Arquivo da etiqueta: Asemblea Municipal

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS ACLARA A SÚA OPOSICIÓN ÁS MODIFICACIÓNS ORZAMENTARIAS

O ALCALDE NON PERMITÍU A VOTACIÓN POR SEPARADO

A AGRUPACIÓN NON APROBA O AUMENTO DE CARTOS PARA FESTAS

No pasado pleno municipal do 22 de agosto, a Xunta de Goberno (BNG, PsdeG, ARDT) propuxo unhas modificacións orzamentarias que afectaban a cuestións moi diferentes para ser valoradas e aprobadas de xeito conxunto. Cuestións tan dispares coma o aumento de 50.000€ na partida adicada a festexos populares, un cambio de aplicación dos créditos pola contía de 4.000€ dentro do programa de voluntariado, outro cambio de aplicación de créditos de 3.050€ dentro do programa de cultura e un recoñecemento extraxudicial de crédito por un total de 44.408€. Ante a disparidade das modificacións propostas, o representante de EU-son, Lino Costas, solicitou que cada unha das propostas fora votada por separado, petición que foi denegada polo presidente do pleno, Xosé Represas, nunha clara tentativa de forzar a abstención deste concelleiro.

A Asemblea Municipal de EU estaba disposta a apoiar os cambios nos programas de voluntariado e de cultura, máis de ningún xeito ao aumento proposto para a partida de festexos populares. Esta proposta incrementaría en case un 50% os 112.000€ contemplados nos orzamentos aprobados en maio deste ano, elevándoos a 162.000€.

ESQUERDA UNIDA lembra que a súa abstención na votación plenaria dos orzamentos foi coa única intención de non dificultar o goberno da vila e que esta abstención foi sobre un documento concreto, precisamente o que agora pretenden cambiar. Ademais, na proposta feita pola xunta de goberno, que considera o substancioso incremento de 50.000€ na partida adicada a festas, non se da conta do crédito gastado ata agora en dita partida, nin do remanente de crédito, nin das cuestións en concreto para as que necesitan ese aumento de crédito. Estas cuestións deberían figurar no expediente pero pola contra, a xunta de goberno preferiu pedirlle ao pleno a aprobación deste incremento a boa fe.

Con respecto a proposta de recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 44.408€ para cubrir gastos orixinados no ano 2015 sen cobertura orzamentaria, ESQUERDA UNIDA está de acordo en que os gastos feitos polo Concello deben ser, en todo caso, abonados e que o feito de que se fixeran de forma irregular, pode deberse á mala situación económica que arrastra o Concello, unida á existencia duns orzamentos prorrogados dende o ano 2010. Máis considera que este recoñecemento extraxudicial podería financiarse coa partida adicada a xuros de demora, a mesma que propoñen utilizar para o incremento da partida para festas e non coa partida adicada aos incrementos salariais derivados da aplicación da futura Relación de Postos de Traballo.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS APOSTA POLA CONSULTA SOBRE O USO PEONIL DA PRAZA MAIOR

SAM_4063

No pasado pleno municipal, o concelleiro de EU-son, Lino Costas, manifestou o seu desacordo coa forma de impoñer as novas restricións ao tráfico da Concellería de Seguridade, nas Rúas Esperanza e Oriente e na Praza maior. Esta situación precisaba un debate previo ou polo menos, un período mínimo dun mes, durante o que se informara da nova situación de xeito claro e sinxelo antes de proceder a multar ás persoas infractoras, e non despois.

A Asemblea Municipal de EU está de acordo coa creación dunha Comisión de Estudo e Traballo formada por todos os grupos políticos, comerciantes, hostaleiros e residentes na zona. Pero por outra banda, ten en conta que tanto a Praza Maior coma as Rúas Oriente e Esperanza forman parte do centro da vida do noso concello, polo que restrinxir o diálogo soamente á parte da veciñanza desa zona é insuficiente. Despois de todo, nin a Praza Maior nin as Rúas Oriente e Esperanza son de uso exclusivo das persoas residentes e comerciantes desa zona en concreto.

Polo tanto, e ante o conflito que está a suscitar esta cuestión que en principio supón un avance con respecto á habitabilidade da vila, ESQUERDA UNIDA aposta por unha consulta a toda a veciñanza de Ponteareas, tal e coma establece o Artigo 70 bis.3 da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local. Deste xeito, se tomará unha decisión da forma máis democrática posible.

ESQUERDA UNIDA considera tamén interesante e necesario, coñecer a opinión dos demais veciños e veciñas de Ponteareas sobre esta cuestión. Sobre todo tendo en conta de que é precisamente esta veciñanza do Concello a potencial clientela dos establecementos comerciais que se din afectados.

O CEIP FERMÍN BOUZA BREY TERÁ COMEDOR EN SETEMBRO

comedores_escolares_web

A ALEGACIÓN DE ESQUERDA UNIDA PARA QUE O CONCELLO ASEGURE O COMEDOR DO CENTRO É APROBADA POR UNANIMIDADE

O CONCELLO XESTIONARÍA MEDIANTE CONVENIO DE COLABORACIÓN COA XUNTA

O concelleiro de EU-son, Lino Costas, presentou no pleno de onte unha alegación á proposta presentada pola Xunta de Goberno para solicitar á Consellería de Educación a xestión do comedor escolar do CEIP Fermín Bouza Brey. A alegación presentada por EU, engade un punto que compromete ao Concello a xestionar o comedor se a Consellería non o fai ou non se pronuncia.

Por outra banda, o concelleiro na súa intervención expresou a súa sorpresa pola modalidade de comedor escollida pola Xunta de Goberno -a xestión por parte dunha empresa de catering- cando o decreto de comedores establece outras modalidades máis valoradas polas familias, como a que permitiría que a cociña do CEIP Virxe dos Remedios preparara os menús con produto local para logo transportalos ás dependencias do Bouza Brey. Os nenos e nenas consumirían un menú de mellor calidade e o concello tería un servizo público máis en lugar dunha empresa privada máis.

Lembremos tamén, que o Concello informou ás familias do centro, que xestionaría o comedor no curso actual. Logo desentendéronse do tema ata que as familias comezaron a pedir explicacións, chegando incluso a denominar “enquisa” á solicitude de praza de comedor enviada ás familias onde se informaba de que o concello de Ponteareas levaría a xestión durante o curso 2015/2016, entendemos que nun claro intento de enmascarar o cambio da situación.

Ademáis disto, tanto o BNG como a comunidade educativa representada no Consello Escolar Municipal, defenderon en 2013, o servizo para as familias por encima de todo, solicitando que o Concello se fixera cargo se non o facía a Xunta. Non esquezamos que nese momento, catro concelleiros e concelleiras da bancada do goberno, pertencían a este órgano -o CEM- ou aos colectivos representados no mesmo. Lino Costas manifestou a súa preocupación pola posibilidade de que esas reivindicacións cambiaran ao pasar da oposición á Xunta de Goberno.

A prioridade agora mesmo para a Asemblea Municipal de EU, onde se debateu e acordou que posicionamento levaría o concelleiro, é o comezo para setembro do servizo de comedor para todo o alumnado que o solicite onde se inclúen as nenas e nenos con escaso recursos económicos ou en risco de exclusión social, dentro do contexto de emerxencia social no que estamos. Tamén, que os cativos teñan a mellor calidade nos menús, potenciando o produto local. Consideran que o debate interminable sobre de quen é a competencia da xestión non resolve o problema de conciliación das familias.

ACORDO DA ASEMBLEA MUNICIPAL DE EU SOBRE O PXOM

Na primeira reunión da Corporación Municipal sobre o PXOM á que asiste ESQUERDA UNIDA Ponteareas (31/08/2015), todas as demais partes (PP, PSOE, ACiP, BNG e ARDT) manifestan a súa vontade de aprobar o documento actual incorporando só cambios que non supoñan alteracións substanciais respecto á aprobación inicial. Isto débese a que de producirse modificacións substanciais debería abrirse un novo trámite de información pública durante o cal é posible que se aprobe unha nova lei do solo á que se debería adaptar o PXOM.

Tras ser informada, a Asemblea Municipal de EU decidiu o pasado 4 de setembro, continuar defendendo un modelo de Plan de rexeneración do tecido existente, sostible, adaptado á realidade e enfocado á mellora da calidade de vida da veciñanza. Esta formulación é coherente có noso programa electoral, no cal rexeitabamos o carácter expansivo do PXOM.

Para adaptar o Plan ás necesidades reais de Ponteareas, é preciso realizar modificacións substanciais no documento actual -o que implicaría a apertura doutro período de exposición pública- e o que é máis importante, involucrar ao tecido social nun proceso realmente participativo, procurando facilitar a formación e información da veciñanza para a elaboración colectiva do Plan.

ESQUERDA UNIDA Ponteareas non pode lexitimar un plan depredador do medio e orientado cara a especulación urbanística. Un Plan que parte da premisa de que o concello crecerá en 9500 habitantes entre 2013 e 2023; este dato non se axusta á realidade demográfica. Entre 2010 e 2014 houbo un descenso de 50 persoas e o INE prevé un descenso de 34.854 habitantes na provincia entre o 2013 e 2023. Esta incongruencia na previsión demográfica (previsión que determina a superficie edificable coas infraestruturas correspondentes), xunto ao feito de que actualmente en Ponteareas existen máis de 2000 vivendas baleiras, manifesta a verdadeira intención do PXOM: redundar na especulación que agravou a actual crise en España, sen ter ningunha consideración coa protección dos hábitats naturais e produtivos do Concello.

Ademais deste desaxuste na previsión do crecemento da vila, que leva que o Plan sexa inoperante, defenderemos outras propostas como son a total protección da ribeira do rio Tea e Uma, a mellora do espazo público existente para o seu uso comunitario cotiá, a dotación de equipamentos e servizos necesarios, a implantación de carrís bici e transporte público para vertebrar a mobilidade, a conexión ferroviaria coa rede nacional de ferrocarrís e centros de traballo e servizos, a utilización do ámbito de Granitos Galicia para localizar equipamentos accesibles e dotar a vila de espazos céntricos de calidade, a descentralización da depuración de augas residuais mediante depuradoras por métodos naturais nas parroquias, a redución da dispersión urbana, entre outras medidas.

No caso de que os demais partidos políticos non comprendan a necesidade de realizar un Plan sostible, adaptado a realidade e que mellore a calidade de vida da veciñanza, e pretendan aprobar o Plan actual, ESQUERDA UNIDA Ponteareas continuará coa súa labor de denuncia e concienciación social sen abandonar o traballo nas melloras puntuais que sexan posibles no actual PXOM.

ESQUERDA UNIDA REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA QUE PONTEAREAS SEXA VILA ACOLLEDORA DE PERSOAS REFUXIADAS

MOCIÓN PARA A APLICACIÓN DE POLÍTICAS REAIS DE AXUDA A REFUXIADOS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS :

Ao longo de 2014 chegaron a Italia 170.000 inmigrantes e solicitantes de asilo por vía marítima, contándose por miles os mortos na travesía. No presente ano 2015 máis de 350.000 persoas refuxiadas fuxiron da pobreza e da guerra nos seus países de orixe e cruzaron o Mediterráneo para acadar Europa. Durante esa travesía desgraciadamente máis de 2.500 persoas morreron atendendo so aos datos oficiais publicados pola Axencia da ONU para os refuxiados.

O salvamento e traslado a porto dos inmigrantes xerou un vivo debate na UE sobre o seu reparto e acollida, pondo en cuestión a solidariedade comunitaria e a eficacia da política común de inmigración. A intervención militar e diplomática de forzas da OTAN, así como o espolio dos recursos naturais dos países de Oriente Próximo, Norte de África e da África subsahariana provocan a partida destes milleiros de persoas dos seus fogares. A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) estima que estes conflitos teñen provocado en 2014 unha cifra récord de 59 millóns de refuxiados e desprazados internos, superando por primeira vez as cifras da Segunda Guerra Mundial. Os conflitos violentos en Siria, Libia, Sudán, o chamado Estado Islámico, Malí, Iraq e de outros países africanos o de Oriente Próximo foron avivados e promovidos polas potencias europeas entre as que se atopa España. Os sucesivos gobernos do PSOE e do PP deron o apoio á intervención militar e á acaparación económica nestes territorios.

Tamén debemos de subliñar a actuación dos gobernos españois con respecto ás solicitudes de asilo provintes de persoas fuxidas do Sáhara Occidental, no que o Estado español ten unha clara responsabilidade do acontecido ao pobo saharauí. Estes prefiren antepor os intereses económicos das multinacionais e das grandes familias da oligarquía española, á xustiza cos integrantes do pobo saharauí que sofren a represión do réxime marroquí desde o desentendemento de España no 1975 dese territorio.

O Mediterráneo converteuse na fronteira migratoria máis desigual do mundo, cunha diferencia de renda per cápita entre as dúas ribeiras inaceptable, sendo a renda per cápita española equivalente a seis veces a marroquí, e a italiana cinco veces a exipcia. O fluxo migratorio actual transmediterráneo iniciouse no 2011, cando algúns Estados costeiros, basicamente Tunisia e Libia, perderon a capacidade de controlar a saída de emigrantes desde as súas costas tras as chamadas “primaveras árabes”, invalidando os acordos que Italia firmara en anos anteriores. Nese ano, as rutas do Mediterráneo occidental (entre Marrocos e España) e do Atlántico (desde Mauritania, Senegal e outros países costeiros veciños, cara a Canarias) estaban xa moi controladas.

O peche desas rutas desprazou a presión migratoria cara o leste, e a fronteira greco-turca converteuse na principal porta de entrada da inmigración ao espazo Schengen. A partir de entón, o Mediterráneo central (entre Italia e Tunisia ou Libia) converteuse na ruta principal e, unha vez que Tunisia logrou certa estabilidade, Libia pasou a ser o punto de saída. Esta combinación está diminuíndo a entrada en Libia de inmigrantes e está desviando de novo a parte de eles cara a as rutas marítimas e terrestres do leste. Así, nas últimas semanas as illas gregas e a fronteira terrestre oriental do espazo Schengen (Hungría, cun fluxo que ven desde Serbia) están vivindo un aumento considerable das chegadas.

Este verán é un dos máis terribles e deshumanizados que lembramos. As nosas institucións e gobernos, de forma vergoñenta, miran cara outro lado cando se encontran milleiros de seres humanos que tan só queren unha vida digna e en paz. E o peor é o que din estas institucións, como o goberno español: “non temos recursos para atender a todos”.

Para Esquerda Unidas a vida non é negociable. Só os que entenden as relacións humanas desde o punto de vista mercantil, desde o punto de vista de beneficios o perdas, compartirán esta visión capitalista do mundo no que os seres humanos somos “cousas” que serven para enriquecer ás corporacións que teñen o poder (ese que non nace das eleccións democráticas), fronte os e as traballadoras que so andamos na procura dun futuro mellor. Estase intentando normalizar o terror de moitas persoas convertendo as nosas presuntas democracias nun réxime inhumano, e ese é un problema que debe abordar o noso goberno.

Esiximos das nosas institucións europeas e nacionais, que son as competentes en materia de inmigración, que acometan o debate sobre a raíz deste problema para abordar de forma real o drama que están vivindo centos de miles de persoas que tratan de achegarse a Europa polo Mediterráneo xogándose a vida, que non é outra que as guerras e o aproveitamento sen escrúpulos dos recursos naturais por parte das potencias occidentais e subseguinte desigualdade abismal entre rexións. Nin o parlamento europeo nin o noso poden seguir de brazos cruzados mentres o drama no Mediterráneo aumenta día tras día.

Europa debe recuperar a humanidade e, sobre todo, recoñecer que a proposta militar fracasou. En primeiro lugar, porque pese a algunhas operacións de salvamento resultaran positivas, como a das 4.400 persoas en Italia, o goteo incesante de mortes non se evitou. E en segundo lugar, porque o sistema de reparto de refuxiados que se propuxo desde un inicio recibiu a negativa de numerosos Estados membro, entre os que está o Estado español. As mortes no Mediterráneo, a situación nas illas gregas, o drama nas fronteiras de Francia, Macedonia ou Hungría e o aumento da xenofobia institucional como o caso de Reino Unido e Hungría, merecen unha resposta firme por parte dos europarlamentarios e europarlamentarias, así como dos gobernos nacionais, incluído o español.

Europa decidiu defenderse en vez de actuar consecuentemente. Continúa pondo en practica políticas restritivas, reforzando Frontex, levantando vaias e facendo grandes anuncios sobre pseudo- operacións de salvamento, mentres segue sen prestarlle atención ás verdadeiras causas deste drama humano, que non son outras que as políticas económicas, de guerras e de espolio que patrocina en Oriente Medio e África.

Temos o deber de traballar tamén a nivel local para dar solucións a este problema, concellos como os de Barcelona, Sant Feliu de Llobregat, Sabadell e Valencia manifestaron a súa vontade de participar nunha rede de cidades-refuxio que acollan ás persoas refuxiadas que intentan achegarse a Europa pondo en grave perigo as súas vidas.

A presión social pode ser moi útil para romper a dinámica establecida por algúns gobernos, como o español, que afirman que non teñen medios suficientes para ampliar as súas cotas de aceptación de refuxiados. Tamén a presión social é útil para combater os brotes xenófobos contra as persoas refuxiadas que xorden en Europa, alentados por grupos e gobernos de extrema dereita. Debemos impulsar a acollida a estas persoas como esixencia da súa dignidade como persoas.

Ante esta situación de crise humanitaria provocada polas potencias mundiais e para evitar que o papel do noso país quede relegado a ser un dos participantes neste disparate humanitario no que se están regateando cifras de persoas co discurso de “efecto chamada”, cando por outra banda se aproveita dos territorios que expulsan ós migrantes, o Pleno Municipal ACORDA:

  1. PRIMEIRO:

    O Concello de Ponteareas declara a súa disposición a axudar e acoller como vila refuxio ás persoas que fuxan da guerra e a persecución nos seus países e solicitan asilo na Unión Europea e para iso adoptará as seguintes medidas:

    1. Creación dun grupo de traballo entre os servizos sociais municipais e outras organizacións locais para definir as medidas a adoptar desde o Concello, para poder acoller a persoas refuxiadas no municipio.

    2. Preparar unha relación de posibles lugares de acollida, preferentemente de propiedade municipal.

    3. Habilitar unha partida económica para as actuacións municipais a adoptar así como para colaborar coas organizacións que traballen na acollida a persoas refuxiadas.

  2. SEGUNDO:

    O Concello de Ponteareas, de acordo coa proposta de CEAR (Comisión Española de Axuda ao Refuxiado) esixe á Unión Europea e os seus Estados membro, especialmente ó Goberno de España, que poñan en marcha, con carácter urxente, as seguintes medidas:

    1. Desenvolver unha nova política de asilo e migración europea na que se priorice ás persoas e os dereitos humanos.

    2. Por en marcha unha operación de rescate e salvamento eficaz que conte cos medios e o alcance necesarios, cumprindo co deber de socorro, co fin de evitar máis mortes no Mediterráneo.

    3. Habilitar vías legais e seguras que garantan o acceso ao dereito de asilo ás persoas refuxiadas evitando que teñan que emprender travesías mortais para obter protección nun país seguro. Para isto é necesario:

      1. Reforzar os programas de re-asentamento en coherencia co número de refuxiados existente, asumindo un reparto equitativo e solidario entre todos os Estados.

      2. Garantir a posibilidade de pedir asilo en embaixadas e consulados nos países de orixe e tránsito.

      3. Activar políticas de concesión de visados humanitarios.

      4. Eliminar a esixencia do visado de tránsito para aquelas persoas que proceden de países en conflito. Facer realidade a Directiva Europea de Protección Temporal activando o mecanismo contemplado para facer fronte a emerxencias humanitarias.

      5. Abordar as causas que provocan os desprazamentos forzados, tanto por conflitos bélicos coma apropiación de recursos.

      6. Propor e por en marcha novos mecanismos non militarizados de xestión dos fluxos migratorios en Europa, e por ende en España.

  3. TERCEIRO:

    Comunicar o presente acordo á veciñanza do municipio, á CEAR, ao Goberno de España, a todos os Grupos Parlamentarios do Congreso de Deputados e á Comisión Europea.

ESQUERDA UNIDA DEFENDERÁ NO VINDEIRO PLENO A SÚA PROPOSTA DE AFORRO NO GASTO MUNICIPAL

EU-SONLINO COSTAS, CONCELLEIRO DE EU-SON, NON PERCIBIRÁ ADICACIÓN PARCIAL

Lino Costas, Coordinador Local de ESQUERDA UNIDA de Ponteareas e concelleiro de EU-son, levará ao vindeiro pleno do día 30 de xuño, unha proposta sobre as adicacións e as retribucións que perciben as concelleiras e concelleiros da vila.

Esta proposta, debatida e acordada na Asemblea Municipal de EU, suporía un aforro mínimo de 31.400€ anuais sobre a proposta da alcaldía.

As adicacións parciais que ata o de agora cobraban as portavocías da oposición quedarían suprimidas, xa que segundo a Lei de Bases de Réxime Local, ao non ostentar delegacións ou desenvolver responsabilidades que así o requiran, non teñen porqué percibilas.

Por outra banda, as adicacións que reciben as concelleiras e concelleiros que pertencen á Comisión de Goberno, e tendo en conta que estas se asignan en función das horas adicadas ao traballo político, estarán condicionadas ao número de horas do seu traballo remunerado fora do Concello, non superando en ningún caso as oito horas de xornada laboral diaria que a Asemblea Municipal de EU considera suficientes para calquera traballador ou traballadora.

Deste xeito, se unha concelleira ou concelleiro ten unha xornada laboral de catro horas, percibiría unha adicación por catro horas diarias; e se traballa oito horas, non podería asignárselle ningunha adicación ao ter cuberta xa a súa xornada laboral diaria.

Pola contra, se unha concelleira ou concelleiro está en situación de desemprego e non recibe ningunha prestación, podería percibir a totalidade da adicación parcial.

A Asemblea Municipal de EU considera que estas retribucións deben estar xustificadas para facilitar o desenvolvemento da actividade política, a cal nunca debería ser por afán de lucro.

INTERVENCIÓN DE LINO COSTAS NO ACTO DE INVESTIDURA COMO CONCELLEIRO

Lino Costas, primer concelleiro de EU en Ponteareas
Lino Costas, primer concelleiro de EU en Ponteareas

“Bo día, e ante todo, dar as grazas a todas as veciñas e veciños que, co seu voto a EU-Son, fixeron posible este feito histórico que por primeira vez, ESQUERDA UNIDA estea representada no Concello de Ponteareas.

Para despexar as dúbidas, por se quedara algunha, quero dicir que EU-Son vota a favor da investidura como alcalde do candidato do BNG, máis non forma parte da Comisión de Goberno. Esta foi unha decisión aprobada unanimemente na nosa Asemblea Municipal, decisión que eu comparto ao 100%.

A nosa decisión está motivada, en primeiro lugar, porque todas e todos coincidíamos na necesidade de desaloxar da alcaldía á dereita que leva gobernando dende sempre en Ponteareas coas súas consabidas prácticas escurantistas e caciquís que a caracterizan. Para poder avanzar cara a un Concello que de verdade estea ao servizo da veciñanza.

Por outra banda, tomamos a decisión de non formar parte da Comisión de Goberno porque somos conscientes da necesidade de que EU teña a súa propia voz no Concello. Se formáramos parte da Comisión de Goberno, poderían darse dúas situacións distintas: ou mantemos a nosa actuación limitada polos acordos que se tomen na Comisión de Goberno -na que estaríamos na máis absoluta minoría-, ou mantemos unha postura que, dadas as nosas diferenzas políticas cos outros partidos que xa forman parte da Comisión de Goberno, podería ser, as máis das veces, discordante con esta comisión, o que daría a imaxe de desunión no Goberno Municipal, que é o que máis lle interesa á dereita.

Isto non quere dicir que EU-Son, vaia ter unha actitude destrutiva con respecto á futura Comisión de Goberno. Apoiaremos o posicionarémonos en contra das súas decisións, dependendo unicamente de que estas nos parezan xustas ou non. E quero lembrar, que toda a miña actuación coma concelleiro, estará dirixida en todo momento pola Asemblea Municipal de EU-Son, instrumento do que forman parte toda a afiliación de EU, ademais de outras persoas de esquerdas.

Había quen, na campaña electoral, pedía que non se votara a EU, porque este non sería un voto útil. Nós sempre defendemos que votar a ESQUERDA UNIDA, por ser unha organización centrada nos intereses da clase traballadora, era o voto máis útil. Pero ademais, desta volta o voto a ESQUERDA UNIDA, foi útil para desaloxar ao PP da alcaldía do Concello de Ponteareas.

A entrada de EU no Concello de Ponteareas é un avance, sen dúbida, para a maioría social traballadora en xeral, e para a de Ponteareas en particular, independentemente de que nos votara a nós ou non. Estamos, sen dúbida, ante unha gran responsabilidade e poñeremos, e digo poñeremos porque sei que estarei apoiado no meu traballo institucional por tódalas compañeiras e compañeiros, todo o noso empeño e o noso esforzo para non defraudar a todas aquelas persoas que nos deron a súa confianza e acadar que cada vez sexan máis as que confíen en EU.

Grazas e saúde”.

EU-SON APOIARÁ A INVESTIDURA COMO ALCALDE DO CANDIDATO DO BNG

Lino Costas, Coordinador Local e concelleiro de ESQUERDA UNIDA
Lino Costas, Coordinador Local e concelleiro de ESQUERDA UNIDA

OS ACORDOS FORON UNÁNIMES NA ASEMBLEA MUNICIPAL DE EU

LINO COSTAS NON FORMARÁ PARTE DA COMISIÓN DE GOBERNO

A Asemblea Municipal de EU, analizou onte os resultados que se obtiveron nas pasadas Eleccións Municipais, nas que a candidatura presentada por Esquerda Unida Ponteareas, EU-Son, obtivo un concelleiro, recaendo esta responsabilidade na figura do Coordinador Local, Lino Costas.

A Asemblea considerou históricos os resultados obtidos, xa que por primeira vez en moitos anos a dereita tradicional foi desbancada desta localidade.

Respecto da invitación feita a Esquerda Unida-Son para participar na futura Comisión de Goberno, que estaría conformada por BNG, PsdeG-PSOE, ARDT e EU-SON, considerouse que o goberno e administración municipal corresponde ao conxunto do alcalde, concelleiras e concelleiros, tal como establece a lexislación vixente, e polo tanto por vontade do noso electorado, o concelleiro Lino Costas xa formará parte do goberno municipal independentemente da súa pertenza ou non, á Comisión de Goberno.

Rexeitouse a clasificación bipartidista propalada interesadamente polos partidos do réxime, de considerar goberno á Comisión de Goberno (que se configura coa lexislación vixente por decisión voluntaria do alcalde) e considerar oposición aos partidos non incluídos en dito órgano.

Baixo estas circunstancias Esquerda Unida – Son débese única e exclusivamente ao seu programa de defensa da maioría social traballadora de Ponteareas contra as políticas neoliberais que nos abafan, situándose aí o noso marco de actuación.

Ante esta conxuntura política, e dende unha perspectiva de esquerdas, temos o deber programático, moral e ético de facer todo canto estea na nosa man para evitar unha alcaldía do PP. Así, posicionámonos politicamente, e tras reflexionar e barallar todas as variantes posibles, a Asemblea Municipal de EU, resolveu apoiar co noso voto a alcaldía do BNG, xa que, sendo consecuentes coa elección dos votantes o BNG constitúese como forza mais votada, e non formar parte do Goberno Municipal ou máis estritamente, Comisión de Goberno.

Esta decisión baseouse na premisa de que o proxecto político de Esquerda Unida é diferente ao das forzas políticas mencionadas anteriormente e polo tanto, EU debe considerarse goberno para defender e levar a cabo o seu programa e oposición ás políticas neoliberais e debe realizar vida política propia, mais facilitando a gobernabilidade do Concello.

A Asemblea Municipal de EU ten claro que aceptar a nosa pertenza a unha Comisión de Goberno, que se configura coa lexislación vixente por decisión do alcalde, minguaría a nosa liberdade de actuación para a defensa do noso programa na súa integridade.

SATISFACCIÓN EN ESQUERDA UNIDA-SON POLA ENTRADA NO CONCELLO DE PONTEAREAS

NO QUE DE EU-SON DEPENDA O PP NON TERÁ A ALCALDÍA

Esquerda Unida foi premiada nestas eleccións locais polo seu traballo constante na defensa da maioría social traballadora, ao obter por primeira vez un concelleiro na vila, que ven a recaer no Coordinador Local desta formación, Lino Costas.

Dende Esquerda Unida-Son, queremos manifestar o noso agradecemento á confianza depositada en nos, confianza que esta organización de ningún xeito vai a defraudar e que entendemos coma un mandato veciñal para traballar aínda máis arreo na defensa do noso concello e da maioría social traballadora. Queremos salientar e agradecer tamén o intenso traballo a militantes e simpatizantes no desenvolvemento da campaña electoral.

Por outra banda, a perda de 1412 votos, por parte do PP e de 341 por parte de ACIP supón un importante retroceso da dereita máis rancia no Concello. Este resultado, trae como consecuencia o feito, tamén histórico, da perda por estas dúas formacións da maioría absoluta no Concello, ao sumar entre as dúas formacións 10 concelleiros, fronte aos 11 do resto dos partidos.

Dende Esquerda Unida-Son, queremos manifestar que faremos o que estea na nosa man para impedir que o PP en solitario ou en unión con ACIP logre a alcaldía.

Todas estas cuestións, serán debatidas o máis cedo posible polo Consello Político Local de EU en Ponteareas, e logo na Asemblea Municipal de EU-Son, órgano aberto á participación de persoas alleas a EU, e que será o encargado de dirixir a liña política desta organización no Concello.

PROGRAMA NUN MINUTO – EU-son Democracia participativa

EU-son presenta o seu programa para as eleccións do 24 de maio nun minuto. Aquí tan só é un minuto, pero no enlace que aparece máis abaixo podes consultar o programa completo. Un programa de esquerdas para a maioría social.

PROGRAMA

TV