Arquivo da etiqueta: Emprego

ESQUERDA UNIDA CONDICIONARÁ CALQUERA NEGOCIACIÓN DESPOIS DO 26M Á XESTIÓN PÚBLICA DA AUGA.

portadas-premunicipales-Galicia-fb

Esquerda Unida de Ponteareas manifesta que tras as eleccións municipais do 26 de maio, porá como condición inescusable en calquera negociación de cara a formar goberno, a de poñer en marcha o proceso de remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento aprobado polo pleno.

Esquerda Unida lembra que en decembro de 2018 presentou no pleno unha proposta para que se iniciara o expediente para a determinación “da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais”, como paso previo á remunicipalización destes servizos. A proposta de Esquerda Unida foi aprobada polo pleno por unanimidade, pero case seis meses despois o concello aínda non iniciou o proceso, algo que soamente se explica pola vontade privatizadora mostrada pola Xunta de Goberno neste mandato.

Como xa explicaba Esquerda Unida en decembro de 2018, para poder recuperar a xestión directa do servizo de abastecemento e saneamento, a lexislación esixe unha tramitación que pode ser complexa, por iso foi entón, cando quedaba pouco máis de un ano para o remate do contrato coa actual empresa xestora, Viaqua, cando Esquerda Unida presentou a proposta a pleno para poder facer o proceso co tempo suficiente. Dende a organización de esquerda consideran que aínda que se perdeu un tempo precioso dende decembro do ano pasado sen avanzar nesta cuestión, o Concello de Ponteareas aínda está a tempo de levar adiante esta remunicipalización que tan beneficiosa pode ser para a veciñanza de Ponteareas.

Esquerda Unida lembra que ao xestionar os servizos de abastecemento, saneamento e depuración a través dunha empresa privada, hai que garantirlle á concesionaria unha rendibilidade durante toda a vixencia do contrato. Hai que garantirlle uns beneficios.

Polo tanto, este compromiso que adquire o concello cunha empresa privada condiciona a mesma prestación do servizo, o que fai que o concello non poida variar a prestación do mesmo por moito que varíen as condicións sociais ou económicas do servizo público. E de aí ven que en Ponteareas estea establecido un consumo mínimo de 15 metros cúbicos ao mes, un consumo mínimo desproporcionado que a veciñanza de Ponteareas ten que pagar aínda que non o consuma e que ademais vai totalmente en contra de calquera idea de xestión sostible e responsable da auga. Soamente dende a xestión pública se podería mellorar o servizo, racionalizar o consumo e o cobro do servizo e garantir o respecto aos dereitos laborais.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA INSTA Á XUNTA DE GOBERNO A AVANZAR NA AMORTIZACIÓN DAS PRAZAS DE TAXI

EN CATRO ANOS, NON SE FIXO PROPOSTA ALGUNHA QUE PERMITA APLICAR A PARTIDA ADICADA

peter-kasprzyk-111462-unsplash

ESQUERDA UNIDA manifesta que os 50.000 euros aprobados no pasado pleno municipal de Ponteareas adicados á amortización de prazas de taxi serán totalmente inútiles se non se avanza no xeito de empregalos.

EU apoiou no pasado pleno as modificacións orzamentarias propostas polo goberno municipal. Entre ellas, a creación dunha partida adicada á amortización de prazas de taxi no Concello, tendo en conta que a día de hoxe existen 13 prazas de mais, feito que produce que o colectivo de taxistas do concello teña uns baixos ingresos polo seu traballo.

Ainda así, ESQUERDA UNIDA entende que a creación dunha partida para este fin non supón que se inicie o proceso de amortización de prazas, xa que ata agora o goberno municipal non avanzou en absoluto na busca da fórmula de aplicación destes 50.000 euros para amortizar prazas. Polo tanto, actualmente esta partida non se pode aplicar.

Esta cuestión foi manifestada por Lino Costas, concelleiro de EU no pleno municipal, instando así mesmo ao alcalde e á xunta de goberno a avanzar nesta cuestión. ESQUERDA UNIDA considera que non é xustificación o feito de carecer de informes, tal e como manifestaba no pleno a concelleira de seguridade, xa que o feito é que a día de hoxe non teñen ningunha proposta ao respecto que se poida valorar. EU entende que a única vía para proceder á amortización de prazas de taxi pasa pola elaboración dunhas bases de subvencións para tal fin, previa valoración das mesmas, algo que xa manifestou en diversas ocasións ao goberno municipal.

ESQUERDA UNIDA lembra que a amortización de prazas de taxi foi un compromiso ao que chegaron no ano 2015 todos os partidos que estaban naquel momento na corporación municipal, PP, BNG, PSdG e ACiP.

Para EU, o feito de que nestes catro anos non se avanzara absolutamente nada nesta cuestión responde á absoluta falta de interese por parte do goberno municipal.

Así mesmo, ESQUERDA UNIDA manifesta que por moito que non fora o actual goberno quen creou o problema das prazas de taxi concedidas indiscriminadamente por gobernos anteriores, o feito é que éste é un problema creado pola administración municipal e polo tanto, un debe resolvelo o Concello.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA APROBAR A RPT

Logo de que na mañá do pasado venres 21 se chegara a un acordo entre representantes sindicais do Concello de Ponteareas, ESQUERDA UNIDA solicita a celebración dun pleno extraordinario para levar a aprobación canto antes tanto o Convenio de Laborais como o Acordo de Funcionarios e a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Unha vez logrado este acordo soamente quedaría pendente a redacción final do documento da RPT e a sinatura do mesmo por parte da representación sindical para poder levar o documento a Pleno, algo que debe facerse coa maior brevidade.

EU é consciente de que o acordo acadado despois dunha tensa negociación entre a representación sindical e a do concello, que estivo a punto de romperse pola actitude autoritaria deste último, pode non satisfacer a todas as traballadoras e traballadores. Aínda así, trátase dun primeiro paso importante na mellora das súas condicións laborais e para minimizar as discriminacións salariais instauradas no concello polos gobernos municipais anteriores.

Rematados este acordos, o Concello debería levalos coa máxima brevidade para a súa aprobación polo Pleno Municipal incluíndo na mesma sesión a resolución das emendas ao orzamento municipal de 2018, algo para o que agora si que poderían contar co apoio de ESQUERDA UNIDA. Esta organización condicionou dende o primeiro intre a aprobación dos orzamentos á aprobación da RPT, algo do que era perfectamente coñecedor o alcalde de Ponteareas. Pola contra, decidiu convocar un Pleno Extraordinario para a resolución das alegacións e a aprobación definitiva dos Orzamentos de 2018, un día antes da reunión da Mesa Xeral de Negociación onde se trataría este documento, feito que motivou que EU votara en contra do tratamento dos asuntos e non puidera celebrarse.

Para ESQUERDA UNIDA, o feito de que o Concello tentara aprobar os orzamentos antes da negociación da RPT, soamente pode ser interpretado como un intento de verse coas mans libres e así poder ser máis intransixentes, se cabe, na negociación.

Aínda así, EU ratifica que a pesares de todas as trampas por parte do Concello, unha vez aprobada a RPT, e dadas as relativas melloras para o concello contempladas nos novos orzamentos de 2018, poderá contar co apoio de ESQUERDA UNIDA para a aprobación definitiva dos mesmos.

ESQUERDA UNIDA ESIXE SERIEDADE Á HORA DE APROBAR OS ORZAMENTOS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas votou no pleno extraordinario deste xoves en contra da urxencia de tratar a resolución das alegacións presentadas ao orzamento de 2018 aprobado inicialmente.

Esta organización sempre vinculou o apoio definitivo dos orzamentos ao remate da RPT do Concello, algo que está aínda en proceso. A Mesa Xeral de Negociación está convocada para este venres, por tanto EU non ten a certeza de que a RPT sexa realizada.

De convocarse o pleno para tratar as alegacións dos orzamentos en tempo e forma, este podería celebrase o luns ou o martes da seguinte semana. É dicir, un ou dous dias hábiles despois de finalizado o proceso da RPT. Este feito por si mesmo deixa en evidencia que o tratamento do asunto pola vía de urxencia non estaba motivado en absoluto.

ESQUERDA UNIDA considera que de todas estas cuestións era perfectamente coñecedor o alcalde de Ponteareas, que preferiu arriscarse a que non fora aprobada a súa proposta para tratar pola vía de urxencia as alegacións dos orzamentos a negociar con EU a data de celebración do Pleno.

A diferencia entre celebrar o pleno pola vía ordinaria ou facelo por vía de urxencia estaría unicamente en que pola vía ordinaria este se celebraría con posterioridade á celebración da Mesa Xeral de Negociación, momento no que ESQUERDA UNIDA xa tería coñecemento do resultado da mesma. O que é máis, a Xunta de Goberno podería obter o apoio de EU á urxencia do asunto, se convocara o Pleno para tratar as alegacións aos Orzamentos de 2018 o propio venres pola tarde despois da xuntanza da Mesa Xeral de Negociación.

ESQUERDA UNIDA leva tres anos demostrando a súa disposición a chegar a acordos con flexibilidade para non entorpecer o labor da Xunta de Goberno. Pero o que non vai a tolerar esta organización son actitudes prepotentes por parte do alcalde.

Por outra banda, EU lembra que se as presas da Xunta de Goberno para aprobar definitivamente os orzamentos tivesen bases sólidas, podería convocar na mesma tarde do xoves -unha vez rexeitada a súa proposta- unha convocatoria de Comisión Informativa en tempo e prazo para celebrar canto antes o Pleno e debater as alegacións dor orzamentos.

EU DE PONTEAREAS RECLAMA RESPONSABILIDADE AO GOBERNO MUNICIPAL NA NEGOCIACIÓN COS SINDICATOS

Logo de que na pasada reunión da Mesa Xeral de Negociación do Concello de Ponteareas se aprobaran por unanimidade os documentos do Convenio Colectivo e o Acordo Regulador, ESQUERDA UNIDA rexistrou unha solicitude para asinar canto antes estes documentos e levalos ao pleno de setembro.

O acordo acadado entre a Xunta de Goberno e a representación sindical do Concello supón unha boa nova para o conxunto das traballadoras e traballadores do mesmo. Agora ben, para que estes documentos sexan efectivos deben ser asinados polas partes e aprobados no Pleno. Cabe lembrar que o Convenio Colectivo xa foi sometido a votación a principios de ano e aprobado igualmente por unanimidade, quedando pendentes tanto o Acordo Regulador de Funcionarios como a Relación de Postos de Traballo (RPT).

Nestes intres e unha vez aprobados os documentos, queda pendente a aprobación da RPT, documento onde se determina o organigrama do Concello e a valoración dos postos de traballo (que organiza a súa vez o nivel de Complemento Específico que lle corresponde a cada posto de traballo).

A negociación da RPT atópase aínda pendente de rematar. O motivo de que non se chegue a acordo con respecto a este último documento é a intención do goberno municipal de agrupar distintos postos de traballo nunha mesma denominación. Así, pretenden por exemplo agrupar a auxiliares de biblioteca e administrativos nunha mesma denominación chamada “Oficial Administrativo”, e a postos de moi distinta natureza como axudantes de cociña, de limpeza, conserxes ou peóns de vías e obras nunha mesma denominación chamada “Oficios Varios”. A intención desta unificación por parte do Concello é poder dispoñer libremente deste persoal para asignalo a distintas tarefas, algo que dende os sindicatos cuestionan.

Para EU, o feito é que se ben podería aceptarse algún tipo de unificación de postos, non se pode pretender que, por exemplo, unha auxiliar de biblioteca faga tarefas de auxiliar administrativo ou un axudante de cociña faga de peón de vías e obras. Neste sentido ESQUERDA UNIDA reclama ao Concello de Ponteareas que sexa flexible nos seus formulacións, teña en conta as reclamacións sindicais e retome as negociacións canto antes.

Sería lamentable que agora, cando está a piques de aprobarse a RPT, cos seus necesarios incrementos salariais para a maior parte do persoal funcionario, esta quedara se aprobar por unha teima do equipo de goberno.

ESQUERDA UNIDA CONDICIONA O SEU VOTO A FAVOR DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera positiva a decisión da Xunta de Goberno sobre aprazar os Orzamentos de 2018 a un vindeiro pleno para modificar o documento na liña que solicitou EU e para avanzar na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do Acordo de Funcionarios.

EU instou á Xunta de Goberno a que os orzamentos contemplaran a amortización de prazas de taxi e que contaran cunha partida suficiente para por en marcha unha cociña municipal. Ademais, esixe que antes da aprobación dos presupostos se acorde a RPT.

Na última proposta de presupostos xa se incluíu o compromiso para a amortización de prazas de taxi por valor de 36.308€, tal e como solicitou esta organización e como demanda o colectivo de taxistas. Ademais disto, na xuntanza mantida este luns, a Xunta de Goberno comprometeuse a incluír no orzamento unha partida específica para un estudo de viabilidade da futura cociña municipal, feito que aínda que non chega ao solicitado por EU, esta organización está disposta a aceptar se se inclúe claramente nos orzamentos.

Para ESQUERDA UNIDA é urxente a creación dunha cociña municipal, tal e como existe noutros concellos, que atenda as necesidades dos comedores escolares e das familias en exclusión social. Esta medida aportaría beneficios para Ponteareas: a eliminación do lucro privado das empresas de cátering, a mellora das condicións laborais e dos produtos distribuídos e a potenciación da produción agraria local. Esta medida é fundamental para camiñar cara á municipalización deste servizo. Trátase dunha proposta de gran carga política que aínda que custou que fora incluída nos orzamentos como solicitaba EU, finalmente será incluída.

Por outra banda, aínda que nos orzamentos se contempla a reserva de crédito para a negociación da RPT do concello, ESQUERDA UNIDA considera que se debería avanzar máis nas negociacións antes de chegar á aprobación orzamentaria. EU considera que se pode constatar a falta de vontade política por parte da Xunta de Goberno para avanzar nesta cuestión cando o feito é que convocaron a reunión da mesa de funcionarios para tratar estas cuestións este mesmo luns, un día antes do pleno ordinario ao que pretendían levar os orzamentos de 2018 e por primeira vez dende febreiro de 2016. E todo isto ante a insistencia de ESQUERDA UNIDA para rematar coa negociación da RPT e o Acordo de Funcionarios antes da aprobación dos Orzamentos. Finalmente, a Xunta de Goberno comprometeuse a convocar unha nova reunión da Mesa de Funcionarios e da Mesa Xeral antes de voltar a levar os orzamentos a pleno, momento no que EU poderá valorar o estado das negociacións para decidir o sentido do seu voto.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA ten vontade para aprobar os novos orzamentos para 2018, que considera positivos nalgúns aspectos, polo que será unha vez solucionadas estas cuestións, manifestadas na xuntanza mantida entre todos os grupos este luns, cando EU poderá apoiar os orzamentos, como se decidiu na Asemblea Municipal aberta da organización.

ESQUERDA UNIDA PORÁ CONDICIÓNS Á APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS

ESQUERDA UNIDA comunicoulle ao alcalde de Ponteareas que porá condicións para o seu apoio aos orzamentos de 2018 que actualmente se están a elaborar.

Entre as cuestións propostas por EU, está a de reservar nos orzamentos unha partida destinada á amortización de prazas de taxi, cuestión longamente reclamada polos colectivos de taxistas. A lexislación galega establece que o número de prazas non será, para concellos de máis de 20 mil habitantes, superior a unha praza por cada mil. Actualmente, cunha poboación que non chega aos 23 mil habitantes, o número de licenzas no Concello de Ponteareas é de 35, superando en 12 o establecido pola lexislación. Este feito repercute gravemente no colectivo de taxistas provocando que para tentar compensar a baixa rendibilidade se vexan obrigados á realización de xornadas maratonianas para obter unhas mínimas retribucións.

ESQUERDA UNIDA lembra que non se fala neste caso dunha actividade privada como outra calquera, se non dunha concesión administrativa do Concello que é en última instancia o principal responsable desta situación.

Outra das demandas da agrupación de EU en relacións aos orzamentos será a de reservar unha partida para unha cociña municipal, de xeito que sexa nesta cociña onde se elaboren os menús para os comedores escolares. Esta cuestión tería especial importancia, xa que suporía por un lado mellorar a calidade destes menús ao non ter que depender de empresas de cátering e serviría ademais para promover o consumo de produtos locais.

ESQUERDA UNIDA agarda que estás cuestións e outras que serán trasladadas en breve, sexan tidas en conta por parte da Xunta de Goberno antes da presentación dos orzamentos de 2018 ante a correspondente comisión informativa e lembran que a actitude desta organización, lonxe de limitarse a exercer como “oposición política”, sempre foi a de procurar o mellor para a veciñanza de Ponteareas e sempre dende unha perspectiva de esquerdas.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA REPRESALIAS DO CONCELLO NA ESCOLA INFANTIL

ESQUERDA UNIDA denuncia que ante as reclamacións das traballadoras da Escola Infantil Municipal, a concelleira de benestar pretende negarlles o dereito de utilización do comedor da escola.

Deste xeito, a semana pasada colocouse na Escola Infantil unha advertencia na que se indica que a partires do 18 de marzo, o persoal “non come na escola infantil municipal”.

Escola infantil nota comedor

As traballadoras da Escola Infantil iniciaron a finais de 2017 unha serie de reclamacións para que se lles recoñeza a categoría de “técnico de puericultura”, xa que no actual cadro de persoal constan como “auxiliar de puericultura”, categoría que xa non existe a día de hoxe.

Ante as iniciais negativas do concello a este recoñecemento decidiron deixar de facer tarefas a maiores que van máis alá das súas responsabilidades, como son a preparación de festas e outros eventos extraordinarios. Finalmente o concello aceptou incluílas na categoría de “técnico de puericultura” no borrador do novo convenio colectivo a aprobar, pero as traballadoras manteñen a decisión de non facer labores extraordinarias como medida de presión para que isto se manteña na aprobación definitiva.

ESQUERDA UNIDA lamenta que en vez de recorrer ao diálogo, o alcalde optara por introducir no horario da escola infantil a unha empresa privada para dar clases de educación musical e ademais, utilizar a vía represiva negándolles ás traballadoras o dereito de utilizar o comedor da Escola Infantil.

Así mesmo, ESQUERDA UNIDA lémbralle á Xunta de Goberno que este tipo de medidas represivas, ademais de ser impropias dun goberno que se di de esquerdas poderían tamén ser ilegais ao estar implicitamente recoñecido no Regulamento da Escola Infantil o dereito do persoal da mesma a utilizar o comedor. Así, no artigo 22 do citado regulamento exponse que “O persoal de cociña é o encargado de atender á comida e á merenda dos nenos/as e do persoal”.

ESQUERDA UNIDA rexeita esta actitude por parte da Xunta de Goberno e pedirá explicacións no pleno por este comportamento ruín.

ESQUERDA UNIDA ACUSA AO GOBERNO TRIPARTITO DE FACER A MESMA POLÍTICA PRIVATIZADORA DO PP

ESQUERDA UNIDA considera lamentable a actitude da Xunta de Goberno de Ponteareas, conformada por BNG, PSOE e ARDT con respecto á prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O tripartito de Ponteareas aprobou, grazas ao voto de calidade do alcalde e co voto en contra de EU-son, un novo expediente de contratación do SAF. Este novo contrato, cun custe de preto de dous millóns e medio de euros, terá unha duración de tres anos, e será prorrogable por un ano máis.

Isto imposibilitará durante polo menos tres anos a posibilidade de xestionar o servizo dende o propio concello. Deste xeito, a actual Xunta de Goberno de Ponteareas non soamente non fixo nada para acadar a remunicipalización do servizo, se non que foi máis alá do anterior contrato formalizado polo PP que era renovable anualmente.

Por outra banda, Lino Costas, concelleiro de EU-son, denunciou que o anterior contrato, formalizado no ano 2013 foi prorrogado directamente en Xunta de Goberno tanto polo PP como pola actual Xunta de Goberno, feito que constituíu unha irregularidade xa que a competencia con respecto ao contrato era do Pleno. A maiores disto, ESQUERDA UNIDA lembra que a inoperancia do concelleiro de servizos sociais ante a finalización do contrato da actual empresa xestora do servizo, que rematou en setembro de 2017, posibilitou a chantaxe da empresa CLECE ao concello reclamando unha suba do prezo do contrato. Este aumento do prezo foi tamén formalizado irregularmente pola actual Xunta de Goberno que non era competente para tal modificación.

ESQUERDA UNIDA entende que a reinternalización de servizos sería unha prioridade para calquera formación que se diga de esquerdas, polas posibilidades de mellora do servizo, minoración de custes e mellora das condicións laborais das traballadoras que o prestan, e por que supón extraer a prestación de servizos da lóxica de obtención de plusvalía e da explotación laboral.

ESQUERDA UNIDA é consciente das dificultades dos procesos de reinternalización de servizos debido á lexislación privatizadora do goberno do PP, máis o certo é que existen maneiras de acadar a remunicipalización dos servizos, tal e como están a facer noutros concellos de todo o estado. Isto implicaría pedir informes ao respecto e estudar todas as posibilidades. Pola contra, a actual xunta de goberno non fixo nada nese sentido, deixando así en evidencia que en pouco ou nada se diferencia a súa política da do Partido Popular.

EU-SON CONDICIONA O VOTO PARA A APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS DE 2017

O pasado martes 3 de outubro o concelleiro de EU-son, Lino Costas, mantivo unha xuntanza co rexedor do Concello de Ponteareas para tratar o tema dos orzamentos deste ano. O representante de ESQUERDA UNIDA manifestou a decisión desta organización de condicionar o seu voto favorable á proposta de orzamentos para o ano 2017, ao mantemento no Cadro de Persoal do posto de auxiliar de mecánica e ao acordo con respecto ao cambio de categoría das traballadoras da Gardería Municipal.

O Cadro de Persoal -documento onde se establecen os postos de traballo do Concello- é un documento que se aproba conxuntamente cos orzamentos. Deste xeito, EU manifesta que, para comezar calquera tipo de negociación relativa aos orzamentos, a Xunta de Goberno debe comprometerse a manter o posto de auxiliar de mecánico e consecuentemente reabrir o taller mecánico municipal. Dende ESQUERDA UNIDA lembran que a decisión do peche do taller mecánico e o traslado do traballador do mesmo, foi tomada pola Xunta de Goberno de forma irregular, xa que a competencia para tomar estas decisións non lle corresponde á Xunta de Goberno, se non ao Pleno.

Por outra banda, a outra condición que puxo EU para negociar os orzamentos foi a de dar solución ao conflito coas traballadoras da Gardería Infantil, que agora mesmo teñen unha categoría no Cadro de Persoal, inferior ás tarefas que realizan. A categoría que consta é a de “auxiliar de puericultura”, cando o certo é que no ano 1996 deuse un prazo de cinco anos aos traballadores e traballadoras dos centros de atención á infancia para adecuarse á titulación de “técnico especialista en xardín de infancia”, titulación que acadou todo o persoal da gardería e que a día de hoxe se esixe ás novas incorporacións. Estas traballadoras levan anos reclamando este cambio de categoría fronte a indiferenza dos gobernos actual e anterior.