Arquivo da etiqueta: Mocidade

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS RENOVA A SÚA COORDINADORA LOCAL

IMG-20170715-WA0000_3

A Agrupación Local de EU Ponteareas renovou a súa Coordinadora tras a Asemblea Local celebrada o pasado sábado 15 de xullo. Esta asemblea foi aberta a toda a afiliación e simpatizantes.

Despois de debater e aprobar os documentos pertinentes: normas, político, organizativo, etc., presentouse unha candidatura de consenso, a cal foi aprobada por unanimidade da afiliación presente.

Esta nova Coordinadora amplía e renova á anterior ao pasar de cinco persoas a oito, cumpre coa paridade -catro mulleres e catro homes- e conta tamén con mocidade activa.

Seguidamente, a nova dirección reuniuse para elixir á persoa coordinadora. Volveuse a confiar en Lino Costas, que repite como Coordinador Local e é o actual concelleiro de EU-son no goberno de Ponteareas.

Na súa intervención, o coordinador destacou que a elección da nova Coordinadora será o revulsivo que reforzará a esta organización tanto no que respecta ao traballo institucional coma na rúa.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA APOIA A MOBILIZACIÓN DO ALUMNADO DO IES PEDRA DA AUGA

educacion

O alumnado de electromecánica do IES Pedra da Auga atópase en folga dende o pasado luns. Esta foi a medida á que se viron obrigadas a consecuencia da pasividade da Consellería de Educación. Dende que vai tres meses, un incendio destruíu boa parte das instalacións e ferramentas, aínda non se lles repuxo o material. Isto deu lugar a unha situación totalmente insostible. Comparten un mesmo taller máis de corenta alumnos e alumnas de distintos ciclos. Non teñen ferramentas para todos e teñen que facer quendas para utilizalas. Ademais, entre distintas materias, teñen que recoller toda a ferramenta e material. Isto levou, a que na actualidade lles resulte imposible facer as prácticas necesarias para sacar o curso adiante.

A pasividade da Consellería de Educación, que neste tempo non deu mostras de solucionar a situación, provoca que o alumnado de electromecánica do Pedra da Auga poda perder o actual curso.

Esta situación enmárcase no proceso de destrución da Educación Pública na que está empeñado o Goberno da Xunta de Galicia do Partido Popular. Baste lembrar que nos orzamentos para o 2016, aprobados en solitario polo PP, contemplase unha redución de 700.000 euros da partida adicada a reparación e mantemento dos centros educativos públicos. Ao mesmo tempo que aumentaron en 6 millóns de euros a partida destinada ao ensino privado.

Por todo isto, dende ESQUERDA UNIDA felicitamos a mobilización do alumnado do IES Pedra da Auga, xa que soamente con mobilización poderase poñer freo aos intentos do PP de acabar coa educación pública. Así mesmo, animamos a toda a comunidade educativa a apoiar estas mobilizacións, xa que somentes unida e na rúa, poremos na obriga á Consellería de Educación a dar unha solución.

ESQUERDA UNIDA CELEBRA ESTE SÁBADO UNHA XUNTANZA ABERTA DE ELABORACIÓN PROGRAMÁTICA

DEBATERANSE OS PROGRAMAS RESPECTIVOS ÁS ÁREAS DE MAIORES E MOCIDADE

Na liña de elaboración colectiva que leva a cabo Esquerda Unida de Ponteareas, este sábado, 14 de febreiro, celebrarase na sede de EU en Angoares, unha xuntanza programática aberta.

Nesta ocasión, os temas a debater serán os relativos ás áreas programáticas de Maiores e Mocidade partindo dos borradores previamente elaborados.

No borrador relativo a Maiores, contémplanse cuestións como a mellora da dotación do centro público de día, a promoción de actividades deportivas, culturais e de tempo libre ou a creación dunha nova Residencia da Terceira Idade de titularidade pública.

Con respecto ao programa de Mocidade, nel formúlase a creación de espazos e actividades para a mocidade, a súa participación na vida política do Concello, políticas de acceso ao emprego e a vivenda ou o fomento do uso do transporte público entre a mocidade.

Unha vez debatidos os documentos, todas as achegas acordadas serán incluídas no programa definitivo de Esquerda Unida para as Eleccións Municipais de 2015.

A DESFEITA DA “SENDA” DO TEA

Como xa denunciara Esquerda Unida a través da súa Área de Mocidade, a obra da Senda do Tea é nociva medioambientalmente e ademais supón un malgasto de diñeiro público totalmente innecesario. Despois das primeiras chuvias, e aínda queda todo o inverno, os 700.000 euros que custou esta obra van agora rio abaixo.

O resultado é que agora, a ribeira do Tea é facilmente erosionada pola chuvia e centos de metros cúbicos de area contribúen a tupir aínda máis o leito do río. A isto é a o que o PP lle chama “valorización ambiental”.

A Deputación de Pontevedra e o Goberno de Ponteareas son os responsables directos desta desfeita ambiental que se fixo, ademais, malgastando diñeiro público nunha obra que ninguén necesitaba.

Dende Esquerda Unida, consideramos que é un insulto á cidadanía que os responsables da administración se adiquen a malgastar os fondos públicos en obras de propaganda en lugar de adicalos a solucionar a grave situación de emerxencia social na que nos atopamos na que as persoas se atopan xa en dificultades mesmo para comer.

ESQUERDA UNIDA APOIA A FOLGA DE EDUCACIÓN DO 24 DE OUTUBRO

EU defendo o Ensino Público

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS APOIA E CHAMA AO SEGUIMENTO DA FOLGA DE EDUCACIÓN E Á PARTICIPACIÓN NAS MANIFESTACIÓNS CONVOCADAS PARA O VINDEIRO XOVES 24 DE OUTUBRO.

A folga educativa convocada para o vindeiro 24 de outubro proclamada como un día de mobilización e reivindicación pola educación pública e de calidade, é unha ferramenta necesaria no actual contexto de ataques neoliberais contra os servizos públicos no que nos atopamos, onde ten unha especial relevancia a LOMCE, nova lei que suporá un brutal retroceso para a educación pública tal e como a coñecemos.

Coas últimas políticas realizadas tanto polos gobernos de PP e PSOE en materia educativa, estamos sufrindo un forte deterioro a todos os niveis, cada vez con menos profesorado e en peores condicións laborais, onde o material escolar se converteu nun luxo, as becas de transporte se están a recortar ata a súa desaparición e as familias endebédanse para poder costearse os estudos dos seus fillos/as.

Estas medidas ademais promoven a desigualdade económica e a privatización dos centros educativos que non alcancen a solvencia necesaria, para que, así, as empresas privadas e bancos causantes do declive económico do país entren a explotar o sistema educativo como novo nicho de mercado.

Cada vez parece máis evidente que a crise é a escusa para privatizar e desmantelar o sistema educativo, pois é unha vontade política o feito de rescatar a bancos mentres se recorta en servizos públicos, en algo tan imprescindible como o dereito á educación. Por iso esta folga tamén o é contra as políticas antisociais, como o novo decreto de comedores que establece o repago nos comedores escolares de ensino público e dificulta aínda máis o acceso a eles, tal e como estamos comprobando estes días en Ponteareas.

A ÁREA DE MOCIDADE EU PONTEAREAS REALIZA UNHA RUTA REIVINDICATIVA CONTRA A NOVA SENDA DO TEA

Roteiro pola "senda" do TeaDENDE A ÁREA INDICAN O DISPENDIO ECONÓMICO NUNHA ACTUACIÓN CONTRA O ECOSISTEMA DE RIBEIRA NO RÍO

Dende fai uns meses estanse levando a cabo xa as obras de habilitación dunha suposta senda fluvial polo río Tea desde Mondariz hasta Ponteareas. Este proxecto presentado dende a Consellería de Medioambiente e levado a cabo por Augas de Galicia, véndesenos como un actuación para o acondicionamento e restauración ambiental do río Tea, nada máis lonxe diso, xa que as actuacións que se están a levar a cabo, non son necesarias, nin recomendables para a conservación deste espazo natural protexido.

Ademais, o gasto de case 700.000 euros que vai supor esta obra, considerase dende a Área de Mocidade como unha dilapidación no marco que nos atopamos de crise e recortes sociais aos que nos vemos abocados. Apuntamos tamén que a Xunta leva anos sen aplicar plans de conservación da natureza e dos espazos protexidos do país por falta de financiamento.

A Área de Mocidade de EU Ponteareas posiciónase por tanto frontalmente en contra destas agresións ao medioambiente poro iso, convida á veciñanza dos municipios afectados a que acudan ao roteiro pola “senda” do Tea o sábado 12 de outubro ás 12:00 desde a praia fluvial de Mondariz-Balneario.

PAREMOS A AGRESIÓN AO NOSO RÍO

Roteiro pola "senda" do Tea

As obras para a habilitación dunha “senda“ fluvial ao longo do río Tea, cuxo proxecto foi presentado pola Consellería de Medio Ambiente e xestionada por Augas de Galicia, atópase actualmente en marcha.

Desde a Área de Mocidade de EU-Ponteareas, opoñémonos a realización desta obra por considerala tanto un gasto de desorbitado en pleno contexto de crise, como unha agresión directa á conservación deste espazo natural protexido.

Esta suposta senda, que conforma un recorrido de 7 km e un desorbitado ancho de 1,50 m, choca frontalmente co mantemento dunha zona protexida que conforma o LIC río Tea dentro da Rede Natura 2000, no que hai catalogados 12 hábitats de conservación prioritaria e 23 especies de interese comunitario, segundo a directiva europea 92/43/CEE. Trátase pois dun proxecto que non conta con ningún estudo de declaración ou avaliación de impacto medioambiental, que sáltase a lexilación vixente e manipula e falsea o proxecto en si. Atopámonos cunha fragmentación artificiosa do plan en dous tramos por separado, cando en realidade están unidos, no cal non se ten en conta o impacto acumulativo e global destas presuntas dúas zonas de actuación.

Non mellor protexidos atópanse os bens culturais e etnográficos presentes ao longo de toda a ribeira do Tea; o proxecto conta cunha documentación seriamente deficientes no referido ás afeccións ao patrimonio cultural.

Desde a Área de Mocidade de EU-Ponteareas posicionámonos frontalmente en contra do que consideramos un agresión directa ao médio ambiente e afirmamos que:

  • trátase dun rotundo malgasto destinar 700.000€ á unhas obras completamente prexudiciais para o entorno natural do Tea, especialmente nun contexto de crise, paro e recortes sociais;
  • as inversións na natureza han de ser destinadas a iniciativas de conservación e de desenvolvemento sostible, así como á educación ambiental, que nos permita paliar as agresións que o sistema capitalista fai continuamente ao noso medio natural.

Por elo, desde a Área de Mocidade esiximos a inmediata paralización das obras e a reparación dos prexuízos causados nas zonas xa afectadas.

Por último, chamamos a mocidade e ao conxunto das e dos veciños da comarca a participar no roteiro pola “senda” do Tea, o sábado 12 de outubro ás 12:00h, coa saída desde a praia fluvial de Mondariz Balneario . Nela veremos o impacto real do proxecto.

Evento no FB

A EDUCACIÓN: UN DEREITO NA ENCRUCILLADA

2013_10_11 Cartel Ensino Y

Os brutais recortes no eido educativo, enmarcados na política de austericidio emprendida nesta fase aguda do capitalismo, están a incorporar un retroceso no marco normativo e conceptual da educación que a devolven, na práctica, aos tempos do franquismo.

A LOMCE non deixa de ser unha volta de porca mais da contrarreforma reaccionaria e elitista planificada polo Partido Popular. Unha lei que recolle as principais demandas da conferencia episcopal para acadar un ensino clerical, privatizador, segregador, acientífico e clasista.

Os decretos do plurilingüísmo, comedores e convivencia, a nova Lei de Universidade, o modelo de FP dual, o peche de escolas no rural, o mantemento das axudas a centros segregadores etc, son mostras contundentes do modelo reaccionario de educación propugnado pola dereita.

Estamos pois, diante dun contexto de recorte extremo nos recursos destinados ao ensino nos niveis obrigatorios, post-obrigatorios e de educación superior, pero tamén diante de profundos cambios ideolóxicos no enfoque dos servizos públicos educativos.

A educación en tanto que dereito universal de acceso a unha escola publica, laica e democrática, está sendo posto en cuestión e desvalorizado ata límites non sospeitados hai unha década.

Por elo, e co gallo do inicio de curso, a Área de Educación de Esquerda Unida, organiza un acto aberto baixo o título “A Educación: un dereito na encrucillada”, co fin de abordar os retos e desafíos do ensino publico diante dos ataques que está a sufrir polo binomio Vazquez-Wert e artellar unha reposta colectiva axeitada.

A ÁREA DE MOCIDADE DE EU PONTEAREAS INICIA O SEU COMETIDO A TRAVÉS DUN DEBATE PROPOSITIVO DA MOCIDADE

Área de Mocidade

Hoxe  ás 20:00 na sala multiusos do Auditorio Municipal, celebraráse a Asemblea de Constitución da Área de Mocidade Local de EU de Ponteareas, na que, ademais de presentar a área, se debaterá sobre as necesidades da mocidade da vila e sobre iniciativas para mellorar a súa calidade de vida.

As Áreas de elaboración colectiva de Esquerda Unida son espazos de encontro e debate coa sociedade e movementos sociais, para que colectivamente xurdan alternativas amparadas polo interese da maioría. Unha vez acordadas propostas e iniciativas, é función da área impulsar mobilizacións e accións reivindicativas e políticas. Mediante as áreas pretendemos implicar ao maior número de organizacións, colectivos e persoas na toma de postura e na actuación transformadora sobre a realidade.