Arquivo da etiqueta: Información

SOBRE A RECOLLIDA DE ALIMENTOS DO CONCELLO DE PONTEAREAS

IMG_2243Estamos en datas previas á celebración da festividade relixiosa do Nadal. A última moda nos concellos é a de competir en alumeado coma se non houbera mañá. Todo xustificado pola suposta retribución económica que isto pode supoñer para os concellos. “Co estupendo alumeado que teremos este ano neste concello “x” atraeremos visitantes doutros concellos para que fagan gasto no noso.” Entendo que a costa de facer menos gasto nos seus respectivos, porque as luces non multiplican os cartos nin a produción de bens. Pero isto xa son cousas do protestón de quenda que está en contra da competividade. Xa se sabe que se levamos decenas de miles de anos evolucionando matándonos uns aos outros, non imos agora a botar abaixo esa tradición.

A maiores das luces esta é tamén unha época de poñerse en plan solidario e facer xestos caritativos cos “pobres” que, aínda que pasen penurias todo o ano, polo menos que teñan un cachiño de turrón para celebrar a festa da cristiandade.

A ese respecto o concello de Ponteareas tivo a brillante idea de poñer ao voluntariado a pedir alimentos nos supermercados para abastecer o Centro de Reparto de Alimentos. Isto estaría moi ben se estivéramos a falar dunha ONG sen outros recursos para axudar ás persoas con problemas económicos, que apelar á solidariedade dos seus conveciños e conveciñas. Pero dáse o caso de que esta recollida de alimentos non a fai ningunha ONG, senón unha administración pública, a máis achegada á veciñanza que se di, que conta cun orzamento anual de case 17 millóns de euros.

Evidentemente, se o concello adica ao voluntariado a pedir alimentos para as persoas desfavorecidas do seu entorno, está recoñecendo que o Centro de Reparto de Alimentos do Concello non está o suficientemente dotado, nin no Nadal nin o resto do ano, para abastecer ás persoas con poucos recursos. Unha cuestión orzamentaria. Ou sexa que hai cartos para festas, luces, corpus e publicidade e propaganda (60.000 euros se gastaron nisto ultimo no 2018), pero non hai para atender á veciñanza en situación precaria.

Ante esta carencia do Centro de Reparto de Alimentos, en lugar de aumentar a partida orzamentaria para que isto non suceda, aos gobernantes municipais do “agora ven o mellor”, non se lles ocorre outra cousa que poñer a pedir ao voluntariado. Fago unha proposta, para o ano que ven que doten de máis recursos económicos ao Centro de Reparto de Alimentos e que manden ao voluntariado a pedir para a festa do Corpus, por exemplo, se non lles chegan os recursos.

Pero claro, resulta que como manobra de propaganda queda moi resultón iso de organizar unha recollida de alimentos dende o Concello. Moito máis que aumentar a partida orzamentaria para dotar adecuadamente o Centro de Reparto de Alimentos. Un exercicio de cinismo impecable. A verdade é que da clase traballadora aproveitase todo. Ata a miseria.

Lino Costas

Advertisement

ESQUERDA UNIDA ESIXE O CUMPRIMENTO DO ACORDO PLENARIO DE REMUNICIPALIZACIÓN DA AUGA

Esquerda Unida lembra que en decembro de 2018 o Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas acordou a proposta desta organización, iniciar o proceso de remunicipalización do servizo de abastecemento e saneamento.

O acordo de “Iniciar o expediente para a determinación da forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento da auga e saneamento e depuración de augas residuais”, foi votado a favor por tódolos grupos que formaban parte, daquela, da Corporación Municipal e todos eles están presentes neste novo mandato.

Pola contra, a día de hoxe non se creou a comisión encargada de elaborar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión do servizo como paso previo á remunicipalización do mesmo.

Dada a complexidade do proceso, Esquerda Unida considera que non se debe demorar a súa tramitación, por iso levou a proposta a pleno con máis dun ano de antelación. Pola contra, o alcalde de Ponteareas parece non considerar urxente esta cuestión a pesares de que votou a favor dela. Lévanse perdidos xa oito meses sen que o alcalde fixera nada ao respecto, polo que Esquerda Unida teme que a intención do alcalde de Ponteareas e o seu equipo de goberno sexa a de obviar o acordo ata que chegue o punto de que o único que se poida facer sexa licitar un novo contrato.

ESQUERDA UNIDA ACLARA QUE AS INDEMNIZACIÓNS URBANÍSTICAS NON TEÑEN RELACIÓN CO FEITO DE NON APROBARSE O PXOM EN MAIO

Ante as terxiversadas informacións dadas pola Xunta de Goberno de Ponteareas, Esquerda Unida aclara que as indemnizacións que ten que pagar o Concello a distintos propietarios debido ás cláusulas de convenios urbanísticos non teñen relación co feito de que se aprobara ou non no pleno do mes de maio o PXOM de Ponteareas.

En relación á cantidade debida á mercantil propietaria dos terreos onde se sitúa o parque Ferro-Ucha, que ascende a 62.967,74€ segundo o informe de intervención, esta debería pagarse independentemente da aprobación do PXOM no pleno de maio. O feito é que esta cantidade corresponde á indemnización á que se comprometeu o Concello se o PXOM non se aprobaba no ano 2016. De feito, a mercantil leva reclamando desde o 2017 ao Concello de Ponteareas a cantidade de 2000€ mensuais por incumprimento do convenio asinado entre o Concello e a propietaria dos terreos. Este convenio contemplaba que a cambio da cesión de parte da parcela se recalificara outra para o seu aproveitamento lucrativo. Ademais, este convenio foi aprobado no seu momento, no ano 2012, por todos os grupos que estaban daquela na corporación municipal: PP, PSOE, ACiP e BNG.

Por outra banda, o Concello de Ponteareas, a través da páxina web, anuncia agora que o concello ten que pagar 180.000€ aos propietarios dos terreos onde está situado o ximnasio do IES Pedra da Auga, tamén como consecuencia dun convenio urbanístico asinado no 2005 sendo alcalde González Solla. Esquerda Unida descoñece neste momento o alcance deste suposto convenio, xa que o Concello non compartiu con este grupo ningunha información ao respecto. Polo tanto entende que a actual Xunta de Goberno está a ocultar información que logo manipula na súa conveniencia.

Esquerda Unida lembra que estes pagos son consecuencia das políticas practicadas por PP, PSOE, ACIP e BNG e que de ningún xeito se pode condicionar a política municipal a intereses privados. Non se pode facer política a base de deber favores aos propietarios de terreos.

ESQUERDA UNIDA SUSPENDE A SÚA PARTICIPACIÓN NO CONSELLO SECTORIAL SOCIAL

Debido ás reiteradas mostras de desprezo do concelleiro de emerxencia social, Manuel Troncoso, cara o Consello Sectorial Social (CSS), EU decidiu abandonar este órgano de participación. Esta decisión manterase ata que este espazo sirva ao obxectivo para o que se creou.

O Consello Sectorial Social xurdiu despois do traballo de impulso de diferentes asociacións ponteareás que centran o seu labor en organizar as persoas contra os problemas económicos e sociais que impactaron con forza na vila. O obxectivo da creación deste espazo foi por en común as perspectivas e ferramentas dos diferentes axentes que traballan polo combate da pobreza no noso municipio para resolver o maior número de situacións de emerxencia social, así como traballar por unha mellora no conxunto dos servizos sociais municipais.

Con todo, a implicación do goberno no Consello Sectorial Social demostra a maior das indiferenzas na resolución de situacións de emerxencia social a través do esforzo, coñecemento e decisión colectiva. Este Consello, por norma, debe manter reunións ordinarias cada dous meses. Pola contra, entre a xuntanza celebrada o pasado venres 22 e a anterior pasaron case 14 meses. No transcurso da reunión sucedéronse varios episodios que reflicten a incompetencia do titular da concellería: como a presentación dun documento sen o coñecemento das traballadoras de Servizos Sociais, a incapacidade para realizar nin unha soa das xestións aprobadas no anterior CSS, ou a argumentación por parte do concelleiro de que non convocaba máis reunións porque non vía de que se podía falar se as xuntanzas foran bimestrais, ademais de tentar responsabilizar aos movementos sociais de non convocar por eles mesmos estas reunións. Porén, o responsable político é el, a pesar de que pareza descoñecelo.

ESQUERDA UNIDA pode sacar varias conclusións desta xuntanza: a falta total de vontade política para incluír aos diferentes axentes sociais nas decisións políticas -neste caso en materia de asistencia social-, a prioridade que sobre temas de servizos sociais non corresponde coa situación de emerxencia que vivimos en Ponteareas para unha grande parte da veciñanza, un absoluto tratamento cosmético e electoralista das cuestións políticas ao convocar este Consello curiosamente a tres meses das eleccións municipais -cunha orde do día enfocada a exposición das escasas accións do goberno para a eliminación das condicións de vida precarias- sen a intención de confrontalas e traballalas co resto de axentes para mellorar a vida das persoas de Ponteareas e por último, o absoluto desprezo polas decisións tomadas polo Consello Sectorial en anteriores xuntanzas, xa que ningunha das cuestións aprobadas na anterior reunión foron executadas ou polo menos presentadas ao Pleno Municipal, como consta na normativa.

Por todo isto, EU non lexitimará un órgano utilizado polo goberno de forma contraria aos seus principios fundacionais, lamentando profundamente que o Consello Sectorial non estea a funcionar para o ben de todas as ponteareás. Por outra banda, EU mantén a análise do desacertado de que Manuel Troncoso continúe a desempeñar os labores de responsable de Emerxencia Socialdebido a súa falta de capacidade para as políticas públicas enfocadas na mellora das condicións de vida da veciñanza, así como a falta de vontade política do resto do Goberno por permitir este nivel de deixamento de funcións nun ámbito vital no conxunto de políticas dun executivo que se autodenomina progresista ou de esquerdas.

ESQUERDA UNIDA INSTA Á XUNTA DE GOBERNO A AVANZAR NA AMORTIZACIÓN DAS PRAZAS DE TAXI

EN CATRO ANOS, NON SE FIXO PROPOSTA ALGUNHA QUE PERMITA APLICAR A PARTIDA ADICADA

peter-kasprzyk-111462-unsplash

ESQUERDA UNIDA manifesta que os 50.000 euros aprobados no pasado pleno municipal de Ponteareas adicados á amortización de prazas de taxi serán totalmente inútiles se non se avanza no xeito de empregalos.

EU apoiou no pasado pleno as modificacións orzamentarias propostas polo goberno municipal. Entre ellas, a creación dunha partida adicada á amortización de prazas de taxi no Concello, tendo en conta que a día de hoxe existen 13 prazas de mais, feito que produce que o colectivo de taxistas do concello teña uns baixos ingresos polo seu traballo.

Ainda así, ESQUERDA UNIDA entende que a creación dunha partida para este fin non supón que se inicie o proceso de amortización de prazas, xa que ata agora o goberno municipal non avanzou en absoluto na busca da fórmula de aplicación destes 50.000 euros para amortizar prazas. Polo tanto, actualmente esta partida non se pode aplicar.

Esta cuestión foi manifestada por Lino Costas, concelleiro de EU no pleno municipal, instando así mesmo ao alcalde e á xunta de goberno a avanzar nesta cuestión. ESQUERDA UNIDA considera que non é xustificación o feito de carecer de informes, tal e como manifestaba no pleno a concelleira de seguridade, xa que o feito é que a día de hoxe non teñen ningunha proposta ao respecto que se poida valorar. EU entende que a única vía para proceder á amortización de prazas de taxi pasa pola elaboración dunhas bases de subvencións para tal fin, previa valoración das mesmas, algo que xa manifestou en diversas ocasións ao goberno municipal.

ESQUERDA UNIDA lembra que a amortización de prazas de taxi foi un compromiso ao que chegaron no ano 2015 todos os partidos que estaban naquel momento na corporación municipal, PP, BNG, PSdG e ACiP.

Para EU, o feito de que nestes catro anos non se avanzara absolutamente nada nesta cuestión responde á absoluta falta de interese por parte do goberno municipal.

Así mesmo, ESQUERDA UNIDA manifesta que por moito que non fora o actual goberno quen creou o problema das prazas de taxi concedidas indiscriminadamente por gobernos anteriores, o feito é que éste é un problema creado pola administración municipal e polo tanto, un debe resolvelo o Concello.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA UN NOVO ENXALZAMENTO AO FRANQUISTA JOSÉ CASTRO

O vindeiro 27 de novembro, a veciñanza de Ponteareas será testemuña, unha vez máis, dunha homenaxe –no auditorio municipal- ao que foi un alcalde franquista, represor, falsificador e prevaricador durante 33 anos. Lembremos que a actual xunta de goberno (BNG, PsdG e ARDT) promocionouno para a concesión da medalla de ouro do Corpus no 2017.

Desta vez trátase dunha biografía que o enxalza con perlas da magnitude de “impulsor del crecimiento y expansión de Puenteareas”, “Puenteareas a Castro le debe todo o casi todo” ou “él supo, no sin un gran esfuerzo personal, convertir un pequeño pueblo en una gran villa”.

Máis a realidade é que o que lle debemos a este personaxe non é máis que corrupción e ranciedade: alcalde co franquismo -un réxime fascista ao que foi tan afecto que mesmo considerou adecuado poñer un busto xigante de Franco na Praza Maior no ano 1976- condenado en 1998 a tres anos de prisión por falsidade documental e a un ano de inhabilitación por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos -feitos estes que levaron á súa expulsión do Partido Popular- e finalmente condenado no ano 2001 a dez anos de inhabilitación -condena ratificada no 2004 polo Tribunal Supremo- por prevaricación a raíz de varios contratos irregulares.

Responsable tamén do desastre urbanístico da vila, das irregularidades das contas públicas e do caos na organización municipal, a súa carreira político-delictiva é unha mancha na historia da vila; e eventos como este son, cando menos, unha provocación á democracia logo de que se aprobara polo Senado -fai apenas uns días- a condena ao réxime fascista do ditador Francisco Franco.

ESQUERDA UNIDA non comprende como se continúa a normalizar as actividades franquistas no país. Nunha democracia non cabe que un local público sexa habilitado para agrandar a figura dun alcalde da ditadura, nun acto de presentación do libro que trata de enxalzar a un político corrupto. Estes feitos mostran como as estruturas do Estado, como as súas leis e regulamentos, a xudicatura, grande parte dos axentes políticos ou os medios de comunicación (editoriais neste caso) son dolorosamente permisivas co pasado franquista de este país.

Pola memoria de todas aquelas veciñas e veciños que foron obxectivo político de José Castro, que sufriron graves consecuencias pola súa represión, extorsión e prevaricación, pero a pesar de todo loitaron pola democracia neste pobo, declaramos que a súa loita non pode ser en balde. Non se merecen o blanqueamento do personaxe e dos seus feitos. Non o permitiremos.

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas non deixará de denunciar as tentativas do fascismo para normalizar e mesmo enxalzar a corrupción e a intolerancia máis abxecta.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS CONTRA AS PRIVATIZACIÓNS

Logo de que o PP de Ponteareas manifestara en prensa que propuxera a creación dunha partida de 60 mil euros para o CIM e para o servizo de drogodependencia -algo do que EU tivo coñecemento por primeira vez a través da propia prensa- e acusara a ESQUERDA UNIDA de apoiar privatizacións no concello, esta organización desminte totalmente estas afirmacións.

Con respecto a estes departamentos, EU afirma que xa no 2017 o concello procedeu a unha reorganización dos mesmos, trasladando á persoa que ocupaba a praza no CIM á Escola Infantil e a persoa responsable do departamento de drogodependencia ao CIM e de tal xeito se contempla nos orzamentos de 2018. Esta reorganización, estéase de acordo ou non con ela, non implica en ningún caso unha privatización destes servizos.

Por outra banda, cabe engadir que no propio documento da RPT que está en negociación, contémplase a creación dunha nova praza para o CIM, o que non parece indicar para nada unha intención de privatizar este servizo. De feito, a partida referente a traballos a realizar por outras empresas mantense nos mesmos 6 mil euros contemplados no orzamento de 2016, incluíndose por outra banda 8 mil euros para o programa de igualdade, partida específica para igualdade que foi solicitada no seu momento por ESQUERDA UNIDA.

No referente ao servizo de drogodependencia, resulta ridículo falar de privatización do servizo cando nin sequera existe neste apartado ningunha partida para a realización de traballos por parte de empresas externas.

EU lembra que traballa e traballará contra as privatizacións, tal e como quedou demostrado cando denunciou a privatización da aula CEMIT ao contratar o concello unha empresa externa en lugar de contratar directamente a un traballador, ou cando votou en contra de ceder a Estación de Autobuses á Xunta debido, entre outras cousas, á coñecida intención da Xunta de privatizala, algo co que o PP manifestouse de acordo. Na mesma liña vai a proposta de ESQUERDA UNIDA de crear unha cociña municipal para deixar de depender das empresas de cátering.

Polo tanto, EU considera que non estamos máis que ante un intento de manipulación por parte do PP. Intento de manipulación que, polo demais denota certo cinismo ao ser este partido o principal promotor das privatizacións en todo o estado.

ESQUERDA UNIDA CONDICIONA O SEU VOTO A FAVOR DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera positiva a decisión da Xunta de Goberno sobre aprazar os Orzamentos de 2018 a un vindeiro pleno para modificar o documento na liña que solicitou EU e para avanzar na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do Acordo de Funcionarios.

EU instou á Xunta de Goberno a que os orzamentos contemplaran a amortización de prazas de taxi e que contaran cunha partida suficiente para por en marcha unha cociña municipal. Ademais, esixe que antes da aprobación dos presupostos se acorde a RPT.

Na última proposta de presupostos xa se incluíu o compromiso para a amortización de prazas de taxi por valor de 36.308€, tal e como solicitou esta organización e como demanda o colectivo de taxistas. Ademais disto, na xuntanza mantida este luns, a Xunta de Goberno comprometeuse a incluír no orzamento unha partida específica para un estudo de viabilidade da futura cociña municipal, feito que aínda que non chega ao solicitado por EU, esta organización está disposta a aceptar se se inclúe claramente nos orzamentos.

Para ESQUERDA UNIDA é urxente a creación dunha cociña municipal, tal e como existe noutros concellos, que atenda as necesidades dos comedores escolares e das familias en exclusión social. Esta medida aportaría beneficios para Ponteareas: a eliminación do lucro privado das empresas de cátering, a mellora das condicións laborais e dos produtos distribuídos e a potenciación da produción agraria local. Esta medida é fundamental para camiñar cara á municipalización deste servizo. Trátase dunha proposta de gran carga política que aínda que custou que fora incluída nos orzamentos como solicitaba EU, finalmente será incluída.

Por outra banda, aínda que nos orzamentos se contempla a reserva de crédito para a negociación da RPT do concello, ESQUERDA UNIDA considera que se debería avanzar máis nas negociacións antes de chegar á aprobación orzamentaria. EU considera que se pode constatar a falta de vontade política por parte da Xunta de Goberno para avanzar nesta cuestión cando o feito é que convocaron a reunión da mesa de funcionarios para tratar estas cuestións este mesmo luns, un día antes do pleno ordinario ao que pretendían levar os orzamentos de 2018 e por primeira vez dende febreiro de 2016. E todo isto ante a insistencia de ESQUERDA UNIDA para rematar coa negociación da RPT e o Acordo de Funcionarios antes da aprobación dos Orzamentos. Finalmente, a Xunta de Goberno comprometeuse a convocar unha nova reunión da Mesa de Funcionarios e da Mesa Xeral antes de voltar a levar os orzamentos a pleno, momento no que EU poderá valorar o estado das negociacións para decidir o sentido do seu voto.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA ten vontade para aprobar os novos orzamentos para 2018, que considera positivos nalgúns aspectos, polo que será unha vez solucionadas estas cuestións, manifestadas na xuntanza mantida entre todos os grupos este luns, cando EU poderá apoiar os orzamentos, como se decidiu na Asemblea Municipal aberta da organización.

EU SOLICITA AO PLENO A RETIRADA DA COMPETENCIA DE SERVIZOS SOCIAIS AO CONCELLEIRO RESPONSABLE

A XUNTA DE GOBERNO EVITA O DEBATE E VOTACIÓN DA MOCIÓN

ESQUERDA UNIDA levou unha moción de urxencia ao Pleno Municipal celebrado onte, 15 de maio, para darlle fin ás irregularidades do Centro de Reparto de Alimentos (CRA), xestionado pola concellería de Servizos Sociais.

A agrupación de Ponteareas tivo coñecemento de que dende os Servizos Sociais do Concello se está facendo asinar ás persoas usuarias do CRA un documento onde se comprometen a “non utilizar os servizos de calquera outra entidade pública ou privada” polo mesmo servizo. Tendo en conta que a achega de alimentos ás persoas sen recursos por parte do CRA é claramente insuficiente para acadar unha alimentación adecuada, resulta especialmente grave que se tente privar a estas persoas da posibilidade de complementar os produtos que reciben dende o Centro de Reparto de Alimentos cos que poidan adquirir por outras vías.

É certo que o CRA de Ponteareas é un Organismo Asociado de Reparto (OAR) autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dentro do Programa de Axuda Alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD), e que como tal, recibe alimentos do mesmo e ten que adecuarse ás esixencias establecidas por este organismo. É coñecido que o FEGA establece o impedimento ás persoas destinatarias finais dos alimentos de acudir a máis dunha OAR a recibir os mesmos. Pero o certo é que no documento que se está a facer asinar ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas non se establece a limitación de utilizar unha soa OAR, se non que se pretende impedir que estas persoas poidan utilizar o servizo de calquera outra organización, estean consideradas ou non unha OAR e reciban ou non os alimentos a través das canles establecidas polo FEGA.

Non existe, polo tanto, ningún impedimento legal ou de outro tipo para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas poidan recibir alimentos de parte de outro tipo de organizacións que non estean integradas no FEAD. Deste xeito EU entende que estamos ante un intento de coacción totalmente inxustificada ás persoas sen recursos do noso Concello. Unha coacción sen ningunha base legal coa que se ameaza ás persoas usuarias do CRA coa posibilidade de ser apartados da utilización do mesmo se recorren ao mesmo tempo a outra organización.

Hai que engadir por outra banda, que no Consello Sectorial Social celebrado o 8 de xullo de 2016, o Concelleiro de Servizos Sociais, o Sr. Troncoso, comprometeuse a ordenar a retirada dun cartel colocado no CRA que establecía do mesmo xeito, o impedimento ás persoas usuarias de utilizar ao mesmo tempo o CRA e calquera outra organización. Este compromiso por parte do Concelleiro de Servizos sociais produciuse ante a reclamación de varias persoas membros do Consello Sectorial Social e despois de recoñecer que non existía ningún impedimento legal para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas puideran ao mesmo tempo ser beneficiarias de outras organizacións que non constituíran unha OAR.

Ante a gravidade destes feitos, que constitúen unha coacción e humillación ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello precisamente por parte do organismo que debería preocuparse da súa seguridade e benestar, ESQUERDA UNIDA presentou unha moción de urxencia para instar ao Concelleiro de Servizos sociais a informar debidamente ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas con respecto á nulidade do documento feito asinar ás mesmas, e para reprobar e retirar a delegación da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro Manuel Troncoso por actuar ou permitir que se actúe de xeito totalmente improcedente con respecto a estas persoas.

Ao ser de urxencia, a moción non pode ser debatida nin votada se non se aproba primeiro a súa urxencia polo pleno. E para a súa aprobación fai falta a maioría absoluta. Onte, nin o concelleiro de Servizos Sociais, nin o resto da Xunta de Goberno estiveron a favor do seu debate no Pleno Municipal.

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O SILENCIO DO ALCALDE NO TEMA DO LINDANO

2018_03_23 Foto visita canteira.4
Canteira de Parada, Xinzo, Ponteareas

O pasado día 20 de febreiro deste ano, ante unha proposta de ESQUERDA UNIDA, o alcalde de Ponteareas comprometeuse a dar explicacións antes do pleno de marzo sobre as actuacións realizadas polo concello con respecto á vertedura de lindano nunha canteira de Parada na parroquia de Xinzo.

A proposta presentada por EU solicitaba que se pediran explicacións ao Concello de O Porriño e á Xunta de Galicia con respecto ás actuacións levadas a cabo cando se trasladaron terras contaminadas por lindano dende as obras de saneamento no barrio de O Contrasto no concello de O Porriño ata a canteira, así como das levadas a cabo para a súa descontaminación.

ESQUERDA UNIDA denuncia que a día de hoxe, cando xa pasaron dous plenos dende aquel compromiso, o alcalde de Ponteareas segue sen dar explicacións. Tampouco ten a información de se o Concello de Ponteareas realizou algún tipo de actuación ao respecto. A agrupación considera que estamos ante un novo incumprimento por parte da Xunta de Goberno e de desprezo polos demais grupos da Corporación, ademais de un posible abandono de funcións.

Pola contra, EU de Ponteareas quere agradecer as diferentes actuación levadas a cabo no Parlamento de Galicia pola Coordinadora Nacional de ESQUERDA UNIDA e deputada de En Marea, Eva Solla, con respecto a todo este proceso. Grazas ás preguntas realizadas pola deputada de EU puidemos saber que na actualidade aínda non está feito por parte da Consellería de Medio Ambiente o Proxecto Detallado de Descontaminación, xa que afirman, seis meses despois de ter coñecemento da vertedura, estar a agardar polos resultados da investigación exploratoria contratada pola empresa explotadora da canteira.

ESQUERDA UNIDA considera que estamos ante un deixamento con respecto a un problema grave de contaminación dun produto altamente tóxico, tanto por parte da Xunta de Galicia como por parte dos concellos de O Porriño e Ponteareas.