Arquivo da etiqueta: Políticas Sociais

ESQUERDA UNIDA SUSPENDE A SÚA PARTICIPACIÓN NO CONSELLO SECTORIAL SOCIAL

Debido ás reiteradas mostras de desprezo do concelleiro de emerxencia social, Manuel Troncoso, cara o Consello Sectorial Social (CSS), EU decidiu abandonar este órgano de participación. Esta decisión manterase ata que este espazo sirva ao obxectivo para o que se creou.

O Consello Sectorial Social xurdiu despois do traballo de impulso de diferentes asociacións ponteareás que centran o seu labor en organizar as persoas contra os problemas económicos e sociais que impactaron con forza na vila. O obxectivo da creación deste espazo foi por en común as perspectivas e ferramentas dos diferentes axentes que traballan polo combate da pobreza no noso municipio para resolver o maior número de situacións de emerxencia social, así como traballar por unha mellora no conxunto dos servizos sociais municipais.

Con todo, a implicación do goberno no Consello Sectorial Social demostra a maior das indiferenzas na resolución de situacións de emerxencia social a través do esforzo, coñecemento e decisión colectiva. Este Consello, por norma, debe manter reunións ordinarias cada dous meses. Pola contra, entre a xuntanza celebrada o pasado venres 22 e a anterior pasaron case 14 meses. No transcurso da reunión sucedéronse varios episodios que reflicten a incompetencia do titular da concellería: como a presentación dun documento sen o coñecemento das traballadoras de Servizos Sociais, a incapacidade para realizar nin unha soa das xestións aprobadas no anterior CSS, ou a argumentación por parte do concelleiro de que non convocaba máis reunións porque non vía de que se podía falar se as xuntanzas foran bimestrais, ademais de tentar responsabilizar aos movementos sociais de non convocar por eles mesmos estas reunións. Porén, o responsable político é el, a pesar de que pareza descoñecelo.

ESQUERDA UNIDA pode sacar varias conclusións desta xuntanza: a falta total de vontade política para incluír aos diferentes axentes sociais nas decisións políticas -neste caso en materia de asistencia social-, a prioridade que sobre temas de servizos sociais non corresponde coa situación de emerxencia que vivimos en Ponteareas para unha grande parte da veciñanza, un absoluto tratamento cosmético e electoralista das cuestións políticas ao convocar este Consello curiosamente a tres meses das eleccións municipais -cunha orde do día enfocada a exposición das escasas accións do goberno para a eliminación das condicións de vida precarias- sen a intención de confrontalas e traballalas co resto de axentes para mellorar a vida das persoas de Ponteareas e por último, o absoluto desprezo polas decisións tomadas polo Consello Sectorial en anteriores xuntanzas, xa que ningunha das cuestións aprobadas na anterior reunión foron executadas ou polo menos presentadas ao Pleno Municipal, como consta na normativa.

Por todo isto, EU non lexitimará un órgano utilizado polo goberno de forma contraria aos seus principios fundacionais, lamentando profundamente que o Consello Sectorial non estea a funcionar para o ben de todas as ponteareás. Por outra banda, EU mantén a análise do desacertado de que Manuel Troncoso continúe a desempeñar os labores de responsable de Emerxencia Socialdebido a súa falta de capacidade para as políticas públicas enfocadas na mellora das condicións de vida da veciñanza, así como a falta de vontade política do resto do Goberno por permitir este nivel de deixamento de funcións nun ámbito vital no conxunto de políticas dun executivo que se autodenomina progresista ou de esquerdas.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA MANTIVO UNHA XUNTANZA COA CONCELLEIRA DE IGUALDADE PARA FACERLLE CHEGAR AS SÚAS PROPOSTAS NESTE EIDO

428992_362403813780904_1291319334_nENTRE OUTRAS COUSAS FALOUSE DO PLAN DE IGUALDADE E DO ORZAMENTO CO QUE SE CONTA ATA FINAL DE ANO – – –

O pasado martes, EU de Ponteareas reuniuse coa concelleira de Igualdade coa finalidade de achegar e debater propostas sobre proxectos, campañas, formación, etc., que poderíanse incluír no Plan de Igualdade ou levar a cabo xa este ano co orzamento disposto para este fin.

Xa en febreiro de 2016, aprobouse no Pleno Municipal, unha moción de ESQUERDA UNIDA solicitando un reforzo desta concellería e o orzamento necesario para levar a cabo as políticas de igualdade que tanto precisa a vila de Ponteareas.

Deste xeito, EU achegou nesta xuntanza un documento con propostas xenéricas pero tamén outras moi concretas que abranguen todo tipo de ámbitos, como ensino, asociacionismo, emprego, deportes ou os propios departamentos municipais.

ESQUERDA UNIDA considera que aínda que o progreso neste eido existe, o traballo debe ser continuo para que o noso municipio sexa un espazo exento de discriminación e desigualdades. De todos os xeitos, EU celebra que a Concelleira de Igualdade aposte pola pluralidade nestas cuestións e agarda que esta xuntanza sexa a primeira de moitas e que isto se traduza en avances reais.

ESQUERDA UNIDA RECOLLE AS REIVINDICACIÓNS DOS COLECTIVOS SOCIAIS

LEVAN MÁIS DUN ANO AGARDANDO UNHA SOLUCIÓN

OS COLECTIVOS DISCRIMINADOS SON DOS MÁIS ACTIVOS DO CONCELLO

EU-son de Ponteareas rexistrou no Concello unha proposta de acordo ante o Pleno Municipal, recollendo o escrito rexistrado polos colectivos sociais de Ponteareas: ADENCO, Festival das Brétemas, Círculo Feminista, Ponte Solidario e a PAH. Nesta proposta solicítase á Xunta de Goberno local, que solucione o problema da falta de espazos para uso dos colectivos sociais do Concello.

Así, na proposta rexistrada, exponse o trato discriminatorio da Xunta de Goberno, que pon locais municipais a disposición dalgúns colectivos escollidos, mentres outros con sobrada e coñecida actividade no concello, quedan fora.

O único ofrecemento aos colectivos por parte da Xunta de Goberno consistiu na cesión temporal dun local na estación de autobuses pero sen ningún tipo de garantía temporal de ocupación, de xeito que os colectivos terían que desaloxalo en calquera momento a requirimento do concello ou da Xunta de Galicia. Este ofrecemento ademáis, en forma de contrato, referíase a un local distinto e máis pequeno que o falado en xuntanzas previas, e segundo denuncian os colectivos, con equivocacións, erros ortográficos e erratas que poñen de manifesto a falta de preocupación ao respecto da Xunta de Goberno.

ESQUERDA UNIDA denuncia que a día de hoxe, a única acción concreta por parte da Xunta de Goberno con respecto ao uso de espazos a disposición de colectivos locais do Concello, foi para agravar o problema. Así, en setembro de 2015 propuxeron ao Pleno Municipal esixir á Xunta de Galicia que asumira a xestión da estación de autobuses e o acordo de que o Concello non asumira ningún gasto con respecto á mesma a partir de 2016, proposta que foi aceptada por todos os grupos da Corporación Municipal agás EU-son. Con este acordo, o goberno municipal desentendeuse da estación de autobuses, renunciando así á posibilidade de xestionar os seus locais, feito polo cal non poden dar ningunha garantía de ocupación sobre os mesmos.

Por estes motivos, ESQUERDA UNIDA considera moi oportuna a proposta rexistrada por estes colectivos, polo que procedeu a recollela para que sexa debatida no vindeiro Pleno Municipal. A Xunta de Goberno de Ponteareas ten a obriga de solucionar o problema que eles mesmos contribuíron a crear.

ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA SOLUCIÓN Á CARENCIA DE LOCAIS PARA OS COLECTIVOS SOCIAIS

A SITUACIÓN VESE AGRAVADA POLA DECISIÓN DO PLENO, CO VOTO EN CONTRA DE EU-SON, DE RENUNCIAR Á XESTIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES

Dende hai varios anos, diferentes colectivos sociais de Ponteareas reclaman ao Concello a cesión de locais onde realizar as súas actividades sen que ata o de agora se dera ningunha solución.

A situación é máis grave, se cabe, no caso da Asociación Ponte Solidario, que despois de anos de suplir as carencias dos Servizos Sociais Municipais, dando cobertura a máis de 160 núcleos familiares de Ponteareas, pode verse abocada a cesar a súa actividade ao requirírselle por parte do propietario o abandono do local que ocupan actualmente e non atopar ningunha solución firme por parte do Concello. A única proposta a este respecto, foi a cesión temporal dun local na Estación de Autobuses de Ponteareas, pero sen ningunha garantía de tempo de ocupación e únicamente para lugar de reunións e arquivo de documentación, de xeito que terían que abandonala en calquera momento a requirimento do Concello ou da Xunta. Ademáis, terían que facerse cargo tanto do mantemento do local coma dos gastos de auga e luz.

ESQUERDA UNIDA lembra que esta situación non se daría se o Pleno do Concello non aprobara en outubro de 2015, coa oposición frontal de EU-son, a transferencia á Xunta de Galicia da Estación de Autobuses, renunciando así dun xeito irresponsable á posibilidade de xestionar os locais adscritos a ela. Deste xeito, agora o Concello non pode garantir ningunha permanencia nos locais ao estar pendente de que a Xunta faga efectiva a transferencia.

Para ESQUERDA UNIDA a única solución, dadas as circunstancias, pasaría por que o Concello mediara coa Xunta de Galicia de xeito que esta lle ofrecera ao colectivo unha garantía de ocupación temporal á asociación.

O que non pode permitir de ningún xeito o Concello, é que esta asociación teña que cesar a súa actividade por falta de apoio xa que moitas familias, veciñas e veciños deste Concello, dependen agora mesmo dela ao ser os servizos sociais do Concello claramente insuficientes.

Por outra banda, o anuncio por parte do Concello de negociacións coa Seguridade Social para a cesión do edificio que ten na Praza Maior, non é unha solución xa que isto pode demorarse, segundo aseguran dende a Xunta de Goberno, un ano coma mínimo. Tempo do que non dispón a asociación.

ESQUERDA UNIDA agarda que toda esta situación non sexa unha manobra política da Xunta de Goberno para anular a estes Colectivos Sociais, precisamente porque son os que poñen en evidencia a incapacidade do Concello para acadar unha política social e medioambiental que protexa a toda a veciñanza.

A XUNTA DE GOBERNO DE PONTEAREAS INCUMPRE OS ACORDOS CON RESPECTO ÁS PERSOAS REFUXIADAS

war-953246_1920

O Pleno Municipal de Ponteareas aprobou por unanimidade en setembro de 2015 unha moción presentada por EU-Son para A APLICACIÓN DE POLÍTICAS REAIS DE AXUDA A REFUXIADOS e unha proposta da xunta de Goberno para declarar ao Concello de Ponteareas como Vila Refuxio.

Entre as medidas acordadas estaban a creación dun grupo de traballo entre os servizos sociais municipais e outras organizacións locais para definir as medidas a adoptar desde o Concello, para poder acoller a persoas refuxiadas no municipio, preparar unha relación de posibles lugares de acollida, preferentemente de propiedade municipal, habilitar unha partida económica para as actuacións municipais a adoptar para colaborar coas organizacións que traballen na acollida a persoas refuxiadas” e tamén, a proposta da xunta de goberno, a creación dun rexistro de familias acolledoras”.

Ademais destas medidas a adoptar polo concello, na moción presentada por EU-Son, tamén se contemplaban unha serie de esixencias á Unión Europea e aos seus estados membros de cara a “desenvolver unha nova política de asilo e migración europea na que se priorice ás persoas e os dereitos humanos”.

Entre estas esixencias estaban reforzar os programas de reasentamento en coherencia co número de refuxiados existente, asumindo un reparto equitativo e solidario entre todos os Estados, activar políticas de concesión de visados humanitarios, facer realidade a Directiva Europea de Protección Temporal activando o mecanismo contemplado para facer fronte a emerxencias humanitarias e abordar as causas que provocan os desprazamentos forzados, tanto por conflitos bélicos como a apropiación de recursos.

Todas estas esixencias, segundo o acordo aprobado por unanimidade, deberían se comunicadas a a CEAR (Comisión Española de Axuda ó Refuxiado), ao Goberno de España, a todos os Grupos Parlamentarios do Congreso de Deputados e á Comisión Europea.

Seis meses despois desta aprobación plenario, a xunta de goberno de Ponteareas, integrada por BNG, PSOE e ARDT, segue sen cumprir ningún destes acordos. O que é máis, en novembro de 2015, Lino Costas, concelleiro de EU-Son, rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde de Ponteareas para que indicara cales deses acordos foran cumpridos. A día de hoxe esta pregunta está sen contestar.

Dende ESQUERDA UNIDA consideramos inaceptable esta actitude da xunta de goberno local. O drama que están a vivir as persoas refuxiadas non é algo que se poida utilizar para realizar simples declaracións de intencións sen tomar medidas concretas. En ESQUERDA UNIDA, non compartimos en absoluto este tipo de política de imaxe sen actuacións reais.

É urxente levar a cabo medidas reais que sirvan para paliar a situación que viven todas estas persoas. Persoas que, lembremos, non entran en Europa por pracer nin por buscar melloras económicas. Entran en Europa fuxindo de situacións de guerra das que a Unión Europea é en boa parte responsable.

Por outra banda, dende ESQUERDA UNIDA de Ponteareas, manifestamos tamén a nosa profunda condena ao acordo entre a UE e Turquía para reter ás persoas refuxiadas nese país.

VIDEOFORUM ABERTO

CRISE HUMANITARIA ÁS PORTAS DE EUROPA
Preguntas e respostas

Proxección do documental “Las muertes de Ceuta”

CHAMADA Á SOLIDARIEDADE COAS PERSOAS REFUXIADAS

cartel_videoforum

A diario vemos imaxes e lemos noticias nas que se relata a situación na que se atopan os milleiros de persoas obrigadas a fuxir de países en guerra e situacións de miseria para solicitar refuxio e asilo político noutros países. Lonxe de colaborar, as fronteiras convértense en cárceres de tortura con alambradas, concertinas, vixiancia armada, abusos e mafias, ao que algúns gobernos engaden directrices xenófobas.

Esquerda Unida, como organización internacionalista onde a solidariedade, a cooperación para o desenvolvemento e a paz son eixos fundamentais da nosa presenza nas rúas e nas institucións, non pode permanecer allea a esta realidade, que temos que combatir na procura dunha sociedade máis xusta, solidaria, e garante dos dereitos humanos.

Así, co gallo do segundo aniversario da matanza de Ceuta na que morreron 16 persoas, dende a Secretaría de Políticas Sociais de EU queremos dar visibilidade e denunciar os abusos e a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas a través da proxección dun documental no que se denuncian estes asasinatos e, posteriormente abrir coloquio coa intervención de Xabier Ron, deputado de AGE no Parlamento de Galicia e membro de ESQUERDA UNIDA, e Leticia Castro, voceira do Foro Galego de Inmigración.