SON BNG, PsdeG-PSOE E ARDT UN GOBERNO DA ESQUERDA?

No pasado Pleno Municipal do 26 de maio, aprobouse a proposta da alcaldía de concesión a algúns alfombreiros e alfombreiras das medallas do corpus 2016 segundo proposta das rúas alfombrantes.
Neste pleno deixei claro que, ao contrario do que dicía días atrás un exalcalde do Concello (tamén exfalanxista segundo as malas linguas), en Esquerda Unida non pretendemos acabar coa festa do corpus. Esta festa ten un gran arraigo no noso concello. Ata tal punto de que a pesares de ser unha festa relixiosa, participan nela por igual crentes e non crentes. De feito, a día de hoxe existe un movemento entre a xuventude que tenta participar na confección de alfombras florais pero desvinculándose do seu contido relixioso.
Pode transformarse unha festa relixiosa noutra laica? O certo é que probablemente a propia festa do corpus teña a súa orixe en tradicións precristiáns, pero iso é outro tema.
Dada a magnitude e arraigo desta festa, está ben que o concello colabore cos veciños e veciñas na súa celebración. Pero ata certo punto. Non esquezamos que se trata dunha celebración relixiosa e como institución deberíamos estar sempre atentos á necesaria separación do estado e a igrexa. Unha cousa é colaborar coa veciñanza e outra inmiscirse como institución nunha celebración relixiosa. E non me refiro soamente a que os cargos públicos non participen na procesión. Acaso é lóxico que coma concelleiro, eu reciba un convite por parte do concello para participar nos actos do corpus, incluída misa de once? Pois así foi. De aí a pertinencia da moción que rexistramos para a aconfesionalidade do concello. Moción por certo, que xa foi adiada dous plenos. O alcalde tampouco tivo a ben traela ao pleno onde se tratou a cuestión das medallas.
Tampouco estamos en contra de que, a proposta dos colectivos alfombrantes, se lles faga un recoñecemento ao traballo dalgúns dos seus membros. Pero, de verdade é necesario que este recoñecemento sexa mediante a imposición de medallas? Non é suficiente un diploma, unha mención oral ou escrita? De verdade é necesario que este recoñecemento se faga mediante un obxecto de ostentación, de luxo?
Aínda non sei canto gastou o concello este ano en medallas. Aínda non puiden miralo, pero cando preguntei, o alcalde dixo que non o lembraba. O que si é certo é que no 2015 gastáronse 2.420€ en medallas para as alfombreiras e alfombreiros e 2.516€ en medallas corporativas, é dicir, en medallas para repartir entre os concelleiros e concelleiras. Por suposto, xa deixei claro que se tiñan unha reservada para min, xa podían gardala. Ou devolvela.
Ou sexa, que no 2015 gastáronse 4.936€ en medallas. Pode que para o resto do goberno non supoña un gasto moi grande dentro do orzamento que manexa un concello, pero para moitas persoas de clase traballadora pode supor cinco meses de salario. Cinco meses de salario en obxectos de ostentación. Tamén está o seu carácter simbólico: é moi significativo que nun concello onde se amortizan postos de traballo para cumprir coas obrigas de estabilidade orzamentaria, que nun concello onde centos de persoas atravesan situación económicas desastrosas, situacións que o concello non soluciona, nos gastemos 5.000€ de cartos públicos en obxectos de luxo e ostentación como son unhas medallas (ou en grandes orquestras, por certo, que agora ao derradeiro ex alcalde do PP moléstalle que o novo goberno faga o mesmo que facían eles).
Lembremos que a Ordenanza de Emerxencia Social soamente garante unha axuda anual máxima por unidade familiar de 1.350€, que as persoas sen recursos non reciben nin por asomo toda a atención que necesitan ou mesmo que algunhas destas persoas renuncian a acudir aos servizos sociais do concello por sentirse maltratadas polos mesmos. Isto está a acontecer hoxe no noso concello, o que converte ao meu entender, o gasto en medallas nun acto vergoñoso, obsceno.
Estou convencido por outra parte, de que ao que lle dan valor as persoas alfombreiras, sobretodo as de maior fervor relixiososo, é ao feito de que se recoñeza o seu traballo e non ao obxecto físico, polo que dubido de que se molestaran porque este recoñecemento se fixera de outra forma.
No pleno, Solla manifestou que tamén era un gasto superfluo o custe da celebración dun pleno extraordinario coma no que estabamos. O alcalde propuxo entón que, se estábamos todos e todas de acordo, non recibíramos a asignación por asistencia a este pleno. Eu, por suposto manifestei a miña conformidade, pero nin o PP nin ACiP abriron a boca.
Por outra banda, o venres 27 e o sábado 28, celebrouse en Ponteareas un mal chamado “Cumio de Expertos en Medio Ambiente e Saúde”. Digo mal chamado, porque entre os relatores atopábanse representantes de empresas tan pouco sospeitosas de preocuparse polo medio ambiente coma Gas Natural Fenosa, Iberdrola, Viaqua ou Sogama. Todas elas expertas en facer caixa espoliando o medio.
O propio venres pola tarde entregáronlle o título de fillo predilecto ao doutor Francisco Peña, organizador do evento con tales “ilustres persoas”. Na web do concello di que “coa presenza de toda a corporación municipal”, o que é falso, eu non estaba. Finalmente un numeroso grupo de participantes no cumio asistiron a unha “Cea-encontro de Confraternidade dos Pobos de Mundo” no Gran Hotel Balneario de Mondariz. Todo moi simbólico tamén.
Lino Costas, coordinador de EU Ponteareas
Gústame esto:
Gústame Cargando...