Arquivo da etiqueta: Cultura

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA UN NOVO ENXALZAMENTO AO FRANQUISTA JOSÉ CASTRO

O vindeiro 27 de novembro, a veciñanza de Ponteareas será testemuña, unha vez máis, dunha homenaxe –no auditorio municipal- ao que foi un alcalde franquista, represor, falsificador e prevaricador durante 33 anos. Lembremos que a actual xunta de goberno (BNG, PsdG e ARDT) promocionouno para a concesión da medalla de ouro do Corpus no 2017.

Desta vez trátase dunha biografía que o enxalza con perlas da magnitude de “impulsor del crecimiento y expansión de Puenteareas”, “Puenteareas a Castro le debe todo o casi todo” ou “él supo, no sin un gran esfuerzo personal, convertir un pequeño pueblo en una gran villa”.

Máis a realidade é que o que lle debemos a este personaxe non é máis que corrupción e ranciedade: alcalde co franquismo -un réxime fascista ao que foi tan afecto que mesmo considerou adecuado poñer un busto xigante de Franco na Praza Maior no ano 1976- condenado en 1998 a tres anos de prisión por falsidade documental e a un ano de inhabilitación por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos -feitos estes que levaron á súa expulsión do Partido Popular- e finalmente condenado no ano 2001 a dez anos de inhabilitación -condena ratificada no 2004 polo Tribunal Supremo- por prevaricación a raíz de varios contratos irregulares.

Responsable tamén do desastre urbanístico da vila, das irregularidades das contas públicas e do caos na organización municipal, a súa carreira político-delictiva é unha mancha na historia da vila; e eventos como este son, cando menos, unha provocación á democracia logo de que se aprobara polo Senado -fai apenas uns días- a condena ao réxime fascista do ditador Francisco Franco.

ESQUERDA UNIDA non comprende como se continúa a normalizar as actividades franquistas no país. Nunha democracia non cabe que un local público sexa habilitado para agrandar a figura dun alcalde da ditadura, nun acto de presentación do libro que trata de enxalzar a un político corrupto. Estes feitos mostran como as estruturas do Estado, como as súas leis e regulamentos, a xudicatura, grande parte dos axentes políticos ou os medios de comunicación (editoriais neste caso) son dolorosamente permisivas co pasado franquista de este país.

Pola memoria de todas aquelas veciñas e veciños que foron obxectivo político de José Castro, que sufriron graves consecuencias pola súa represión, extorsión e prevaricación, pero a pesar de todo loitaron pola democracia neste pobo, declaramos que a súa loita non pode ser en balde. Non se merecen o blanqueamento do personaxe e dos seus feitos. Non o permitiremos.

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas non deixará de denunciar as tentativas do fascismo para normalizar e mesmo enxalzar a corrupción e a intolerancia máis abxecta.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA LEVARÁ AO PLENO A AMPLIACIÓN DA ACTIVIDADE DO CEMIT

laurent-peignault-119950

ESQUERDA UNIDA rexistrou unha moción para que a actividade da aula CeMIT do Concello de Ponteareas se manteña durante todo o ano, tendo en conta a demanda por parte dos alumnos e alumnas do mesmo.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), ten como finalidade achegar e facilitar o uso das novas tecnoloxías ao conxunto da poboación. Ponteareas conta, dentro desta rede, con unha das chamadas Aulas de Referencia ao cumprir co requisito de rexistrar unha actividade superior ás 1000 horas anuais.

O feito de contar cun aula de referencia permítelle ao Concello acceder a unha subvención anual da Xunta de Galicia de 15.000€. A pesares disto, polo menos no referente aos anos 2016 e 2017, a aula non estivo operativa durante todo o ano e cesou na súa actividade en xaneiro de 2018. En previsión deste feito, o alumnado do CeMIT rexistrou en decembro de 2017 unha solicitude, asinada por corenta alumnos e alumnas, dirixida ao alcalde de Ponteareas de cara a que se mantivera operativo o servizo máis alá de ese mes, que era cando estaba previsto o fin dos cursos. A pesares disto, a día de hoxe aínda non se iniciou ningún procedemento de contratación de profesorado para a realización de cursos.

Con referencia á posibilidade de manter operativa a aula con realización de cursos, hai que sinalar que durante os anos 2016 e 2017, o Concello non chegou a utilizar a totalidade da subvención. No ano 2016 empregáronse para o funcionamento da aula CeMIT, 12.246€ e no 2017, 10.814€. Deste xeito perdéronse para o funcionamento da aula 2.753€ no ano 2016 e 4.186€ no ano 2017. Estes datos deixan e evidencia, por unha banda que a aula puido estar operativa durante máis tempo, e por outra, tendo en conta que os cursos aínda non comezaron no mes de febreiro de 2018, que esta situación vaise repetir.

Ademáis chama a atención que durante o ano 2017, dos 10.814€ empregados no desenvolvemento de cursos na aula CeMIT, 6.904€ foron adicados á contratación de empresas externas en lugar de facelo á contratación directa de profesorado. ESQUERDA UNIDA considera que non existe xustificación algunha para recorrer á contratación externa, encarecendo deste xeito o servizo, cando o Concello pode contratar directamente o profesorado para a aula.

En vista desta situación, ESQUERDA UNIDA solicita que se amplíe o período de funcionamento da aula e que se desbote a contratación de empresas privadas para o seu funcionamento.

ESQUERDA UNIDA OPONSE EN SOLITARIO Á CONCESIÓN DA MEDALLA DO CORPUS A JOSÉ CASTRO

O RESTO DAS AGRUPACIÓNS APROBARON Á PROPOSTA, QUE XURDIU DO ALCALDE DO BNG, XOSÉ REPRESAS

O concelleiro de EU-son, Lino Costas, foi o único que votou en contra da proposta da Xunta de Goberno de concederlle a medalla de ouro do Corpus ao ex-alcalde José Castro Álvarez.

Tanto a Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, como o propio alcalde defenderon esta proposta argumentando que teñen en conta o compromiso do ex-alcalde coa festa do Corpus e non a súa traxectoria política. Tamén deixaron toda a responsabilidade desta elección aos alfombristas, aínda que o curioso é que a proposta da concesión desta medalla xurde do actual alcalde, Xosé Represas, que a propuxo ao colectivo dos alfombristas ao parecer por algunhas peticións individuais que non constan en ningún sitio.

ESQUERDA UNIDA xa manifestou que entende que, aínda que é xusto que o concello colabore economicamente con esta festa de gran arraigo cultural no concello, considera tamén que o concello non debe inmiscirse oficialmente nas súas cuestións ao tratarse dun evento relixioso.

Por outra banda, quedou bastante claro a negativa da Xunta de Goberno a separar a institución municipal do estamento da igrexa cando rexeitaron en xuño do ano pasado a proposta de EU-son a favor da aconfesionalidade do Concello.

Pero a novidade ven coa concesión dunha medalla a José Castro Álvarez, e nada menos que unha medalla de ouro para distinguila das medallas outorgadas aos alfombristas. A xunta de goberno incluso tivo que facer unha consulta xurídica sobre a legalidade desta cuestión.

Estamos falando de concederlle unha medalla a José Castro Álvarez, cuxa traxectoria pública non é precisamente do máis recomendable polo seu currículo de despropósitos bastante avultado: alcalde co franquismo, un réxime ao que foi tan afecto que mesmo considerou adecuado poñer un busto xigante de Franco na Praza Maior no ano 1976, condenado en 1998 a tres anos de prisión por falsidade documental e tamén a un ano de inhabilitación por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos -feitos estes que levaron á súa expulsión do Partido Popular- e finalmente condenado no ano 2001 a dez anos de inhabilitación -condena ratificada no 2004 polo Tribunal Supremo- por prevaricación a raíz de varios contratos irregulares.

Unha persoa pública que, cando vemos o desastroso urbanismo do noso concello, o desastre das contas públicas e da organización municipal en xeral, sabemos que é o seu principal responsable. Unha persoa pública que por suposto que se comprometeu co Corpus, despois de todo era quen manexaba os cartos do concello. Outra cousa é se facía isto dunha forma legal.

A figura pública de José Castro alcalde é indivisible, non se pode separar de José Castro prevaricador, José Castro falsificador, José Castro represor, José Castro promotor do Corpus.

ESQUERDA UNIDA considera que con esta proposta, a xunta de goberno está premiando a unha figura pública nefasta para Ponteareas, está renegando da propia traxectoria dos seus respectivos partidos, principalmente BNG e PSOE. Isto marca un antes e un despois. Un BNG e un PSOE anteriores ao recoñecemento a José Castro e un BNG e un PSOE posteriores a este recoñecemento.

ESQUERDA UNIDA RECOLLE AS REIVINDICACIÓNS DOS COLECTIVOS SOCIAIS

LEVAN MÁIS DUN ANO AGARDANDO UNHA SOLUCIÓN

OS COLECTIVOS DISCRIMINADOS SON DOS MÁIS ACTIVOS DO CONCELLO

EU-son de Ponteareas rexistrou no Concello unha proposta de acordo ante o Pleno Municipal, recollendo o escrito rexistrado polos colectivos sociais de Ponteareas: ADENCO, Festival das Brétemas, Círculo Feminista, Ponte Solidario e a PAH. Nesta proposta solicítase á Xunta de Goberno local, que solucione o problema da falta de espazos para uso dos colectivos sociais do Concello.

Así, na proposta rexistrada, exponse o trato discriminatorio da Xunta de Goberno, que pon locais municipais a disposición dalgúns colectivos escollidos, mentres outros con sobrada e coñecida actividade no concello, quedan fora.

O único ofrecemento aos colectivos por parte da Xunta de Goberno consistiu na cesión temporal dun local na estación de autobuses pero sen ningún tipo de garantía temporal de ocupación, de xeito que os colectivos terían que desaloxalo en calquera momento a requirimento do concello ou da Xunta de Galicia. Este ofrecemento ademáis, en forma de contrato, referíase a un local distinto e máis pequeno que o falado en xuntanzas previas, e segundo denuncian os colectivos, con equivocacións, erros ortográficos e erratas que poñen de manifesto a falta de preocupación ao respecto da Xunta de Goberno.

ESQUERDA UNIDA denuncia que a día de hoxe, a única acción concreta por parte da Xunta de Goberno con respecto ao uso de espazos a disposición de colectivos locais do Concello, foi para agravar o problema. Así, en setembro de 2015 propuxeron ao Pleno Municipal esixir á Xunta de Galicia que asumira a xestión da estación de autobuses e o acordo de que o Concello non asumira ningún gasto con respecto á mesma a partir de 2016, proposta que foi aceptada por todos os grupos da Corporación Municipal agás EU-son. Con este acordo, o goberno municipal desentendeuse da estación de autobuses, renunciando así á posibilidade de xestionar os seus locais, feito polo cal non poden dar ningunha garantía de ocupación sobre os mesmos.

Por estes motivos, ESQUERDA UNIDA considera moi oportuna a proposta rexistrada por estes colectivos, polo que procedeu a recollela para que sexa debatida no vindeiro Pleno Municipal. A Xunta de Goberno de Ponteareas ten a obriga de solucionar o problema que eles mesmos contribuíron a crear.

ESQUERDA UNIDA CELEBRA ESTE SÁBADO UN NOVO ACTO PROGRAMÁTICO

DEBATERANSE AS PROPOSTAS DE SERVIZOS SOCIAIS, SANIDADE, DEPORTE E CULTURA

Esquerda Unida entra na recta final de elaboración programática continuando coas reunións abertas onde leva presentado, debatido e recollido propostas para o programa.. Entre as cuestións que se aportarán ao debate, están temas como as políticas de inclusión social en materia de emprego, vivenda, sanidade, educación e redes sociais.

No apartado de sanidade, debaterase sobre como defender ante ás institucións competentes a implantación de subvencións para todas aquelas persoas enfermas que non podan sufragar os gastos que supoñen os seus tratamentos médicos ou esixir os servizos adecuados en odontoloxía, obstetricia, fisioterapia e pediatría de urxencias para Ponteareas.

Tamén se realizarán propostas sobre deporte e cultura, con puntos como a promoción das actividades deportivas directamente dende o Concello, a remunicipalización da xestión da piscina municipal, o impulso á cultura galega, a posta a disposición de locais para os colectivos sociais ou a mellora da biblioteca.

O acto celebrarase o sábado 11 de abril ás 20:00 no local de Esquerda Unida en Angoares (Abelleira 27).

ESQUERDA UNIDA PRESENTOU UNHA ALEGACIÓN AO PXOM DE PONTEAREAS PARA ADAPTALO Á LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O PXOM NON CUMPRE A LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"FONTE DA CALLE DE ABAIXO"

Como xa manifestou Esquerda Unida no seu día, o PXOM proposto, é rexeitable tanto dende o punto de vista social, económico e ambiental, polo que Esquerda Unida presentou unha serie de alegacións con respecto a todos estes ámbitos.

Pero por se as deficiencias xa manifestadas non foran suficientes, ademais, o PXOM inclúe na súa redacción unha serie de incorreccións á hora de poñer os nomes das rúas que poden, ademais, ter consecuencias esperpénticas máis adiante. Así, os “Planos de clasificación e calificación (cualificación) do solo, usos pormenorizados, rede viaria e alineacións (aliñacións)”, os nomes das rúas aparecen en moitos casos utilizando o idioma castelán e o galego misturados sen atender a ningún tipo de criterio lóxico. Podemos ver denominacións como “Rúa de la Redondela”, “Calle de las Lavandeiras”, “Calle del Merlo”… e moitas máis polo estilo.

Non é aceptable, e menos aínda tendo en conta a Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, que establece no seu artigo 10.1 que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”, que no documento de referencia de ordenación do Concello, pagado cos cartos dos veciños, aparezan semellantes incorreccións.

Do mesmo xeito, os distintos documentos do PXOM, conteñen unha boa cantidade de incorreccións, incluíndo palabras en castelán no redactado galego.

Debido a isto, Esquerda Unida presentou unha alegación ao PXOM aprobado inicialmente sen a oposición de ningún grupo da corporación municipal, PP, PSOE, ACiP e BNG, de cara a que este sexa revisado na súa totalidade e se eliminen os erros lingüísticos.