Arquivo da etiqueta: Recortes

SOBRE A RECOLLIDA DE ALIMENTOS DO CONCELLO DE PONTEAREAS

IMG_2243Estamos en datas previas á celebración da festividade relixiosa do Nadal. A última moda nos concellos é a de competir en alumeado coma se non houbera mañá. Todo xustificado pola suposta retribución económica que isto pode supoñer para os concellos. “Co estupendo alumeado que teremos este ano neste concello “x” atraeremos visitantes doutros concellos para que fagan gasto no noso.” Entendo que a costa de facer menos gasto nos seus respectivos, porque as luces non multiplican os cartos nin a produción de bens. Pero isto xa son cousas do protestón de quenda que está en contra da competividade. Xa se sabe que se levamos decenas de miles de anos evolucionando matándonos uns aos outros, non imos agora a botar abaixo esa tradición.

A maiores das luces esta é tamén unha época de poñerse en plan solidario e facer xestos caritativos cos “pobres” que, aínda que pasen penurias todo o ano, polo menos que teñan un cachiño de turrón para celebrar a festa da cristiandade.

A ese respecto o concello de Ponteareas tivo a brillante idea de poñer ao voluntariado a pedir alimentos nos supermercados para abastecer o Centro de Reparto de Alimentos. Isto estaría moi ben se estivéramos a falar dunha ONG sen outros recursos para axudar ás persoas con problemas económicos, que apelar á solidariedade dos seus conveciños e conveciñas. Pero dáse o caso de que esta recollida de alimentos non a fai ningunha ONG, senón unha administración pública, a máis achegada á veciñanza que se di, que conta cun orzamento anual de case 17 millóns de euros.

Evidentemente, se o concello adica ao voluntariado a pedir alimentos para as persoas desfavorecidas do seu entorno, está recoñecendo que o Centro de Reparto de Alimentos do Concello non está o suficientemente dotado, nin no Nadal nin o resto do ano, para abastecer ás persoas con poucos recursos. Unha cuestión orzamentaria. Ou sexa que hai cartos para festas, luces, corpus e publicidade e propaganda (60.000 euros se gastaron nisto ultimo no 2018), pero non hai para atender á veciñanza en situación precaria.

Ante esta carencia do Centro de Reparto de Alimentos, en lugar de aumentar a partida orzamentaria para que isto non suceda, aos gobernantes municipais do “agora ven o mellor”, non se lles ocorre outra cousa que poñer a pedir ao voluntariado. Fago unha proposta, para o ano que ven que doten de máis recursos económicos ao Centro de Reparto de Alimentos e que manden ao voluntariado a pedir para a festa do Corpus, por exemplo, se non lles chegan os recursos.

Pero claro, resulta que como manobra de propaganda queda moi resultón iso de organizar unha recollida de alimentos dende o Concello. Moito máis que aumentar a partida orzamentaria para dotar adecuadamente o Centro de Reparto de Alimentos. Un exercicio de cinismo impecable. A verdade é que da clase traballadora aproveitase todo. Ata a miseria.

Lino Costas

Advertisement

O PECHE DA UNITARIA DE SAN MATEO É UNHA DECISIÓN POLÍTICA

classroom-672196_1920Logo da xuntanza mantida entre representantes de pais e nais de San Mateo e do concello -co Secretario Xeral Técnico de Ensino e a Subdirectora de Centros- ESQUERDA UNIDA ve clara a intención do goberno da Xunta de Galicia de pechar progresivamente as escolas unitarias.

Os argumentos legais manifestados polos representantes do goberno galego para evitar neste momento a matricula na unitaria de San Mateo ao alumnado cuxas familias teñen interese en facela non son máis que o punto a onde verdadeiramente querían chegar dende a Xunta. Indican agora, logo de que en anteriores reunións aseguraran o contrario, que unha vez publicada a orde de modificación dos centros escolares onde se suprime a unidade de San Mateo, sería incorrer en prevaricación se neste momento se aceptaran matriculacións na mesma.

Pero o certo é que por unha banda, non se promove desde as instancias educativas a matriculación do alumnado en escolas unitarias. Tal e como indicaron os representantes das familias, se a Xunta tivera interese en manter abertas as unitarias, promovería como primeira opción para o alumnado a súa matriculación na escola unitaria máis próxima, cousa que non está a facer.

Por outra banda é un feito, e así o asegurou tamén o secretario técnico, que a súa política é que unha vez pechada unha escola unitaria, non se volva a abrir.

Polo tanto, con estas dous sinxelas cuestións conseguen que cada vez que hai un baixón puntual de alumnado, a unitaria se peche para sempre.

Aplican a man dura ao ensino público mentres seguen a aumentar recursos á educación concertada.

ESQUERDA UNIDA considera que se a Xunta tivera interese en manter aberta a unitaria non tería máis que emitir unha modificación parcial, tal e como se fai noutras ocasións e para diversas cuestións, da orde do 16 de xullo na que entre outras se suprime a unidade de San Mateo.

Sen dúbida, estamos ante unha decisión política do goberno do PP ante a que, soamente coa loita das nais e pais de San Mateo xunto co apoio do resto da comunidade educativa, veciñanza e Corporación municipal, se pode facer fronte.

EU APOIA A MOBILIZACIÓN CONTRA O PECHE DA UNITARIA DE SAN MATEO DE OLIVEIRA

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas apoia a mobilización das familias de San Mateo de Oliveira contra o peche da escola unitaria da parroquia. A agrupación local considera que o peche da unitaria suporá un recorte máis na educación pública e un empeoramento do servizo que suporá un perxuizo directo para a veciñanza de San Mateo.

EU lembra, ademáis, que o peche desta escola enmárcase nun escenario global de deterioro da educación pública. Tanto o goberno da Xunta como do Estado, leva anos a deteriorar a educación pública derivando recursos á educación privada e concertada. É unha decisión política que forma parte, sen dúbida, do carácter privatizador dos distintos partidos que levan ocupado o goberno.

Os datos son relevantes: segundo os propios informes do Ministerio de Educación, entre os anos 2001 e 2011, a porcentaxe do gasto en educación adicado á educación privada e concertada aumentouse nun 80% ao mesmo tempo que a porcentaxe do gasto total en educación en relación ao conxunto dos orzamentos do estado se mantivo máis ou menos con lixeiras subidas e baixadas. E nos seguintes anos esta tendencia mantívose. Estamos pois en condicións de afirmar que existe unha estratexia por parte das distintas administracións de promover a educación privada a costa de deteriorar a pública.

ESQUERDA UNIDA considera que apoiar a mobilización da veciñanza de San Mateo non é soamente apoiar a lexítima reclamación das persoas dunha parroquia de manter aberta a escola unitaria, tamén estamos ante unha loita que nos afecta a todas pola defensa dunha educación pública, gratuita e de calidade.

Por todo isto, EU de Ponteareas chama a toda a veciñanza de Ponteareas a sumarse á concentración prevista para o próximo 27 de agosto diante da Xunta de Galicia.

EU SOLICITA AO PLENO A RETIRADA DA COMPETENCIA DE SERVIZOS SOCIAIS AO CONCELLEIRO RESPONSABLE

A XUNTA DE GOBERNO EVITA O DEBATE E VOTACIÓN DA MOCIÓN

ESQUERDA UNIDA levou unha moción de urxencia ao Pleno Municipal celebrado onte, 15 de maio, para darlle fin ás irregularidades do Centro de Reparto de Alimentos (CRA), xestionado pola concellería de Servizos Sociais.

A agrupación de Ponteareas tivo coñecemento de que dende os Servizos Sociais do Concello se está facendo asinar ás persoas usuarias do CRA un documento onde se comprometen a “non utilizar os servizos de calquera outra entidade pública ou privada” polo mesmo servizo. Tendo en conta que a achega de alimentos ás persoas sen recursos por parte do CRA é claramente insuficiente para acadar unha alimentación adecuada, resulta especialmente grave que se tente privar a estas persoas da posibilidade de complementar os produtos que reciben dende o Centro de Reparto de Alimentos cos que poidan adquirir por outras vías.

É certo que o CRA de Ponteareas é un Organismo Asociado de Reparto (OAR) autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dentro do Programa de Axuda Alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD), e que como tal, recibe alimentos do mesmo e ten que adecuarse ás esixencias establecidas por este organismo. É coñecido que o FEGA establece o impedimento ás persoas destinatarias finais dos alimentos de acudir a máis dunha OAR a recibir os mesmos. Pero o certo é que no documento que se está a facer asinar ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas non se establece a limitación de utilizar unha soa OAR, se non que se pretende impedir que estas persoas poidan utilizar o servizo de calquera outra organización, estean consideradas ou non unha OAR e reciban ou non os alimentos a través das canles establecidas polo FEGA.

Non existe, polo tanto, ningún impedimento legal ou de outro tipo para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas poidan recibir alimentos de parte de outro tipo de organizacións que non estean integradas no FEAD. Deste xeito EU entende que estamos ante un intento de coacción totalmente inxustificada ás persoas sen recursos do noso Concello. Unha coacción sen ningunha base legal coa que se ameaza ás persoas usuarias do CRA coa posibilidade de ser apartados da utilización do mesmo se recorren ao mesmo tempo a outra organización.

Hai que engadir por outra banda, que no Consello Sectorial Social celebrado o 8 de xullo de 2016, o Concelleiro de Servizos Sociais, o Sr. Troncoso, comprometeuse a ordenar a retirada dun cartel colocado no CRA que establecía do mesmo xeito, o impedimento ás persoas usuarias de utilizar ao mesmo tempo o CRA e calquera outra organización. Este compromiso por parte do Concelleiro de Servizos sociais produciuse ante a reclamación de varias persoas membros do Consello Sectorial Social e despois de recoñecer que non existía ningún impedimento legal para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas puideran ao mesmo tempo ser beneficiarias de outras organizacións que non constituíran unha OAR.

Ante a gravidade destes feitos, que constitúen unha coacción e humillación ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello precisamente por parte do organismo que debería preocuparse da súa seguridade e benestar, ESQUERDA UNIDA presentou unha moción de urxencia para instar ao Concelleiro de Servizos sociais a informar debidamente ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas con respecto á nulidade do documento feito asinar ás mesmas, e para reprobar e retirar a delegación da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro Manuel Troncoso por actuar ou permitir que se actúe de xeito totalmente improcedente con respecto a estas persoas.

Ao ser de urxencia, a moción non pode ser debatida nin votada se non se aproba primeiro a súa urxencia polo pleno. E para a súa aprobación fai falta a maioría absoluta. Onte, nin o concelleiro de Servizos Sociais, nin o resto da Xunta de Goberno estiveron a favor do seu debate no Pleno Municipal.

EU-SON CONDICIONA O VOTO PARA A APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS DE 2017

O pasado martes 3 de outubro o concelleiro de EU-son, Lino Costas, mantivo unha xuntanza co rexedor do Concello de Ponteareas para tratar o tema dos orzamentos deste ano. O representante de ESQUERDA UNIDA manifestou a decisión desta organización de condicionar o seu voto favorable á proposta de orzamentos para o ano 2017, ao mantemento no Cadro de Persoal do posto de auxiliar de mecánica e ao acordo con respecto ao cambio de categoría das traballadoras da Gardería Municipal.

O Cadro de Persoal -documento onde se establecen os postos de traballo do Concello- é un documento que se aproba conxuntamente cos orzamentos. Deste xeito, EU manifesta que, para comezar calquera tipo de negociación relativa aos orzamentos, a Xunta de Goberno debe comprometerse a manter o posto de auxiliar de mecánico e consecuentemente reabrir o taller mecánico municipal. Dende ESQUERDA UNIDA lembran que a decisión do peche do taller mecánico e o traslado do traballador do mesmo, foi tomada pola Xunta de Goberno de forma irregular, xa que a competencia para tomar estas decisións non lle corresponde á Xunta de Goberno, se non ao Pleno.

Por outra banda, a outra condición que puxo EU para negociar os orzamentos foi a de dar solución ao conflito coas traballadoras da Gardería Infantil, que agora mesmo teñen unha categoría no Cadro de Persoal, inferior ás tarefas que realizan. A categoría que consta é a de “auxiliar de puericultura”, cando o certo é que no ano 1996 deuse un prazo de cinco anos aos traballadores e traballadoras dos centros de atención á infancia para adecuarse á titulación de “técnico especialista en xardín de infancia”, titulación que acadou todo o persoal da gardería e que a día de hoxe se esixe ás novas incorporacións. Estas traballadoras levan anos reclamando este cambio de categoría fronte a indiferenza dos gobernos actual e anterior.

OPINIÓN: SOBRE A POLÉMICA DA “PRODUTIVIDADE”.

LINO

Estes días está a xerar polémica na opinión pública o feito de que o Pleno de Ponteareas aprobara un regulamento para o pago da produtividade entre o persoal municipal. A cuestión foi presentada en diversos medios de comunicación, incluíndo cadeas de televisión de ámbito estatal, coma un “premio” por ir ao traballo. O primeiro en facer esta valoración ruín do mencionado regulamento, foi precisamente o PP de Ponteareas, partido que estando no goberno non tivo ningún problema en manter no cadro de persoal a figura do pago de “produtividade” para certos funcionarios como retribución mensual, feito que incumpre a normativa, pois as únicas retribucións fixas que poden constar son as de salario base, complemento de destino e complemento específico, este último non obrigatorio. No Concello de Ponteareas, ao contrario da maior parte dos demais concellos, é moi pouco o persoal funcionario que percibe retribucións en concepto de complemento específico, de xeito que as retribucións do funcionariado deste concello están bastante por debaixo dos demais concellos do estado de similar tamaño. Outro tanto sucede co persoal laboral. Sirva como exemplo o feito de que houbo que modificar as retribucións dalgúns postos para que estes salarios chegaran ao Salario Mínimo Interprofesional, que para o ano 2017 quedou establecido en 701,70 € mensuais.

Vaia por diante que eu, coma representante de EU-son no pleno, abstívenme no mesmo sobre esta cuestión non por considerala inadecuada, senón porque a forma de facelo foi bastante chapuceira, tema que abordarei despois.

En primeiro lugar hai que facer constar que este plus de produtividade aínda non ten partida orzamentaria, cuestión que haberá que aprobar con posterioridade pero que en todo caso non poderá ser moi alto dadas as limitacións que en canto a incremento da masa salarial establece o estado nas diferentes leis orzamentarias anuais, que para o ano 2017 está no 1%.

Certamente o establecido neste regulamento, sobre que terá dereito ao cobro do 70% deste plus quen realice coma mínimo o 90% da súa xornada, pode dar lugar a pensar que se “premia” polo simple feito de ir ao traballo e incluso podería dicirse que esta proposta da xunta de goberno de Ponteareas fai un fraco favor ao persoal municipal afondando na lenda negra de que os traballadores e traballadoras municipais nin sequera asisten ao traballo. O regulamento está exposto precisamente coma unha forma de reducir o absentismo laboral. Pero tamén é un feito que o que se establece neste regulamento é un dobre castigo por non cumprir coa xornada laboral xa que quen incorre neste feito non soamente perderá as retribucións que lles corresponda pola inasistencia, senón que perderá tamén o que lle puidera corresponder en concepto de produtividade. A isto habería que engadirlle, por suposto, as posibles sancións disciplinarias dependendo da gravidade do caso. Estamos falando entón dunha medida máis para combater o absentismo laboral. Chegados a este punto, tamén é obrigatorio indicar que, se ben pode darse o caso dalgúns traballadores ou traballadoras municipais que non sexan precisamente dilixentes na realización das súas tarefas, é certo que non é unha situación xeneralizada. O que é máis, eu persoalmente son testemuña de que algúns traballadores municipais prolongan a súa xornada máis alá do obrigatorio por pura responsabilidade co seu traballo e para que saian adiante as cousas nun concello coma este, que adoece dunha gran falta de organización. Cuestión esta última cuxa responsabilidade non pode atribuírse ao persoal municipal, senón aos responsables políticos.

Pero se hai unha cuestión que mostra á perfección o absurdo da polémica xerada arredor do plus de produtividade é o seguinte: se o que se aprobara no pleno fora unha suba salarial en xeral para todos os traballadores e traballadoras municipais e sen ningún tipo de condicionamento, poñamos do 1%, suba que repercutiría tanto nos que cumpren puntualmente coa súa xornada coma nos que non, esta polémica non existiría. Calquera entendería que é unha suba salarial lóxica, sobre todo tendo en conta os moi baixos salarios do persoal municipal do concello de Ponteareas.

En realidade, a causa desta polémica é ideolóxica. É ben sabido que hai unha campaña orquestrada dende os poderes económicos e obedientemente seguida polos medios de comunicación (por moito que algúns deles se mostren como “de esquerda”) e por partidos coma o PP ou coma o PSOE, claramente neoliberais, para atacar ao sector público no seu conxunto. E esta campaña ten por obxectivo, por suposto, meter as mans no que queda do sector público para sacar beneficio del.

Pero o máis triste deste tema non é o feito de que os poderes fácticos aproveiten calquera oportunidade para atacar ás traballadoras e traballadores públicos, despois de todo deles non se espera outra cousa. O triste é que atope tantos oídos atentos entre a clase traballadora. Que boa parte da clase traballadora estea disposta a prestar atención a estas manobras e indignarse polo que consideran privilexios de outros traballadores. Traballadores contra traballadores. E o capital rindo.

O que motivou a miña abstención na aprobación do regulamento de produtividade foron, coma dicía, a forma chapuceira de facelo. A intención manifesta do mesmo é a de normalizar unha situación irregular coma é a de contemplar no cadro de persoal o complemento de produtividade coma unha cantidade fixa e mensual. Así se entende cando na proposta levada ao pleno se di que: “… dende o ano 2010, no Concello de Ponteareas dáselle a este complemento, de natureza variable, un tratamento que en modo algún observa a normativa aplicable, de tal xeito que estase a asignar a cada posto de traballo, dentro da categoría de funcionarios, unha cantidade fixa en concepto de produtividade que se abona de forma fixa nas 12 mensualidades. Este criterio non respecta de ningún xeito o ordenamento xurídico vixente, polo que temos a necesidade de axustalo á normativa que o regula.”

Como non pode ser menos, eu estou de acordo co aquí exposto. O que si lles expuxen no seu momento, tendo en conta o reducido dos salarios do concello e que na súa proposta contémplase retribuír esta produtividade semestralmente, que era o que ía a suceder a partires de agora coa cantidade que están actualmente percibindo algúns funcionarios en concepto mensual de “produtividade”. Ademais, por outra parte, que de afectar este regulamento ao actual “complemento de produtividade”, isto podería dar lugar a reclamacións xudiciais por parte dos traballadores e traballadoras que moi posiblemente gañarían.

Ante esta cuestión, e despois de darlle varias voltas, tentaron solucionar iso co punto terceiro da proposta que di textualmente: “Este regulamento non afectará a retribución que en concepto de “produtividade ven percibindo o persoal do Concello ata a data de aprobación do presente regulamento, manténdose a percepción da mesma nas mesmas condicións, tal e como se recolle no orzamento do ano 2016, prorrogado para o presente ano 2017”.

Ou sexa, que ao final, a Xunta de Goberno trouxo ao pleno unha proposta para regularizar o complemento de produtividade, pero dicindo ao mesmo tempo que ese regulamento non afectará ao complemento de produtividade. Parece ser que este goberno é marxista, pero de Groucho Marx. Por certo, mirando a quen lle deron unha medalla de ouro este ano, tamén é castrista, pero de José Castro.

Realmente a intención desta proposta era outra aínda que non a manifestaban na mesma: a de retribuír cun complemento de produtividade a todo o persoal do concello segundo o regulamento proposto. Sobre esta cuestión podo estar de acordo, pero non sobre a suposta necesidade de facelo neste momento. Actualmente no concello estase ultimando a da Relación de Postos de Traballo. Unha RPT é basicamente un documento técnico onde se establecen as funcións de cada posto, os requisitos para ocupar os mesmos, a sua xerarquía e no que se determinan tamén, no caso do persoal funcionario, os complementos de destino e específico. Esta RPT, que se supón que será presentada en breve, podería utilizarse para que o que agora mesmo se está pagando irregularmente a algúns postos coma “produtividade”, fora absorbido polo concepto de “Complemento Específico”. Deste xeito non se entraría na contradición exposta anteriormente e a partires de aí xa se podería aplicar o regulamento con total normalidade. O que vai a suceder a partires de agora é que algúns traballadores e traballadoras percibirán por un lado un “complemento de produtividade” mensual que é irregular, por non dicir ilegal, e por outro o complemento de produtividade regulado. As presas e a improvisación é o que teñen.

Lino Costas, Concelleiro de EU-son en Ponteareas

ESQUERDA UNIDA CHAMA Á PARTICIPACIÓN NAS MARCHAS DA DIGNIDADE

A DEFENSA DAS PENSIÓNS E DOS SERVIZOS PÚBLICOS SERÁN AS REIVINDICACIÓNS CENTRAIS DESTA XORNADA

cartaz-definitivo-coruna-con-modificacion-percorrido

Esquerda Unida de Ponteareas fai un chamamento á participación na mobilización convocada polas Marchas da Dignidade o vindeiro sábado 25 de febreiro na cidade de A Coruña e que, nesta ocasión, terá como reivindicación central a defensa das Pensións e dos Servizos Públicos.

As Marchas da Dignidade é unha plataforma de loita unitaria da cal forman parte máis de sesenta organizacións e colectivos veciñais, sindicais, culturais, sociais e políticos de toda Galicia e que ten por obxectivo fundamental a defensa dos dereitos da clase traballadora fronte as agresións ás que nos someten: desemprego, precariedade, desafiuzamentos, desmantelamento do servizos públicos etc.

Esta nova xornada de mobilización que terá lugar en todo o Estado, centrará a reivindicación na defensa das pensións públicas, que EU considera gravemente ameazadas. Fronte ao discurso que di que as pensións son insustentables, ESQUERDA UNIDA ten claro que isto prodúcese pola alta taxa de desemprego e precariedade que sofren as traballadoras e traballadores e que diminúe considerablemente a cotización á seguridade social. Ademais, as condicións de vida das e dos pensionistas véñense deteriorando nos últimos anos e en moitos casos atopámonos con persoas que teñen que vivir con ingresos por debaixo do limiar da pobreza. Esta non é unha situación que afecte tan só ás persoas pensionistas, se non que en todo o Estado hai un 34% de fogares que dependen en exclusiva dos ingresos dunha pensión. O recortes aplicados sobre as pensións e os servizos públicos obedecen a unha estratexia para favorecer ás pensións privadas e fomentar o lucro do sector bancario.

Por todo isto, ESQUERDA UNIDA considera de vital importancia saír a rúa para defender os nosos dereitos fundamentais. Fai, polo tanto, un chamamento á participación activa na mobilización das Marchas da Dignidade que permita unificar ás loitas da clase traballadora e poder mudar a realidade do noso país.

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA QUE A SITUACIÓN DOS ALUMNOS DO BARRAL, É RESPONSABILIDADE DA XUNTA DE GALICIA

O alumnado matriculado na ESO do IES Ponteareas e residente en Covelo, négase a consumir, e con bo criterio, a comida subministrada pola empresa de catering catro días antes.

Danse aquí varias circunstancias que sinalan directamente á política en materia de educación levada a cabo polo PP.

Por un lado, o PP externalizou a xestión dos comedores, deixando nas mans de empresas privadas a produción dos alimentos que se subministran nos mesmos e descargando nas asociacións de nais e pais a responsabilidade de atender os comedores ou mesmo de contratar o servizo.

Por outro, o feito de que alumnos e alumnas do Concello de Covelo se teñan que desprazar ata Ponteareas dende aquel concello para acceder ao seu centro de estudos, ás veces dende lugares bastante afastados, deixa claro que a dotación de infraestruturas educativas en Galicia é insuficiente.

Estamos aquí ante as consecuencias dun modelo educativo privatizador, no que o PP recorta o orzamento para a educación pública e o mantén para a concertada, no que o PP renuncia a xestionar os comedores públicos, convertendo a educación e o subministro de alimentos aos centros de estudos nun negocio máis. De paso, tentan eludir a súa responsabilidade deixando que sexan as familias as que intenten resolver o problema. Agora e debido precisamente a este modelo educativo do PP, o alumnado e os seus pais e nais, vense sen moitas opcións para resolver o problema ao estar suxeita a alimentación do alumnado a un contrato mercantil e non poden cambiar de empresa no que queda de curso.

Dende Esquerda Unida reclamamos á Xunta de Galicia, que asuma a súa responsabilidade e resolva esta situación, que pasaría, como medida inmediata, se non se resolve o problema, por rescindir o contrato á empresa de catering que subministra os alimentos ao comedor. E como medida a longo prazo, a Consellería de Educación, ten que asumir directamente os comedores escolares para que tanto o alumnado como familias, poidan tratar directamente coa administración democraticamente elixida, non cun axente comercial dunha empresa.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS ESIXE UN ENSINO PÚBLICO E DE CALIDADE FINANCIADO NA SÚA TOTALIDADE CON FONDOS PÚBLICOS

-

A ENTRADA EN VIGOR DA LOMCE CAMBIARÁ INXUSTIFICADAMENTE OS LIBROS DE TEXTO NO VINDEIRO CURSO

OS RECORTE NAS AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR PROVOCARÁ EN MOITOS CASOS A DISCRIMINACIÓN DO ALUMNADO

Os textos legais (Constitución Española, LOE, LODE, etc) establecen que “o ensino básico é obrigatorio e gratuíto”, é dicir, que non representará custe económico para o alumnado e as súas familias. Contrariamente as administracións públicas reduciron e eliminaron as axudas para garantir este dereito. Isto provoca que unha parte moi considerable do alumnado non poida acceder aos libros de texto e materiais curriculares.

Este ataque á igualdade de oportunidades e á equidade do sistema educativo vulnera o dereito á educación da nosa cidadanía.

Por outra banda, o vindeiro curso 2014/2015 preténdese que entre en vigor a LOMCE nos cursos de 1º, 3º e 5º de primaria e tamén en 1º de Formación Profesional Básica, o que afectará a mais de millón e medio de estudantes que terán que cambiar os seus libros de texto antes do mínimo que establece a lei: catro anos.

Todos estes cambios parten dunha imposición unilateral do Goberno central e o partido político que o sustenta: o PP, que segue mantendo esta postura ante o rexeitamento da inmensa maioría da sociedade, que esixe a súa retirada inmediata.

Esquerda Unida súmase a este rexeitamento e xa puxo en marcha a campaña ‘LOMCE NON: Insubmisión. Hai alternativa’, un día despois da aprobación definitiva no Congreso da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa. Esta campaña de insubmisión e desobediencia civil ao contido da contrarreforma educativa que o Goberno do PP sacou adiante en solitario no Parlamento inclúe a elaboración e difusión dun ‘Manual de desobediencia’ dirixido a toda a comunidade educativa, entre outras accións, como a de esixir ao goberno da Xunta unha memoria de impacto económico da LOMCE no noso ámbito territorial, detallando os custes que supón a súa aplicación, para denunciar a falta de recursos e agudizar contradicións entre o goberno central e o autonómico.

Asemade felicitamos á Comunidade Educativa (nais e pais, docentes e alumnado) polo acordo tomado no Consello Escolar Municipal da resolución presentada pola Federación de ANPAs de Centros de Ensino Público das comarcas Condado-Paradanta e Louriña, na que se insta ás administracións educativas a que garantan o dereito ao ensino gratuíto, incluíndo material escolar, en todos os centros sostidos con fondos públicos.

NON Á REFORMA DAS PENSIÓNS

ACTO INFORMATIVO – Intervirán:

José Cuevas Raposo
Coordinador de Esquerda Unida na comarca de Vigo

Juan Fajardo
Deputado de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia
—————————————————-

POR QUE QUEREN RECORTAR AS NOSAS PENSIÓNS?

As institucións europeas prestaron ao Goberno español 61.000 millóns de euros para rescatar aos bancos, pero non só queren que se lles devolvan os cartos, tamén que se fagan diferentes reformas como a reforma laboral e a das pensións. Esixen que a reforma das pensións estea aprobada antes do 31 de decembro deste ano.
Xa houbo unha primeira reforma feita polo goberno socialista que elevou a idade de xubilación aos 67 anos e aumentou o período de cotización para ter dereito á pensión plena. Agora, a reforma do PP agrava os recortes da anterior.

15 respostas para estar ben informado/a:

· Para que queren recortar as pensións?

Para lograr que se subscriban plans privados de pensións (que dan moitos beneficios aos bancos) e para asegurar que o Goberno teña diñeiro para pagar as débedas aos bancos internacionais. É unha esixencia do FMI, Comisión Europea e Bancon Mundial (a Troika).

· E canto máis imos a perder?

A propia Memoria do Goberno que acompaña ao Proxecto de Lei fala de 32.900 millóns de euros, é dicir en media 1.500 euros por pensión. Pero podería chegar a 3.500 euros se o IPC sobe máis do 1%.

· Pero, estaba en risco a túa pensión?

Non, o actual sistema público de pensións está asegurado. Aínda hoxe con 6 millóns de parados/as sobrarían uns 6.500 millóns de euros para pagar as pensións estritamente contributivas e ademais, o fondo de reserva dispón aínda de 56.000 millóns de euros. O problema é que se pagan outras moitas cousas.

· Onde estaría, entón, o risco?

Está precisamente nos fondos privados. A súa rendibilidade é negativa en case todos os casos e a estabilidade da Banca é dubidosa, como se viu. O Estado nunca quebra.

· Vai aumentar o número de pensionistas?

Seguramente, pero non como di o Goberno. Ninguén nace pensionista. Quen mañá sexa pensionista, hoxe é traballador/a e cotizante. Non haberá ningunha catástrofe demográfica. A poboación actual está a baixar.

· Entón, haberá que gastar máis en pensións?

Certo. Pero haberá moitos máis recursos. Hoxe en España utilízase para as pensións 2,8 puntos de PIB menos que na media dos países da Unión Europea. Unha vez pagadas as pensións, quedan libres no PIB español uns 900.000 millóns de euros. En 2030, quedarán libres 1,7 billóns. Casi o dobre.

· Temos que resignarnos a esa perda?

De ningún xeito. O Goberno e os bancos só queren recortar, pero hai outra política que permite consolidar as pensións e mesmo melloralas, garantindo o seu poder adquisitivo tal como di a Constitución Española.

· En que se concreta esa outra política?

Os Gobernos, primeiro o do PSOE e agora o do PP insistiron en recortar os gastos; é dicir, baixar as pensións. O que hai que facer é mellorar os ingresos, e iso pódese facer de tres formas: separando as fontes de financiamento, separando o destino do gasto e mellorando as cotizacións.

· Por que hai que separar as fontes de financiamento?

Porque agora coas cotizacións sociais se pagan moitas cousas que non son estritamente pensións contributivas. Todo o que non sexan pensións deste tipo debe pagarse cos impostos dos Presupostos Xerais do Estado.

· Por que hai que separar o destino do gasto?

Pola mesma razón. Hai que deslindar ben o que son pensións contributivas do que non o é. Mesmo dentro das pensións, separar a parte que non é contributiva (por exemplo, os complementos a mínimos ou as melloras en razón dos ingresos do/a pensionista)

· Como se poden mellorar os recursos?

Hai moitas medidas que poden lograr ese obxectivo. Por exemplo:

  1.   Aumentar a base máxima de cotización, incrementar as cotizacións das horas extras e dos contratos precarios, perseguir a fraude na contratación e combater a economía mergullada, produciría 2.700 millóns anuais.
  2. Igualar o salario de homes e mulleres. 3.000 millóns/ano por cada 5 puntos de redución das diferenzas.
  3. Crear emprego. 1.000 millóns por cada 100.000 novos postos de traballo.
  4. Elevar o salario mínimo. 500 millóns/ano por cada 100 euros/mes de suba.

· Como se poden reducir os gastos?

Por suposto, non recortando as pensións, senón facendo que os gastos non destinados a pensións sexan financiados polos Presupostos Xerais do Estado. Isto representaría uns 7.100 millóns/ano.

· Como se pode lograr todo isto?

Cambiando de política. As medidas de austeridade, como o recorte das pensións, estannos levando a unha crise máis longa (xa levamos 6 anos) e con maior sufrimento para os sectores populares. O paro non baixará do 25% polo menos ata 2020 se seguimos con esta política.

· Pero, existe diñeiro para pagar todo isto?

Si. Ninguén viu queimar o diñeiro nas rúas. Se alguén comprou, alguén vendeu. É falso que vivísemos por enriba das nosas posibilidades con pensións tan baixas, salarios tan curtos e tanto paro. O que hai que facer é combater a fraude fiscal e a economía mergullada. Todas as medidas que propón Esquerda Unida son posibles, realistas e realizables a curto e medio prazo.

· Para cambiar de política hai que cambiar de Goberno?

Si. Rajoy dixo que as pensións eran intocables. Enganounos nisto e noutras cousas. O Goberno do PP ten que dimitir e convocar eleccións xerais. Para que a cidadanía poida decidir.

GOBERNO DIMISIÓN.
OUTRA POLÍTICA PARA SAÍR DA CRISE E GARANTIR A TÚA PENSIÓN.