Arquivo da etiqueta: Marchas da Dignidade

ESQUERDA UNIDA CHAMA Á PARTICIPACIÓN NAS MARCHAS DA DIGNIDADE

A DEFENSA DAS PENSIÓNS E DOS SERVIZOS PÚBLICOS SERÁN AS REIVINDICACIÓNS CENTRAIS DESTA XORNADA

cartaz-definitivo-coruna-con-modificacion-percorrido

Esquerda Unida de Ponteareas fai un chamamento á participación na mobilización convocada polas Marchas da Dignidade o vindeiro sábado 25 de febreiro na cidade de A Coruña e que, nesta ocasión, terá como reivindicación central a defensa das Pensións e dos Servizos Públicos.

As Marchas da Dignidade é unha plataforma de loita unitaria da cal forman parte máis de sesenta organizacións e colectivos veciñais, sindicais, culturais, sociais e políticos de toda Galicia e que ten por obxectivo fundamental a defensa dos dereitos da clase traballadora fronte as agresións ás que nos someten: desemprego, precariedade, desafiuzamentos, desmantelamento do servizos públicos etc.

Esta nova xornada de mobilización que terá lugar en todo o Estado, centrará a reivindicación na defensa das pensións públicas, que EU considera gravemente ameazadas. Fronte ao discurso que di que as pensións son insustentables, ESQUERDA UNIDA ten claro que isto prodúcese pola alta taxa de desemprego e precariedade que sofren as traballadoras e traballadores e que diminúe considerablemente a cotización á seguridade social. Ademais, as condicións de vida das e dos pensionistas véñense deteriorando nos últimos anos e en moitos casos atopámonos con persoas que teñen que vivir con ingresos por debaixo do limiar da pobreza. Esta non é unha situación que afecte tan só ás persoas pensionistas, se non que en todo o Estado hai un 34% de fogares que dependen en exclusiva dos ingresos dunha pensión. O recortes aplicados sobre as pensións e os servizos públicos obedecen a unha estratexia para favorecer ás pensións privadas e fomentar o lucro do sector bancario.

Por todo isto, ESQUERDA UNIDA considera de vital importancia saír a rúa para defender os nosos dereitos fundamentais. Fai, polo tanto, un chamamento á participación activa na mobilización das Marchas da Dignidade que permita unificar ás loitas da clase traballadora e poder mudar a realidade do noso país.

Advertisement

O PLENO MUNICIPAL DE PONTEAREAS APOIA ÁS MARCHAS DA DIGNIDADE

A MOCIÓN, PRESENTADA POR EU-SON, ACADOU O RESPALDO UNÁNIME DA CORPORACIÓN MUNICIPAL

Na moción, o concelleiro de EU-son, Lino Costas, pediu o apoio da Corporación Municipal á mobilización das Marchas da Dignidade como exemplo de unidade social contra o recorte dos dereitos da clase traballadora e a privatización dos servizos públicos.

As Marchas da Dignidade, non é unha organización de carácter electoral, é a resposta das clases traballadoras e populares en contra da actual deriva das políticas do noso estado que antepoñen os intereses dos mercados, é dicir, da banca e do capital, aos dereitos das persoas.

ESQUERDA UNIDA, considera que estamos a vivir un momento histórico onde a tendencia continua está a ser a dilapidación dos dereitos das traballadoras e traballadores e que sen unha forte mobilización social será imposible reverter este camiño. Goberne quen goberne.

Na moción faise tamén unha referencia concreta á situación das mulleres, vítimas da feminización da pobreza, ao padecer dunha maior taxa de desemprego e duns menores salarios con respecto aos homes, o que leva en moitos casos a súa dependencia económica. Esta é precisamente, unha das fontes do arraigo do sistema patriarcal e de situacións de violencia machista.

Deste xeito, o Pleno de Ponteareas, recoñeceu o traballo das Marchas da Dignidade e en concreto, a mobilización que levará ás Marchas á Praza do Obradoiro o próximo sábado 24 de Outubro e fai un chamamento ás veciñas e veciños de Ponteareas a participar nesta mobilización.

ESQUERDA UNIDA PRESENTA UNHA MOCIÓN DE APOIO ÁS MARCHAS DA DIGNIDADE

ESTE COLECTIVO LEVA MÁIS DE DOUS ANOS MOBILIZÁNDOSE

AS MARCHAS CONTAN CUNHA COORDINADORA LOCAL EN PONTEAREAS

As Marchas da Dignidade é un movemento social que en Galicia aglutina no seu seo a máis de sesenta organizacións e colectivos veciñais, sindicais, culturais, sociais e políticos do País. As Marchas da Dignidade levan máis de dous anos mobilizándose na rúa para esixir o remate das políticas que agriden á maioría social golpeada pola crise.

Pan, Traballo, Teito e Dignidade para todas e todos é o lema que une a este movemento. Unhas reivindicacións tan básicas como radicais a día de hoxe, cando os dereitos das persoas están a ser relegados ante os intereses dos mercados, ou o que é o mesmo, da Banca e das grandes empresas.

A situación de emerxencia social derivada da crise estrutural, desde fai anos afecta particularmente á clase traballadora, que é agredida por diversas vías: o desemprego, os recortes sociais, os desafiuzamentos, as privatizacións, ou o desmantelamento dos sectores produtivos tradicionais. Todas e todos estamos sendo golpeados, desde os pensionistas ata a xuventude que ten que emigrar, o sector pesqueiro, o pequeno comercio ou os pequenos propietarios do campo, como acabamos de observar no conflito do sector leiteiro.

A alta taxa de desemprego xa é crónica a pesares das pequenas variacións porcentuais. Pero ademais, cada vez é mais xeneralizada a situación na que o feito de ter un traballo non é suficiente para garantir unha vida digna. Situación que se agrava no caso das mulleres, vítimas dunha maior taxa de desemprego e da diferencia salarial. Feminización da pobreza que leva en moitos casos á dependencia económica da muller, o que é unha das fontes do arraigo do sistema patriarcal e de situacións de violencia machista.

As directrices ditaminadas pola Comisión Europea e o BCE e seguidas obedientemente polo goberno do noso estado, están a demostrar a súa inutilidade. Situaron normativamente a lóxica da acumulación e maximización do beneficio bancario e empresarial por riba da lóxica da vida, do benestar e a dignidade.

Por todo isto o concelleiro de EU-son en Ponteareas, Lino Costas, rexistrou hoxe unha moción no Concello para que o pleno municipal acorde o apoio ás mobilizacións convocadas polas Marchas da Dignidade e chame á participación nas mesmas.