Arquivo da etiqueta: Auga

ESQUERDA UNIDA ESIXE O CUMPRIMENTO DO ACORDO PLENARIO DE REMUNICIPALIZACIÓN DA AUGA

Esquerda Unida lembra que en decembro de 2018 o Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas acordou a proposta desta organización, iniciar o proceso de remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento.

O acordo de “Iniciar o expediente para a determinación da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento da auga e saneamento e depuración de augas residuais”, foi votado a favor por tódolos grupos que formaban parte, daquela, da Corporación Municipal e todos eles están presentes neste novo mandato.

Pola contra, a día de hoxe non se creou a comisión encargada de elaborar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión do servizo como paso previo á remunicipalización do mesmo.

Dada a complexidade do proceso, Esquerda Unida considera que non se debe demorar a súa tramitación, por iso levou a proposta a pleno con máis dun ano de antelación. Pola contra, o alcalde de Ponteareas parece non considerar urxente esta cuestión a pesares de que votou a favor dela. Lévanse perdidos xa oito meses sen que o alcalde fixera nada ao respecto, polo que Esquerda Unida teme que a intención do alcalde de Ponteareas e o seu equipo de goberno sexa a de obviar o acordo ata que chegue o punto de que o único que se poida facer sexa licitar un novo contrato.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA CONDICIONARÁ CALQUERA NEGOCIACIÓN DESPOIS DO 26M Á XESTIÓN PÚBLICA DA AUGA.

portadas-premunicipales-Galicia-fb

Esquerda Unida de Ponteareas manifesta que tras as eleccións municipais do 26 de maio, porá como condición inescusable en calquera negociación de cara a formar goberno, a de poñer en marcha o proceso de remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento aprobado polo pleno.

Esquerda Unida lembra que en decembro de 2018 presentou no pleno unha proposta para que se iniciara o expediente para a determinación “da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais”, como paso previo á remunicipalización destes servizos. A proposta de Esquerda Unida foi aprobada polo pleno por unanimidade, pero case seis meses despois o concello aínda non iniciou o proceso, algo que soamente se explica pola vontade privatizadora mostrada pola Xunta de Goberno neste mandato.

Como xa explicaba Esquerda Unida en decembro de 2018, para poder recuperar a xestión directa do servizo de abastecemento e saneamento, a lexislación esixe unha tramitación que pode ser complexa, por iso foi entón, cando quedaba pouco máis de un ano para o remate do contrato coa actual empresa xestora, Viaqua, cando Esquerda Unida presentou a proposta a pleno para poder facer o proceso co tempo suficiente. Dende a organización de esquerda consideran que aínda que se perdeu un tempo precioso dende decembro do ano pasado sen avanzar nesta cuestión, o Concello de Ponteareas aínda está a tempo de levar adiante esta remunicipalización que tan beneficiosa pode ser para a veciñanza de Ponteareas.

Esquerda Unida lembra que ao xestionar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración a través dunha empresa privada, hai que garantirlle á concesionaria unha rendibilidade durante toda a vixencia do contrato. Hai que garantirlle uns beneficios.

Polo tanto, este compromiso que adquire o concello cunha empresa privada condiciona a mesma prestación do servizo, o que fai que o concello non poida variar a prestación do mesmo por moito que varíen as condicións sociais ou económicas do servizo público. E de aí ven que en Ponteareas estea establecido un consumo mínimo de 15 metros cúbicos ao mes, un consumo mínimo desproporcionado que a veciñanza de Ponteareas ten que pagar aínda que non o consuma e que ademais vai totalmente en contra de calquera idea de xestión sostible e responsable da auga. Soamente dende a xestión pública se podería mellorar o servizo, racionalizar o consumo e o cobro do servizo e garantir o respecto aos dereitos laborais.

ESQUERDA UNIDA INSISTE NA REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO DA AUGA

O CONCELLO DE PONTEAREAS DEBERÁ INICIAR O PROCESO NO SERVIZO DE ABASTECEMENTO E SANEAMENTO

O pasado 18 de decembro, o Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade a proposta de EU de iniciar o expediente para a determinación da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento da auga e saneamento e depuración de augas residuais. Segundo a lexislación vixente, este será o primeiro paso para chegar á remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento.

Despois deste acordo plenario, deberá ser o alcalde de Ponteareas quen inicie o proceso creando a comisión encargada de elaborar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. Deberán formar parte desta comisión membros da corporación municipal e técnicos municipais, ademais do apoio técnico externo para elaborar o documento.

O contrato de xestión do saneamento e de abastecemento de auga potable coa actual empresa xestora remata no ano 2020, motivo polo que ESQUERDA UNIDA considera que se debe aproveitar este momento para recuperar a xestión do servizo de abastecemento e saneamento directamente dende o concello, motivo polo que levou esta proposta a pleno.

EU afirma que os servizos públicos non deben estar condicionados por ningún interese empresarial e máis tratándose de servizos básicos como son o abastecemento de auga potable e o saneamento. Por outro lado, entende tamén que o modo de xestión directa é máis sostible economicamente. Isto é algo que o propio Tribunal de Cuentas demostrou no seu informe do sector local de 2011. É algo tan sinxelo como que no modo de xestión indirecta, a través dunha empresa privada, garantirlle á concesionaria unha rendibilidade durante toda a vixencia do contrato. Hai que garantirlle uns beneficios.
É máis: este compromiso que adquire o concello cunha empresa privada, condiciona a mesma prestación do servizo, o que fai que o concello non poida variar a prestación do mesmo por moito que varíen as condicións sociais ou económicas do servizo público. E de aí ven que en Ponteareas estea establecido un consumo mínimo de 15 metros cúbicos ao mes, un consumo mínimo desproporcionado que a veciñanza de Ponteareas ten que pagar aínda que non o faga e que ademais vai totalmente en contra de calquera idea de xestión sostible e responsable da auga.

Agora, despois da aprobación deste acordo plenario, é responsabilidade da xunta de goberno, e máis concretamente do alcalde de Ponteareas, levar adiante este procedemento. ESQUERDA UNIDA insiste en que este se inicie o antes posible.

ESQUERDA UNIDA TRABALLA CONTRA A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS DA AUGA

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas rexistrou unha proposta no Concello para iniciar o proceso de remunicipalización dos servizos de abastecemento de auga potable e de saneamento e depuración.

Estes servizos son xestionados pola empresa Viaqua, anteriormente Aquagest, dende o ano 1989. Nun principio a empresa concesionaria xestionaba unicamente o servizo de abastecemento de auga potable, pero no ano 1998 ampliouse o contrato ao saneamento e depuración de augas residuais, prorrogándoo ademais ata o ano 2020 e posteriormente, no ano 2013, ampliouse á xestión da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). Cabe lembrar que esta última ampliación do contrato que o estendeu á xestión da ETAP, motivou que se rexistrara o Concello de Ponteareas no marco da investigación da Operación Patos. Naquel rexistro, axentes de aduanas incautaron a documentación relativa ao expediente de contratación do Concello de Ponteareas con Viaqua, documentación que a día de hoxe non foi devolta polo xulgado.

Tendo en conta que o contrato coa empresa concesionaria remata no ano 2020 e dada a tramitación esixida legalmente para poder recuperar o servizo, EU considera que o proceso de remunicipalización debe iniciarse xa mesmo para poder recuperar para o Concello a xestión do servizo. Para isto, a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, esixe que se determine a “forma máis sostible e eficiente” de xestionar o servizo, o que obriga á creación dunha comisión que elabore unha memoria a ese respecto.

Para ESQUERDA UNIDA, a auga é un ben público básico que nunca debeu saír da xestión pública e que non debe estar condicionado polos intereses do mercado. EU considera que a remunicipalización deste servizo fará unha maior racionalización do mesmo, cambiando as actuais tarifas que establecen un consumo mínimo excesivo; mellorará a xestión do mesmo e garantirá unhas condicións laborais dignas para os traballadores e traballadoras do mesmo.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A FALTA NOS ORZAMENTOS DE PARTIDAS APROBADAS EN PLENO

ABSTÍVOSE NA VOTACIÓN DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

coin-590721_1280

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas non apoiou, co voto do concelleiro Lino Costas, os orzamentos municipais presentados no pleno deste martes. Isto débese á decisión da Asemblea Municipal de EU, que considera inadmisible a ausencia de partidas económicas aprobadas xa en plenos anteriores.

Estes orzamentos que presentou a xunta de goberno (BNG, PSOE, ARDT) non contemplan por exemplo a partida económica para as actuacións municipais e colaboracións coas organizacións que traballen na acollida a persoas refuxiadas, aprobada en setembro do pasado ano; ou a partida económica para accións diretas e estructurais contra a violencia de xénero, aprobada en decembro tamén do pasado ano; e a partida do estudo para avaliar as posibilidades de implantar sistemas de depuración natural de augas nas poboacións rurais de Ponteareas, aprobada en xaneiro.Todas elas de mocións presentadas por EU-son e todas elas aprobadas por unanimidade das presentes.

ESQUERDA UNIDA tamén botou en falta nestes orzamentos unha partida para o comedor escolar do Bouza Brey, garantido polo concello para setembro tras o acordo plenario de marzo, tamén por unanimidade das presentes.

Sobre algúns dos acordos incumpridos, EU de Ponteareas xa preguntou por escrito ao concello en novembro de 2015 e a día de hoxe non hai resposta, aínda que a lei contempla que se debe responder en cinco días.

O Pleno Municipal é o máximo órgano de representación da cidadanía de Ponteareas e correspóndelle ao alcalde e membros da xunta de goberno cumprir e facer cumprir os acordos acadados no mesmo. ESQUERDA UNIDA considera dunha irresponsabilidade política moi grave a indiferenza que mostran os tres partidos pertencentes á xunta de goberno para levar a cabo este traballo e garantir así un goberno democrático onde todas as veciñas e veciños da localidade estean representadas.

Por outra banda, os orzamentos presentados melloran os do ano anterior e contemplan subidas importantes -aída que insuficientes- en partidas como a de emerxencia social, polo que o voto do concelleiro Lino Costas non será o que impida a súa aprobación, dacordo coa decisión da Asemblea Municipal de EU.

ESQUERDA UNIDA PROPORÁ AO VINDEIRO PLENO AS DEPURADORAS NATURAIS

forest-362785_1920

MOCIÓN PARA O ESTUDO DE IMPLANTACIÓN DE DEPURADORAS NATURAIS NO CONCELLO DE PONTEAREAS.

Ponteareas é un municipio onde a metade da súa poboación habita dispersa no medio rural. Estas veciñas e veciños son imprescindibles para o mantemento da vida no noso rural e teñen dereito a ter o mesmo acceso ós servizos que as veciñas e veciños do núcleo urbano. Un dos servizos básicos que cada persoa debe ter asegurada é a da depuración das augas utilizadas nas súas vivendas, e ten que ser prestado tanto para unha persoa que habita na vila como para outra que habita no rural. Porén, a forma habitual de dar este servizo no rural resulta agresivo medioambientalmente e ineficiente economicamente. O resultado e o costo de centralizar todas as augas negras das diferentes poboacións rurais nunha soa depuradora mediante colectores de kilómetros de lonxitude non é a mellor opción medioambiental nin económica. Require dunha obra custosa, dunha depuradora sobredimensionada, e dun gasto eléctrico importante para aqueles colectores que deban salvar dificultades orográficas. Outra alternativa, a das minidepuradoras, implica un custo de mantemento completamente inasumible que remata coa falla da actividade da mesma.

Nas últimas décadas veñen de ser implantadas formas alternativas de depuración en ámbitos rurais e de poboación dispersa. Trátase da depuración natural, a cal ven de adoptarse con éxito en diversas localidades europeas e mesmo do Estado español. Baixo a denominación de sistema natural de depuración englóbanse aqueles procedementos e técnicas nos que a eliminación das substancias contaminantes presentes nas augas residuais urbanas prodúcense por compoñentes do medio natural, sen empregarse no proceso ningún tipo de aditivo químico. Pódense diferenciar dous grandes grupos de técnicas de depuración natural: os métodos de tratamento mediante aplicación do auga sobre o terreo, e os sistemas acuáticos. En todos eles, o efecto depurador débese á acción combinada da vexetación, do solo e a dos microorganismos presentes en ambos, e en menor medida, á acción de plantas e animais superiores.

Os procedementos naturais caracterízanse, en xeral, pola súa escasa necesidade de mantemento, consumo enerxético reducido e baixa produción de lodos. Requiren maior superficie de terreo dispoñible que os métodos convencionais (entre 4 e 40 m 2 /habitante equivalente) o que limita o seu uso ós pequenos núcleos de poboación onde a presión urbanística é menor.

Entre os métodos de tratamento no terreo, inclúense habitualmente os seguintes:

  • Filtro verde.
  • Infiltración rápida.
  • Escorrentía superficial.
  • Leitos de turba.
  • Leitos de area.

A característica común a todos eles é que a depuración acádase a través dos procesos físicos, químicos e biolóxicos naturais, desenvolvidos nun sistema planta–solo–auga. O avance no coñecemento dos mecanismos de ditos procesos permitiron desenvolver criterios científicos de deseño e operación para estes sistemas de depuración.

Os chamados métodos acuáticos baséanse na creación dun fluxo controlado de auga residual, no que microorganismos e plantas principalmente, transforman os contaminantes.

Inclúen tres tipos básicos:

  • Lagoaxes.
  • Humedais.
  • Cultivos acuáticos.

Con todo, este grupo municipal trae ó pleno esta moción para chegar ós seguintes acordos:

  1. O Concello de Ponteareas levará a cabo un estudo para avaliar as posibilidades de implantar sistemas de depuración natural de augas nas poboacións rurais de Ponteareas. A tal efecto, reservarase a correspondente partida nos orzamentos do 2016.
  2. O Concello de Ponteareas exporá ao equipo redactor do PXOM a necesidade de reservar terreo co gaio de implantar sistemas de depuración natural.
  3. O Concello de Ponteareas tratará en sesión plenaria o resultado do estudo do primeiro acordo para acordar a implantación ou non dos sistemas de depuración natural.

ESQUERDA UNIDA TRABALLARÁ POLA REMUNICIPALIZACIÓN DA ETAP DE PONTEAREAS

O CONCELLO DEBE REVOCAR O CONTRATO CON AQUAGEST SE ESTE É ILEGAL

De ser demostradas as graves irregularidades que a UDEF imputa ao ex-alcalde de Ponteareas, Salvador González, á hora de adxudicar a xestión da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ponteareas, ESQUERDA UNIDA instará á actual Xunta de Goberno a revocar o contrato coa empresa Aquagest e iniciar o proceso de remunicipalización da xestión de dita ETAP.

O contrato de xestión da potabilizadora de Ponteareas, se non saíu a licitación pública non cumpre a legalidade, polo que debe ser considerado nulo de acordo coa lexislación, tal e como di o artigo 61.2 da Lei do Réxime Xurídico das Administracións e do Procedemento Administrativo Común.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA de Ponteareas, instará á Xunta de Goberno a iniciar os trámites de anulación do contrato e a remunicipalización do servizo.

ESQUERDA UNIDA non aceptará ningún tipo de escusa neste sentido nin apoiará que se faga un novo proceso de licitación de contrato, se non que reclamará a remunicipalización do servizo.

O GRUPO PARLAMENTAR DE AGE PRESENTOU UNHA SERIE DE INICIATIVAS SOBRE O VERTIDO AO TEA PROVOCADO POR AUGAS DE MONDARIZ

EU CONSIDERA QUE A XUNTA DE GALICIA COMPARTE RESPONSABILIDADE, XUNTO CON AUGAS DE MONDARIZ, NO ACONTECIDO

EVA SOLLA E ANTÓN SÁNCHEZ PREGUNTAN Á XUNTA DE GALICIA SE O VERTIDO PUIDO AFECTAR Á AUGA DA TRAÍDA MUNICIPAL DE PONTEAREAS

Eva Solla, deputada de AGE no Parlamento de Galicia
Eva Solla, deputada de AGE no Parlamento de Galicia

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda rexistrou, a iniciativa de Esquerda Unida de Ponteareas, unha Proposición Non de Lei e unha batería de preguntas parlamentarias en relación ao vertido no Tea do pasado 1 de agosto, procedente de Augas de Mondariz.

Na PNL rexistrada, AGE insta ao Goberno da Xunta de Galicia a esclarecer as circunstancias nas que se produciu o vertido, pescudar se anteriormente se produciron vertidos non autorizados ao rio Tea, coñecer o alcance do dano ecolóxico, establecer as medidas necesarias para que non se volvan a dar este tipo de situacións e a comprobar que Augas de Mondariz materialice ditas medidas.

Así mesmo, AGE tamén preguntou ao goberno galego, se o vertido de sosa afectou á calidade da auga da traída municipal de Ponteareas, xa que esta é bombeada rio abaixo de onde se produciu o vertido. Rexistráronse tamén outras preguntas, como, se Augas de Mondariz conta coa correspondente autorización de vertido, se abriu expediente sancionador a esta empresa, se xa estableceu as modificacións necesarias na planta, se xa se levaron a cabo as medidas necesarias para a recuperación do hábitat do Tea e se repercutiu na empresa Augas de Mondariz os custes de tales medidas.

Dende Esquerda Unida de Ponteareas, consideramos que as agresións que está a sufrir o rio Tea en forma de todo tipo de vertidos, son froito do desinterese das administracións publicas, tanto a Xunta de Galicia como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, á hora de protexer o entorno do río, máis interesadas en gastar diñeiro público en facer sendas para darse autobombo, que en erradicar dunha vez os vertidos.

ESQUERDA UNIDA REXISTROU UNHA MOCIÓN PARA QUE O CONCELLO DE PONTEAREAS ESIXA ACTUACIÓNS Á XUNTA RESPECTO A AUGAS DE MONDARIZ

dead-fish-hiPONTEAREAS CAPTA A AUGA DA TRAÍDA DE AUGAS MAIS ABAIXO DE ONDE SE PRODUCÍU O VERTIDO DE SOSA

O Coordinador de Esquerda Unida de Ponteareas, Lino Costas, rexistrou unha moción no Concello para a súa aprobación no vindeiro pleno, onde se insta á Xunta de Galicia a tomar medidas con respecto ao vertido de sosa acontecido o pasado 1 de agosto, procedente da planta de Augas de Mondariz.

Lembramos que a auga do servizo da traída municipal de Ponteareas é captada en boa parte no río Tea, polo que o Concello de Ponteareas é o primeiro interesado na boa calidade das augas do río.

Na moción rexistrada por Esquerda Unida, ínstase á Xunta de Galicia a que aclare as circunstancias nas que se produciu o vertido, que determine o alcance do dano ecolóxico e se o vertido afectou á calidade da auga da traída municipal, ademais de investigar se se estiveron producindo máis vertidos, e determinar as modificacións necesarias na planta para que estes feitos non se volvan producir.

MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O vertido producido o pasado venres 1 de agosto de 2014 no río Tea, procedente da planta de Augas de Mondariz, que levou a morrer a milleiros de peixes, é especialmente grave, tanto pola enorme cantidade de produto tóxico vertido ao río, como polos danos producidos e por tratarse dunha zona de especial protección. A ribeira do Tea é un espazo natural protexido, ao estar integrado na Rede Natura 2000 como LIC Tea.

Atribuír o vertido a un erro dun operario, agora imputado pola garda civil, é un intento descarado por parte da empresa de eludir a súa responsabilidade. Téntase, coma sempre, facer recaer a culpa sobre un membro da clase traballadora. Augas de Mondariz tiña que ter medidas de seguridade que impediran que un simple erro se poida converter nunha catástrofe ecolóxica.

Máis alá de que o vertido puidera producirse por un erro dun operario, é a empresa a que ten o deber de adoptar medidas preventivas e destinadas a evitar novos danos, de acordo coa Lei 26/2007, de 23 de outubro, de Responsabilidade Medioambiental, tal e como establece o Artigo 17. “Obrigas do operador en materia de prevención e de evitación de novos danos”, nos seguintes puntos:

  1. Ante unha ameaza inminente de danos ambientais orixinada por calquera actividade económica ou profesional, o operador desa actividade ten o deber de adoptar sen demora e sen necesidade de advertencia, de requirimento ou de acto administrativo previo as medidas preventivas apropiadas.
  2. Así mesmo, cando se producisen danos ambientais causados por calquera actividade económica ou profesional, o operador de tal actividade ten o deber de adoptar nos mesmos termos as medidas apropiadas de evitación de novos danos, con independencia de que estea ou non suxeito a obriga de adoptar medidas de reparación por aplicación do disposto nesta lei.

Por outra banda, a Xunta de Galicia, como autoridade competente, é tamén directamente responsable destes feitos tal come se establece o Artigo 18 da citada Lei:
“Artigo 18. Potestades administrativas en materia de prevención ou de evitación de novos danos.
A autoridade competente, cando considere que existe ameaza de danos ou de produción de novos danos, poderá adoptar en calquera momento, e mediante resolución motivada ditada de conformidade co establecido no capitulo VI, calquera das seguintes decisións:

a) Esixirlle ao operador que facilite información sobre toda ameaza inminente de produción de dano ambiental cando existan indicios de que se vai producir.
b) Esixirlle ao operador que adopte inmediatamente as medidas encamiñadas a previr e a evitar tales danos e requirir o seu cumprimento.
c) Darlle ao operador instrucións de obrigado cumprimento sobre as medidas de prevención ou de evitación de novos danos que deba adoptar ou, se e o caso, deixar sen efecto.
d) Executar, a custa do suxeito responsable, as medidas de prevención ou de evitación cando concorran as circunstancias previstas nos artigos 23 e 47”.

Ademais, o citado vertido produciuse a poucos quilómetros río arriba da estación de bombeo, no mesmo río Tea, que subministra a auga da traída municipal do Concello de Ponteareas, de xeito que a calidade e/ou salubridade da mesma puido verse afectada. Polo tanto, aínda que a planta de Augas de Mondariz se atope no concello de Mondariz, a potencial, ou neste caso real, perigosidade da súa actividade, afecta directamente ao Concello de Ponteareas.

Sendo competencia do Concello, segundo a Lei de Bases de Réxime Local, o abastecemento de auga potable, é responsabilidade deste velar pola súa salubridade.

Por todo iso, elévanse ao Pleno o seguinte:

ACORDO

O Pleno Municipal de Ponteareas insta á Xunta de Galicia a que, de acordo coa Lei 26/2007, de 23 de outubro, de Responsabilidade Medioambiental tome as medidas necesarias para:

  1. Esclarecer as circunstancias nas que o pasado venres 1 de agosto de 2014 vertéronse 3000 Kg de sosa cáustica no río Tea procedentes da planta de Augas de Mondariz.

  2. Coñecer o alcance do dano ecolóxico, o tempo necesario para a recuperación do ecosistema fluvial e executar, no caso de ser necesario, accións que a favorezan.

  3. Determinar si este vertido afectou á calidade da auga da traída municipal bombeada augas abaixo dende a Freixa, en Ponteareas.

  4. Descubrir si previamente a este vertido puideron estar producíndose dende esta planta, outros vertidos nocivos, calquera que sexa a súa natureza, que non chegaran a ser detectados.

  5. Determinar a gravidade das infraccións, de acordo co Art.87.-Criterios para a determinación e a gradación da infracción, da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, de cara á aplicación das correspondentes sancións.

  6. Establecer as modificacións necesarias na planta envasadora de Augas de Mondariz, para que esta poida seguir desenrolando a súa actividade sen supoñer un risco para o medio ambiente.

  7. Comprobar que nas instalacións da planta de Augas de Mondariz, sitas no Concello de Mondariz, estanse a realizar as necesarias modificacións nas súas instalacións de cara a evitar no futuro calquera vertido nocivo para o medio ambiente.

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA QUE OS VECIÑOS E VECIÑAS AFECTADAS POLAS ROTURAS NON DEBERÍAN TER QUE ASUMIR O SEU COSTE

 

Dende Esquerda Unida de Ponteareas queremos manifestar a nosa disconformidade co feito de que os veciños e veciñas afectadas por roturas nas instalacións de auga nas súas vivendas debido ao exceso de presión, teñan que facerse cargo dos costes da reparación.

A responsabilidade do servizo da auga, que debería chegar en óptimas condicións de presión e salubridade é da concesionaria ata chegar á toma doméstica. O Concello de Ponteareas debe instar á empresa concesionaria a facerse cargo dos desperfectos causados polo exceso de presión. O coordinador de EU Ponteareas considera que “é inadmisible que as persoas encargadas de xestionar o público en beneficio do pobo lexislen de cara a garantir o lucro dunha empresa privada a costa dos recursos dos veciños e das veciñas, unha mostra máis dos intereses que defende o PP”.

Dende Esquerda Unida, lembramos que a xestión pública do servizo da auga, sen ningunha empresa lucrándose polo medio, é máis barata e eficiente. Por iso, EU traballará pola súa remunicipalización.

En todo caso, o Concello de Ponteareas ten que elababorar un regulamento do servizo de subministración da auga potable que evite no futuro calquera dúbida ao respecto.