
“Bo día, e ante todo, dar as grazas a todas as veciñas e veciños que, co seu voto a EU-Son, fixeron posible este feito histórico que por primeira vez, ESQUERDA UNIDA estea representada no Concello de Ponteareas.
Para despexar as dúbidas, por se quedara algunha, quero dicir que EU-Son vota a favor da investidura como alcalde do candidato do BNG, máis non forma parte da Comisión de Goberno. Esta foi unha decisión aprobada unanimemente na nosa Asemblea Municipal, decisión que eu comparto ao 100%.
A nosa decisión está motivada, en primeiro lugar, porque todas e todos coincidíamos na necesidade de desaloxar da alcaldía á dereita que leva gobernando dende sempre en Ponteareas coas súas consabidas prácticas escurantistas e caciquís que a caracterizan. Para poder avanzar cara a un Concello que de verdade estea ao servizo da veciñanza.
Por outra banda, tomamos a decisión de non formar parte da Comisión de Goberno porque somos conscientes da necesidade de que EU teña a súa propia voz no Concello. Se formáramos parte da Comisión de Goberno, poderían darse dúas situacións distintas: ou mantemos a nosa actuación limitada polos acordos que se tomen na Comisión de Goberno -na que estaríamos na máis absoluta minoría-, ou mantemos unha postura que, dadas as nosas diferenzas políticas cos outros partidos que xa forman parte da Comisión de Goberno, podería ser, as máis das veces, discordante con esta comisión, o que daría a imaxe de desunión no Goberno Municipal, que é o que máis lle interesa á dereita.
Isto non quere dicir que EU-Son, vaia ter unha actitude destrutiva con respecto á futura Comisión de Goberno. Apoiaremos o posicionarémonos en contra das súas decisións, dependendo unicamente de que estas nos parezan xustas ou non. E quero lembrar, que toda a miña actuación coma concelleiro, estará dirixida en todo momento pola Asemblea Municipal de EU-Son, instrumento do que forman parte toda a afiliación de EU, ademais de outras persoas de esquerdas.
Había quen, na campaña electoral, pedía que non se votara a EU, porque este non sería un voto útil. Nós sempre defendemos que votar a ESQUERDA UNIDA, por ser unha organización centrada nos intereses da clase traballadora, era o voto máis útil. Pero ademais, desta volta o voto a ESQUERDA UNIDA, foi útil para desaloxar ao PP da alcaldía do Concello de Ponteareas.
A entrada de EU no Concello de Ponteareas é un avance, sen dúbida, para a maioría social traballadora en xeral, e para a de Ponteareas en particular, independentemente de que nos votara a nós ou non. Estamos, sen dúbida, ante unha gran responsabilidade e poñeremos, e digo poñeremos porque sei que estarei apoiado no meu traballo institucional por tódalas compañeiras e compañeiros, todo o noso empeño e o noso esforzo para non defraudar a todas aquelas persoas que nos deron a súa confianza e acadar que cada vez sexan máis as que confíen en EU.
Grazas e saúde”.