Arquivo da etiqueta: Concentracións

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA DESPROPORCIONADAS E INXUSTAS AS CONDENAS A DOUS VECIÑOS DE PONTEAREAS VÍTIMAS DA “LEI MORDAZA”

TESTEMUÑAS ASEGURARON QUE NON EXISTIRON AS AGRESIÓNS

O POLICÍA LESIONADO NON PUIDO ACREDITAR QUE FORA AGREDIDO POR NINGÚN DOS ACUSADOS

Dende Esquerda Unida de Ponteareas queremos manifestar a nosa repulsa ás condenas interpostas a dous veciños do concello polos feitos acontecidos en marzo de 2013 cando se produciu un alboroto entre a veciñanza que tentaba acceder ao Pleno e a policía local.

Un destes veciños foi acusado de producirlle lesións a un policía, polo que foi condenado a pagarlle unha indemnización de 1.550€ e a unha multa de 2.400€ e o outro a nove meses de cadea, por unha suposta agresión a outro axente.

O feito é que, en ambos xuízos, testemuñas presenciais declararon que en ningún momento existiron tales agresións, se non que as lesións producidas ao policía foron resultado da súa caída no momento de producirse o desorden entre a policía e a multitude, máis non produto de ningunha agresión directa por parte de ningún dos acusados.

Os que declararon no xuízo que estas agresións si se produciron non foron outros que os propios policías que estaban alí nese momento e que, por outra banda, hai que lembrar que son subordinados xerárquicos do policía lesionado.

Atopámonos aquí ante unha das consecuencias da “Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá” aprobada polo PP, popularmente chamada “Lei Mordaza”. No artigo 52 desta lei, establécese que as declaracións dos axentes da autoridade constituirán base suficiente para adoptar a resolución que proceda. É dicir, que as declaracións da policía son suficientes, sen necesidade de proba e aínda que haxa testemuños contrarios, para que un xuíz emita unha sentenza condenatoria.

Ao mesmo tempo, tamén queremos manifestar a nosa sorpresa e indignación polo feito de que fora a acusación particular, é dicir, o Concello de Ponteareas, quen solicitara a condena de cadea para un dos acusados cando a propia fiscalía non o considerou.

Por todo iso, dende Esquerda Unida de Ponteareas manifestamos o noso total rexeitamento a estas condenas e o noso máis absoluto rexeitamento da chamada Lei Mordaza por ser un procedemento administrativo que legaliza a criminalización e persecución das mobilizacións e crea un instrumento gubernamental, para imposibilitar dereitos democráticos básicos como a liberdade de expresión e de manifestación que recolle a constitución como dereitos fundamentais. Que supón un claro retroceso social, un anacronismo constitucional, un rancio concepto de orde pública e un claro atentado contra dereitos e liberdades democráticos, que son perseguidos en procedementos sancionadores que pretenden impedir a protesta, a crítica e a demostración cívica de desacordo político.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA APOIA A MOBILIZACIÓN DO ALUMNADO DO IES PEDRA DA AUGA

educacion

O alumnado de electromecánica do IES Pedra da Auga atópase en folga dende o pasado luns. Esta foi a medida á que se viron obrigadas a consecuencia da pasividade da Consellería de Educación. Dende que vai tres meses, un incendio destruíu boa parte das instalacións e ferramentas, aínda non se lles repuxo o material. Isto deu lugar a unha situación totalmente insostible. Comparten un mesmo taller máis de corenta alumnos e alumnas de distintos ciclos. Non teñen ferramentas para todos e teñen que facer quendas para utilizalas. Ademais, entre distintas materias, teñen que recoller toda a ferramenta e material. Isto levou, a que na actualidade lles resulte imposible facer as prácticas necesarias para sacar o curso adiante.

A pasividade da Consellería de Educación, que neste tempo non deu mostras de solucionar a situación, provoca que o alumnado de electromecánica do Pedra da Auga poda perder o actual curso.

Esta situación enmárcase no proceso de destrución da Educación Pública na que está empeñado o Goberno da Xunta de Galicia do Partido Popular. Baste lembrar que nos orzamentos para o 2016, aprobados en solitario polo PP, contemplase unha redución de 700.000 euros da partida adicada a reparación e mantemento dos centros educativos públicos. Ao mesmo tempo que aumentaron en 6 millóns de euros a partida destinada ao ensino privado.

Por todo isto, dende ESQUERDA UNIDA felicitamos a mobilización do alumnado do IES Pedra da Auga, xa que soamente con mobilización poderase poñer freo aos intentos do PP de acabar coa educación pública. Así mesmo, animamos a toda a comunidade educativa a apoiar estas mobilizacións, xa que somentes unida e na rúa, poremos na obriga á Consellería de Educación a dar unha solución.

ESQUERDA UNIDA SOLIDARÍZASE COAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE FCC-PONTEAREAS

Concentración do persoal de FCC o derradeiro 29M
Concentración do persoal de FCC o derradeiro 29M

EU DENUNCIA OS ABUSIVOS SERVIZOS MÍNIMOS ESTABLECIDOS POLO ALCALDE GONZÁLEZ SOLLA E TRABALLARÁ POLA REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO

ESQUERDA UNIDA solidarízase coa loita do persoal de FCC-Ponteareas por mellorar as súas condicións laborais.

As penosas condicións de baixos salarios e insuficientes descansos vense empeoradas pola privatización do servizo acordada no seu día polos partidos da corporación ponteareá.

Dende ESQUERDA UNIDA, consideramos que a orixe do problema ven das condicións de traballo do equipo laboral antes da privatización e tamén da propia privatización, xa que o Concello non incluíu ningún tipo de cláusula social no contrato de cara a esixir unhas boas condicións laborais para as persoas empregadas da empresa contratista.

Correspóndelle ao alcalde e actual corporación facer a mediación necesaria para que as reivindicacións das traballadoras e traballadores de FCC sexan debidamente atendidas. Todo o contrario do feito por Solla, quen se puxo de parte da empresa, establecendo uns servizos mínimos abusivos.

O coordinador local Lino Costas, a partir da constitución da nova corporación, retomará con novos recursos o traballo político de lograr a remunicipalización deste servizo.

ESQUERDA UNIDA CELEBRA O ÉXITO DA MOBILIZACIÓN DA PERSOAL DE KAUMAN

DEIXARÁN AS CONCENTRACIÓNS XA QUE CHEGARON A UN ACORDO COA EMPRESA

Dende Esquerda Unida queremos manifestar a nosa felicitación ás e aos traballadores da empresa Kauman en Ponteareas, por ter acadado, grazas á súa mobilización, un acordo satisfactorio.

Finalmente, a empresa cedeu a unha suba salarial do 2.5% para este ano e negociarase partindo do 1.5% o salario de 2016.

Quedan aquí, demostradas dúas cousas:

Que non era certo o manifestado dende a dirección da empresa, que alegaba que era imposible unha suba salarial por riba do 1,5%. O único certo é que a empresa actuaba coma sempre fan, intentando arrancar o máximo beneficio das traballadoras e traballadores e retribuírlles o menos posible.

Que a mobilización é imprescindible para a defensa dos intereses da clase traballadora. Bastou neste caso unha mobilización a través de concentracións e a previsión dunha manifestación, ademais da posibilidade de entrar en folga, para que a empresa cedera. De non mobilizarse contra unha decisión por parte da empresa que consideraban inxusta, non lograrían nada disto e cederían esa pequena parte do valor do seu traballo.

É un pequeno logro en canto á retribución salarial, pero o máis importante é a digna mensaxe enviada por esta representación da clase traballadora que non está disposta a deixarse asoballar.

ESQUERDA UNIDA APOIA AS REIVINDICACIÓNS DOS TRABALLADORES DE KAUMAN

MOBILÍZANSE POR UN INCREMENTO SALARIAL

Os traballadores da factoría de Kauman en Ponteareas mobilízanse dende hai unha semana, por un incremento salarial do 3% para este ano e o seguinte, o que suporía cobrar uns 30€ máis ao mes.

Neste momento están facendo concentracións ás portas da empresa, máis xa teñen prevista unha manifestación e tomarán outras medidas segundo o que acorden en asemblea.

Dende a dirección alegan, para negarse a este incremento salarial, que isto suporía a ruína para a empresa, pero non é certo. A empresa xera beneficios dos que, de feito, reparte unha cantidade entre o equipo directivo e os grupos altos da táboa salarial a través dos chamados Complementos de Posto de Traballo (CPT), xerando así unhas diferencias salariais de tres a un. Coma sempre, os traballadores que están a pé de fábrica quedan fora deste reparto e teñen que conformarse, segundo a empresa, cun 1.5% de incremento salarial, e soamente para este ano.

Nestes tempos, queren facernos crer á clase traballadora, que temos que agradecer un posto de traballo, o que temos de agradecer é que existan traballadores e traballadoras que non se conformen ou que se limiten a unha loita defensiva do seu posto de traballo. Loita, por outra parte, moi digna e necesaria tamén.

Sen dúbida, xurdirán voces desinformadas, voces enganadas polo discurso do capital, que consideren a estes traballadores uns privilexiados e que deberían conformarse con cobrar 1000€ mensuais. Pero o certo, é que o que reivindican estes traballadores, non é máis que unha ínfima parte do valor que están a xerar co seu propio traballo.

Por iso, a súa loita é unha loita pola dignidade, unha loita que non é solo súa, se non que nela estamos representados e representadas o conxunto da clase traballadora.

Dende Esquerda Unida apoiamos totalmente as reivindicacións dos traballadores de Kauman e chamamos a toda a veciñanza a apoialos nas súas mobilizacións.

25N, POR UNHA SOCIEDADE LIBRE DE VIOLENCIA DE XÉNERO

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS REXISTRA UNHA MOCIÓN NO CONCELLO POLO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O vindeiro día 25 de novembro é o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Un ano máis, este día convértese nun día de denuncia da violencia contra as mulleres, a violencia sexista e machista, que non ten tregua.

Tamén temos que denunciar este día a violencia institucional que se exerce contra as mulleres a través de medidas que inciden directamente nas súas vidas: a reforma regresiva das normas laborais e da lei de aborto.
Días como este, deben servir canto menos, para remover conciencias e analizar de maneira estrutural, e preguntarse por que a pesar de que na teoría a violencia de xénero é rexeitada dende calquera ámbito político, é aínda, unha lacra endémica que xunto coa desigualdade, móstranse como elementos inseparables. Esta lacra require medidas específicas e especiais que proporcionen ás mulleres elementos de prevención e protección reais e a sociedade conciencia e cultura política para rexeitar todo tipo de violencia e, en particular, a violencia machista.

En moitas partes do mundo as mulleres atópanse nunha situación insostible de negación de dereitos, que as oculta, as empobrece e as sitúa nun continuo risco, incluso institucionalizado, de violencia extrema, de explotación sexual, de agresións, violacións, asasinatos e execucións.
A deriva conservadora e patriarcal nas posicións políticas do goberno ameaza coa modificación regresiva da Lei do Aborto, impoñen a corresponsabilidade irreal nas obrigas familiares e os recortes en recursos de protección social e en programas de igualdade. Padecemos a Lei de Familia, que elimina dereitos as mulleres fomentando, dende as institucións, un rol retrograda; ao mesmo tempo que vítimas de agresións machistas non teñen acceso a axudas debidos aos recortes. Ponse de manifesto máis aínda, que a loita pola igualdade entre mulleres e homes , é a loita contra a violencia machista.

Por todo isto EU de Ponteareas rexistrou unha moción no Concello para que o pleno acorde e esixa que a loita contra a erradicación da violencia ás mulleres sexa unha prioridade nas axendas políticas e institucionais. Para que se comprometa decididamente e con propostas concretas e reais a centrar os seus esforzos en consolidar a igualdade e a non violencia machista a través de Plans anuais que teñan un reflexo específico e xeral nos Orzamentos Municipais, reforzando os recursos económicos, materiais e humanos. E para que poña a disposición da cidadanía todos os mecanismos persoais e materias públicos necesarios e ao seu alcance, para a prevención da violencia machista e a atención integral das vítimas da mesma.

Facemos un chamamento á poboación a mobilizarse na concentración convocada polo Círculo de Debate Feminista ás 20:00 no Concello ou a manifestación que terá lugar en Vigo, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres e que sairá tamén ás 20:00 da Farola de Urzáiz.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS APOIA ÁS MOBILIZACIÓNS DAS NAIS E PAIS DO CEIP RAMIRO SABELL MOSQUERA

COMO CADA VENRES, UNHA REPRESENTACIÓN DE EU, ESTIVO NO XANTAR REIVINDICATIVO

Hoxe venres, o Coordinador Local de Esquerda Unida, Lino Costas xunto á responsable de organización e maila secretaria de comunicación da agrupación de Ponteareas, acudíu á concentración/xantar que realizouse dentro da Casa do Concello debido á intensa chuvia.

EU mostra así o seu apoio ás nais e pais do alumnado do CEIP Ramiro Sabell Mosquera ante a gravidade da situación dos comedores escolares.

Asemade, os deputados de AGE e membros de Esquerda Unida, Ramón Vázquez e Xabier Ron, rexistraron xa unha resolución sobor deste tema no Debate do Estado da Nación.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS CONSIDERA DESPROPORCIONADA A DETENCIÓN DUN MANIFESTANTE

O Consello Político Local de Esquerda Unida de Ponteareas considera desproporcionada a detención dunha persoa en relación co acontecido no pleno do pasado martes no que o goberno municipal escapou do concello por unha fiestra sen que mediara ningunha agresión cara eles.

Segundo testigos presenciais, a lesión do axente da Policía Local  iniciouse nun momento no que houbo varios empurróns entre a policía e os veciños, de xeito que o feito de que o xefe da policía local acabara lesionado debe achacarse máis ben a un feito fortuíto. Temos tamén que mencionar que estes empurróns iniciouos a policía intentando desaloxar ás persoas que tentaban acceder ao pleno.

Dende Esquerda Unida, consideramos que si algo hai que xulgar, é a decisión do Goberno Municipal de impedir o acceso ao pleno municipal mesmo aos concelleiros da oposición, nun intento de escorrer o bulto ante a situación na que se atopan os afectados polas preferentes estudantes e a cidadanía en xeral debido ás políticas antisociais do PP.

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA UN DESPREZO Á CIDADANÍA DE PONTEAREAS A CANCELACIÓN DO PLENO E O POSTERIOR MODO DE ELUDIR Á XENTE QUE SE MOBILIZABA NA PORTA DO CONCELLO

PARA EU FOI UNHA COVARDÍA POLÍTICA A FUXIDA DO ALCALDE E CONCELLEIROS DO PP POR UNHA FIESTRA

ESTES FEITOS DEMOSTRAN O DESCONCERTO E INEPTITUDE DO PP PARA XESTIONAR A NIVEL LOCAL O CONFLITO SOCIAL DERIVADO DAS AGRESIVAS E VIOLENTAS POLÍTICAS NEOLIBERAIS APLICADAS NO ESTADO

20M2013A actitude do alcalde e concelleiros do PP foi covarde, xa que  fuxiron do lugar, deixando ao xefe da policía lesionado e fora, coa porta de acceso ao concello pechada, tendo que ser auxiliado polos pacíficos manifestantes.

Todo indica que a suspensión do pleno do pasado martes foi unha decisión  premeditada; que o goberno municipal tentou evitar un abucheo masivo no pleno e logo na rúa, no contexto de crispación social existente e da moción de censura en cernes.

O pleno tiña previsto o seu inicio ás 20:00 horas e ás 20:15 o alcalde xa estaba saltando pola fiestra de atrás. Non houbo actitude agresiva en xeral por parte dos manifestantes agás algún empurrón na entrada do concello que acabou por mala sorte cun policía lesionado. Situación que houbérase evitado se como outras veces se  permitira o libre acceso ao pleno.

Inicióuse o pleno e aprobóuse a acta da anterior sesión, cando aínda os concelleiros dos partidos da oposición, que se atoparon con que lles pecharon a porta, estaban fora do edificio, unha mostra máis das actitudes antidemocráticas do goberno do PP.

O enfrontamento do alcalde no salón de plenos cara  un portavoz dos afectados polas preferentes que tomara a palabra para solicitarlle ao goberno municipal un posicionamento ante a estafa sufrida por numerosas/os veciñas/os, foi provocadora, chamándolle “sindicalista” de xeito pexorativo e despectivo e decretando de seguido a suspensión do pleno. Todos os concelleiros do PP levantáronse ao remate desta provocación ao mesmo tempo que as/os asistentes contestaban con algarabía pero sen ningunha violencia.

Dende o Consello Político Local de Esquerda Unida facemos esta valoración contando coa información de múltiples testemuñas entre as que había militantes desta agrupación.

ESQUERDA UNIDA APOIA A FOLGA ESTUDANTIL CONVOCADA EN GALICIA PARA OS DÍAS 5, 6 E 7 DE FEBREIRO CO OBXECTIVO DE DERRIBAR O ANTEPROXECTO DE LEI DA LOMCE

Esquerda Unida de Ponteareas apoia a folga estudantil convocada en Galicia para os vindeiro días 5, 6 e 7 de febreiro co obxectivo de derribar o anteproxecto de lei da LOMCE, un dos maiores e máis agresivos ataques á educación pública da nosa historia.

Unha reforma feita de costas á comunidade educativa que ten como principais obxectivos a segregación do alumnado por nivel socioeconómico, a pauperización do sistema educativo, a redefinición da educación como xeradora de man de obra precaria e a imposición de trabas a uns elitizados estudos superiores.

 Esquerda Unida considera que a LOMCE non se trata dun simple recorte orzamentario á educación pública, senón que estipula unha completa “dexeneración” do sistema educativo, trazando unha ampla reforma nos eidos académico, organizativo-administrativo e estrutural. No eido académico atopámonos cunha división de itinerarios moi ceda, forzando ao alumnado a unha escolla prematura; unha supresión de numerosas materias e ramas (artes plásticas e escénico-musicais) e cun gravísimo ataque á nosa lingua e á súa normalización, xa que regula unha degradación da categoría académica do galego fronte ao castelán e á primeira lingua estranxeira, pasando de troncal a “de especialidade”, e contempla o dereito do alumnado a negarse a estudar a nosa lingua, en cuxo caso a Administración estaría obrigada a garantir esta opción, sufragando incluso a escolarización en centros privados.

En canto ao organizativo-administrativo empréndese un total desmantelamento da democracia interna nos centros educativos; dándolle todo o poder ao director que poderá rexeitar profesores con praza e contratar a profesores sen ela. Ademais, devolverá competencias educativas á Administración central, que reducirá a carga lectiva a uns contidos mínimos.

Pero é no estrutural onde se acometen as máis drásticas modificacións baixo o lema do “espírito emprendedor” e da competitividade económica: promovendo a competitividade dos centros, a súa especialización por “tipoloxía do alumnado” e a súa clasificación en función de criterios programáticos e socioeconómicos, financiando os centros con mellores resultados e marxinando aqueles cunha maior necesidade de investimento e mellora. A isto súmaselle unha completa degradación da FP, a cal non garantiría a obtención de ningún tipo de graduado escolar, e a imposición de reválidas que dificultarían o acceso aos estudos superiores.

Esquerda Unida considera que todo isto non é máis que a materialización do proxecto neoliberal na nosa educación, a total submisión desta aos ditados do capital, que se traducen nunha segregación radical e nunha redución do ensino á formación de man de obra precaria e alienada.

É por iso que dende Esquerda Unida apoiamos firmemente a folga e as mobilizacións convocadas en Ponteareas: manifestación que sairá dende a rúa Feliciano Barrera o vindeiro día 6 ás 12:00, e a concentración convocada pola Federación de ANPAs de Centros de Ensino Público (FANPO) o xoves 7 ás 19:00 diante do Concello, así coma todas aquelas convocadas polas organizacións estudantís galegas para o vindeiro mércores 6 de febreiro.

O obxectivo de todos e todas e deter os ataques que se cometen contra a nosa educación e contra o ensino público.