OS DOUS GRUPOS REXISTRARON PREGUNTAS AO RESPECTO DO SANEAMENTO EN RIBADETEA NAS MESAS DO PARLAMENTO DE GALICIA E DO CONGRESO DOS DEPUTADOS RESPECTIVAMENTE.
O pasado xoves, 12 de decembro, Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida e Marcos Cal, membro do Consello Cidadá Galego de Podemos, os dous deputados autonómicos do Grupo Común da Esquerda, acompañados polo Coordinador Local de EU en Ponteareas, Lino Costas, reuníronse coa Plataforma Veciñal de Ribadetea para interesarse sobre o problema da falta de saneamento nesa parroquia de Ponteareas.
Froito de esa reunión, os dous grupos parlamentarios iniciaron xestións de cara a acadar que as necesarias actuacións de saneamento na parroquia de Ribadetea e de mellora da depuración de augas residuais no Concello de Ponteareas se poñan en marcha dunha vez.
O venres, 13 de decembro, o Grupo Común da Esquerda rexistrou unha serie de preguntas sobre as xestións que está a realizar a Xunta de Galicia con respecto ao saneamento en Ribadetea e cando ten pensado iniciar e finalizar as obras. No mesmo escrito o grupo parlamentario lembraba a carencia de depuración de augas residuais en moitas zonas do Concello de Ponteareas e a deficiencia da depuradora de augas residuais. Por estas cuestións este grupo chegou a rexistrar emendas aos orzamentos de Galicia, emendas que foron rexeitadas polo PP.
Por outra banda, os deputados de Unidas Podemos- En Común Podem- Galicia En Común, Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino, rexistraron na Mesa do Congreso dos Deputados unha pregunta para coñecer a posición da Confederación Hidrográfica ao respecto desta necesaria obra.
Esta pregunta ven a conto dadas as reticencias da Confederación Hidrográfica a realizar estas obras mentres non se mellore a eficiencia da Estación Depuradora de Augas Residuais de Ponteareas, que neste momento non podería asumir máis caudal. Pola contra, a veciñanza de Ribadetea demanda que se poidan realizar as obras de saneamento na súa parroquia de maneira paralela as da mellora da depuradora co compromiso de non engancharse á rede de saneamento ata que a depuradora non estea en condicións.
Esquerda Unida de Ponteareas apoia totalmente as reivindicacións da veciñanza de Ribadetea e lembra que a falta de depuración de augas residuais no Concello de Ponteareas é unha carencia neste concello que xa debía estar resolva hai moitos anos e que non pode agardar máis demoras. Ao mesmo tempo lembra que a administración do estado non pode limitarse a multar ao Concello pola existencia de augas residuais sen depurar, se non que debe de poñer dunha vez os medios para que esta situación non se produza, algo que dificilmente podería facer o Concello soamente por si mesmo.