Arquivo da etiqueta: Lixo

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA UN NOVO ENXALZAMENTO AO FRANQUISTA JOSÉ CASTRO

O vindeiro 27 de novembro, a veciñanza de Ponteareas será testemuña, unha vez máis, dunha homenaxe –no auditorio municipal- ao que foi un alcalde franquista, represor, falsificador e prevaricador durante 33 anos. Lembremos que a actual xunta de goberno (BNG, PsdG e ARDT) promocionouno para a concesión da medalla de ouro do Corpus no 2017.

Desta vez trátase dunha biografía que o enxalza con perlas da magnitude de “impulsor del crecimiento y expansión de Puenteareas”, “Puenteareas a Castro le debe todo o casi todo” ou “él supo, no sin un gran esfuerzo personal, convertir un pequeño pueblo en una gran villa”.

Máis a realidade é que o que lle debemos a este personaxe non é máis que corrupción e ranciedade: alcalde co franquismo -un réxime fascista ao que foi tan afecto que mesmo considerou adecuado poñer un busto xigante de Franco na Praza Maior no ano 1976- condenado en 1998 a tres anos de prisión por falsidade documental e a un ano de inhabilitación por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos -feitos estes que levaron á súa expulsión do Partido Popular- e finalmente condenado no ano 2001 a dez anos de inhabilitación -condena ratificada no 2004 polo Tribunal Supremo- por prevaricación a raíz de varios contratos irregulares.

Responsable tamén do desastre urbanístico da vila, das irregularidades das contas públicas e do caos na organización municipal, a súa carreira político-delictiva é unha mancha na historia da vila; e eventos como este son, cando menos, unha provocación á democracia logo de que se aprobara polo Senado -fai apenas uns días- a condena ao réxime fascista do ditador Francisco Franco.

ESQUERDA UNIDA non comprende como se continúa a normalizar as actividades franquistas no país. Nunha democracia non cabe que un local público sexa habilitado para agrandar a figura dun alcalde da ditadura, nun acto de presentación do libro que trata de enxalzar a un político corrupto. Estes feitos mostran como as estruturas do Estado, como as súas leis e regulamentos, a xudicatura, grande parte dos axentes políticos ou os medios de comunicación (editoriais neste caso) son dolorosamente permisivas co pasado franquista de este país.

Pola memoria de todas aquelas veciñas e veciños que foron obxectivo político de José Castro, que sufriron graves consecuencias pola súa represión, extorsión e prevaricación, pero a pesar de todo loitaron pola democracia neste pobo, declaramos que a súa loita non pode ser en balde. Non se merecen o blanqueamento do personaxe e dos seus feitos. Non o permitiremos.

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas non deixará de denunciar as tentativas do fascismo para normalizar e mesmo enxalzar a corrupción e a intolerancia máis abxecta.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA SOLIDARÍZASE COAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE FCC-PONTEAREAS

Concentración do persoal de FCC o derradeiro 29M
Concentración do persoal de FCC o derradeiro 29M

EU DENUNCIA OS ABUSIVOS SERVIZOS MÍNIMOS ESTABLECIDOS POLO ALCALDE GONZÁLEZ SOLLA E TRABALLARÁ POLA REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO

ESQUERDA UNIDA solidarízase coa loita do persoal de FCC-Ponteareas por mellorar as súas condicións laborais.

As penosas condicións de baixos salarios e insuficientes descansos vense empeoradas pola privatización do servizo acordada no seu día polos partidos da corporación ponteareá.

Dende ESQUERDA UNIDA, consideramos que a orixe do problema ven das condicións de traballo do equipo laboral antes da privatización e tamén da propia privatización, xa que o Concello non incluíu ningún tipo de cláusula social no contrato de cara a esixir unhas boas condicións laborais para as persoas empregadas da empresa contratista.

Correspóndelle ao alcalde e actual corporación facer a mediación necesaria para que as reivindicacións das traballadoras e traballadores de FCC sexan debidamente atendidas. Todo o contrario do feito por Solla, quen se puxo de parte da empresa, establecendo uns servizos mínimos abusivos.

O coordinador local Lino Costas, a partir da constitución da nova corporación, retomará con novos recursos o traballo político de lograr a remunicipalización deste servizo.

ESQUERDA UNIDA SOLIDARÍZASE COS TRABALLADORES DE LIMPEZA EN PONTEAREAS

Esquerda Unida esixe o mantemento de tódos os postos de traballo e a equiparación salarial cos demáis  traballadores da  provincia.

EU lamenta a desfachatez dos partidos da corporación que aprobaron vai anos por unanimidade a privatización do servizo municipal de limpeza e agora pídenlle ao alcalde que resolva o problema.

 Unha causa inmediata do problema compre buscala na pretensión do PP de recortar orzamentariamente a partida destinada á recollida do lixo, sen importarlle soldos e despedimentos, tal como recoñece o alcalde públicamente.

 Dende Esquerda Unida consideramos urxente remunicipalizar o servizo de recollida do lixo e organizalo fora de SOGAMA, para facelo de xeito máis ecolóxico e barato.