CRISE HUMANITARIA ÁS PORTAS DE EUROPA
Preguntas e respostas
Proxección do documental “Las muertes de Ceuta”
CHAMADA Á SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS REFUXIADAS
A diario vemos imaxes e lemos noticias nas que se relata a situación na que se atopan os milleiros de persoas obrigadas a fuxir de países en guerra e situacións de miseria para solicitar refuxio e asilo político noutros países. Lonxe de colaborar, as fronteiras convértense en cárceres de tortura con alambradas, concertinas, vixiancia armada, abusos e mafias, ao que algúns gobernos engaden directrices xenófobas.
Esquerda Unida, como organización internacionalista onde a solidariedade, a cooperación para o desenvolvemento e a paz son eixos fundamentais da nosa presenza nas rúas e nas institucións, non pode permanecer allea a esta realidade, que temos que combatir na procura dunha sociedade máis xusta, solidaria, e garante dos dereitos humanos.
Así, co gallo do segundo aniversario da matanza de Ceuta na que morreron 16 persoas, dende a Secretaría de Políticas Sociais de EU queremos dar visibilidade e denunciar os abusos e a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas a través da proxección dun documental no que se denuncian estes asasinatos e, posteriormente abrir coloquio coa intervención de Xabier Ron, deputado de AGE no Parlamento de Galicia e membro de ESQUERDA UNIDA, e Leticia Castro, voceira do Foro Galego de Inmigración.