Arquivo da etiqueta: Limpeza

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA UN NOVO ENXALZAMENTO AO FRANQUISTA JOSÉ CASTRO

O vindeiro 27 de novembro, a veciñanza de Ponteareas será testemuña, unha vez máis, dunha homenaxe –no auditorio municipal- ao que foi un alcalde franquista, represor, falsificador e prevaricador durante 33 anos. Lembremos que a actual xunta de goberno (BNG, PsdG e ARDT) promocionouno para a concesión da medalla de ouro do Corpus no 2017.

Desta vez trátase dunha biografía que o enxalza con perlas da magnitude de “impulsor del crecimiento y expansión de Puenteareas”, “Puenteareas a Castro le debe todo o casi todo” ou “él supo, no sin un gran esfuerzo personal, convertir un pequeño pueblo en una gran villa”.

Máis a realidade é que o que lle debemos a este personaxe non é máis que corrupción e ranciedade: alcalde co franquismo -un réxime fascista ao que foi tan afecto que mesmo considerou adecuado poñer un busto xigante de Franco na Praza Maior no ano 1976- condenado en 1998 a tres anos de prisión por falsidade documental e a un ano de inhabilitación por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos -feitos estes que levaron á súa expulsión do Partido Popular- e finalmente condenado no ano 2001 a dez anos de inhabilitación -condena ratificada no 2004 polo Tribunal Supremo- por prevaricación a raíz de varios contratos irregulares.

Responsable tamén do desastre urbanístico da vila, das irregularidades das contas públicas e do caos na organización municipal, a súa carreira político-delictiva é unha mancha na historia da vila; e eventos como este son, cando menos, unha provocación á democracia logo de que se aprobara polo Senado -fai apenas uns días- a condena ao réxime fascista do ditador Francisco Franco.

ESQUERDA UNIDA non comprende como se continúa a normalizar as actividades franquistas no país. Nunha democracia non cabe que un local público sexa habilitado para agrandar a figura dun alcalde da ditadura, nun acto de presentación do libro que trata de enxalzar a un político corrupto. Estes feitos mostran como as estruturas do Estado, como as súas leis e regulamentos, a xudicatura, grande parte dos axentes políticos ou os medios de comunicación (editoriais neste caso) son dolorosamente permisivas co pasado franquista de este país.

Pola memoria de todas aquelas veciñas e veciños que foron obxectivo político de José Castro, que sufriron graves consecuencias pola súa represión, extorsión e prevaricación, pero a pesar de todo loitaron pola democracia neste pobo, declaramos que a súa loita non pode ser en balde. Non se merecen o blanqueamento do personaxe e dos seus feitos. Non o permitiremos.

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas non deixará de denunciar as tentativas do fascismo para normalizar e mesmo enxalzar a corrupción e a intolerancia máis abxecta.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA TRASLADA AO CONCELLO AS RECLAMACIÓNS DA VECIÑANZA

IMG-20170729-WA0001Lino Costas, concelleiro de EU-son na vila de Ponteareas, ven de trasladar á Concellería de Urbanismo diferentes reclamacións e solicitudes veciñais.

Entre estas reclamacións atópanse as de zonas en mal estado, arranxos de iluminación, poda de árbores e vexetación ou melloras en zonas deportivas.

Así, no centro urbano, os lugares máis nomeados -segundo estas solicitudes- son a Praza Maior, Praza da Anduriña, Feira Vella, Fonte da Fama, Rúa Vidales Tomé e Complexo Álvaro Pino.

Tamén constan zonas de Cristiñade e Bugarín.

ESQUERDA UNIDA agarda que a Concellería de Urbanismo poña mans á obra -e nunca mellor dito- coa maior brevidade posible, para dar resposta ás veciñas e veciños dos diferentes barrios e zonas.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA A LIMPEZA E AMAÑO DA URBANIZACIÓN DE A FREIXA

A urbanización de A Freixa, na parroquia de Ribadetea, ten a clasificación de zona urbana tanto na ordenación vixente coma no PXOM aprobado de forma provisional e pendente de aprobación final. Isto supón na práctica, que a veciñanza da zona pague os impostos municipais coma o IBI ou a recollida de lixo ao mesmo prezo que os veciños e veciñas da vila.

A pesares disto, os servizos que reciben por parte do concello non se adecúan a esta situación. As súas rúas atópanse en estado de abandono por parte do Concello. Tanto as cunetas coma as beirarrúas carecen dun adecuado mantemento e limpeza, o que provoca un gran malestar entre a veciñanza residente na zona.

Ante a persistencia desta situación, ESQUERDA UNIDA rexistrou un rogo para ser debatido no vindeiro pleno, solicitando ao Concello que proceda á limpeza e amaño da zona, xa que considera que debe rematarse con este trato discriminatorio.

ESQUERDA UNIDA NON COMPARTE A DECISIÓN DO GOBERNO DE CONTINUAR COA PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA DOS CENTROS DE ENSINO PÚBLICO

CEIP Fermín Bouza Brey

O GOBERNO MUNICIPAL DE PONTEAREAS PRETENDE MANTER PRIVATIZADO O SERVIZO DOUS ANOS MÁIS

O Goberno Municipal de Ponteareas, composto por BNG, PSOE e ARDT, acordou continuar coa privatización do servizo de limpeza dos colexios Nosa Señora dos Remedios e Fermín Bouza Brey iniciada polo anterior goberno do PP. O novo contrato, que está en proceso de adxudicación, terá un custe de 10.679 euros ao mes e corresponderá aos cursos escolares 2015-2016 e 2016-2017 e o seu importe total será de 176.512, 40 euros.

A xestión directa dos servizos municipais, debería ser un dos obxectivos de partidos que como o BNG, o PSOE ou ARDT, autodenomínanse de esquerdas. Mais esta non parece ser a intención destes partidos, xa que non satisfeitos con ampliar a externalización do servizo un ano máis -o que poderíamos chegar a entender por dificultades organizativas- estenden o contrato a dous anos.

Dende Esquerda Unida, lamentamos esta decisión do goberno municipal de Ponteareas, á que nos opoñemos totalmente. A tarefa de limpeza destes colexios, podería ser perfectamente asumida e realizada por persoal municipal sen necesidade de gastar cartos do concello para pagarlle os beneficios a unha empresa privada. Non é coherente manter durante anos, como levan feito tanto o BNG coma o PSOE, a crítica ao goberno anterior de que o persoal do concello estaba sobredimensionado, e ao mesmo tempo, non utilizar este persoal municipal para realizar esta tarefa.

ESQUERDA UNIDA SOLIDARÍZASE COS TRABALLADORES DE LIMPEZA EN PONTEAREAS

Esquerda Unida esixe o mantemento de tódos os postos de traballo e a equiparación salarial cos demáis  traballadores da  provincia.

EU lamenta a desfachatez dos partidos da corporación que aprobaron vai anos por unanimidade a privatización do servizo municipal de limpeza e agora pídenlle ao alcalde que resolva o problema.

 Unha causa inmediata do problema compre buscala na pretensión do PP de recortar orzamentariamente a partida destinada á recollida do lixo, sen importarlle soldos e despedimentos, tal como recoñece o alcalde públicamente.

 Dende Esquerda Unida consideramos urxente remunicipalizar o servizo de recollida do lixo e organizalo fora de SOGAMA, para facelo de xeito máis ecolóxico e barato.