Arquivo da etiqueta: Orzamentos

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA A FALTA DE TRANSPARENCIA DO CONCELLO

Sede de Esquerda Unida en Ponteareas. R/Amado Garra 12

BNG E PSOE APROBAN O ORZAMENTO DE 2022 REXEITANDO AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR EU SEN RESPONDER ÁS MESMAS

O pasado venres 13 de maio, o BNG e o PSOE aprobaron definitivamente o Orzamento Xeral do Concello de Ponteareas para o exercicio de 2022 ao rexeitar as tres alegacións que se presentaron en prazo. Entre as alegacións presentadas estaba a rexistrada polo Coordinador Local de EU, Lino Costas na que se pedía que se subiran á páxina de transparencia do Concello, xunto coa outra documentación relativa aos orzamentos, as liquidacións do exercicio anterior tal e coma establece a lexislación. No dito pleno, o concelleiro de facenda asegurou que se respondera á alegación enviando a documentación requirida, o que non é certo. Si é certo que se incluíu na páxina de transparencia a documentación que faltaba, pero sen comunicarse de ningún xeito co alegante. De feito, a día de hoxe EU aínda non dispón de ningún informe que xustifique o rexeitamento da alegación.

O que si está claro que dende o concello faltouse á debida transparencia ao non ter a disposición da veciñanza as liquidacións do exercicio anterior para poder valorar con criterio a proposta de orzamentos para o 2022. Non era suficiente subir a documentación que faltaba, se non que dende o concello deberían prorrogar o prazo de exposición pública para que a veciñanza puidera estudar a documentación co debido tempo, algo que non fixeron. Este feito motivou que a alegación de EU de manter a partida de axudas de emerxencia e aumentar a do Centro de Reparto de Alimentos, non fora rexistrada dentro do prazo.

Quedou así aprobado o orzamento xeral de Ponteareas para o 2022 cunha moi limitada posibilidade de participación. Un orzamento con importantes recortes en materia social, rebaixando 90.000 euros as axudas de emerxencia e 5.000 a dotación económica do Centro de Reparto de Alimentos ao mesmo tempo que renuncia ao xa de por si raquítico canon anual de 3.680 euros que paga a empresa concesionaria do complexo deportivo e que aumenta en 21.000 euros o previsto para órganos de goberno.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA APROBAR A RPT

Logo de que na mañá do pasado venres 21 se chegara a un acordo entre representantes sindicais do Concello de Ponteareas, ESQUERDA UNIDA solicita a celebración dun pleno extraordinario para levar a aprobación canto antes tanto o Convenio de Laborais como o Acordo de Funcionarios e a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. Unha vez logrado este acordo soamente quedaría pendente a redacción final do documento da RPT e a sinatura do mesmo por parte da representación sindical para poder levar o documento a Pleno, algo que debe facerse coa maior brevidade.

EU é consciente de que o acordo acadado despois dunha tensa negociación entre a representación sindical e a do concello, que estivo a punto de romperse pola actitude autoritaria deste último, pode non satisfacer a todas as traballadoras e traballadores. Aínda así, trátase dun primeiro paso importante na mellora das súas condicións laborais e para minimizar as discriminacións salariais instauradas no concello polos gobernos municipais anteriores.

Rematados este acordos, o Concello debería levalos coa máxima brevidade para a súa aprobación polo Pleno Municipal incluíndo na mesma sesión a resolución das emendas ao orzamento municipal de 2018, algo para o que agora si que poderían contar co apoio de ESQUERDA UNIDA. Esta organización condicionou dende o primeiro intre a aprobación dos orzamentos á aprobación da RPT, algo do que era perfectamente coñecedor o alcalde de Ponteareas. Pola contra, decidiu convocar un Pleno Extraordinario para a resolución das alegacións e a aprobación definitiva dos Orzamentos de 2018, un día antes da reunión da Mesa Xeral de Negociación onde se trataría este documento, feito que motivou que EU votara en contra do tratamento dos asuntos e non puidera celebrarse.

Para ESQUERDA UNIDA, o feito de que o Concello tentara aprobar os orzamentos antes da negociación da RPT, soamente pode ser interpretado como un intento de verse coas mans libres e así poder ser máis intransixentes, se cabe, na negociación.

Aínda así, EU ratifica que a pesares de todas as trampas por parte do Concello, unha vez aprobada a RPT, e dadas as relativas melloras para o concello contempladas nos novos orzamentos de 2018, poderá contar co apoio de ESQUERDA UNIDA para a aprobación definitiva dos mesmos.

ESQUERDA UNIDA ESIXE SERIEDADE Á HORA DE APROBAR OS ORZAMENTOS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas votou no pleno extraordinario deste xoves en contra da urxencia de tratar a resolución das alegacións presentadas ao orzamento de 2018 aprobado inicialmente.

Esta organización sempre vinculou o apoio definitivo dos orzamentos ao remate da RPT do Concello, algo que está aínda en proceso. A Mesa Xeral de Negociación está convocada para este venres, por tanto EU non ten a certeza de que a RPT sexa realizada.

De convocarse o pleno para tratar as alegacións dos orzamentos en tempo e forma, este podería celebrase o luns ou o martes da seguinte semana. É dicir, un ou dous dias hábiles despois de finalizado o proceso da RPT. Este feito por si mesmo deixa en evidencia que o tratamento do asunto pola vía de urxencia non estaba motivado en absoluto.

ESQUERDA UNIDA considera que de todas estas cuestións era perfectamente coñecedor o alcalde de Ponteareas, que preferiu arriscarse a que non fora aprobada a súa proposta para tratar pola vía de urxencia as alegacións dos orzamentos a negociar con EU a data de celebración do Pleno.

A diferencia entre celebrar o pleno pola vía ordinaria ou facelo por vía de urxencia estaría unicamente en que pola vía ordinaria este se celebraría con posterioridade á celebración da Mesa Xeral de Negociación, momento no que ESQUERDA UNIDA xa tería coñecemento do resultado da mesma. O que é máis, a Xunta de Goberno podería obter o apoio de EU á urxencia do asunto, se convocara o Pleno para tratar as alegacións aos Orzamentos de 2018 o propio venres pola tarde despois da xuntanza da Mesa Xeral de Negociación.

ESQUERDA UNIDA leva tres anos demostrando a súa disposición a chegar a acordos con flexibilidade para non entorpecer o labor da Xunta de Goberno. Pero o que non vai a tolerar esta organización son actitudes prepotentes por parte do alcalde.

Por outra banda, EU lembra que se as presas da Xunta de Goberno para aprobar definitivamente os orzamentos tivesen bases sólidas, podería convocar na mesma tarde do xoves -unha vez rexeitada a súa proposta- unha convocatoria de Comisión Informativa en tempo e prazo para celebrar canto antes o Pleno e debater as alegacións dor orzamentos.

ESQUERDA UNIDA CONDICIONA O SEU VOTO A FAVOR DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera positiva a decisión da Xunta de Goberno sobre aprazar os Orzamentos de 2018 a un vindeiro pleno para modificar o documento na liña que solicitou EU e para avanzar na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do Acordo de Funcionarios.

EU instou á Xunta de Goberno a que os orzamentos contemplaran a amortización de prazas de taxi e que contaran cunha partida suficiente para por en marcha unha cociña municipal. Ademais, esixe que antes da aprobación dos presupostos se acorde a RPT.

Na última proposta de presupostos xa se incluíu o compromiso para a amortización de prazas de taxi por valor de 36.308€, tal e como solicitou esta organización e como demanda o colectivo de taxistas. Ademais disto, na xuntanza mantida este luns, a Xunta de Goberno comprometeuse a incluír no orzamento unha partida específica para un estudo de viabilidade da futura cociña municipal, feito que aínda que non chega ao solicitado por EU, esta organización está disposta a aceptar se se inclúe claramente nos orzamentos.

Para ESQUERDA UNIDA é urxente a creación dunha cociña municipal, tal e como existe noutros concellos, que atenda as necesidades dos comedores escolares e das familias en exclusión social. Esta medida aportaría beneficios para Ponteareas: a eliminación do lucro privado das empresas de cátering, a mellora das condicións laborais e dos produtos distribuídos e a potenciación da produción agraria local. Esta medida é fundamental para camiñar cara á municipalización deste servizo. Trátase dunha proposta de gran carga política que aínda que custou que fora incluída nos orzamentos como solicitaba EU, finalmente será incluída.

Por outra banda, aínda que nos orzamentos se contempla a reserva de crédito para a negociación da RPT do concello, ESQUERDA UNIDA considera que se debería avanzar máis nas negociacións antes de chegar á aprobación orzamentaria. EU considera que se pode constatar a falta de vontade política por parte da Xunta de Goberno para avanzar nesta cuestión cando o feito é que convocaron a reunión da mesa de funcionarios para tratar estas cuestións este mesmo luns, un día antes do pleno ordinario ao que pretendían levar os orzamentos de 2018 e por primeira vez dende febreiro de 2016. E todo isto ante a insistencia de ESQUERDA UNIDA para rematar coa negociación da RPT e o Acordo de Funcionarios antes da aprobación dos Orzamentos. Finalmente, a Xunta de Goberno comprometeuse a convocar unha nova reunión da Mesa de Funcionarios e da Mesa Xeral antes de voltar a levar os orzamentos a pleno, momento no que EU poderá valorar o estado das negociacións para decidir o sentido do seu voto.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA ten vontade para aprobar os novos orzamentos para 2018, que considera positivos nalgúns aspectos, polo que será unha vez solucionadas estas cuestións, manifestadas na xuntanza mantida entre todos os grupos este luns, cando EU poderá apoiar os orzamentos, como se decidiu na Asemblea Municipal aberta da organización.

ESQUERDA UNIDA PORÁ CONDICIÓNS Á APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS

ESQUERDA UNIDA comunicoulle ao alcalde de Ponteareas que porá condicións para o seu apoio aos orzamentos de 2018 que actualmente se están a elaborar.

Entre as cuestións propostas por EU, está a de reservar nos orzamentos unha partida destinada á amortización de prazas de taxi, cuestión longamente reclamada polos colectivos de taxistas. A lexislación galega establece que o número de prazas non será, para concellos de máis de 20 mil habitantes, superior a unha praza por cada mil. Actualmente, cunha poboación que non chega aos 23 mil habitantes, o número de licenzas no Concello de Ponteareas é de 35, superando en 12 o establecido pola lexislación. Este feito repercute gravemente no colectivo de taxistas provocando que para tentar compensar a baixa rendibilidade se vexan obrigados á realización de xornadas maratonianas para obter unhas mínimas retribucións.

ESQUERDA UNIDA lembra que non se fala neste caso dunha actividade privada como outra calquera, se non dunha concesión administrativa do Concello que é en última instancia o principal responsable desta situación.

Outra das demandas da agrupación de EU en relacións aos orzamentos será a de reservar unha partida para unha cociña municipal, de xeito que sexa nesta cociña onde se elaboren os menús para os comedores escolares. Esta cuestión tería especial importancia, xa que suporía por un lado mellorar a calidade destes menús ao non ter que depender de empresas de cátering e serviría ademais para promover o consumo de produtos locais.

ESQUERDA UNIDA agarda que estás cuestións e outras que serán trasladadas en breve, sexan tidas en conta por parte da Xunta de Goberno antes da presentación dos orzamentos de 2018 ante a correspondente comisión informativa e lembran que a actitude desta organización, lonxe de limitarse a exercer como “oposición política”, sempre foi a de procurar o mellor para a veciñanza de Ponteareas e sempre dende unha perspectiva de esquerdas.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS ACLARA A SÚA OPOSICIÓN ÁS MODIFICACIÓNS ORZAMENTARIAS

O ALCALDE NON PERMITÍU A VOTACIÓN POR SEPARADO

A AGRUPACIÓN NON APROBA O AUMENTO DE CARTOS PARA FESTAS

No pasado pleno municipal do 22 de agosto, a Xunta de Goberno (BNG, PsdeG, ARDT) propuxo unhas modificacións orzamentarias que afectaban a cuestións moi diferentes para ser valoradas e aprobadas de xeito conxunto. Cuestións tan dispares coma o aumento de 50.000€ na partida adicada a festexos populares, un cambio de aplicación dos créditos pola contía de 4.000€ dentro do programa de voluntariado, outro cambio de aplicación de créditos de 3.050€ dentro do programa de cultura e un recoñecemento extraxudicial de crédito por un total de 44.408€. Ante a disparidade das modificacións propostas, o representante de EU-son, Lino Costas, solicitou que cada unha das propostas fora votada por separado, petición que foi denegada polo presidente do pleno, Xosé Represas, nunha clara tentativa de forzar a abstención deste concelleiro.

A Asemblea Municipal de EU estaba disposta a apoiar os cambios nos programas de voluntariado e de cultura, máis de ningún xeito ao aumento proposto para a partida de festexos populares. Esta proposta incrementaría en case un 50% os 112.000€ contemplados nos orzamentos aprobados en maio deste ano, elevándoos a 162.000€.

ESQUERDA UNIDA lembra que a súa abstención na votación plenaria dos orzamentos foi coa única intención de non dificultar o goberno da vila e que esta abstención foi sobre un documento concreto, precisamente o que agora pretenden cambiar. Ademais, na proposta feita pola xunta de goberno, que considera o substancioso incremento de 50.000€ na partida adicada a festas, non se da conta do crédito gastado ata agora en dita partida, nin do remanente de crédito, nin das cuestións en concreto para as que necesitan ese aumento de crédito. Estas cuestións deberían figurar no expediente pero pola contra, a xunta de goberno preferiu pedirlle ao pleno a aprobación deste incremento a boa fe.

Con respecto a proposta de recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 44.408€ para cubrir gastos orixinados no ano 2015 sen cobertura orzamentaria, ESQUERDA UNIDA está de acordo en que os gastos feitos polo Concello deben ser, en todo caso, abonados e que o feito de que se fixeran de forma irregular, pode deberse á mala situación económica que arrastra o Concello, unida á existencia duns orzamentos prorrogados dende o ano 2010. Máis considera que este recoñecemento extraxudicial podería financiarse coa partida adicada a xuros de demora, a mesma que propoñen utilizar para o incremento da partida para festas e non coa partida adicada aos incrementos salariais derivados da aplicación da futura Relación de Postos de Traballo.

A CIRCUNVALACIÓN DE PONTEAREAS ORZAMÉNTASE POR SÉPTIMA VEZ

O GOBERNO ESTATAL DO PP VOLTA BURLARSE DE PONTEAREAS NOS PRESUPOSTOS DE 2016

O Goberno estatal, nas mans do PP, utiliza os Presupostos do Estado coma unha simple campaña electoral, voltando a orzamentar para 2016 unha partida para a famosa “variante de Ponteareas”, circunvalación que, supostamente, evitaría os problemas de tráfico na vila. Esta afirmación queda en clara evidencia, se ollamos os Presupostos anteriores.

A variante foi orzamentada xa para o proxecto de 2010 con 100.000 euros, seguidos dos 134.100 de 2011, 150.000 de 2012, 10.000 en 2013, outros 10.000 en 2014, 120.000 en 2015, e agora, en plena campaña das eleccións xerais, orzamentan unha partida de 420.000 para a circunvalación en 2016.

Nesta serie, pode apreciarse claramente un aumento das partidas en relación á cercanía das eleccións, como as de 2010 e 2011, previas ás eleccións xerais e locais, a de 2012, previa á das eleccións autonómicas en Galicia, e as de 2015 e 2016, partidas orzamentadas ante as eleccións municipais e xerais. Pola contra, a partida orzamentada para 2013, ano no que non houbo eleccións, foi de 10.000 euros, igual que a de 2014, ano de eleccións europeas, normalmente moi baixas de participación.

Non nos consta que, en todos estes anos no que o PP leva orzamentando un total de 944.100 euros en partidas para dita circunvalación, dándoa ás veces coma un feito, se trazara nin a primeira liña sobre o papel. Trátase, nin máis nin menos, que pura campaña electoral, coa que o PP engana unha e outra vez á veciñanza de Ponteareas.

Esquerda Unida aposta por un cambio de modelo no transporte, no que se primen formas de desprazamento sostible, coma o transporte colectivo, incluído o ferroviario, polo que non apoiamos a construcción indiscriminada de novas vias de asfalto, e menos cando poden afectar a zonas ambientalmente sostibles. Independientemente disto, consideramos inaceptable que dende o goberno do PP, manteñan esta actitude de contínuo engano á veciñanza.