Arquivo da etiqueta: Ensino Público

O PECHE DA UNITARIA DE SAN MATEO É UNHA DECISIÓN POLÍTICA

classroom-672196_1920Logo da xuntanza mantida entre representantes de pais e nais de San Mateo e do concello -co Secretario Xeral Técnico de Ensino e a Subdirectora de Centros- ESQUERDA UNIDA ve clara a intención do goberno da Xunta de Galicia de pechar progresivamente as escolas unitarias.

Os argumentos legais manifestados polos representantes do goberno galego para evitar neste momento a matricula na unitaria de San Mateo ao alumnado cuxas familias teñen interese en facela non son máis que o punto a onde verdadeiramente querían chegar dende a Xunta. Indican agora, logo de que en anteriores reunións aseguraran o contrario, que unha vez publicada a orde de modificación dos centros escolares onde se suprime a unidade de San Mateo, sería incorrer en prevaricación se neste momento se aceptaran matriculacións na mesma.

Pero o certo é que por unha banda, non se promove desde as instancias educativas a matriculación do alumnado en escolas unitarias. Tal e como indicaron os representantes das familias, se a Xunta tivera interese en manter abertas as unitarias, promovería como primeira opción para o alumnado a súa matriculación na escola unitaria máis próxima, cousa que non está a facer.

Por outra banda é un feito, e así o asegurou tamén o secretario técnico, que a súa política é que unha vez pechada unha escola unitaria, non se volva a abrir.

Polo tanto, con estas dous sinxelas cuestións conseguen que cada vez que hai un baixón puntual de alumnado, a unitaria se peche para sempre.

Aplican a man dura ao ensino público mentres seguen a aumentar recursos á educación concertada.

ESQUERDA UNIDA considera que se a Xunta tivera interese en manter aberta a unitaria non tería máis que emitir unha modificación parcial, tal e como se fai noutras ocasións e para diversas cuestións, da orde do 16 de xullo na que entre outras se suprime a unidade de San Mateo.

Sen dúbida, estamos ante unha decisión política do goberno do PP ante a que, soamente coa loita das nais e pais de San Mateo xunto co apoio do resto da comunidade educativa, veciñanza e Corporación municipal, se pode facer fronte.

Advertisement

EU APOIA A MOBILIZACIÓN CONTRA O PECHE DA UNITARIA DE SAN MATEO DE OLIVEIRA

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas apoia a mobilización das familias de San Mateo de Oliveira contra o peche da escola unitaria da parroquia. A agrupación local considera que o peche da unitaria suporá un recorte máis na educación pública e un empeoramento do servizo que suporá un perxuizo directo para a veciñanza de San Mateo.

EU lembra, ademáis, que o peche desta escola enmárcase nun escenario global de deterioro da educación pública. Tanto o goberno da Xunta como do Estado, leva anos a deteriorar a educación pública derivando recursos á educación privada e concertada. É unha decisión política que forma parte, sen dúbida, do carácter privatizador dos distintos partidos que levan ocupado o goberno.

Os datos son relevantes: segundo os propios informes do Ministerio de Educación, entre os anos 2001 e 2011, a porcentaxe do gasto en educación adicado á educación privada e concertada aumentouse nun 80% ao mesmo tempo que a porcentaxe do gasto total en educación en relación ao conxunto dos orzamentos do estado se mantivo máis ou menos con lixeiras subidas e baixadas. E nos seguintes anos esta tendencia mantívose. Estamos pois en condicións de afirmar que existe unha estratexia por parte das distintas administracións de promover a educación privada a costa de deteriorar a pública.

ESQUERDA UNIDA considera que apoiar a mobilización da veciñanza de San Mateo non é soamente apoiar a lexítima reclamación das persoas dunha parroquia de manter aberta a escola unitaria, tamén estamos ante unha loita que nos afecta a todas pola defensa dunha educación pública, gratuita e de calidade.

Por todo isto, EU de Ponteareas chama a toda a veciñanza de Ponteareas a sumarse á concentración prevista para o próximo 27 de agosto diante da Xunta de Galicia.

ESQUERDA UNIDA CONDICIONA O SEU VOTO A FAVOR DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera positiva a decisión da Xunta de Goberno sobre aprazar os Orzamentos de 2018 a un vindeiro pleno para modificar o documento na liña que solicitou EU e para avanzar na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do Acordo de Funcionarios.

EU instou á Xunta de Goberno a que os orzamentos contemplaran a amortización de prazas de taxi e que contaran cunha partida suficiente para por en marcha unha cociña municipal. Ademais, esixe que antes da aprobación dos presupostos se acorde a RPT.

Na última proposta de presupostos xa se incluíu o compromiso para a amortización de prazas de taxi por valor de 36.308€, tal e como solicitou esta organización e como demanda o colectivo de taxistas. Ademais disto, na xuntanza mantida este luns, a Xunta de Goberno comprometeuse a incluír no orzamento unha partida específica para un estudo de viabilidade da futura cociña municipal, feito que aínda que non chega ao solicitado por EU, esta organización está disposta a aceptar se se inclúe claramente nos orzamentos.

Para ESQUERDA UNIDA é urxente a creación dunha cociña municipal, tal e como existe noutros concellos, que atenda as necesidades dos comedores escolares e das familias en exclusión social. Esta medida aportaría beneficios para Ponteareas: a eliminación do lucro privado das empresas de cátering, a mellora das condicións laborais e dos produtos distribuídos e a potenciación da produción agraria local. Esta medida é fundamental para camiñar cara á municipalización deste servizo. Trátase dunha proposta de gran carga política que aínda que custou que fora incluída nos orzamentos como solicitaba EU, finalmente será incluída.

Por outra banda, aínda que nos orzamentos se contempla a reserva de crédito para a negociación da RPT do concello, ESQUERDA UNIDA considera que se debería avanzar máis nas negociacións antes de chegar á aprobación orzamentaria. EU considera que se pode constatar a falta de vontade política por parte da Xunta de Goberno para avanzar nesta cuestión cando o feito é que convocaron a reunión da mesa de funcionarios para tratar estas cuestións este mesmo luns, un día antes do pleno ordinario ao que pretendían levar os orzamentos de 2018 e por primeira vez dende febreiro de 2016. E todo isto ante a insistencia de ESQUERDA UNIDA para rematar coa negociación da RPT e o Acordo de Funcionarios antes da aprobación dos Orzamentos. Finalmente, a Xunta de Goberno comprometeuse a convocar unha nova reunión da Mesa de Funcionarios e da Mesa Xeral antes de voltar a levar os orzamentos a pleno, momento no que EU poderá valorar o estado das negociacións para decidir o sentido do seu voto.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA ten vontade para aprobar os novos orzamentos para 2018, que considera positivos nalgúns aspectos, polo que será unha vez solucionadas estas cuestións, manifestadas na xuntanza mantida entre todos os grupos este luns, cando EU poderá apoiar os orzamentos, como se decidiu na Asemblea Municipal aberta da organización.

ESQUERDA UNIDA PORÁ CONDICIÓNS Á APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS

ESQUERDA UNIDA comunicoulle ao alcalde de Ponteareas que porá condicións para o seu apoio aos orzamentos de 2018 que actualmente se están a elaborar.

Entre as cuestións propostas por EU, está a de reservar nos orzamentos unha partida destinada á amortización de prazas de taxi, cuestión longamente reclamada polos colectivos de taxistas. A lexislación galega establece que o número de prazas non será, para concellos de máis de 20 mil habitantes, superior a unha praza por cada mil. Actualmente, cunha poboación que non chega aos 23 mil habitantes, o número de licenzas no Concello de Ponteareas é de 35, superando en 12 o establecido pola lexislación. Este feito repercute gravemente no colectivo de taxistas provocando que para tentar compensar a baixa rendibilidade se vexan obrigados á realización de xornadas maratonianas para obter unhas mínimas retribucións.

ESQUERDA UNIDA lembra que non se fala neste caso dunha actividade privada como outra calquera, se non dunha concesión administrativa do Concello que é en última instancia o principal responsable desta situación.

Outra das demandas da agrupación de EU en relacións aos orzamentos será a de reservar unha partida para unha cociña municipal, de xeito que sexa nesta cociña onde se elaboren os menús para os comedores escolares. Esta cuestión tería especial importancia, xa que suporía por un lado mellorar a calidade destes menús ao non ter que depender de empresas de cátering e serviría ademais para promover o consumo de produtos locais.

ESQUERDA UNIDA agarda que estás cuestións e outras que serán trasladadas en breve, sexan tidas en conta por parte da Xunta de Goberno antes da presentación dos orzamentos de 2018 ante a correspondente comisión informativa e lembran que a actitude desta organización, lonxe de limitarse a exercer como “oposición política”, sempre foi a de procurar o mellor para a veciñanza de Ponteareas e sempre dende unha perspectiva de esquerdas.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA REPRESALIAS DO CONCELLO NA ESCOLA INFANTIL

ESQUERDA UNIDA denuncia que ante as reclamacións das traballadoras da Escola Infantil Municipal, a concelleira de benestar pretende negarlles o dereito de utilización do comedor da escola.

Deste xeito, a semana pasada colocouse na Escola Infantil unha advertencia na que se indica que a partires do 18 de marzo, o persoal “non come na escola infantil municipal”.

Escola infantil nota comedor

As traballadoras da Escola Infantil iniciaron a finais de 2017 unha serie de reclamacións para que se lles recoñeza a categoría de “técnico de puericultura”, xa que no actual cadro de persoal constan como “auxiliar de puericultura”, categoría que xa non existe a día de hoxe.

Ante as iniciais negativas do concello a este recoñecemento decidiron deixar de facer tarefas a maiores que van máis alá das súas responsabilidades, como son a preparación de festas e outros eventos extraordinarios. Finalmente o concello aceptou incluílas na categoría de “técnico de puericultura” no borrador do novo convenio colectivo a aprobar, pero as traballadoras manteñen a decisión de non facer labores extraordinarias como medida de presión para que isto se manteña na aprobación definitiva.

ESQUERDA UNIDA lamenta que en vez de recorrer ao diálogo, o alcalde optara por introducir no horario da escola infantil a unha empresa privada para dar clases de educación musical e ademais, utilizar a vía represiva negándolles ás traballadoras o dereito de utilizar o comedor da Escola Infantil.

Así mesmo, ESQUERDA UNIDA lémbralle á Xunta de Goberno que este tipo de medidas represivas, ademais de ser impropias dun goberno que se di de esquerdas poderían tamén ser ilegais ao estar implicitamente recoñecido no Regulamento da Escola Infantil o dereito do persoal da mesma a utilizar o comedor. Así, no artigo 22 do citado regulamento exponse que “O persoal de cociña é o encargado de atender á comida e á merenda dos nenos/as e do persoal”.

ESQUERDA UNIDA rexeita esta actitude por parte da Xunta de Goberno e pedirá explicacións no pleno por este comportamento ruín.

ESQUERDA UNIDA CONDENA A POLÍTICA PROPAGANDÍSTICA DA CONCELLEIRA DE ENSINO

ANTE O ENGANO E A UTILIZACIÓN DUN ORGANISMO COMO UNICEF

A concelleira de ensino presentou no último pleno municipal unha moción para “a obtención do selo de recoñecemento de cidade amiga da infancia”. Esta moción foi presentada sen ningunha información máis: nin sobre os requisitos, nin os procedementos, nin as obrigas do concello ou os supostos beneficios, nin o máis importante: o obxectivo.

ESQUERDA UNIDA, ante a falta de información por parte do Concello, atopouna na páxina web que Unicef ten adicada a isto. Alí descubriu que a obtención deste selo é un recoñecemento a un determinado modelo de xestión local enfocado á infancia, cun Órgano de participación da Infancia e Adolescencia dinámico e que no deseño, implementación, seguimento e avaliación desta política as autoridades locais e o equipo técnico traballen en rede, tanto dentro da corporación como a nivel externo. A todo isto hai que sumarlle que entrar neste programa implica ter persoal técnico adicado á implementación e seguimento das políticas orientadas á infancia. A esta cuestión faise referencia en distintas partes da documentación das bases da convocatoria.

Todo este tecido adicado a infancia, a día de hoxe non existe e considerando as políticas da concelleira de ensino, Cristina Fernández, dende que obtivo ese cargo, están moi lonxe de existir. Esta concellería parece adicada exclusivamente á fabricación de novas con fins propagandísticos.

Este selo é un recoñecemento que concede Unicef aos concellos que aplican unha política enfocada á infancia e á adolescencia, pero aquí a pretensión da xunta de goberno é cumprir a toda presa coas condicións esixidas para a súa obtención. Condicións que, para esta convocatoria 2017-2018 deberían estar acadadas en abril de 2018.

Queda bastante claro que o seu obxectivo non é o de realizar unha política favorable á infancia, se non obter o “premio” que otorga Unicef. De feito, e tendo en conta que a obtención deste selo non implica ningunha aportación económica nin de persoal por parte deste organismo internacional, o concello pode perfectamente desenvolver estas políticas comezando pola creación dun Plan e dun Órgano de Participación Local da Infancia e da Adolescencia, sen necesidade de comezar optando ao selo.

Sumada a todos estes datos, a sorpresa atópase no anexo de información sobre as fases de traballo para participar nesta convocatoria: na primeira fase, a organizativa, débense asignar as persoas ou equipo de coordinación e facer unha reunión informativa aos demais concelleiros, partidos políticos, etc, sobre os requisitos, a folla de ruta, o cronograma e a participación de todo actor.
A Xunta de Goberno saltouse todo este procedemento. ESQUERDA UNIDA recibiu como única información a moción presentada, moción por certo, que está incluída nos anexos das bases da convocatoria.

Outra cuestión que non mencionou a concelleira é, que de concedérselle este recoñecemento ao Concello, despois faríase un convenio de colaboración no que se establecerían unha serie de obrigas con respecto a este organismo e no que o único compromiso de Unicef sería o de “informar ao concello de todas as accións que se realicen no marco do Programa de Cidades Amigas da Infancia”.
Tamén cabe mencionar que outras das obrigas que se establecen nas bases é a de asistir a eventos e formacións propostos polo Programa de Cidades Amigas da Infancia, correndo os gastos de desprazamento a cargo do concello, por suposto.

ESQUERDA UNIDA valorando toda esta información sumada ao nivel de traballo da concelleira de ensino, advirte que isto só serve a fins propagandísticos como xa nos ten acostumadas Cristina Fernández.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE AS AXUDAS MUNICIPAIS DE APOIO AO ESTUDO NON BENEFICIAN AO ALUMNADO AO QUE ESTÁN DESTINADAS

A AGRUPACIÓN XA SOLICITOU A MELLORA DAS BASES PARA ESTA AXUDA O PASADO ANO – – –

A Xunta de Goberno de Ponteareas volveu publicar as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas municipais de apoio ao estudo destinadas ao alumnado matriculado en educación infantil, fp básica, ciclos formativos e bacharelato, por segundo ano consecutivo.

Ao igual que o ano anterior, estas axudas carecen dunhas bases axeitadas que beneficien precisamente a quen están destinadas: ás familias que máis as precisan debido a súa situación económica.

Na concesión de axudas entrarían todas aquelas familias que teñan unha renda per cápita de ata 9.000 €, é dicir, cuns ingresos mensuais de ata 3.000 €.

Por outra banda, a base DÉCIMO PRIMEIRA de Xustificación e Pagamento Das Axudas, establece que: “A forma de pagamento será mediante transferencia bancaria na conta que determine a persoa solicitante. Aboarase o importe concedido tras a comprobación da factura compulsada, presentada por parte da persoa beneficiaria no departamento de Ensino”.

Este tipo de procedemento implica que a persoa beneficiaria teña que facer o gasto con anterioridade a recibir a subvención, gasto que nos casos de persoas con serias dificultades económicas, pode ser moi difícil ou imposible de realizar. Máis aínda tendo en conta que a persoa beneficiaria non sabe con certeza en que momento recibirá a subvención. De feito, houbo familias que non puideron acceder á subvención de axudas municipais de apoio ao estudo para o curso 2016/2017 por non poder facer fronte ao gasto que supón a adquisición de libros e material escolar.

Con todo, as que saen beneficiadas son aquelas de rendas máis altas -ata tres mil euros mensuais- que si poden facer o gasto con antelación.

No pasado ano, ESQUERDA UNIDA de Ponteareas xa rexistrou unha solicitude para mellorar as bases, de xeito que a persoa beneficiaria non teña que facer o desembolso dos libros e do material escolar de forma previa a recibir a subvención. Isto podería solucionarse facilmente se unha vez comprobada a pertinencia da subvención, a persoa beneficiaria recibe un cheque por parte do Concello que posteriormente podería trocar por libros e material escolar en librerías locais previamente concertadas co mesmo. Tamén solicitou a realización dunha nova convocatoria de subvención nos termos anteriormente descritos. Non obtivo resposta.

ESQUERDA UNIDA considera que con esta mala xestión, a Xunta de Goberno céntrase unicamente no pulo mediático e non na verdadeira preocupación polo dereito á educación en igualdade de condicións do conxunto da cidadanía.

ESQUERDA UNIDA RECLAMA UN CAMBIO DE MODELO NOS COMEDORES ESCOLARES

A ACTUAL SITUACIÓN DO BOUZA BREY É RESPONSABILIDADE DO CONCELLO

vegetables-344422_1920

Dende que o comedor escolar do CEIP Fermín Bouza Brey foi implantado neste curso 2016/2017, as críticas non cesan. As familias non están conformes co servizo, bastante deficiente dende setembro debido non só á comida, senón tamén ás instalacións.

Non só a empresa concesionaria é culpable destas deficiencias, senón que ESQUERDA UNIDA considera ao Concello de Ponteareas o máximo responsable pola mala xestión deste servizo dende o comezo.

ESQUERDA UNIDA defende un servizo de comedor escolar público e gratuíto, con cociña propia e menús ecolóxicos preparados con produto local. Deste xeito, todas gañamos na nosa contorna creando postos de traballo, potenciando o rural local e proporcionando unha alimentación sa, nutritiva e de proximidade ao alumnado. Ademais, reclama un servizo que funcione incluso nos períodos de vacacións e fins de semana para nenas e nenos en risco de exclusión social.

A actual concelleira de ensino (BNG) non só rexeita este modelo de servizo -proposto tamén polas familias no seu momento- senón que tamén rexeitou a modalidade de xestión directa da Consellería que permitiría que os menús do CEIP Fermín Bouza Brey foran preparados na cociña propia do CEIP Virxe dos Remedios, situado a escasos 50 metros. O argumento esgrimido para o empeño na contratación dun cáterin foi a necesidade de aforro para o concello. Deste xeito, os criterios de adxudicación á hora de contratar á empresa concesionaria do servizo, baseáronse primeiro no aforro económico e logo no programa de actividades. Non hai nin un só punto onde se avalíe a calidade dos alimentos ou a proximidade da empresa.

Por outra banda e lamentablemente, os cambios de criterio do BNG son cada vez máis evidentes. Lembremos que esta concelleira reivindicaba comedores escolares gratuítos que cubriran toda a demanda e foran xestionados polo concello. Todo isto cando estaba na oposición e lideraba a federación de anpas comarcal.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA UNHA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA LIBROS E MATERIAL ESCOLAR

AS FAMILIAS CON MÁIS BAIXOS RECURSOS QUEDARON FORA DA CONVOCATORIA

educacion

Logo do anuncio por parte da Xunta de Goberno Municipal da concesión de axudas para 181 familias de Ponteareas para libros e material escolar, ESQUERDA UNIDA solicita unha nova convocatoria de axudas. Solicítase tendo a constancia de que as familias con máis baixos recursos non puideron acceder ás axudas destinadas ao alumnado de educación non obrigatoria.

ESQUERDA UNIDA lembra que isto é perfectamente realizable, xa que o orzamento para esta subvención estableceuse en 20.000€ e dende a Xunta de Goberno manifestaron que o gasto foi de 14.762€, polo que aínda queda unha marxe de 5.238€.

O problema é que tal e coma está establecido nas bases das subvencións aprobadas pola Xunta de Goberno, as familias deben xustificar a subvención entregando as facturas ao Concello, polo que necesariamente teñen que facer o gasto previo sen saber en que momento se lles abonará a subvención. Deste xeito, familias con baixos ingresos de Ponteareas, non puideron facer fronte a ese custe, polo que quedaron tamén sen a subvención e recorreron a fundacións privadas da vila para poder mercar o material escolar. Isto mesmo, xa foi avisado á concelleira de ensino e ao alcalde no Consello Sectorial Social por un dos colectivos asistentes, e a súa resposta foi que cambiarían este requisito das bases, pero non o fixeron.

No escrito dirixido á Concellería de Educación, ESQUERDA UNIDA solicita que ademais de facer unha nova convocatoria de subvencións, se cambie a BASE DECIMO PRIMEIRA, de Xustificación e Pagamento Das Axudas, de forma que en lugar de ser as familias as que xustifiquen o gasto mediante a presentación das facturas, sexa o Concello quen entregue un vale que poderá ser trocado por material escolar e libros en librerías locais.

Pola contra nas bases de subvención establécese coma límite máximo para poder acceder ás subvencións, 9.000€ de renda per cápita. Deste xeito temos que, por exemplo, unha familia de tres membros cuns ingresos de 27.000€ ao ano, entraría no baremo e podería acceder sen dificultades á subvención. Pola contra, outra familia con ingresos moi baixos ou practicamente sen eles, situación que por desgraza dáse en Ponteareas, tería serias dificultades ou non podería acceder á mesma.

Isto lévanos a unha situación absurda na que o Concello subvenciona os libros e o material escolar ás familias con rapaces e rapazas en educación non obrigatoria con recursos económicos, mentres as familias con menos recursos quedan fora.

Se ben, ESQUERDA UNIDA entende que este tipo de axudas deberían ser concedidas pola Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias en educación, a labor do Concello debería centrarse en axudar ás familias con menos recursos..

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A FALTA NOS ORZAMENTOS DE PARTIDAS APROBADAS EN PLENO

ABSTÍVOSE NA VOTACIÓN DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

coin-590721_1280

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas non apoiou, co voto do concelleiro Lino Costas, os orzamentos municipais presentados no pleno deste martes. Isto débese á decisión da Asemblea Municipal de EU, que considera inadmisible a ausencia de partidas económicas aprobadas xa en plenos anteriores.

Estes orzamentos que presentou a xunta de goberno (BNG, PSOE, ARDT) non contemplan por exemplo a partida económica para as actuacións municipais e colaboracións coas organizacións que traballen na acollida a persoas refuxiadas, aprobada en setembro do pasado ano; ou a partida económica para accións diretas e estructurais contra a violencia de xénero, aprobada en decembro tamén do pasado ano; e a partida do estudo para avaliar as posibilidades de implantar sistemas de depuración natural de augas nas poboacións rurais de Ponteareas, aprobada en xaneiro.Todas elas de mocións presentadas por EU-son e todas elas aprobadas por unanimidade das presentes.

ESQUERDA UNIDA tamén botou en falta nestes orzamentos unha partida para o comedor escolar do Bouza Brey, garantido polo concello para setembro tras o acordo plenario de marzo, tamén por unanimidade das presentes.

Sobre algúns dos acordos incumpridos, EU de Ponteareas xa preguntou por escrito ao concello en novembro de 2015 e a día de hoxe non hai resposta, aínda que a lei contempla que se debe responder en cinco días.

O Pleno Municipal é o máximo órgano de representación da cidadanía de Ponteareas e correspóndelle ao alcalde e membros da xunta de goberno cumprir e facer cumprir os acordos acadados no mesmo. ESQUERDA UNIDA considera dunha irresponsabilidade política moi grave a indiferenza que mostran os tres partidos pertencentes á xunta de goberno para levar a cabo este traballo e garantir así un goberno democrático onde todas as veciñas e veciños da localidade estean representadas.

Por outra banda, os orzamentos presentados melloran os do ano anterior e contemplan subidas importantes -aída que insuficientes- en partidas como a de emerxencia social, polo que o voto do concelleiro Lino Costas non será o que impida a súa aprobación, dacordo coa decisión da Asemblea Municipal de EU.