Arquivo da etiqueta: Corporación Municipal

O GOBERNO DE PONTEAREAS, BNG MÁIS PSOE, RENUNCIAN TAMÉN A REMUNICIPALIZAR O SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS E LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA

O CONTRATO DE FCC CO CONCELLO DE PONTEAREAS REMATA EN DECEMBRO DE 2022, PRORROGABLE UNICAMENTE POR UN ANO MÁIS

Días atrás o Concello publicaba a través da prensa e da páxina web municipal que a mediación da alcaldía fora clave no desbloqueo da negociación do Convenio Colectivo do persoal de FCC no Concello de Ponteareas. Non soamente iso, se non que na publicación do Concello sinálase ao mesmo coma unha das partes asinantes do Convenio. Un auténtico despropósito en si mesmo, xa que entre o persoal de FCC e o Concello non existe “vínculo ningún de dependencia funcionarial nin laboral”. A situación sería distinta se o goberno de Ponteareas, BNG e PSOE, remunicipalizara o servizo tal e coma cabería agardar de calquera organización que se reivindique de esquerdas, algo que está claro que non está no seu horizonte. Nese caso non estaríamos ante este problema porque as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do servizo serían negociadas directamente polo concello.

Para o Coordinador de EU en Ponteareas “É evidente que a este goberno municipal de PSOE e BNG non lle interesa o máis mínimo remunicipalizar o servizo e asumir eles directamente as negociacións das condicións laborais. De feito cando se trata de traballadores e traballadoras do propio Concello mostran unha absoluta falta de interese en mellorar as súas condicións laborais tal e como se leva visto dende que están no goberno. Sáelles máis a conta facer a farsa de que apoian aos traballadores e traballadoras cando en realidade non queren saber nada deles.”

Esquerda Unida considera que estamos ante un caso máis da renuncia do goberno municipal a realizar calquera tipo de política máis alá do que faría o propio PP. Nos case oito anos que levan no goberno de Ponteareas non reverteron nin unha soa das privatizacións do PP. Non soamente iso, se non que xustifican as privatizacións dicindo que a xestión privatizada é máis eficiente que a xestión directa. Exactamente o mesmo que di o PP e toda unha declaración de incompetencia. Deste xeito xustifican continuar poñendo os recursos municipais e polo tanto os cartos da veciñanza ao servizo do lucro das grandes multinacionais.

Esquerda Unida defende e sempre defenderá a xestión directa dos servizos públicos por estar demostrado que é a mellor opción para a veciñanza. Ao mesmo tempo, a organización é consciente de que reverter a externalización dos servizos coa actual lexislación é máis complexo que simplemente contratar a redacción de novas licitacións e mantelos privatizados. Pero Esquerda Unida entende tamén que para facer o fácil e non cambiar nada, tampouco facía falta que se presentaran ás eleccións.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA A FALTA DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO

Sede de Esquerda Unida en Ponteareas. R/Amado Garra 12

BNG E PSOE APROBAN O ORZAMENTO DE 2022 REXEITANDO AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR EU SEN RESPONDER ÁS MESMAS

O pasado venres 13 de maio, o BNG e o PSOE aprobaron definitivamente o Orzamento Xeral do Concello de Ponteareas para o exercicio de 2022 ao rexeitar as tres alegacións que se presentaron en prazo. Entre as alegacións presentadas estaba a rexistrada polo Coordinador Local de EU, Lino Costas na que se pedía que se subiran á páxina de transparencia do Concello, xunto coa outra documentación relativa aos orzamentos, as liquidacións do exercicio anterior tal e coma establece a lexislación. No dito pleno, o concelleiro de facenda asegurou que se respondera á alegación enviando a documentación requirida, o que non é certo. Si é certo que se incluíu na páxina de transparencia a documentación que faltaba, pero sen comunicarse de ningún xeito co alegante. De feito, a día de hoxe EU aínda non dispón de ningún informe que xustifique o rexeitamento da alegación.

O que si está claro que dende o concello faltouse á debida transparencia ao non ter a disposición da veciñanza as liquidacións do exercicio anterior para poder valorar con criterio a proposta de orzamentos para o 2022. Non era suficiente subir a documentación que faltaba, se non que dende o concello deberían prorrogar o prazo de exposición pública para que a veciñanza puidera estudar a documentación co debido tempo, algo que non fixeron. Este feito motivou que a alegación de EU de manter a partida de axudas de emerxencia e aumentar a do Centro de Reparto de Alimentos, non fora rexistrada dentro do prazo.

Quedou así aprobado o orzamento xeral de Ponteareas para o 2022 cunha moi limitada posibilidade de participación. Un orzamento con importantes recortes en materia social, rebaixando 90.000 euros as axudas de emerxencia e 5.000 a dotación económica do Centro de Reparto de Alimentos ao mesmo tempo que renuncia ao xa de por si raquítico canon anual de 3.680 euros que paga a empresa concesionaria do complexo deportivo e que aumenta en 21.000 euros o previsto para órganos de goberno.

ESQUERDA UNIDA PROPORÁ AO PLENO UN REGULAMENTO ORGÁNICO MUNICIPAL

PONTEAREAS NON CONTA CON ESTE INSTRUMENTO, CONTEMPLADO NA LEXISLACIÓN DENDE 1986

EU de Ponteareas rexistrou unha proposta ao Pleno do Concello para iniciar a elaboración dun Regulamento Orgánico Municipal. A posibilidade de aprobar este instrumento estaba xa contemplada por Real Decreto dende 1986 polo que se aprobou o Regulameno de Organización e Funcionamento das Entidades Locais.

A finalidade deste Regulamento é a de dotar á administración municipal de maior eficacia na toma de decisións e na sua execución. Deste xeito, unha vez aprobado, o documento servirá para regular o estatuto dos concelleiros e concelleiras, a existencia dos órganos municipais, o procedemento a seguir para dotar a esta Administración de maior eficacia na toma de decisións e na súa execución e, especialmente, a organización e funcionamento do Pleno do Concello de Ponteareas en todo aquilo que non esté xa contemplado no ROF.

ESQUERDA UNIDA considera necesario aprobar de forma urxente este regulamento, dadas as situacións, ás veces esperpénticas que se dan na actualidade no Concello de Ponteareas e que impiden o normal funcionamento dos órganos municipais. Esta situación da coma resultado que o Concello non teña a fluidez suficiente para xestionar e dar solucións aos problemas que afectan á veciñanza de Ponteareas.

O Regulamento de Organización Municipal proposto por EU contempla cuestións coma o dereito de acceso á información dos concelleiros e concelleiras, a forma de toma de decisións, os tempos de intervención nos plenos, ou a posibilidade por parte da presidencia do Pleno de impoñer sancións ante a desobediencia dos concelleiros e concelleiras ás normas municipais.

A aprobación deste Regulamento necesita contar co acordo da maioría absoluta do Pleno, polo que o procedemento elixido por ESQUERDA UNIDA para a súa elaboración e aprobación foi a de presentar unha proposta ao Pleno para iniciar o proceso achegando un borrador a consensuar co resto dos Grupos Municipais no prazo dun mes dende a adopción do acordo.

Con esta proposta,xunto coa da creación dun Regulamento de Participación Cidada, EU quere contribuir á normalización e democratización do concello de Ponteareas, anclado aínda a día de hoxe nunha forma den entender a política municipal antidemocrática e caciquil. Lembremos que a día de hoxe, o Concello de Ponteareas non conta con cuestións obrigatorias coma son a Relación de Postos de Traballo ou o Inventario municipal.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS ACLARA A SÚA OPOSICIÓN ÁS MODIFICACIÓNS ORZAMENTARIAS

O ALCALDE NON PERMITÍU A VOTACIÓN POR SEPARADO

A AGRUPACIÓN NON APROBA O AUMENTO DE CARTOS PARA FESTAS

No pasado pleno municipal do 22 de agosto, a Xunta de Goberno (BNG, PsdeG, ARDT) propuxo unhas modificacións orzamentarias que afectaban a cuestións moi diferentes para ser valoradas e aprobadas de xeito conxunto. Cuestións tan dispares coma o aumento de 50.000€ na partida adicada a festexos populares, un cambio de aplicación dos créditos pola contía de 4.000€ dentro do programa de voluntariado, outro cambio de aplicación de créditos de 3.050€ dentro do programa de cultura e un recoñecemento extraxudicial de crédito por un total de 44.408€. Ante a disparidade das modificacións propostas, o representante de EU-son, Lino Costas, solicitou que cada unha das propostas fora votada por separado, petición que foi denegada polo presidente do pleno, Xosé Represas, nunha clara tentativa de forzar a abstención deste concelleiro.

A Asemblea Municipal de EU estaba disposta a apoiar os cambios nos programas de voluntariado e de cultura, máis de ningún xeito ao aumento proposto para a partida de festexos populares. Esta proposta incrementaría en case un 50% os 112.000€ contemplados nos orzamentos aprobados en maio deste ano, elevándoos a 162.000€.

ESQUERDA UNIDA lembra que a súa abstención na votación plenaria dos orzamentos foi coa única intención de non dificultar o goberno da vila e que esta abstención foi sobre un documento concreto, precisamente o que agora pretenden cambiar. Ademais, na proposta feita pola xunta de goberno, que considera o substancioso incremento de 50.000€ na partida adicada a festas, non se da conta do crédito gastado ata agora en dita partida, nin do remanente de crédito, nin das cuestións en concreto para as que necesitan ese aumento de crédito. Estas cuestións deberían figurar no expediente pero pola contra, a xunta de goberno preferiu pedirlle ao pleno a aprobación deste incremento a boa fe.

Con respecto a proposta de recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 44.408€ para cubrir gastos orixinados no ano 2015 sen cobertura orzamentaria, ESQUERDA UNIDA está de acordo en que os gastos feitos polo Concello deben ser, en todo caso, abonados e que o feito de que se fixeran de forma irregular, pode deberse á mala situación económica que arrastra o Concello, unida á existencia duns orzamentos prorrogados dende o ano 2010. Máis considera que este recoñecemento extraxudicial podería financiarse coa partida adicada a xuros de demora, a mesma que propoñen utilizar para o incremento da partida para festas e non coa partida adicada aos incrementos salariais derivados da aplicación da futura Relación de Postos de Traballo.

ESQUERDA UNIDA REXEITA O REGULAMENTO DE PROTOCOLO DE PONTEAREAS

VOTOU EN CONTRA NO ÚLTIMO PLENO

CONSIDERA QUE É ARCAICO, ELITISTA E DISCRIMINATORIO

No pasado pleno municipal do 19 de xullo, foi aprobado o Regulamento de Protocolo, Cerimonial, Honras e Distincións do Concello de Ponteareas. Este regulamento saíu adiante cos únicos votos da Xunta de Goberno e o voto en contra de EU-son.

PP e ACiP non votaron este punto por encontrarse nese momento fora do pleno como parte da campaña de política espectáculo á que teñen habituada á veciñanza. O feito é que o regulamento presentado e aprobado, fora previamente consensuado polos partidos da Xunta de Goberno cos grupos do PP e de ACiP.

ESQUERDA UNIDA manifestou en todo momento a súa disconformidade con certos aspectos do regulamento por consideralos arcaicos e elitistas que somentes serven para levantar unha barreira entre a corporación municipal e a veciñanza por ser claramente discriminatorios.

Así, no regulamento aprobado contémplanse cuestións como as Medallas Corporativas: as medallas que en teoría se entregarían ás concelleiras e concelleiros no momento da toma de posesión do cargo. ESQUERDA UNIDA considera éstas medallas un símbolo de ostentación e privilexio dos membros da corporación con respecto ao resto da cidadanía, ademais do malgasto para o Concello. Os concelleiros cólganse medallas que paga a veciñanza.

Do mesmo xeito, ESQUERDA UNIDA manifestou o seu rexeitamento á concesión por parte do Concello da Medalla do Corpus, pola necesaria separación entre igrexa e estado. Segundo se indica no Artigo 16, a Medalla do Corpus é unha recompensa municipal para premiar os méritos extraordinarios que concorren nas persoas vinculadas directamente na elaboración das alfombras na festa local do Corpus Christi. Unha festa de carácter evidentemente relixioso coa que o Concello debe colaborar pero non inmiscuirse nin misturarse nos seus actos. Pola contra deberían ser precisamente os colectivos de alfombristas os que concederan estas distincións.

Por outra banda, ESQUERDA UNIDA rexeita os nomeamentos de fillo ou filla predilecta e o de filla ou fillo adoptivo.

Resulta cando menos sorprendente, que un goberno que se di progresista presente este regulamento propio da mentalidade pequeno-burguesa que fai referencia a épocas pasadas incompatibles co concepto de igualdade entre toda a veciñanza.

Na actualidade constatamos que estas prácticas discriminatorias foron desaparecendo nas sociedades modernas e mantéñense unicamente coma un rescoldo medieval en sociedades monárquicas. Coa distinción contemplada no Artigo 18 do regulamento: “Mencións Especiais do Concello de Ponteareas” é suficiente para honrar ás persoas que en cada momento se considere.

Polo tanto, e á vista de que ningunha das alegacións presentadas a este regulamento por ESQUERDA UNIDA foi aceptada pola Xunta de Goberno (BNG, PSOE, ARDT) esta organización votou en contra do mesmo.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS APOSTA POLA CONSULTA SOBRE O USO PEONIL DA PRAZA MAIOR

SAM_4063

No pasado pleno municipal, o concelleiro de EU-son, Lino Costas, manifestou o seu desacordo coa forma de impoñer as novas restricións ao tráfico da Concellería de Seguridade, nas Rúas Esperanza e Oriente e na Praza maior. Esta situación precisaba un debate previo ou polo menos, un período mínimo dun mes, durante o que se informara da nova situación de xeito claro e sinxelo antes de proceder a multar ás persoas infractoras, e non despois.

A Asemblea Municipal de EU está de acordo coa creación dunha Comisión de Estudo e Traballo formada por todos os grupos políticos, comerciantes, hostaleiros e residentes na zona. Pero por outra banda, ten en conta que tanto a Praza Maior coma as Rúas Oriente e Esperanza forman parte do centro da vida do noso concello, polo que restrinxir o diálogo soamente á parte da veciñanza desa zona é insuficiente. Despois de todo, nin a Praza Maior nin as Rúas Oriente e Esperanza son de uso exclusivo das persoas residentes e comerciantes desa zona en concreto.

Polo tanto, e ante o conflito que está a suscitar esta cuestión que en principio supón un avance con respecto á habitabilidade da vila, ESQUERDA UNIDA aposta por unha consulta a toda a veciñanza de Ponteareas, tal e coma establece o Artigo 70 bis.3 da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local. Deste xeito, se tomará unha decisión da forma máis democrática posible.

ESQUERDA UNIDA considera tamén interesante e necesario, coñecer a opinión dos demais veciños e veciñas de Ponteareas sobre esta cuestión. Sobre todo tendo en conta de que é precisamente esta veciñanza do Concello a potencial clientela dos establecementos comerciais que se din afectados.

ESQUERDA UNIDA APOIARÁ UN PROCESO PARTICIPATIVO DE PEONALIZACIÓN EN PONTEAREAS

A CONSTRUCIÓN DO FUTURO CENTRO COMERCIAL DE CATRO PLANTAS SI AGRAVARÁ A SITUACIÓN DO COMERCIO LOCAL

pedestrian-378519_1280

No pasado pleno municipal, púxose de manifesto a total oposición de gran parte do colectivo de comerciantes da Praza Maior, rúa Esperanza e rúa Oriente ás medidas tomadas pola Xunta de Goberno con respecto á circulación e estacionamento de vehículos nesa zona que por outra parte, xa estaba en boa medida peonalizada.

ESQUERDA UNIDA entende, por descontado, a preocupación deste colectivo polos efectos que poidan ter nos seus negocios novas restricións á circulación de vehículos. Máis aínda cando, segundo eles, estas novas medidas tomáronse sen un previo diálogo co colectivo de comerciantes e veciñanza da zona.

Ante unhas medidas que se atopan con tal oposición, é imprescindible un diálogo entre tódalas partes de cara a chegar a un acordo, lembrando sempre que o deber da Xunta de Goberno, así como do conxunto da Corporación Municipal, é pensar en toda a veciñanza de Ponteareas.

O apoio de EU a un proceso peonalizador en Ponteareas, baséase na necesidade de devolver a rúa á veciñanza de Ponteareas. A tendencia imparable iniciada no estado español e Galicia a partir do tardo franquismo desenrolista, foi a da ocupación do espazo público por parte dos vehículos privados, chegando esta ocupación, segundo estudos recentes, ao redor do 70% de superficie pública.

Alén disto, as consecuencias hixiénicas, medio ambientais e sobre a saúde humana propias da circulación de máquinas de combustión de hidrocarburos no medio da rede viaria, xunto cos problemas de seguridade asociados, invitan a cuestionarse o porqué da continuidade deste modelo a todas luces absurdo.

Os argumentos a favor máis comúns na defensa do actual paradigma de mobilidade e de ocupación do espazo público son a comodidade de desprazamento e os posibles prexuízos económicos asociados á falla desta posibilidade de transporte motorizado ate a porta da tenda ou local comercial e a restrición da liberdade de circulación.

Ante esta última cuestión, contéstase coa contraposición da falla de liberdade da totalidade da poboación de gozar da superficie que é súa. Ante a primeira ábrese un debate que á vista dos resultados da maioría de estudos realizados sobre procesos de peonalización executados en todo o mundo, semella resolto tecnicamente. A peonalización sempre atopa a oposición lóxica do comercio da zona polo medo de perda de potenciais usuarios, mais os ingresos medios das zonas peanolizadas tenden, polo xeral, a aumentar unha vez se elimine en grande parte a circulación de vehículos.

Pero EU non defende só por motivos económicos a peonalización. Os beneficios sociais, medio ambientais e o aumento na saúde e seguridade pública son incuestionables. Gáñanse espazos de convivencia no que se potencia a interacción social, mellórase a accesibilidade das persoas de mobilidade reducida, posibilita á rapazada gozar da rúa, potencia a mobilidade a pé e en transportes alternativos e desestimula o uso do vehículo privado, mellora a trama urbana, reduce a contaminación atmosférica e acústica…

Por descontado, a peonalización debe contar cun estudo técnico para asegurar o transporte de carga e descarga, garantir a seguridade de acceso ás vivendas por parte dos veciños que se sitúen nas zonas peonalizadas e realizar as actuacións necesarias para que existan o suficiente número de prazas de aparcamento no contorno da área de actuación.

Compre sinalar que acadar estes beneficios na súa totalidade so será posible se este proceso é tecnicamente correcto, dialogado coa veciñanza e contando coa ambición política necesaria para imaxinar unha Ponteareas radicalmente diferente. Dende logo, un proceso de peonalización e mobilidade sustentable na vila nestes termos sempre contará co noso apoio.

Por outra banda, dende parte dos partidos da chamada oposición, estase a tentar sacar beneficio de este conflito, esquecendo que foron eles mesmos os que iniciaron o proceso de peonalización, poñéndose eles mesmos á fronte das reivindicacións do colectivo de comerciantes. Pero o máis grave, é que o maior perigo para o comercio local de Ponteareas, non virá pola peonalización de rúas, senón polo PXOM aprobado provisionalmente no Concello, pendente de aprobación final por parte da Xunta de Galicia.

Este PXOM contempla, co beneplácito de todos os grupos da corporación municipal, agás EU-son, unha superficie, na zona anteriormente ocupada por Granitos de Galicia, adicada á construción dun centro comercial de catro plantas de altura e aparcamento subterráneo. Os efectos que este centro comercial pode ter sobre o comercio local ninguén os estudou. Non existe na documentación do PXOM ningún estudo ao respecto. Polo tanto, non deixa de resultar un exercicio de hipocrisía esta recen descuberta preocupación destes partidos polo comercio local.

A XUNTA DE GOBERNO DE PONTEAREAS NÉGASE A ACLARAR SE DEFENDEN OU NON A PARTICIPACIÓN DOS CARGOS PÚBLICOS EN ACTOS RELIXIOSOS

No pasado pleno municipal de 14 de xuño, debateuse a moción presentada por EU-son dirixida a garantir a aconfesionalidade do Concello.

Unha das cuestións que máis controversia xeraba desta moción, tanto aos grupos municipais do PP e de ACiP, era o acordo proposto de que os cargos públicos non participaran en calidade de tales, en actos de índole relixiosa. Tanto o PP coma ACiP, en coherencia coa súa ideoloxía, manifestaron dende un primeiro momento a súa postura contraria a esta proposta. Pola contra, os partidos da Xunta de Goberno non quixeron definir a súa postura ao respecto. Para iso, presentaron no propio pleno unha emenda de substitución que eludía a cuestión da participación dos cargos públicos en actos relixiosos. A emenda, que foi presentada polo Grupo Municipal Socialista, facía referencia case en exclusiva a instar ao Congreso dos Deputados a diversas cuestións, máis evitaba tomar un posicionamento a nivel municipal. Esta emenda, podería ser perfectamente aceptada por EU-son se en lugar de tratarse dunha emenda de substitución fora unha emenda de engadido, cuestión que non foi aceptada pola Xunta de Goberno. Dadas as normas de funcionamento dos plenos, esta emenda foi votada previamente á moción de EU-son e aprobada cos votos de BNG, PSOE, ARDT, PP e ACiP, polo que finalmente a moción non puido ser votada.

Deste xeito covarde dende a Xunta de Goberno, evitaron ter que posicionarse sobre se están de acordo ou non con que os cargos públicos participen en actos relixiosos. Non nos sorprende o posicionamento en contra por parte do PP e de ACiP, dado o seu carácter de dereita tradicionalista, máis non entendemos esta actitude por parte dos partidos da Xunta de Goberno.

Dende ESQUERDA UNIDA non pretendemos en ningún caso limitar a liberdade relixiosa de ninguén, incluídos os cargos públicos, que entendemos que están no seu pleno dereito de participar nos actos relixiosos que lles pareza, pero sempre a título individual, non coma representantes institucionais. A liberdade relixiosa implica, precisamente, que os cargos públicos non se posicionen como tales favorecendo ningunha relixión en concreto, xa que os cargos públicos representan a toda a poboación, sexa da relixión que sexa, ou de ningunha.

O CONCELLO DE PONTEAREAS NON XUSTIFICA O REXEITAMENTO AS ALEGACIÓNS DO PXOM

ALGUNHAS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR ESQUERDA UNIDA NIN SEQUERA FORON CONTESTADAS

O Concello de Ponteareas está comezando a contestar ás alegacións presentadas ao PXOM de Ponteareas, actualmente pendente de aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia.

Algunhas das alegacións presentadas no seu momento por EU foron admitidas, como a relativa ás referencias que facía o PXOM no seu Estudo Económico sobre a posibilidade de captación de financiamento privado mediante a titulación de investimentos, o que suporía na práctica a privatización de infraestruturas públicas.

Pola contra, outras alegacións foron rexeitadas sen a debida xustificación ou directamente non contestadas, como a que se refería a desbotar actuacións agresivas co entorno do río Tea.

En canto á alegación presentada por EU relativa á conversión da Área de Reparto 10, que se corresponde coa zona de Granitos, de urbanizable a parcela adicada a equipamentos, a resposta do equipo redactor limitouse a un “desestímase a alegación mantendo a clasificación do solo proposta”. Sen máis explicacións.

A alegación presentada por EU sobre esta área de reparto estaba motivada pola idoneidade de adicar a zona de Granitos a equipamentos públicos dada a súa situación preto do casco urbano e a estación de autobuses. Deste xeito, favoreceríase a accesibilidade aos servizos públicos e evitaríase en certa medida as necesidades de desprazamento en vehículos privados.

Pola contra, e de acordo coas preferencias do resto dos grupos da corporación municipal, PSOE, PP, BNG, ACiP e ARDT, o equipo redactor mantivo a clasificación proposta, adicando esta superficie a nova construción de edificios e a unha zona de equipamentos privados de carácter comercial. Pola contra, manteñen como parcela adicada a equipamentos a dos terreos da Gloria, completamente afastados do núcleo urbano, o que vai directamente en contra de calquera principio de mobilidade sostible.

Coa clasificación proposta, a superficie da AR-10 poderá ser adicada á construción de novas grandes superficies comerciais, o que sería enormemente prexudicial para o comercio local.

As distintas alegacións non poden ser recorridas antes da aprobación definitiva do PXOM por parte da Xunta de Galicia. Dende Esquerda Unida, manifestamos xa, que nese momento pediremos as explicacións pertinentes de porqué se desestimou a nosa alegación con respecto a esta área dado o seu carácter absolutamente beneficioso para a veciñanza de Ponteareas.

OPINIÓN: DE GOBERNOS DE ESQUERDA E AS SÚAS PRIORIDADES

SON BNG, PsdeG-PSOE E ARDT UN GOBERNO DA ESQUERDA?

Lino Costas

No pasado Pleno Municipal do 26 de maio, aprobouse a proposta da alcaldía de concesión a algúns alfombreiros e alfombreiras das medallas do corpus 2016 segundo proposta das rúas alfombrantes.

Neste pleno deixei claro que, ao contrario do que dicía días atrás un exalcalde do Concello (tamén exfalanxista segundo as malas linguas), en Esquerda Unida non pretendemos acabar coa festa do corpus. Esta festa ten un gran arraigo no noso concello. Ata tal punto de que a pesares de ser unha festa relixiosa, participan nela por igual crentes e non crentes. De feito, a día de hoxe existe un movemento entre a xuventude que tenta participar na confección de alfombras florais pero desvinculándose do seu contido relixioso.

Pode transformarse unha festa relixiosa noutra laica? O certo é que probablemente a propia festa do corpus teña a súa orixe en tradicións precristiáns, pero iso é outro tema.

Dada a magnitude e arraigo desta festa, está ben que o concello colabore cos veciños e veciñas na súa celebración. Pero ata certo punto. Non esquezamos que se trata dunha celebración relixiosa e como institución deberíamos estar sempre atentos á necesaria separación do estado e a igrexa. Unha cousa é colaborar coa veciñanza e outra inmiscirse como institución nunha celebración relixiosa. E non me refiro soamente a que os cargos públicos non participen na procesión. Acaso é lóxico que coma concelleiro, eu reciba un convite por parte do concello para participar nos actos do corpus, incluída misa de once? Pois así foi. De aí a pertinencia da moción que rexistramos para a aconfesionalidade do concello. Moción por certo, que xa foi adiada dous plenos. O alcalde tampouco tivo a ben traela ao pleno onde se tratou a cuestión das medallas.

Tampouco estamos en contra de que, a proposta dos colectivos alfombrantes, se lles faga un recoñecemento ao traballo dalgúns dos seus membros. Pero, de verdade é necesario que este recoñecemento sexa mediante a imposición de medallas? Non é suficiente un diploma, unha mención oral ou escrita? De verdade é necesario que este recoñecemento se faga mediante un obxecto de ostentación, de luxo?

Aínda non sei canto gastou o concello este ano en medallas. Aínda non puiden miralo, pero cando preguntei, o alcalde dixo que non o lembraba. O que si é certo é que no 2015 gastáronse 2.420€ en medallas para as alfombreiras e alfombreiros e 2.516€ en medallas corporativas, é dicir, en medallas para repartir entre os concelleiros e concelleiras. Por suposto, xa deixei claro que se tiñan unha reservada para min, xa podían gardala. Ou devolvela.

Ou sexa, que no 2015 gastáronse 4.936€ en medallas. Pode que para o resto do goberno non supoña un gasto moi grande dentro do orzamento que manexa un concello, pero para moitas persoas de clase traballadora pode supor cinco meses de salario. Cinco meses de salario en obxectos de ostentación. Tamén está o seu carácter simbólico: é moi significativo que nun concello onde se amortizan postos de traballo para cumprir coas obrigas de estabilidade orzamentaria, que nun concello onde centos de persoas atravesan situación económicas desastrosas, situacións que o concello non soluciona, nos gastemos 5.000€ de cartos públicos en obxectos de luxo e ostentación como son unhas medallas (ou en grandes orquestras, por certo, que agora ao derradeiro ex alcalde do PP moléstalle que o novo goberno faga o mesmo que facían eles).

Lembremos que a Ordenanza de Emerxencia Social soamente garante unha axuda anual máxima por unidade familiar de 1.350€, que as persoas sen recursos non reciben nin por asomo toda a atención que necesitan ou mesmo que algunhas destas persoas renuncian a acudir aos servizos sociais do concello por sentirse maltratadas polos mesmos. Isto está a acontecer hoxe no noso concello, o que converte ao meu entender, o gasto en medallas nun acto vergoñoso, obsceno.

Estou convencido por outra parte, de que ao que lle dan valor as persoas alfombreiras, sobretodo as de maior fervor relixiososo, é ao feito de que se recoñeza o seu traballo e non ao obxecto físico, polo que dubido de que se molestaran porque este recoñecemento se fixera de outra forma.

No pleno, Solla manifestou que tamén era un gasto superfluo o custe da celebración dun pleno extraordinario coma no que estabamos. O alcalde propuxo entón que, se estábamos todos e todas de acordo, non recibíramos a asignación por asistencia a este pleno. Eu, por suposto manifestei a miña conformidade, pero nin o PP nin ACiP abriron a boca.

Por outra banda, o venres 27 e o sábado 28, celebrouse en Ponteareas un mal chamado “Cumio de Expertos en Medio Ambiente e Saúde”. Digo mal chamado, porque entre os relatores atopábanse representantes de empresas tan pouco sospeitosas de preocuparse polo medio ambiente coma Gas Natural Fenosa, Iberdrola, Viaqua ou Sogama. Todas elas expertas en facer caixa espoliando o medio.

O propio venres pola tarde entregáronlle o título de fillo predilecto ao doutor Francisco Peña, organizador do evento con tales “ilustres persoas”. Na web do concello di que “coa presenza de toda a corporación municipal”, o que é falso, eu non estaba. Finalmente un numeroso grupo de participantes no cumio asistiron a unha “Cea-encontro de Confraternidade dos Pobos de Mundo” no Gran Hotel Balneario de Mondariz. Todo moi simbólico tamén.

Lino Costas, coordinador de EU Ponteareas