No vindeiro pleno do 20 de febreiro, ESQUERDA UNIDA defenderá unha moción de apoio á Folga Feminista que terá lugar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, convocada polo movemento feminista coa colaboración de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais.
Esta é unha convocatoria de denuncia fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais que sofren máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario.
A progresiva privatización e o
s recortes dos servizos públicos esenciais, de xeito especial os de atención as persoas dependentes, os de igualdade, contra a violencia machista, sanidade e educación, precarizan aínda máis a vida da muller. Os plans de igualdade no ámbito laboral continúan sendo insuficientes, e as mulleres teñen as maiores taxas de desemprego, a maior desprotección socioeconómica, os contratos con peores condicións: maior temporalidade e xornadas a tempo parcial, os salarios máis baixos, cunha brecha salarial dun 25% menos que os homes por realizar as mesmas funcións.
Este chamamento quere ademáis, poñer en valor o traballo doméstico, de coidados, non remunerado, tamén chamado traballo reprodutivo, que non soamente é desprezado polo sistema económico, se non utilizado para ocultar carencias orzamentarias, así como facer invisible a falla de corresponsabilidade.
Por estas e moitas máis razóns ESQUERDA UNIDA instará ao Concello de Ponteareas a que apoie a Folga Feminista convocada para o 8 de marzo. Unha folga que irá enmarcada con grandes mobilizacións ao longo de todo o país, onde as mulleres tomarán as rúas para demostrar que non só hai que parar o mundo, senón que tamén hai que transformalo cambiando os seus modelos patriarcales por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.
Unha folga feminista contra un sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades estruturais que padecen as mulleres estean alcanzado tales niveis de gravidade e de tal dimensión, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de traballo para demostrar que sen as mulleres o mundo párase.