das persoas traballadoras e impida a agresión dos grandes capitais. En relación, enunciamos:
- Incluír cláusulas sociais nos pregos de condicións dos contratos que realice o Concello coas empresas, nos casos que non sexa posible o servizo desde a administración pública. Debemos garantir que a administración local traballe con empresas que xeran emprego de calidade, respectan os convenios colectivos, fomentan a igualdade entre homes e mulleres na conciliación e nas condicións laborais e favorecen a participación de sectores da poboación en risco ou exclusión social. Por outra banda, rexeitaremos contratacións por medio de ETT e serán prioritarias aquelas empresas que recoñezan unha xornada laboral de 35 horas semanais sen prexuízo salarial das súas traballadoras e traballadores.
- Fomentar a economía agropecuaria local, potenciando a venta directa das persoas produtoras e pequenas distribuidoras do municipio co obxectivo de respectar un prezo de venta xusto para quen produce. A promoción destas actividades, levarase a cabo por medio da potenciación de mercados de produtos locais, a creación de obradoiros formativos e a participación na toma de decisións políticas das persoas produtoras e distribuidoras de Ponteareas.
- Promover un turismo patrimonial e ambiental sostible como ferramenta creadora de emprego de calidade, coidando e dinamizando os diferentes espazos naturais e históricos da nosa vila. Ponteareas pulará por ser reclamo cultural e modelo de respecto ao medio natural.
- Apoiar á pequena empresa e á economía social e cooperativa que garanta espazos produtivos afastados do modelo servizos de baixos salarios. Daranse prioridade á contratación de empresas de economía social e cooperativas por parte do Goberno Local.
- Desenvolver programas de apoio á pequena empresa e ás persoas autónomas, consolidando o pequeno comercio, as cooperativas e a economía social como axentes fundamentais no desenvolvemento económico de Ponteareas.
- Concesión de infraestruturas, instalacións e ferramentas precisas para o exercicio das actividades cooperativas e de economía social. Esta cesión farase mediante a implantación dun réxime de alugueiro local que garanta a sostibilidade dos recursos municipais.
- Fomentar a creación dun banco de terras municipal, con adhesión voluntaria, no que se distribúan co gallo de ser produtivas e reverter o abandono do medio rural e o problema demográfico.
- Desenvolver un plan de ordenación agro-forestal a nivel municipal. O Concello, como promotor organizativo e económico, xunto coas comunidades de montes en man común e persoas propietarias que así o estimen, acadarán un aproveitamento sostible do territorio agrícola e forestal do municipio. Os diferentes sectores a coordinar serán os seguintes: madeireiro, forraxeiro, gandeiro, alimentario, social, turístico, ecolóxico e enerxético.
- Crear un sistema de microcréditos que axuden a financiar pequenas inversións en actividades produtivas.
SERVIZOS SOCIAIS
As administracións teñen que investir os recursos necesarios para tratar as necesidades sociais. O sistema económico actual produce a desprotección de parte da cidadanía.
Desde EU – SON EN COMÚN consideramos que é o Concello quen debe xestionar a totalidade das políticas sociais comunitarias, por ser esta, a administración máis próxima á poboación. Defendemos non só o traspaso de competencias ao Concello, senón a descentralización e a cesión de recursos económicos por parte da Xunta de Galicia.
As políticas neoliberais que practicaron os diferentes gobernos do PP e do PSOE, a falta de fondos orzamentarios municipais e a dificultade de xerar dereitos dende o ámbito local pola falta de competencias e recursos, lévanos a encontrarnos na seguinte realidade:
- Recortes nos dereitos e nas prestacións dos Servizos Sociais Comunitarios.
- Incremento da xestión privada de servizos básicos.
- Derivación da responsabilidade dalgunhas prestacións ás ONG privadas.
- Dificultade para realizar actuacións integrais que coordinen ás diferentes ramas da política social: vivenda, prestacións de emerxencia social, educación, saúde…
Desde EU – SON EN COMÚN defendemos uns Servizos Sociais que atendan á veciñanza e que o fagan de forma urxente para aquelas persoas en situación de exclusión social e en pobreza material severa. O Concello de Ponteareas debe ter como obxectivo esencial e prioritario aumentar a calidade de vida da maioría social, trocando dende o modelo actual que xera situacións de desigualdade a un sistema social que garanta unha vida digna para todas e todos e que está articulado nas seguintes medidas:
- Incrementar o orzamento municipal dos Servizos Sociais para garantir o cumprimento das necesidades básicas de toda a cidadanía de Ponteareas.
- Crear un sistema de microcréditos para financiar gastos imprevistos que non poden ser asumidos por aquelas persoas con ingresos insuficientes.
- Crear unha cociña municipal, de xestión pública, que dea servizo a:
- Comedor social que garanta completar tres comidas diarias para todos os veciños e veciñas da nosa localidade.
- Sistema de reparto a domicilio para aquela parte da veciñanza que non pode trasladarse ao comedor social por diversos motivos (mobilidade reducida, residir nas parroquias…)
- Comedores escolares, que tamén estarán abertos nas fins de semana e durante a tempada de vacacións.
- Iniciar a planificación e desenvolvemento da rede pública de servizos socias e impedir a súa privatización. Comezar o camiño para a remunicipalización das actividades actualmente en mans privadas (servizo de axuda no fogar, comedor do CEIP Bouza Brey…). Desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN consideramos fundamental que ás necesidades básicas das persoas deixen de ser un negocio e se convertan nunha actividade pública ao servizo da cidadanía.
- Reivindicar o orzamento suficiente para o desenvolvemento da Lei de Dependencia.
- Mellorar a información á cidadanía dos procesos e os requisitos das axudas dispoñibles, especialmente das Ordenanzas Municipais, garantindo que todas as persoas que o precisen poidan acudir aos servizos públicos.
- Pular por reducir a dependencia do Concello de Ponteareas da actividade de ONG privadas grazas a uns Servizos Sociais Públicos de calidade.
- Mellorar o regulamento de Axudas de Emerxencia Social:
- Garantir a subministración enerxética das persoas en pobreza material severa e en risco de exclusión social.
- Converter a Ponteareas nun pobo libre de cortes de servizos enerxéticos de primeira necesidade.
- Cumprir o artigo 8 da Ordenanza de Emerxencia Social actual que lexisla os vales de compra nominal para aquelas persoas que o precisan.
- Analizar no Consello Sectorial Social os límites económicos da actual Ordenanza de Emerxencia Social co obxectivo de garantir a prestación dun servizo de calidade que atenda todas as demandas actuais.
- Incluír no regulamento axudas para o pago de derramas da comunidade de veciños e veciñas.
- Cumprir o regulamento do Consello Sectorial Social.
- Mellorar a calidade na prestación dos Servizos Sociais mediante a formación do persoal.
- Fortalecer as competencias do Concello en materia de Servizos Sociais estipulando de forma concisa as competencias propias e as que deben ser compartidas con outras administracións públicas.
- Facer un censo de persoas maiores e persoas con dependencia que viven soas e que presentan dificultades para desenvolver as actividades da vida diaria de forma autónoma.
- Mellorar o Centro de Reparto de Alimentos garantindo que a súa xestión sexa realizada por persoal profesional e a dotación material sexa suficiente de calidade.
VIVENDA
O actual mercado económico impulsou diferentes reformas en materia de alugueiro e políticas de propiedade pública que impiden o acceso a unha vivenda de calidade. Esta realidade afecta de forma especial á emancipación da xente nova que non pode desenvolver o seu modelo de vida.
A estafa hipotecaria producida por decenios de políticas neoliberais en España e Europa, está xerando unha vulneración sistemática de dereitos fundamentais, coa súa cara máis dramática nos desaloxos e nas débedas das unidades de convivencia. Estes anos demostraron que deixar o dereito da vivenda ao arbitrio do mercado destrúe o dereito e, ademais, non supón actividade económica sostible nin xeradora de emprego estable, senón un negocio depredador e especulativo.
En ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN somos conscientes que desde o Concello pódense por en marcha políticas públicas que melloren e camiñen coa idea de garantir unha vivenda de calidade a toda a cidadanía. Por isto levamos adiante as seguintes propostas en materia de vivenda que impulsaremos desde o Concello:
- Elaborar un Plan Municipal de Vivenda, que recolla:
- Diagnóstico do estado das vivendas no municipio.
- Censo de vivendas deshabitadas.
- Necesidade de vivendas que precisan rehabilitación.
- Número de infravivendas que non cumpran coa normativa de habitabilidade.
- Demanda municipal de vivenda en alugueiro e en propiedade.
- Estado das vivendas sociais.
- Posta en marcha dunha Oficina da Vivenda para facer efectivo o dereito a un espazo habitable. Este servizo prestará asistencia xurídica e técnica ás persoas propietarios e arrendatarias para prever, mediar e protexer no risco de desafiuzamento hipotecario e de aluguer e facilitar o acceso a unha vivenda dos sectores máis desprotexidos.
- Crear un parque de vivendas de titularidade municipal.
- Adxudicar vivendas protexidas seguindo baremos equitativos para a súa asignación.
- Defender o acceso á vivenda digna como dereito fundamental, de acordo á súa función social polo que crearemos unha Bolsa de Aluguer Municipal, que promova o alugueiro social para aquelas persoas que o precisan, incentivando, desde o sector público o alugueiro das vivendas desocupada. Estableceremos as seguintes medidas:
- Creación dun censo de vivendas baleiras (incluído no Plan Municipal).
- Creación dun Rexistro Municipal de Demandantes de Vivenda en Aluguer.
- Subida do IBI do 50% (máximo permitido) nas vivendas baleiras que non se acollan ao Plan de Aluguer Municipal, atendendo aos motivos do seu desuso.
- As persoas propietarias que inscriban as súas vivendas no Plan de Aluguer Municipal veranse beneficiadas cun sistema de garantías en forma de póliza de seguros que cubrirá danos e non pagamentos.
- O Concello será avalista nos casos que se considere necesario.
- Esixirase ás diferentes administracións a creación dun parque de vivendas públicas para o alugueiro social.
- Promover a emancipación da mocidade mediante un programa de alugueiros sociais específico para a xente nova.
- Facilitar o acceso á vivenda a través da autoconstrución. A administración municipal cederá o terreo ou edificios para rehabilitar, aportará os servizos técnicos e proporcionará créditos para os materiais necesarios. Estas medidas serán acordes á situación económica concreta de cada solicitude.
- Fomentar as cooperativas de axuda mutua. Evitaremos a segregación económica mesturando nas diferentes zonas, barrios e parroquias distintos niveles de renda e modelos.
- É urxente cambiar o modelo produtivo, pasando da especulación da construción á cultura da rehabilitación. Propoñemos destinar recursos públicos para a dignificación do parque residencial a aquelas persoas que por motivos económicos non poden manter as súas edificacións en condicións de habitabilidade.
- Eliminar toda infravivenda existente na nosa localidade.
- En todas as actuación en materia de habitabilidade promovidas polo Concello de Ponteareas teranse en conta criterios de sostibilidade ambiental.
- A Administración Local non desafiuzará do seu parque de vivendas a aquelas persoas sen alternativa de habitabilidade.
- Os bombeiros/as e a Policía Local non participará nas execucións hipotecarias ou desaloxos por aluguer. Así mesmo, tomaranse medidas paliativas para aqueles casos nos que se vulnere o dereito fundamental a un espazo en condicións de habitabilidade.
PARA QUE VIVIMOS?
Non queremos simplemente vivir, queremos loitar por ser libres, por ser felices. Está no noso ADN defender a liberdade, a igualdade e a inclusividade de todas na vida en común.
O movemento feminista móstranos o camiño e nos ensina que, se a vida permanece no centro de toda acción política, estaremos máis preto da felicidade en igualdade. O concello debe de ser quen para introducir o feminismo no seu proceder diario, transversal a cada medida a tomar.
Ademais, son os servizos públicos os que garante o acceso á educación, a sanidade e á cultura para todas as xeracións. Defendelos é o noso obxectivo.
FEMINISMO E POLÍTICAS DE IGUALDADE
Historicamente as mulleres sufrimos a discriminación, a invisibilización e unha dobre explotación do sistema patriarcal e capitalista. Co estalido da crise, vimos como se acentuaba esa situación nas nosas condicións de vida, cada vez máis degradadas. Os recortes sociais e en educación aumentan a sobrecarga do traballo reprodutivo que ao longo do tempo asumimos as mulleres de forma invisibilizada e gratuíta. Os recortes en igualdade deixan no desamparo a miles de vítimas de violencia machista ou en risco de selo. A reforma laboral desprotexe ao conxunto das traballadoras asalariadas que son conducidas á pobreza.
Neste contexto, é máis necesaria que nunca a perspectiva de xénero para crear unhas políticas municipais que dean resposta aos ataques das teses neoliberais aplicadas ata o de agora. Son indispensables tanto propostas institucionais como de participación social das mulleres.
Partindo desas premisas, desde ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN propoñemos:
- Mellorar o funcionamento e o traballo da Concellería de Igualdade, que contará con persoal específico e cun orzamento suficiente para as políticas propias dirixidas ás mulleres.
- Asegurar a transversalidade nas políticas realizadas desde outras áreas do Concello desde a Concellería de Igualdade, propondo e coordinando as mesmas.
- Cumprir o Plan de Igualdade. Deberá ser seguido por todas as concellerías e departamentos do Concello, co fin de levar a cabo unha actuación transversal.
- Enfocar os Orzamentos Participativos desde unha perspectiva de xénero, é dicir, atendendo ás necesidades de toda a poboación e ás diferentes posicións e condicións de homes e mulleres. Incorporando ademais mecanismos de participación activa das mulleres.
- Crear un Observatorio de Xénero Municipal encargado de profundar na análise da realidade do noso municipio en relación coa igualdade de oportunidades. E realizar estudos desagregados por sexo de forma periódica, unha ferramenta indispensable para a introdución de políticas de xénero. Permitiranos saber a situación da que partimos e a evolución e impacto das políticas levadas a cabo.
- Mellorar o funcionamento do Centro de Información a Muller (CIM), mediante a dotación de medios materiais e de persoal cualificado; a ampliación do horario tanto de atención ao público como para outras cuestións concretas (atención xurídica, psicolóxica, etc); a difusión e o acceso á información entre as mulleres das funcións do CIM. Debe ser referente para informarse e/ou denunciar casos de violencia de xénero.
- Elaborar un Plan Integral Municipal Contra a Violencia Machista. Priorizará a sensibilización, prevención e detección. E axudará a desenvolver unha estratexia que mellore a atención das mulleres vítimas de violencia machista.
- Ofrecer atención integral e efectiva ás vítimas de violencia machista con medidas como a creación de dispositivos de urxencias para aquelas mulleres vítimas (ao marxe da solicitude ou non da orde de protección) ou a prestación de acollemento, entre outras.
- Favorecer a participación equilibrada de mulleres e homes nos empregos do concello, especialmente naqueles departamentos e categorías profesionais nas que se atopen infrarrepresentadas.
- Apoiar a inserción laboral das mulleres e consolidar os servizos específicos municipais de emprego. Tamén, estudar e potenciar fórmulas de creación de emprego adecuadas ás mulleres desempregadas, dentro do marco da economía social.
- Promover a formación ocupacional e profesional agraria para os sectores de mulleres do ámbito rural.
- Facilitar a integración social das mulleres pertencentes a colectivos especialmente vulnerables (en situación de marxinación ou exclusión social, migrantes, con diversidade funcional, etc) mediante o desenrolo de programas específicos de atención.
- Informar e sensibilizar á poboación e aos diferentes axentes sociais sobre a conciliación da vida laboral e familiar. Así como promover campañas municipais sobre corresponsabilidade e sensibilización ao respecto.
- Fortalecer a oferta de servizos municipais dirixidos a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar: remunicipalizar o servizo de Plan Madruga, os comedores escolares e o servizo de axuda no fogar, ampliar as prazas da Escola Infantil, mellorar a actividade do centro de día do municipio, etc.
- Analizar a imaxe de homes e mulleres ofrecida na publicidade de ámbito municipal e levar a cabo accións de sensibilización a colectivos e medios de comunicación para que non participen na difusión de imaxes estereotipadas. Así mesmo, establecer canles de denuncia da publicidade que atente contra a dignidade da muller.
- Elaborar un manual de boas prácticas non sexistas para aplicar nos departamentos e servizos municipais e en todo o ámbito laboral do concello. Fomentando un uso non sexista da linguaxe e da imaxe pola administración local, axente impulsor e exemplar do recoñecemento da muller na sociedade e da eliminación dos estereotipos de xénero.
- Desenrolar campañas e accións formativas orientadas á igualdade: obradoiros de empoderamento e sexualidade para mulleres e obradoiros de novas masculinidade para os homes, que axuden a deconstruír o mito heterocentrista e androcentrista. Entre ambos débense destruír os mitos patriarcais de submisión, pracer, etc,, garantindo unhas relacións equitativas entre as persoas.
- Desenvolver campañas e accións formativas dirixidas á educación afectivo sexual, que respecten a diversidade e que axuden a rematar coas conductas discriminatorias cara o colectivo LGTBI.
- Desenrolar actividades escolares complementarias con formulacións que potencien valores non sexistas e contrarios a calquera tipo de discriminación.
- Promover o deporte entre a poboación feminina máis nova, especialmente naquelas disciplinas nas que existe infrarrepresentación dalgún dos sexos.
- Fomentar o asociacionismo entre as mulleres de Ponteareas, co apoio aos colectivos locais feministas e/ou que desenvolven actividades para o fomento da igualdade de oportunidades, recoñecendo o importante papel que compren no desenvolvemento local.
DEREITOS LGTBI
A pesares dos avances conseguidos polo movemento LGTBI en materia de liberdades sexuais nos últimos anos, hoxe en día seguen existindo situacións de discriminación e desigualdade. É necesario impedir calquera retroceso, consolidar as metas xa conseguidas e continuar a loitar pola dignidade de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais ata conseguir a igualdade real. Non se conseguirá mentres as persoas LGTBI sigan sufrindo agresións na rúa ou nos centros de traballo ou de estudo.
Constitúen un dos colectivos que sofre máis delitos de odio.
Desde a política municipal pódese facer un importante traballo para lograr estes obxectivos. Esquerda Unida é defensora dos Principios de Yogyakarta, aprobados polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para a aplicación da lexislación internacional dos dereitos humanos con relación á orientación sexual e á entidade de xénero. Teñen como cometido evitar a vulneración dos dereitos e dar protección ás persoas LGTBI. En base a isto en ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN formulamos o seguinte:
- Usar os Principios de Yogyakarta como guía e referencia para as políticas do ámbito municipal dirixidas a protexer os dereitos das persoas LGTBI e loitar contra LGTBIfobia.
- Poñer a disposición da policía municipal ferramentas para previr e detectar delitos de odio por razón de orientación sexual, identidade e expresión sexual.
- Incluír nas políticas de igualdade de xénero e contra a violencia machista unha perspectiva da diversidade sexual e de identidade de xénero, que visibilice e aborde a realidade do colectivo LGTBI e as súas problemáticas específicas.
- Desenvolver campañas que contribúan a visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero e que sensibilicen á veciñanza contra a discriminación por motivos de orientación sexual, identidade e expresión de xénero.
CULTURA
Para ESQUERDA UNIDA, a cultura debe ser un eixo vertebrador das políticas municipais:
- Como espazo de socialización e de prestixio do colectivo, educando á cidadanía nun ocio crítico e creativo fronte ao patrón consumista e individualista.
- Como elemento de busca e reafirmación das raíces de identidade de Ponteareas en momentos de aculturación global.
- Como garantía da protección, divulgación e gozo colectivo do noso patrimonio histórico, artístico e intanxible.
As prioridades en política cultural serán as seguintes:
- Garantir o acceso da poboación a programas culturais integradores e de calidade, dende a institución pública e coa complicidade do tecido sociocultural do noso municipio.
- Dende unha política formativa de base, favorecer a creación e consolidación de axentes culturais na localidade, facilitando o seu acceso a instalacións e recursos municipais.
- Impulsar axendas culturais plurais e inclusivas como elemento de articulación territorial e cohesión social, con valores en feminismo, en diversidade funcional e de carácter interxeracional.
- Crear e optimizar equipamentos culturais das escolas públicas, ademais de ampliar o tempo de acceso aos mesmos, fóra do horario non lectivo.
- Optimizar os equipamentos culturais da Biblioteca Municipal cun único arquivo e ampliar os fondos bibliográficos sobre temática feminista, memoria histórica, etc.
- Socializar as novas tecnoloxías da información e a comunicación entre a cidadanía, tanto na súa relación coas institucións coma na súa dimensión cultural, educativa e social, fomentando o emprego do software libre. Habilitación de zonas comúns de acceso wifi gratuíto e con mantemento continuado.
- Compromiso de uso do software libre e actualizado tamén na Casa do Concello, no marco dunha concepción da rede como espazo de enriquecemento mutuo e intercambio de coñecementos sen trabas mercantís.
- Desenvolver programas con criterios feministas destinados a potenciar actividades artísticas, culturais e científicas das mulleres.
- Colaborar e apoiar en todas aquelas iniciativas culturais que se acometan dende a Comunidade Educativa.
- Creación dun espazo público e gratuíto onde se poidan reunir os colectivos sociais e culturais da vila.
DEPORTE
O deporte é un fenómeno social con numerosos beneficios persoais e colectivos. A promoción do deporte de elite non debe ser función do concello, pero si potenciar a actividade deportiva e o ocio saudable da poboación. A súa consideración como un dereito converteu en necesidade actividades como a natación e provocou que o ámbito asociativo con maior número de participantes sexa o deportivo. Como consecuencia, as instalacións asociadas pasaron a converterse nunha necesidade básica. ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN quere realizar unha forte aposta polo deporte municipal:
- Pedir unha auditoría do convenio entre o Concello e a empresa xestora da piscina municipal e do pavillón de deportes, coa intención de avanzar na remunicipalización destes servizos para unha xestión de calidade, asumible para toda a poboación e que promova a actividade deportiva para toda a veciñanza.
- Optimizar o uso dos pavillóns deportivos situados nos recintos escolares dedicándoos a fins educativos durante a xornada lectiva e a fins de ocio e uso deportivo fóra da mesma.
- Programar escolas deportivas do maior número de especialidades dirixidas a todas as franxas de idade. É requisito fundamental que as escolas sexan para os dous sexos, sendo mixtas cando as condicións o permitan.
- Formular competicións deportivas no ámbito infantil e escolar antepondo o educativo cooperativo ao meramente competitivo.
- Favorecer a non discriminación e fomentar o acceso ás actividades deportivas de todos e todas independentemente das calidades físicas.
- Ofertar ás persoas adultas actividades deportivas como alternativa de ocio, deseñando as da e dos maiores en coordinación cos servizos de saúde.
- Fomentar actividades específicas para as persoas con diversidade funcional e outras que permitan a súa integración co resto da poboación.
- Desenvolver experiencias de co-xestión con entidades deportivas locais sen ánimo de lucro, co fin de fomentar a súa participación na xestión municipal.
EDUCACIÓN
Para ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN a educación constitúe o motor de toda sociedade, e, como tal, só se pode entender como a formación continua ó longo de toda a vida; dende a educación infantil, pasando polas formacións profesionais e universitarias, ata as posteriores formacións para adultos. Sendo un dereito universal, ha de ser gratuíta, de calidade e para todas e todos en condicións de igualdade, laicidade, pluralismo, inclusión e democracia.
Toda a comunidade é axente da dimensión educadora. Por elo, a través da participación, implicación e coñecemento, daremos forma ao noso Proxecto de Concello Educador:
- Impulsar as escolas rurais e unitarias a través dun plan especial, onde o concello informe e promova a matriculación. Supoñen un valor e enriquecemento no desenvolvemento social e cultural, e permiten unha maior participación da veciñanza no ámbito educativo.
- Ampliar as prazas da Escola Pública Infantil, insuficientes ante a demanda existente. Iniciar a construción da nova instalación e pular pola creación dunha rede de escolas infantís en base a un criterio de equilibrio na súa distribución. O rural non pode verse desatendido a este respecto.
- Acondicionar os comedores nos centros educativos e abrilos todo o ano, dotando a todos dos mesmos recursos e garantido o transporte. O mantemento do servizo de comedor para as nenas e os nenos con escaso recursos económicos ou en risco de exclusión social trátase dunha prioridade no contexto de emerxencia social actual.
- Ampliar unha rede educativa municipal de ensinanzas artísticas (música, teatro, etc) cunha correcta xestión pública.
- Crear un plan de apoio para o alumnado con dificultades de aprendizaxe e necesidades específicas.
- Fomentar os centros municipais de Formación Profesional, conxugando as ofertas coas potencialidades da comarca.
- Ampliar os programas para a Educación de Persoas Adultas (E.P.A).
- Coordinar actividades extraescolares e realizar de talleres e programas de educación ambiental, afectivo-sexual, etc. Máis alá do horario lectivo, os centros educativos deben ser un espazo de continuo dinamismo, ofrecendo actividades que contribúan a un mellor desenvolvemento persoal, buscando fomentar hábitos de ocio saudables e didácticos.
- Dinamizar e fiscalizar o funcionamento do Consello Escolar Municipal, para garantir a participación e implicación de toda a comunidade. Na actualidade, por falta de interese do goberno a súa actividade está totalmente paralizada.
- Impulsar, a través do Consello Escolar Municipal, a posta en marcha do modelo pedagóxico, avalado cientificamente, de Comunidade de Aprendizaxe, onde poidan participar todos os centros de ensinanza públicos de Ponteareas.
- Dinamizar actividades e proxectos educativos en colaboración cos institutos e escolas públicas da vila que executen a proposta educativa Aprendizaxe e Servizo. Ademais de aprender as persoas poden actuar sobre as necesidades reais da contorna.
- Velar para que as Comisións de Escolarización funcionen con claridade de criterios evitando a segregación ou a masificación nas aulas.
- Promover axudas de transporte para o desprazamento aos centros de estudos superiores, de formación profesional e de bacharelato. Formular mediante un informe técnico unha posible lanzadeira dende Ponteareas ás principais cidades universitarias galegas.
- Crear espazos onde exista equipamento informático actualizado e conexión a internet gratuíta para a veciñanza.
- Habilitar espazos públicos para as reunións de colectivos estudantís, ANPAS e FANPO.
MOCIDADE
Para Esquerda Unida é fundamental a atención á mocidade, sendo esta a gran impulsora dos cambios sociais e necesitando do seu empuxe para crear outro modelo de goberno.
Por iso entendemos como esencial a participación das mozas e mozos nas políticas xuvenís, fomentando o seu espírito crítico e creando alternativas conxuntas para as súas problemáticas.
Consideramos imprescindible a tranversalización das necesidades e problemáticas da mocidade a toda a política municipal, facendo fincapé na vivenda e o traballo, xa que a mocidade é un dos sectores máis castigados pola precariedade. Ademais, apostamos por outro modelo de lecer onde se prime a creatividade, a participación xuvenil e a autoxestión das súas actividades. En consecuencia, dende ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN formulamos o seguinte:
- Crear e/ou dinamizar espazos e actividades para a mocidade, mediante:
- Dinamización da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) e creación dunha Casa da Mocidade como espazo de encontro da xuventude para o desenvolvemento de actividades propostas pola institución como e por iniciativa dos diferentes colectivos de mozas e mozos.
- Creación de programas e actividades de desenvolvemento artístico, cultural e deportivo coa participación directa da mocidade, apostando por unha forma de lecer alternativa.
- Rehabilitación do Albergue da Picaraña para ser un espazo onde desenvolver e fomentar actividades formativas e de ocio alternativo dirixida a poboación moza.
- Gratuidade ou descontos para a poboación moza en todos os eventos culturais patrocinados ou organizados polo Concello.
- Apoio aos grupos culturais, musicais e deportivos tanto da vila como das parroquias, onde participe a poboación moza; cedendo espazos públicos de calidade para que desenvolvan a súa actividade (locais de ensaio, espazos para celebracións de festivais, etc).
- Organización de proxectos de voluntariado e cooperación xuvenil e apoio a aqueles movementos xuvenís que se identifiquen cos valores de igualdade, solidariedade e xustiza social.
- Garantindo o acceso igualitario da mocidade das parroquias e da vila aos servizos e equipamentos públicos como bibliotecas, internet, infraestruturas deportivas, etc.
- Desenrolo de campañas e accións formativas específicas para a mocidade orientadas ao fomento da igualdade, da prevención da violencia de xénero, da liberdade afectivo-sexual, etc.
- Fomentar a participación da mocidade na vida política do Concello, a través de:
- Dentro do Regulamento de Participación Cidadá, creación do Consello Sectorial da Mocidade que propoña e desenvolva políticas específicas para mozas e mozos.
- Participación e presenza da mocidade no desenvolvemento dos orzamentos municipais, principalmente naqueles apartados que afecten a súa realidade.
- Implantar políticas municipais de acceso ao emprego e á vivenda para as mozas e mozos, mediante:
- Desenvolvemento de servizos municipais de asesoramento e orientación laboral en contacto e cooperación coa oficina de emprego. Ademais de campañas de información sobre dereitos laborais e sindicais nos institutos e centros de FP.
- Fomento da creación entre a mocidade de actividades económicas alternativas, como cooperativas. O Concello actuará asesorando e facilitando a iniciativa a través da cesión de infraestruturas e rede loxística.
- Creación de plans municipais específicos que faciliten a emancipación xuvenil a través do acceso a vivenda, como unha bolsa de vivendas en aluguer. O Concello asinará convenios con particulares que diminúan o prezo do aluguer a cambio de garantías para o arrendador, ademais da redución do IBI para aquelas vivendas que participen na devandita bolsa.
- Fomentar o uso do transporte público entre a mocidade, a través de:
- Pular para que o transporte en autobús estea dentro do plan de Transporte Metropolitano de Vigo. Mentres contemplar a posibilidade de subvencionalo, para garantir o acceso, principalmente de estudantes de educación secundaria non obrigatoria e universitaria que se desprazan aos centros de estudo.
MAIORES
As persoas maiores, unha vez que abandonan o mercado laboral non deben ser deixadas ó abandono. Son moitas as políticas de apoio que se poden facer dende o Concello para mellorar a vida das persoas maiores, garantindo unhas condicións de vida dignas e facilitando a súa felicidade. A primeira de elas é detectar as necesidades e inquietudes e esixir solucións.
En ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN propoñemos a creación de Plans Municipais Integrais de Atención a Persoas Maiores, en coordinación técnica, organizativa e financeira coas outras administracións. En concreto estes son os puntos programáticos destinados a este colectivo:
- Democracia participativa como marco.
- A través do Regulamento de Participación Cidadá, desenvolver un espazo que permita o achegamento da poboación da terceira idade á vida política do Concello.
- Fomentar a participación e a presenza das persoas maiores no desenvolvemento dos orzamentos municipais, principalmente aqueles apartados que afecten á súa realidade.
- Mellorar as instalacións e a actividade do centro de día e da residencia de maiores.
- Esixir á Xunta de Galicia a mellora da dotación do centro de día para maiores.
- Facer un estudo sobre as necesidades da Residencia de Maiores Municipal: inspección técnica de edificios, aumento de prazas, persoal cualificado, etc.
- Potenciar o servizo de atención a domicilio e axuda no fogar para que sexa de xestión municipal, incluíndo a teleasistencia ás persoas maiores que vivan soas e priorizando o seu uso para aquelas que non poidan moverse ou desprazarse fóra dos seus domicilios.
- Actividades deportivas, culturais e de tempo libre.
- A administración local debe potenciar un envellecemento activo e saudable, garantindo o dereito ao ocio, á formación, á cultura e á práctica de actividades físicas e deportivas que fan ás persoas maiores suxeitos activos da vida económica, cultural e política de Ponteareas. Para o seu fin propoñemos:
- Crear unha unidade municipal de servizos culturais e deportivos para maiores.
- Realizar actividades turísticas de calidade dirixidas ás persoas maiores.
- Promover o asociacionismo das persoas maiores en diferentes ámbitos.
- Alentar a colaboración e participación das persoas maiores en actividades comunais do Concello.
- Crear un espazo onde poidan transmitir os seus coñecementos ás novas xeracións.
SAÚDE E SANIDADE PÚBLICA
Desde a perspectiva da esquerda reafirmámonos no noso compromiso cun sistema sanitario público e de calidade, garante do dereito universal á vida e alicerce básico da igualdade entre a cidadanía. É necesario vincular a todas as administracións neste pacto, evitando os modelos de financiamento ou organización privatizados, en calquera das súas formas.
A mellora da saúde, centrada no incremento da calidade de vida e na inserción de hábitos saudables, debe ser un dos nosos obxectivos primordiais. O Concello, como lugar de convivencia e de desenvolvemento das actividades que condicionan o noso modo de vida e o noso estado de saúde, é o lugar idóneo para actuar mediante políticas publicas. Debemos desenvolver as competencias municipais en sanidade, consumo e saúde medio-ambiental e reivindicar o control das mesmas. Para isto, ESQUERDA UNIDA – SON EN COMÚN traslada unha serie de medidas que cre necesarias:
- Esixir os servizos en pediatría de urxencias para Ponteareas.
- Reclamar o aumento de especialidades médicas para o centro de saúde como odontoloxía, xinecoloxía, psicoloxía, psiquiatría, etc.
- Apoiar as reivindicacións que faga o persoal sanitario a nivel municipal de cara á mellora da sanidade pública.
- Promover un servizo de Planificación Familiar na localidade. Un servizo de calidade onde acudir a pedir información ou axuda, para mellorar a sexualidade e afectividade, a prevención dos embarazos non desexados e das enfermidades de transmisión sexual, a interrupción voluntaria do embarazo, etc.
- Promover nun clima de liberdade o respecto e aceptación das opcións afectivo-sexuais de cada persoa e defender os dereitos sexuais e reprodutivos como dereitos básicos.
- Cumprir coas directrices e orientacións propostas desde a Rede de Cidades Saudables, da cal Ponteareas é membro, que pretende a promoción e protección da saúde e o benestar da veciñanza, de acordo ao proxecto Healthy Cities da Organización Mundial da Saúde.
- Defender a medicina preventiva, desenvolvendo campañas para a promoción de hábitos de consumo saudables e da práctica do exercicio físico enfocados ás diferentes idades.
- Suprimir a venda de produtos non saudables en institucións públicas como colexios, instalacións deportivas, centro de saúde, etc. Tanto aqueles que se atopen en cafeterías como en máquinas de vending.
- Instar ao cumprimento da directiva europea para a protección das radiacións ionizantes (59/2013 EURATOM), como as do radón, xa que Galicia é a zona coa maior concentración e constitúe a segunda causa de cancro de pulmón. Tamén, esixir ao Consello de Seguridade Nuclear os datos a nivel local e o mapa das emisións nos solos edificables.
- Realizar un inventario e control da subministración de auga das fontes públicas e publicar os resultados para que sexan accesibles á veciñanza.
- Incluír cláusulas sociais e de saúde nos procesos de licitación do Concello. E valorar de xeito positivo a aquelas empresas que teñan plans que promocionen a saúde e seguridade das súas traballadoras e traballadores.