Arquivo da etiqueta: Administración

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS CONTRA AS PRIVATIZACIÓNS

Logo de que o PP de Ponteareas manifestara en prensa que propuxera a creación dunha partida de 60 mil euros para o CIM e para o servizo de drogodependencia -algo do que EU tivo coñecemento por primeira vez a través da propia prensa- e acusara a ESQUERDA UNIDA de apoiar privatizacións no concello, esta organización desminte totalmente estas afirmacións.

Con respecto a estes departamentos, EU afirma que xa no 2017 o concello procedeu a unha reorganización dos mesmos, trasladando á persoa que ocupaba a praza no CIM á Escola Infantil e a persoa responsable do departamento de drogodependencia ao CIM e de tal xeito se contempla nos orzamentos de 2018. Esta reorganización, estéase de acordo ou non con ela, non implica en ningún caso unha privatización destes servizos.

Por outra banda, cabe engadir que no propio documento da RPT que está en negociación, contémplase a creación dunha nova praza para o CIM, o que non parece indicar para nada unha intención de privatizar este servizo. De feito, a partida referente a traballos a realizar por outras empresas mantense nos mesmos 6 mil euros contemplados no orzamento de 2016, incluíndose por outra banda 8 mil euros para o programa de igualdade, partida específica para igualdade que foi solicitada no seu momento por ESQUERDA UNIDA.

No referente ao servizo de drogodependencia, resulta ridículo falar de privatización do servizo cando nin sequera existe neste apartado ningunha partida para a realización de traballos por parte de empresas externas.

EU lembra que traballa e traballará contra as privatizacións, tal e como quedou demostrado cando denunciou a privatización da aula CEMIT ao contratar o concello unha empresa externa en lugar de contratar directamente a un traballador, ou cando votou en contra de ceder a Estación de Autobuses á Xunta debido, entre outras cousas, á coñecida intención da Xunta de privatizala, algo co que o PP manifestouse de acordo. Na mesma liña vai a proposta de ESQUERDA UNIDA de crear unha cociña municipal para deixar de depender das empresas de cátering.

Polo tanto, EU considera que non estamos máis que ante un intento de manipulación por parte do PP. Intento de manipulación que, polo demais denota certo cinismo ao ser este partido o principal promotor das privatizacións en todo o estado.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA CONDICIONA O SEU VOTO A FAVOR DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera positiva a decisión da Xunta de Goberno sobre aprazar os Orzamentos de 2018 a un vindeiro pleno para modificar o documento na liña que solicitou EU e para avanzar na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do Acordo de Funcionarios.

EU instou á Xunta de Goberno a que os orzamentos contemplaran a amortización de prazas de taxi e que contaran cunha partida suficiente para por en marcha unha cociña municipal. Ademais, esixe que antes da aprobación dos presupostos se acorde a RPT.

Na última proposta de presupostos xa se incluíu o compromiso para a amortización de prazas de taxi por valor de 36.308€, tal e como solicitou esta organización e como demanda o colectivo de taxistas. Ademais disto, na xuntanza mantida este luns, a Xunta de Goberno comprometeuse a incluír no orzamento unha partida específica para un estudo de viabilidade da futura cociña municipal, feito que aínda que non chega ao solicitado por EU, esta organización está disposta a aceptar se se inclúe claramente nos orzamentos.

Para ESQUERDA UNIDA é urxente a creación dunha cociña municipal, tal e como existe noutros concellos, que atenda as necesidades dos comedores escolares e das familias en exclusión social. Esta medida aportaría beneficios para Ponteareas: a eliminación do lucro privado das empresas de cátering, a mellora das condicións laborais e dos produtos distribuídos e a potenciación da produción agraria local. Esta medida é fundamental para camiñar cara á municipalización deste servizo. Trátase dunha proposta de gran carga política que aínda que custou que fora incluída nos orzamentos como solicitaba EU, finalmente será incluída.

Por outra banda, aínda que nos orzamentos se contempla a reserva de crédito para a negociación da RPT do concello, ESQUERDA UNIDA considera que se debería avanzar máis nas negociacións antes de chegar á aprobación orzamentaria. EU considera que se pode constatar a falta de vontade política por parte da Xunta de Goberno para avanzar nesta cuestión cando o feito é que convocaron a reunión da mesa de funcionarios para tratar estas cuestións este mesmo luns, un día antes do pleno ordinario ao que pretendían levar os orzamentos de 2018 e por primeira vez dende febreiro de 2016. E todo isto ante a insistencia de ESQUERDA UNIDA para rematar coa negociación da RPT e o Acordo de Funcionarios antes da aprobación dos Orzamentos. Finalmente, a Xunta de Goberno comprometeuse a convocar unha nova reunión da Mesa de Funcionarios e da Mesa Xeral antes de voltar a levar os orzamentos a pleno, momento no que EU poderá valorar o estado das negociacións para decidir o sentido do seu voto.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA ten vontade para aprobar os novos orzamentos para 2018, que considera positivos nalgúns aspectos, polo que será unha vez solucionadas estas cuestións, manifestadas na xuntanza mantida entre todos os grupos este luns, cando EU poderá apoiar os orzamentos, como se decidiu na Asemblea Municipal aberta da organización.

ESQUERDA UNIDA ACUSA AO GOBERNO TRIPARTITO DE FACER A MESMA POLÍTICA PRIVATIZADORA DO PP

ESQUERDA UNIDA considera lamentable a actitude da Xunta de Goberno de Ponteareas, conformada por BNG, PSOE e ARDT con respecto á prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O tripartito de Ponteareas aprobou, grazas ao voto de calidade do alcalde e co voto en contra de EU-son, un novo expediente de contratación do SAF. Este novo contrato, cun custe de preto de dous millóns e medio de euros, terá unha duración de tres anos, e será prorrogable por un ano máis.

Isto imposibilitará durante polo menos tres anos a posibilidade de xestionar o servizo dende o propio concello. Deste xeito, a actual Xunta de Goberno de Ponteareas non soamente non fixo nada para acadar a remunicipalización do servizo, se non que foi máis alá do anterior contrato formalizado polo PP que era renovable anualmente.

Por outra banda, Lino Costas, concelleiro de EU-son, denunciou que o anterior contrato, formalizado no ano 2013 foi prorrogado directamente en Xunta de Goberno tanto polo PP como pola actual Xunta de Goberno, feito que constituíu unha irregularidade xa que a competencia con respecto ao contrato era do Pleno. A maiores disto, ESQUERDA UNIDA lembra que a inoperancia do concelleiro de servizos sociais ante a finalización do contrato da actual empresa xestora do servizo, que rematou en setembro de 2017, posibilitou a chantaxe da empresa CLECE ao concello reclamando unha suba do prezo do contrato. Este aumento do prezo foi tamén formalizado irregularmente pola actual Xunta de Goberno que non era competente para tal modificación.

ESQUERDA UNIDA entende que a reinternalización de servizos sería unha prioridade para calquera formación que se diga de esquerdas, polas posibilidades de mellora do servizo, minoración de custes e mellora das condicións laborais das traballadoras que o prestan, e por que supón extraer a prestación de servizos da lóxica de obtención de plusvalía e da explotación laboral.

ESQUERDA UNIDA é consciente das dificultades dos procesos de reinternalización de servizos debido á lexislación privatizadora do goberno do PP, máis o certo é que existen maneiras de acadar a remunicipalización dos servizos, tal e como están a facer noutros concellos de todo o estado. Isto implicaría pedir informes ao respecto e estudar todas as posibilidades. Pola contra, a actual xunta de goberno non fixo nada nese sentido, deixando así en evidencia que en pouco ou nada se diferencia a súa política da do Partido Popular.

ESQUERDA UNIDA LEVARÁ AO PLENO A AMPLIACIÓN DA ACTIVIDADE DO CEMIT

laurent-peignault-119950

ESQUERDA UNIDA rexistrou unha moción para que a actividade da aula CeMIT do Concello de Ponteareas se manteña durante todo o ano, tendo en conta a demanda por parte dos alumnos e alumnas do mesmo.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), ten como finalidade achegar e facilitar o uso das novas tecnoloxías ao conxunto da poboación. Ponteareas conta, dentro desta rede, con unha das chamadas Aulas de Referencia ao cumprir co requisito de rexistrar unha actividade superior ás 1000 horas anuais.

O feito de contar cun aula de referencia permítelle ao Concello acceder a unha subvención anual da Xunta de Galicia de 15.000€. A pesares disto, polo menos no referente aos anos 2016 e 2017, a aula non estivo operativa durante todo o ano e cesou na súa actividade en xaneiro de 2018. En previsión deste feito, o alumnado do CeMIT rexistrou en decembro de 2017 unha solicitude, asinada por corenta alumnos e alumnas, dirixida ao alcalde de Ponteareas de cara a que se mantivera operativo o servizo máis alá de ese mes, que era cando estaba previsto o fin dos cursos. A pesares disto, a día de hoxe aínda non se iniciou ningún procedemento de contratación de profesorado para a realización de cursos.

Con referencia á posibilidade de manter operativa a aula con realización de cursos, hai que sinalar que durante os anos 2016 e 2017, o Concello non chegou a utilizar a totalidade da subvención. No ano 2016 empregáronse para o funcionamento da aula CeMIT, 12.246€ e no 2017, 10.814€. Deste xeito perdéronse para o funcionamento da aula 2.753€ no ano 2016 e 4.186€ no ano 2017. Estes datos deixan e evidencia, por unha banda que a aula puido estar operativa durante máis tempo, e por outra, tendo en conta que os cursos aínda non comezaron no mes de febreiro de 2018, que esta situación vaise repetir.

Ademáis chama a atención que durante o ano 2017, dos 10.814€ empregados no desenvolvemento de cursos na aula CeMIT, 6.904€ foron adicados á contratación de empresas externas en lugar de facelo á contratación directa de profesorado. ESQUERDA UNIDA considera que non existe xustificación algunha para recorrer á contratación externa, encarecendo deste xeito o servizo, cando o Concello pode contratar directamente o profesorado para a aula.

En vista desta situación, ESQUERDA UNIDA solicita que se amplíe o período de funcionamento da aula e que se desbote a contratación de empresas privadas para o seu funcionamento.

ESQUERDA UNIDA REAFIRMA A SÚA POSTURA CON RESPECTO Á REDE DE CALOR

VE INACEPTABLE A ESTRATEXIA DO ALCALDE TENTANDO XUSTIFICAR A SÚA IRRESPONSABILIDADE E ERROS NESTE TEMA BOTÁNDOLLE A CULPA Á OPOSICIÓN

Os días sete e oito de novembro convocáronse senllos plenos municipais de urxencia onde se levaban como puntos a declaración de Ponteareas como zona de emerxencia civil a consecuencia dos incendios de outubro e a adxudicación do contrato de obra da rede de calor no concello de Ponteareas.

No pleno do día sete, Lino Costas como concelleiro de EU-son votou a favor da urxencia para poder tratar e aprobar o primeiro punto. Sen embargo, os asuntos non chegaron a tratarse ao ser necesaria a maioría absoluta para aprobar a urxencia do pleno. Dita maioría non se acadou ao faltar dúas concelleiras do BNG e á abstención de PP e máis ACiP. De todos os xeitos, a postura de ESQUERDA UNIDA con respecto á adxudicación do contrato da execución da rede de calor xa estaba tomada. A data límite para poder certificar dita obra, suxeita a unha subvención de un millón de euros do INEGA era o 20 de novembro, co que era xa imposible realizala a tempo.

Nese mesmo día convócase un novo pleno para o día seguinte e para volver a tratar os mesmos temas. A agrupación de EU considera isto un despropósito e unha falta de respecto ao Pleno, polo que esta organización, ao contrario que PP e ACiP que se ausentaron do mesmo, votou en contra da urxencia ao tempo que Lino Costas pediu que constara en acta a súa renuncia a cobrar a asignación que lle correspondía pola participación no mesmo. ESQUERDA UNIDA lembra que cada pleno, tendo en conta o número de concelleiros e concelleiras con dereito a asignación por asistencia cústalle ao Concello 1.575 €, polo que considera unha irresponsabilidade a ridícula recorrencia a plenos extraordinarios que se está a dar durante este mandato.

Ao contrario do manifestado pola Xunta de Goberno, a responsabilidade de chegar a este punto, no que é imposible realizar a obra, non lle corresponde en ningún caso aos grupos da oposición, xa que nos plenos anteriores nos que se tratou o asunto da rede de calor, estes grupos mediante voto afirmativo ou abstención permitiron que os trámites levados a cabo pola Xunta de Goberno saíran adiante. ESQUERDA UNIDA lembra que a subvención foi concedida ao Concello xa en decembro de 2016, pero en maio de 2017 o alcalde enviou unha modificación do proxecto ao INEGA, modificación que foi aceptada por este organismo en xuño deste ano.

É a partires de aquí cando se comeza a tratar o asunto no pleno, non sendo paralizado o proxecto en ningún momento por este. Polo tanto, queda claro que quen ten a total responsabilidade de non rematar os trámites a tempo para facer a obra é a Xunta de Goberno.

ESQUERDA UNIDA considera inexplicable que a falta de 11 días para o remate establecido para a certificación da obra, a Xunta de Goberno pretendera seguir adiante coa mesma. Isto sobre todo cando tiñan á súa disposición un informe técnico do propio concello onde se indicaba que tendo en conta que para a execución da obra contemplábase inicialmente un período de nove meses, era imposible facela aínda que comezara a facerse o 20 de outubro.

Por estes motivos, EU considerou que non debía facerse a obra neste momento xa que, de facela en nove días, non había garantías de que fora realizada en perfectas condicións, por non falar das condicións extremas nas que traballaría o persoal da empresa adxudicataria que sen dúbida sería presionado para acabar a tempo a obra, feito que ademais de comprometer a calidade do executado tamén implicaría un gran incremento dos riscos laborais. Algo que parece non importarlle á Xunta de Goberno. Ao noso entender, as declaracións do alcalde no pleno a este respecto dicindo que en todo caso se a obra se facía ou non era responsabilidade da empresa, son unha mostra de total irresponsabilidade tanto coa veciñanza de Ponteareas coma cos traballadores e traballadoras.

ESQUERDA UNIDA considera que esta obra, de terse tramitado a tempo, sería moi positiva para o noso concello ao supoñer un aforro en combustible, unha redución das emisións de gases e un progreso na soberanía enerxética do concello. Unha obra destas características debe ser ben feita, pero á Xunta de Goberno demostra unha vez máis que o único que lle importa son os titulares e non as formas correctas de levar a cabo un proxecto coma este.

OPINIÓN: SOBRE A POLÉMICA DA “PRODUTIVIDADE”.

LINO

Estes días está a xerar polémica na opinión pública o feito de que o Pleno de Ponteareas aprobara un regulamento para o pago da produtividade entre o persoal municipal. A cuestión foi presentada en diversos medios de comunicación, incluíndo cadeas de televisión de ámbito estatal, coma un “premio” por ir ao traballo. O primeiro en facer esta valoración ruín do mencionado regulamento, foi precisamente o PP de Ponteareas, partido que estando no goberno non tivo ningún problema en manter no cadro de persoal a figura do pago de “produtividade” para certos funcionarios como retribución mensual, feito que incumpre a normativa, pois as únicas retribucións fixas que poden constar son as de salario base, complemento de destino e complemento específico, este último non obrigatorio. No Concello de Ponteareas, ao contrario da maior parte dos demais concellos, é moi pouco o persoal funcionario que percibe retribucións en concepto de complemento específico, de xeito que as retribucións do funcionariado deste concello están bastante por debaixo dos demais concellos do estado de similar tamaño. Outro tanto sucede co persoal laboral. Sirva como exemplo o feito de que houbo que modificar as retribucións dalgúns postos para que estes salarios chegaran ao Salario Mínimo Interprofesional, que para o ano 2017 quedou establecido en 701,70 € mensuais.

Vaia por diante que eu, coma representante de EU-son no pleno, abstívenme no mesmo sobre esta cuestión non por considerala inadecuada, senón porque a forma de facelo foi bastante chapuceira, tema que abordarei despois.

En primeiro lugar hai que facer constar que este plus de produtividade aínda non ten partida orzamentaria, cuestión que haberá que aprobar con posterioridade pero que en todo caso non poderá ser moi alto dadas as limitacións que en canto a incremento da masa salarial establece o estado nas diferentes leis orzamentarias anuais, que para o ano 2017 está no 1%.

Certamente o establecido neste regulamento, sobre que terá dereito ao cobro do 70% deste plus quen realice coma mínimo o 90% da súa xornada, pode dar lugar a pensar que se “premia” polo simple feito de ir ao traballo e incluso podería dicirse que esta proposta da xunta de goberno de Ponteareas fai un fraco favor ao persoal municipal afondando na lenda negra de que os traballadores e traballadoras municipais nin sequera asisten ao traballo. O regulamento está exposto precisamente coma unha forma de reducir o absentismo laboral. Pero tamén é un feito que o que se establece neste regulamento é un dobre castigo por non cumprir coa xornada laboral xa que quen incorre neste feito non soamente perderá as retribucións que lles corresponda pola inasistencia, senón que perderá tamén o que lle puidera corresponder en concepto de produtividade. A isto habería que engadirlle, por suposto, as posibles sancións disciplinarias dependendo da gravidade do caso. Estamos falando entón dunha medida máis para combater o absentismo laboral. Chegados a este punto, tamén é obrigatorio indicar que, se ben pode darse o caso dalgúns traballadores ou traballadoras municipais que non sexan precisamente dilixentes na realización das súas tarefas, é certo que non é unha situación xeneralizada. O que é máis, eu persoalmente son testemuña de que algúns traballadores municipais prolongan a súa xornada máis alá do obrigatorio por pura responsabilidade co seu traballo e para que saian adiante as cousas nun concello coma este, que adoece dunha gran falta de organización. Cuestión esta última cuxa responsabilidade non pode atribuírse ao persoal municipal, senón aos responsables políticos.

Pero se hai unha cuestión que mostra á perfección o absurdo da polémica xerada arredor do plus de produtividade é o seguinte: se o que se aprobara no pleno fora unha suba salarial en xeral para todos os traballadores e traballadoras municipais e sen ningún tipo de condicionamento, poñamos do 1%, suba que repercutiría tanto nos que cumpren puntualmente coa súa xornada coma nos que non, esta polémica non existiría. Calquera entendería que é unha suba salarial lóxica, sobre todo tendo en conta os moi baixos salarios do persoal municipal do concello de Ponteareas.

En realidade, a causa desta polémica é ideolóxica. É ben sabido que hai unha campaña orquestrada dende os poderes económicos e obedientemente seguida polos medios de comunicación (por moito que algúns deles se mostren como “de esquerda”) e por partidos coma o PP ou coma o PSOE, claramente neoliberais, para atacar ao sector público no seu conxunto. E esta campaña ten por obxectivo, por suposto, meter as mans no que queda do sector público para sacar beneficio del.

Pero o máis triste deste tema non é o feito de que os poderes fácticos aproveiten calquera oportunidade para atacar ás traballadoras e traballadores públicos, despois de todo deles non se espera outra cousa. O triste é que atope tantos oídos atentos entre a clase traballadora. Que boa parte da clase traballadora estea disposta a prestar atención a estas manobras e indignarse polo que consideran privilexios de outros traballadores. Traballadores contra traballadores. E o capital rindo.

O que motivou a miña abstención na aprobación do regulamento de produtividade foron, coma dicía, a forma chapuceira de facelo. A intención manifesta do mesmo é a de normalizar unha situación irregular coma é a de contemplar no cadro de persoal o complemento de produtividade coma unha cantidade fixa e mensual. Así se entende cando na proposta levada ao pleno se di que: “… dende o ano 2010, no Concello de Ponteareas dáselle a este complemento, de natureza variable, un tratamento que en modo algún observa a normativa aplicable, de tal xeito que estase a asignar a cada posto de traballo, dentro da categoría de funcionarios, unha cantidade fixa en concepto de produtividade que se abona de forma fixa nas 12 mensualidades. Este criterio non respecta de ningún xeito o ordenamento xurídico vixente, polo que temos a necesidade de axustalo á normativa que o regula.”

Como non pode ser menos, eu estou de acordo co aquí exposto. O que si lles expuxen no seu momento, tendo en conta o reducido dos salarios do concello e que na súa proposta contémplase retribuír esta produtividade semestralmente, que era o que ía a suceder a partires de agora coa cantidade que están actualmente percibindo algúns funcionarios en concepto mensual de “produtividade”. Ademais, por outra parte, que de afectar este regulamento ao actual “complemento de produtividade”, isto podería dar lugar a reclamacións xudiciais por parte dos traballadores e traballadoras que moi posiblemente gañarían.

Ante esta cuestión, e despois de darlle varias voltas, tentaron solucionar iso co punto terceiro da proposta que di textualmente: “Este regulamento non afectará a retribución que en concepto de “produtividade ven percibindo o persoal do Concello ata a data de aprobación do presente regulamento, manténdose a percepción da mesma nas mesmas condicións, tal e como se recolle no orzamento do ano 2016, prorrogado para o presente ano 2017”.

Ou sexa, que ao final, a Xunta de Goberno trouxo ao pleno unha proposta para regularizar o complemento de produtividade, pero dicindo ao mesmo tempo que ese regulamento non afectará ao complemento de produtividade. Parece ser que este goberno é marxista, pero de Groucho Marx. Por certo, mirando a quen lle deron unha medalla de ouro este ano, tamén é castrista, pero de José Castro.

Realmente a intención desta proposta era outra aínda que non a manifestaban na mesma: a de retribuír cun complemento de produtividade a todo o persoal do concello segundo o regulamento proposto. Sobre esta cuestión podo estar de acordo, pero non sobre a suposta necesidade de facelo neste momento. Actualmente no concello estase ultimando a da Relación de Postos de Traballo. Unha RPT é basicamente un documento técnico onde se establecen as funcións de cada posto, os requisitos para ocupar os mesmos, a sua xerarquía e no que se determinan tamén, no caso do persoal funcionario, os complementos de destino e específico. Esta RPT, que se supón que será presentada en breve, podería utilizarse para que o que agora mesmo se está pagando irregularmente a algúns postos coma “produtividade”, fora absorbido polo concepto de “Complemento Específico”. Deste xeito non se entraría na contradición exposta anteriormente e a partires de aí xa se podería aplicar o regulamento con total normalidade. O que vai a suceder a partires de agora é que algúns traballadores e traballadoras percibirán por un lado un “complemento de produtividade” mensual que é irregular, por non dicir ilegal, e por outro o complemento de produtividade regulado. As presas e a improvisación é o que teñen.

Lino Costas, Concelleiro de EU-son en Ponteareas

ESQUERDA UNIDA PROPORÁ UN PLAN DE FORMACIÓN E PROMOCIÓN PARA PERSOAL MUNICIPAL

entrepreneur-593357_1280

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas defenderá no vindeiro pleno unha proposta para a elaboración e execución, no prazo máis breve posible, dun Plan de Formación e Promoción dos empregados e empregadas municipais negociado coa representación sindical dos mesmos.

Segundo o concelleiro de EU-son, Lino Costas, o Concello de Ponteareas ten serias dificultades de cara ao seu normal funcionamento debido á falta de persoal cualificado. Isto leva a que cuestións habituais, como as mesas de contratación, elaboración de pregos de condicións para os contratos, redacción de proxectos de obras ou outras obrigatorias coma é a elaboración dun inventario municipal, non se poidan levar adiante con normalidade. Esta realidade fai que en moitas ocasións téñase que recorrer a empresas externas para realizar tarefas que, de contar o Concello co persoal necesario, poderíanse resolver dun xeito máis áxil e sen o custe económico que implican as externalizacións.

Certo é que a lexislación estatal, como as Leis de Orzamentos do Estado, enfocada claramente a favorecer a privatización dos servizos públicos e dificultar a remunicipalización dos privatizados, limita a autonomía dos concellos á hora de contratar persoal ou mesmo de cubrir as prazas vacantes. Con todo, ESQUERDA UNIDA considera que isto non debe ser a escusa para que o Concello quede paralizado á hora de mellorar a administración municipal. Por unha banda, a agrupación de EU cre unha obriga do concello aproveitar as excepcionalidades contempladas tanto na vixente Lei de Orzamentos do Estado para o ano 2016 coma na do 2017 á hora de facer novas contratacións, e por outra, levar a cabo un plan de formación e promoción do persoal municipal actual.

Así, o Estatuto Básico do Empregado Público establece coma un dereito, no seu artigo 14, os de progresión na súa carreira profesional, a promoción interna, a formación continua e a actualización permanente dos seus coñecementos e capacidades profesionais, preferentemente dentro da xornada laboral.

Actualmente o Concello de Ponteareas non conta con ningún plan de formación e promoción do persoal municipal, feito que é unha anomalía máis entre as que padece este concello, polo que se debería proceder á elaboración dunha planificación ao respecto.

Hai que ter en conta, que o Estatuto Básico do Empregado Público establece ademais, que este tipo de plans de formación e promoción, así coma os fondos adicados aos mesmos deben ser levados á negociación coa parte sindical.

PONTEAREAS DEBERÁ APROBAR EN TRES MESES UN REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL

A PROPOSTA DE ESQUERDA UNIDA FOI APROBADA POR UNANIMIDADE

ESQUERDA UNIDA levou ao pleno municipal do 18 de abril a proposta de iniciar a elaboración dun Regulamento Orgánico Municipal para Ponteareas. Estes regulamentos xa estaban contemplados no Regulamento de Organización e Funcionamento das entidades locais aprobado no ano 1986 e a día de hoxe practicamente todos os concellos dispoñen do seu propio. Por este motivo, EUnida considera que o feito de que en Ponteareas non se dispoña a dia de hoxe dun Regulamento Orgánico Municipal é unha anomalía máis deste Concello, coma o feito de que non se dispoña tampouco dun inventario municipal actualizado dende os anos 50 do pasado século.

Con esta proposta, trátase de establecer unha normativa para facer mais eficiente a institución e regular todo o relativo ao funcionamento político da mesma, de xeito que non se repitan continuamente os problemas actuais que fan que, por exemplo, en case ningún Pleno Municipal se cheguen a tratar todos os puntos da Orde do Día.

A proposta de ESQUERDA UNIDA foi acompañada dun borrador de Regulamento Orgánico que no prazo de tres meses deberá ser consensuado entre todos os grupos da Corporación. Neste borrador, contémplanse cuestións coma o Funcionamento do Pleno, o Tratamento e Sistema de Votación dos Asuntos, o Control do Goberno e os Dereitos eDeberes dos Concelleiros e Concelleiras.

Lino Costas, concelleiro de EU-son, considera que este documento debe chegar para quedarse e para funcionar e ser respectado. Por iso a proposta foi a de iniciar o proceso de elaboración entre todos os grupos da corporación municipal, de xeito que todos e cada un deles se comprometa co mesmo.

ESQUERDA UNIDA agarda asimesmo que se solucionen os problemas de pésimo comportamento derivados dos conflitos entre partidos.