Arquivo da etiqueta: PXOM

ESQUERDA UNIDA CONGRATÚLASE DA MODIFICACIÓN DO TRAZADO DA CIRCUNVALACIÓN DE PONTEAREAS

AO MESMO TEMPO, LEMBRA QUE OS ESFORZOS DA ADMINISTRACIÓN DEBEN IR NA LIÑA DE REDUCIR AS NECESIDADES DE DESPRAZAMENTOS E O FOMENTO DO TRANPORTE PÚBLICO.

Esquerda Unida de Ponteareas considera unha boa nova o feito de que no anteproxecto para definir a mellor solución para unha conexión entre a estrada N-120 e a autovía A-52, á altura do núcleo de Ponteareas, desbotárase a proposta inicial dunha vía paralela ao río Uma. Deste xeito, a circunvalación contemplada no PXOM pendente de aprobación e que Esquerda Unida rexeitou en todo momento pola súa grave afección ao entorno do rio Uma e por pasar a 50m da Ponte do Cabalón, xa non será unha opción. O dito anteproxecto contempla tres alternativas de enlace, denominadas Corredor 1, 2 e 3. Os corredores 1 e 2 parten dende a A-52, ao oeste da estrada provincial que cruza Guláns. O corredor 1 conéctase coa N-120 á altura de A Rocha e O picoto e o corredor 2 conéctase coa N-120 á altura da Lomba. Por outra parte, o Corredor 3 parte dende o enlace actual da A-52, en Moreira, cruza o río Uma en perpendicular de xeito que se reduce a afección sobre o espazo da Rede Natura 2000, transcorre ao oeste do lugar de O Cabalón e se conecta coa N-120 á altura do IES do Barral. Polo tanto, podemos dicir que con este anteproxecto o entorno do río Uma vese menos ameazado que coas propostas anteriores.

Aínda así, con respecto ao Corredor 3, sorpréndenos que neste estudio non se tivese en conta a alternativa prevista polo PXOM de desdobramento da PO-403 polo este do lugar de Abelleira. Deste xeito desviaríase o tráfico da estrada en Angoares, co que se podería adaptar este tramo para o uso peonil, incorporar un carril bici e así fomentar a mobilidade sostible entre Angoares e Ponteareas. Esta nova entrada a Ponteareas conectaríase con dúas novas avenidas que, partindo desde o sur do colexio Bouza Brey, conectarían coa N-120 xunto a gasolineira e co polígono da Lomba. Como explicamos no seu momento, esta alternativa crearía un acceso directo dende a A-52 ao núcleo de Ponteareas, desconxestionaría un tramo de concentración de accidentes na PO-403, tería un efecto de cosido da trama do núcleo e suporía ao mesmo tempo unha transformación do entorno de menor intensidade. Todas estas cuestións foron trasladadas por EU ao Ministerio de Transición Ecolóxica na fase de consultas do proxecto.

En todo caso, consideramos unha mellora esta nova proposta e lembramos tamén o compromiso do estado de urbanización da N-120 ao seu paso polas parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo. Sobre esta cuestión consideramos que ademais das rotondas propostas, débense construír sendas peonís en ambos lados da estrada unidas con pasos de peóns con semáforos accionados con pulsador e un carril bici para fomentar os desprazamentos co núcleo por este medio.

Con todo, dende Esquerda Unida lembramos que a nosa opción pasa por reducir o uso do transporte individual, fomentando o transporte colectivo e o emprego no propio concello e o uso da bicicleta nos desprazamentos de corta distancia.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA ACLARA QUE AS INDEMNIZACIÓNS URBANÍSTICAS NON TEÑEN RELACIÓN CO FEITO DE NON APROBARSE O PXOM EN MAIO

Ante as terxiversadas informacións dadas pola Xunta de Goberno de Ponteareas, Esquerda Unida aclara que as indemnizacións que ten que pagar o Concello a distintos propietarios debido ás cláusulas de convenios urbanísticos non teñen relación co feito de que se aprobara ou non no pleno do mes de maio o PXOM de Ponteareas.

En relación á cantidade debida á mercantil propietaria dos terreos onde se sitúa o parque Ferro-Ucha, que ascende a 62.967,74€ segundo o informe de intervención, esta debería pagarse independentemente da aprobación do PXOM no pleno de maio. O feito é que esta cantidade corresponde á indemnización á que se comprometeu o Concello se o PXOM non se aprobaba no ano 2016. De feito, a mercantil leva reclamando desde o 2017 ao Concello de Ponteareas a cantidade de 2000€ mensuais por incumprimento do convenio asinado entre o Concello e a propietaria dos terreos. Este convenio contemplaba que a cambio da cesión de parte da parcela se recalificara outra para o seu aproveitamento lucrativo. Ademais, este convenio foi aprobado no seu momento, no ano 2012, por todos os grupos que estaban daquela na corporación municipal: PP, PSOE, ACiP e BNG.

Por outra banda, o Concello de Ponteareas, a través da páxina web, anuncia agora que o concello ten que pagar 180.000€ aos propietarios dos terreos onde está situado o ximnasio do IES Pedra da Auga, tamén como consecuencia dun convenio urbanístico asinado no 2005 sendo alcalde González Solla. Esquerda Unida descoñece neste momento o alcance deste suposto convenio, xa que o Concello non compartiu con este grupo ningunha información ao respecto. Polo tanto entende que a actual Xunta de Goberno está a ocultar información que logo manipula na súa conveniencia.

Esquerda Unida lembra que estes pagos son consecuencia das políticas practicadas por PP, PSOE, ACIP e BNG e que de ningún xeito se pode condicionar a política municipal a intereses privados. Non se pode facer política a base de deber favores aos propietarios de terreos.

ESQUERDA UNIDA LAMENTA A UTILIZACIÓN ENGANOSA DO PXOM POR PARTE DA XUNTA DE GOBERNO

lin15

Esquerda Unida de Ponteareas asegura que o PXOM non podería de ningún xeito ser aprobado neste mandato por non estar aínda entregado o documento con todas as modificacións, nin contar co necesario estudo económico, nin cos informes da oficina técnica, intervención nin secretaría, algo que saben perfectamente os partidos da Xunta de Goberno.

Así mesmo dende a organización de esquerda, denuncian que se están a levar a cabo presións aos técnicos municipais para que realicen informes sen tempo suficiente para estudar as modificacións do documento.

Todo isto leva a que a polémica destes días sobre a aprobación ou non do PXOM non é máis que unha manobra exclusivamente electoral, froito do nerviosismo do tripartito ante a inminencia das eleccións municipais do 26 de maio. Esquerda Unida lamenta a utilización retorcida por parte destes partidos, de cuestións que son demasiado serias para tratalas de xeito tan irresponsable.

Tal e como explicou o concelleiro de Esquerda Unida, Lino Costas, no acto celebrado o pasado venres: “Este Plan Xeral que saíu outra vez estes días á palestra, naceu cun erro de orixe: cando se elaborou, e isto dito polo propio responsable de redacción do plan, o que se pediu por parte de todos os partidos que estaban daquela na corporación municipal: PP, PSOE, BNG e ACiP, foi que se contemplara a máxima edificación posible. Por iso traballouse cunhas expectativas de crecemento totalmente irreais. Venderon fume á veciñanza ata tal punto de que despois a Xunta, que non se pode dicir que quen a goberna sexa un modelo de sensibilidade ambiental, obrigoulles a recortar as previsións de edificabilidade. Na liña do que defendíamos dende EU, si, pero mantendo o carácter de un plan enfocado unicamente á nova construción nun concello con máis de 2000 vivendas baleiras e con poboación en decrecemento”.

Esquerda Unida lembra que dende un primeiro momento posicionouse en contra deste PXOM -fronte ao resto da corporación- por ser ambiental e economicamente insostible. Un plan xeral enfocado na nova construción, e feito para favorecer aos grandes propietarios de terreos e empresarios que realizan obras ilegais.

ESQUERDA UNIDA DEFENDE UN PXOM ENFOCADO NA CALIDADE DE VIDA E NON NO CRECEMENTO

A xunta de goberno de Ponteareas pretende aprobar un plan -herdeiro do proxecto de Castro- centrado no crecemento demográfico por riba de consideracións ambientais.

O PXOM que presentan enmárcase na política de vivenda impulsada por Aznar: esta consideraba que aumentando a oferta de solo edificable o prezo da vivenda se reduciría, e a realidade estoupounos na cara: especulación e desafiuzamentos foron o resultado.

Pretenden aprobar un PXOM, elaborado polo PP e, coa conivencia de BNG, ACiP e PSOE, solicitado ao equipo redactor co máximo crecemento posible. A consecuencia disto, a Xunta de Galicia tivo que intervir para mitigar un afán de expansionismo desenfreado.

Este PXOM, pese a redución da previsión de crecemento obrigada pola xunta, contempla a construción de 4518 novas vivendas que, sumadas ás 2288 vivendas baleiras (datos do INE do ano 2011), supoñen un crecemento potencial de máis de 17000 persoas ata o ano 2034.

Este PXOM protexe os intereses dos propietarios de solo entorno ao núcleo urbano, obviando consideracións medio ambientais que sinalan a necesidade de preservar o solo natural e agrícola. Nos últimos cinco anos a poboación de Ponteareas minguou en 555 persoas, o Instituto Nacional de Estadística (INE) prevé que a provincia de Pontevedra terá 34267 persoas menos no ano 2034. Con estes datos, o goberno de Ponteareas considera que a poboación do concello aumentará en máis do 74% nos próximos quince anos.

Esquerda Unida é consciente da necesidade dun plan xeral, pero mantén a súa postura e non apoiará un plan expansivo e lesivo para o medio ambiente. EU, como organización ecoloxista, defende a rehabilitación ante a nova construción. No contexto ambiental e económico actual, só cabe propor plans enfocados na rexeneración do tecido existente, os plans expansionistas son un pesadelo do pasado.

A lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, baséase en que “a rehabilitación e a reutilización dos espazos residenciais abandonados ou degradados, xogan un papel fundamental nas políticas de vivenda como solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación, de conservar o patrimonio construído e de minorar os impactos no medio.”

Actualmente o casco urbano de Ponteareas presenta un centro histórico abandonado e degradado, a carencia de solo urbano da ordenación provisional vixente debe aproveitarse para focalizar os esforzos na reconstrución do centro histórico. O mellor modo de conservar o patrimonio é mediante o seu uso, dotando ao centro de equipamentos e vivendas eficientes enerxeticamente, nun espazo público de calidade. Esquerda Unida defenderá ante a Xunta que se declare unha área de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe) en Ponteareas.

Outras eivas do urbanismo da localidade son a falta de solo industrial e os accesos ao núcleo a través de estradas con elevado tránsito peonil. Mentres non se axuste o PXOM á realidade demográfica e económica de Ponteareas, estes problemas deben solucionarse mediante tres plans especiais: plan de dinamización das áreas de rexeneración urbana, plan especial para o polígono da Lomba e plan especial para o acceso rodado ao núcleo urbano. Estes plans son instrumentos necesarios a maiores da aprobación do plan xeral, polo que impulsándoos estaremos adiantando as solucións aos problemas reais da vila.

O PORQUÉ DA OPOSICIÓN DE ESQUERDA UNIDA Á CIRCUNVALACIÓN DEFENDIDA POLO RESTO DA CORPORACIÓN

O SEU TRAZADO PARTE DESDE O ACCESO Á A52 EN MOREIRA ATA A N120 A ALTURA DO IES DO BARRAL

circunvalación DELES EVA 2

Opoñémonos á mesma por tres razóns principais :

  1. É unha infraestrutura que non liquida os problemas actuais de tráfico.

    A circunvalación non desviará de maneira significante o tráfico da N120. Desde Cans ao Barral, pola N120 hai 9’5 km, contra os 12’2 km pola autovía, contando coa circunvalación. Quitando nas horas puntas nas que o tráfico se dividiría entre os dous accesos, continuarase accedendo maioritariamente pola nacional.

    Polo tanto, para liquidar os terribles problemas de seguridade viaria na N120, a circunvalación non supón ningunha solución. Para mellorar a seguridade nesta vía é preciso dotala de pasos de peóns e beirarrúas, ademais de baixar o límite de velocidade.

    Se con esta redución de velocidade -que só aumenta en un minuto a duración do traxecto- se conseguira que o tráfico que atravesa Ponteareas cara as parroquias do Este e cara a Mondariz pasase pola circunvalación, esta redución non sería significativa. Para darse conta só hai que comparar a intensidade do trafico na N120 a ambos lados do núcleo.

    Por outra banda, quen acceda desde Moreira, continuará utilizando a estrada de Angoares para chegar directamente ao centro. E o que é peor, o tráfico pesado cara as zonas industriais continuará pasando pola rúa Castelao. Se se obrígase a utilizar a circunvalación a este tipo de tráfico estaríamos trasladando o problema a N120 ao seu paso polo núcleo.

  2. Supón unha agresión medio ambiental dun alto impacto sobre o río Uma.

    Xa vimos que os usos da circunvalación proposta son escasos. Pero o que o proxecto proposto conta cunha certeza: o medio natural do municipio será afectado.

    Terá un impacto definitivo sobre o Río Uma e a súa Ribeira. Oitocentos metros da circunvalación ocupan a contorna do río Uma, que o atravesa en dous puntos, un espazo catalogado como de interese comunitario da Rede Natura 2000. A circunvalación destruirá un rico ecosistema da contorna de Ponteareas. Ademais, transcorre a escasos metros da ponte medieval do Cabalón en Angoares.

  3. Trátase dun malgasto económico.

    Trátase dunha infraestrutura extremadamente cara se valoramos o seu potencial uso e o impacto no medio ambiente que pode xerar. Sen contar cos sobrecustos que afectan a este tipo de infraestruturas, xa están a solicitar 21 millóns de euros.

    A crise no estado español tivo uns precedentes de malgasto de cartos da banca privada en promoción inmobiliaria, que foi acompañado dun desembolso público en infraestruturas inútiles. Debemos aprender da experiencia dos anos previos á crise e non caer nos mesmos erros. O estado regalou 60.000 millóns de euros aos bancos, e regala obras ás empresas construtoras, mentres recorta en sanidade, educación ou transporte público.

A alternativa de Esquerda Unida é máis efectiva á hora de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria no casco urbano e nas parroquias de Xinzo, Areas, Arnoso e Angoares.

circunvalación NOSA EVA 2

Respecto á N120, para mellorar a súa seguridade e as condicións de vida da veciñanza, hai que darlle un tratamento de travesía urbana. Dotando a ambos lados da estrada de beirarrúas amplas, con arborado, bancos e boa iluminación; ademais de pasos de peón cada 300m como máximo, rotondas nos cruzamentos principais para reducir o risco de choque entre vehículos, ademais de forzar a necesaria redución da velocidade. Cabe destacar que limitando todo o tramo Areas-Arnoso-Xinzo a 50 km/h só se aumenta 1 minuto o tempo para recorrelo. Ademais, un carril bici fomentará o uso da bicicleta para todo tipo de desprazamentos, xa que o terreo é propicio.

Por outra banda, propomos solucionar o acceso desde Moreira desdobrando a PO403 ao seu paso por Angoares. Esta opción permite:

  • Eliminar o tráfico na estrada principal de Angoares, o que permitirá deseñar este tramo para o seu uso comunitario.

  • Unir a A52 coa N120 (o novo enlace coa autovía chegará ata o CEIP Bouza Brey, onde se conectará coa PO403, e desde aí unha nova vía pasará pola rotonda das Pombas, cruzará a estrada de Guillade detrás do IES Pedra da Auga e se conectará á N120 xunto a actual gasolineira) .

  • Obter unha circunvalación máis próxima ao núcleo, polo que se preserva o espazo natural, de alto valor ecolóxico e paisaxístico.

  • Resolver o remate e cosido polo SE da trama urbana.

  • Executar a primeira fase do enlace para o polígono industrial da Lomba, enlace que eliminará o tránsito de vehículos pesados que pasan actualmente pola rúa Castelao e, ademáis, mellorará o acceso para as parroquias de Ribadetea e Padróns.

Deste xeito, obtemos unha circunvalación completa en torno ao casco urbano, o que resolverá o tráfico perimetral permitindo eliminalo do centro. Actualmente, case cada desprazamento en vehículo depende de introducirse no centro para coller outra dirección.

Esta alternativa permitirá diminuír e ordenar o tráfico do centro e devolver o espazo urbano para o uso comunitario. O actual deseño das rúas de Ponteareas fai que unha grande cantidade da superficie pública estea reservada para o vehículo privado, ben como vía de circulación, ben como espazo de estacionamento. A nosa proposta pretende disuadir o tráfico dentro do casco urbano, proxectando aparcadoiros nas marxes desa circunvalación en torno ao centro. Limitando así o tráfico dentro da vila a residentes, carga e descarga, persoas de mobilidade reducida, transporte escolar, etc. Queremos para Ponteareas o que outras vilas no resto do país xa teñen: un espazo onde poder convivir máis e mellor entre veciños e veciñas.

Con todo, o fundamental na cuestión da mobilidade é reducir o tráfico. Para diminuír o número de persoas obrigadas a coller o seu transporte privado, temos que mellorar profundamente o transporte público.

Coa apertura de novas vías non se reduce o tráfico, foméntase. Esta comprobado que cantas máis facilidades se poñan para o transporte en vehículo particular, máis se utilizará. E canto máis se utilice, as vías van quedando de novo desactualizadas ante o novo fluxo de tráfico. É por iso que as actuais aproximacións das políticas públicas son reducir o número de coches e non aumentar a capacidade das vías.

Para reducir o tráfico é imprescindible fomentar o transporte público, que conecte as parroquias có núcleo urbano e o concello coa área metropolitana.

Propomos intensificar as accións para que Ponteareas estea incluída na área metropolitana de Vigo, en concreto na súa rede de transporte. Gozando así das subvencións ao transporte de autobuses que conecten focos de acceso prioritario.

Esiximos un estudo da implantación dun sistema ferroviario de proximidade. Galicia é unha das poucas comunidades que non conta cunha rede ferroviaria de proximidade metropolitana. Esta é unha inversión en infraestruturas moi potente. Pero son proxectos dun custe inferior ao que vai supor os centos de km de AVE que se construíron e se están a construír. Pensemos en cantas veces nos desprazamos a Madrid -o prezo medio dun Sevilla-Madrid son 60€, dun Barcelona-Madrid son 90€- ou cantas veces nos desprazamos a Vigo. Seguramente, a inversión que máis melloraría a nosa calidade de vida sexa a aposta polo tren de proximidade.

Para solucionar a conexión entre as parroquias e o centro urbano cabe implementar as seguintes medidas:

  • Implementar un sistema de transporte baixo demanda nas parroquias. Sistema xa aplicando noutros territorios de España. É útil para desprazamentos que saibamos que imos realizar con antelación e de xeito periódico. Mediante chamada telefónica, as usuarias indican o traxecto e momento en que precisará deste servizo de transporte para así deseñar os percorridos e os horarios definitivos que se efectuarán co parque de taxis municipal.

  • Implementar un sistema de aplicación móbil de compartición de Taxi. Como mellora do sistema previamente proposto e que o faga máis versátil para atender a desprazamentos menos planificados.

  • Construción dunha rede de carrís-bici. A bicicleta pode ser unha alternativa real ao coche nunha grande cantidade de parroquias. Para iso precísanse das infraestruturas necesarias para garantir a seguridade na estrada, así como lugares de estacionamentos seguros na vila.

Esquerda Unida propon que, como mínimo nunha primeira fase, se constrúa esta infraestrutura na N120 desde Vilasobros ata Xinzo, na PO403 (estrada de Salvaterra) desde Moreira ata o centro urbano, e na PO254 (estrada de Mondariz) desde Pías ata o centro urbano.

Co fomento do transporte público e do uso da bicicleta, ademais de aumentar a seguridade viaria protexemos o medio ambiente e reducimos a dependencia ao transporte privado. A mobilidade sustentada no vehículo particular dificulta a igualdade de oportunidades, condicionada ao nivel económico e ao lugar de residencia: carecer de coche no rural dificulta o acceso aos servizos e ao emprego, o transporte público é fundamental para o desenvolvemento do rural.

Queremos priorizar as inversións no transporte público. Este beneficiará á maioría da poboación, mellorando a nosa calidade de vida, permitindo unha política de mobilidade máis saudable e que reducirá o noso impacto no medio ambiente.

ESQUERDA UNIDA SOLICITA A LIMPEZA E AMAÑO DA URBANIZACIÓN DE A FREIXA

A urbanización de A Freixa, na parroquia de Ribadetea, ten a clasificación de zona urbana tanto na ordenación vixente coma no PXOM aprobado de forma provisional e pendente de aprobación final. Isto supón na práctica, que a veciñanza da zona pague os impostos municipais coma o IBI ou a recollida de lixo ao mesmo prezo que os veciños e veciñas da vila.

A pesares disto, os servizos que reciben por parte do concello non se adecúan a esta situación. As súas rúas atópanse en estado de abandono por parte do Concello. Tanto as cunetas coma as beirarrúas carecen dun adecuado mantemento e limpeza, o que provoca un gran malestar entre a veciñanza residente na zona.

Ante a persistencia desta situación, ESQUERDA UNIDA rexistrou un rogo para ser debatido no vindeiro pleno, solicitando ao Concello que proceda á limpeza e amaño da zona, xa que considera que debe rematarse con este trato discriminatorio.

A XUNTA CONFIRMA AS RAZÓNS DA OPOSICIÓN DE ESQUERDA UNIDA AO PXOM

A DIRECCIÓN XERAL DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO E URBANISMO DA XUNTA OPONSE POLAS MESMAS RAZÓNS

O pasado venres, Lino Costas, concelleiro de EU, participou xunto con portavoces dos outros grupos municipais de Ponteareas nunha xuntanza coa directora xeral e varios membros da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

No transcurso da reunión, dende a dirección xeral de ordenación, manifestaron que a capacidade residencial contemplada no PXOM de Ponteareas excede ás necesidades de acordo coa evolución da poboación do Concello, xa que a poboación está estancada e non se prevén cambios ao respecto. Consideran, tal e coma advertía ESQUERDA UNIDA, que o incremento previsto de novas áreas urbanizables non está xustificada, polo que para a aprobación definitiva do PXOM, será necesario reducir dito incremento ao estritamente necesario. E isto tanto para o solo urbanizable coma para o núcleo rural.

Con respecto ao solo industrial da Lomba, dende a Dirección Xeral, coinciden tamén co exposto por EU no sentido de que non está xustificada a necesidade de incluír no plan unha superficie de máis de 600 mil metros cadrados, o que por outra banda, triplica o contemplado no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia. ESQUERDA UNIDA sempre defendeu que, aínda estando de acordo na necesidade de regularizar as empresas que están actualmente instaladas fora do planeamento e da reserva de solo para novas empresas, a superficie contemplada no PXOM era excesiva e non xustificada nunha demanda de solo.

Dende a Dirección Xeral de Ordenación manifestaron que aínda que están dispostos a negociar e corrixir a súa postura no caso de existir algún erro no seu informe, non van a “regatear” o mesmo, polo que en xeral, as súas esixencias de redución de zonas urbanizables terán que terse en conta no PXOM para a súa aprobación definitiva.

Esta decisión terá tamén consecuencias no que respecta ás alegacións presentadas pola veciñanza ao PXOM. Deste xeito, moitas das alegacións que no seu momento foron aceptadas e integradas no documento que foi aprobado provisionalmente e enviado a Urbanismo, veranse de facto rexeitadas no documento do PXOM que se aprobe definitivamente.

Cuestión aparte, son as alegacións que aínda sendo aceptadas polo equipo redactor, non foron incluídas no documento e que agora o Concello pretendía incluír coma “corrección de erros”. Con respecto a estas últimas, dende a Xefatura xa indicaron que no que supoña un cambio na clasificación do solo, non serán aceptadas en ningún caso. Algunhas outras, coma a rexistrada por EU na que se solicitaba desbotar actuacións urbanizadoras (parque urbano) no entorno do río Tea, nin sequera foron contestadas.

Aínda así, dende a Xefatura insistiron en que non sería necesaria unha nova exposición pública, cuestión acollida con entusiasmo por case todos os representantes do concello presentes na reunión. Pola contra, e dadas as implicacións que as modificacións que se farán no documento do PXOM terán para a veciñanza, ESQUERDA UNIDA si que considera necesaria esta nova exposición.

EU considera que todas estas dificultades para que Ponteareas conte cun Plan Xeral de Ordenación Municipal, son a consecuencia de elaborar un plan cuxas directrices políticas foron as de incrementar a nova construción a toda costa e sen ter en conta as consecuencias ambientais e sociais das mesmas. Políticas estas, lembremos, compartidas por todos os grupos municipais que apoiaron a aprobación provisional do PXOM de Ponteareas.

ESQUERDA UNIDA CONFIRMA A SÚA POSTURA SOBRE A INVIABILIDADE DO PXOM

O INFORME DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE DA A RAZÓN AO DEFENDIDO POR EU

LOGO

O Informe da Consellería de Medio Ambiente sobre a aprobación inicial do PXOM de Ponteareas, aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, PP, a abstención de ACiP e ARDT e o voto en contra de EU-son é contundente. O Plan precisa cambios en relación á superficie edificable, as clasificacións, o número de vivendas previsto, a tipoloxía das edificacións, correccións ao establecer a zona de policía de canles ou incluír coma Solo Rústico de Protección Forestal a totalidade dos terreos incendiados. Deste xeito, as modificacións esixidas afectan a solo urbanizable, solo industrial, núcleo rural ou solo rústico.

Ademais, as novas infraestruturas contempladas cuxo financiamento se atribúe a outras administracións, non contan coa conformidade das mesmas, tal e coma esixe a Lei de Ordenación Urbanística. Este feito foi advertido no seu momento por ESQUERDA UNIDA e agora confirmado polo informe da Consellería.

O informe da Consellería de Medio Ambiente da a razón á posición de EU con respecto ao PXOM. Esta organización, que votou en contra da aprobación provisional do Plan, xustificou a súa postura por consideralo agresivo medioambientalmente e contemplar un aumento da edificabilidade non acorde coa actual tendencia demográfica de Ponteareas.

A cantidade de correccións esixidas pola Consellería é considerable, o que obrigará a reformar boa parte do PXOM.

Para ESQUERDA UNIDA, as modificacións contempladas no informe da Consellería son de tal magnitude que -unha vez redactadas- o Plan deberá expoñerse publicamente e abrir un novo período de alegacións de acordo coa LOUG.

Resulta lamentable que a día de hoxe e con uns 100 mil euros investidos, Ponteareas segue sen PXOM polo empeño de aprobar un plan que prioriza o aumento da edificabilidade sobre calquera outra consideración.

O CONCELLO DE PONTEAREAS NON XUSTIFICA O REXEITAMENTO AS ALEGACIÓNS DO PXOM

ALGUNHAS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POR ESQUERDA UNIDA NIN SEQUERA FORON CONTESTADAS

O Concello de Ponteareas está comezando a contestar ás alegacións presentadas ao PXOM de Ponteareas, actualmente pendente de aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia.

Algunhas das alegacións presentadas no seu momento por EU foron admitidas, como a relativa ás referencias que facía o PXOM no seu Estudo Económico sobre a posibilidade de captación de financiamento privado mediante a titulación de investimentos, o que suporía na práctica a privatización de infraestruturas públicas.

Pola contra, outras alegacións foron rexeitadas sen a debida xustificación ou directamente non contestadas, como a que se refería a desbotar actuacións agresivas co entorno do río Tea.

En canto á alegación presentada por EU relativa á conversión da Área de Reparto 10, que se corresponde coa zona de Granitos, de urbanizable a parcela adicada a equipamentos, a resposta do equipo redactor limitouse a un “desestímase a alegación mantendo a clasificación do solo proposta”. Sen máis explicacións.

A alegación presentada por EU sobre esta área de reparto estaba motivada pola idoneidade de adicar a zona de Granitos a equipamentos públicos dada a súa situación preto do casco urbano e a estación de autobuses. Deste xeito, favoreceríase a accesibilidade aos servizos públicos e evitaríase en certa medida as necesidades de desprazamento en vehículos privados.

Pola contra, e de acordo coas preferencias do resto dos grupos da corporación municipal, PSOE, PP, BNG, ACiP e ARDT, o equipo redactor mantivo a clasificación proposta, adicando esta superficie a nova construción de edificios e a unha zona de equipamentos privados de carácter comercial. Pola contra, manteñen como parcela adicada a equipamentos a dos terreos da Gloria, completamente afastados do núcleo urbano, o que vai directamente en contra de calquera principio de mobilidade sostible.

Coa clasificación proposta, a superficie da AR-10 poderá ser adicada á construción de novas grandes superficies comerciais, o que sería enormemente prexudicial para o comercio local.

As distintas alegacións non poden ser recorridas antes da aprobación definitiva do PXOM por parte da Xunta de Galicia. Dende Esquerda Unida, manifestamos xa, que nese momento pediremos as explicacións pertinentes de porqué se desestimou a nosa alegación con respecto a esta área dado o seu carácter absolutamente beneficioso para a veciñanza de Ponteareas.

EU-SON VOTA EN SOLITARIO CONTRA O PXOM DE PONTEAREAS

LOGOO PLAN APROBOUSE COS VOTOS DE PP, PSOE E BNG

O concelleiro de EU-son, Lino Costas, foi o único que defendeu no pleno municipal do pasado martes a inviabilidade do PXOM de Ponteareas.

Esta postura, aínda que acordada pola Asemblea Municipal de EU e compartida por varios colectivos da localidade, é a que ESQUERDA UNIDA mantén dende vai anos e leva no seu programa electoral.

Na súa intervención, Lino Costas, expuxo o carácter expansivo do PXOM baseándose, entre outras cousas, na memoria ambiental remitida pola Consellería de Medio Ambiente, que di que non hai xustificación para o crecemento urbanístico proxectado neste plan.

A propia concelleira de urbanismo e maior defensora deste PXOM, confirmou que efectivamente, o Plan non está adecuado á realidade actual e que tanto o seu desenvolvemento temporal como as súas determinacións deberán ser cambiadas. Entendemos polo tanto que o PXOM aprobado provisionalmente no pleno do pasado 2 de febreiro supón unha perda de tempo e de cartos públicos.

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera que este plan determina o modelo de localidade que comparten estas agrupacións políticas que o aprobaron: expansivo, especulador, agresivo medioambientalmente e irreal. Un erro histórico que, aínda que cometido por uns poucos, vainos pasar factura a todas.