Debido ás reiteradas mostras de desprezo do concelleiro de emerxencia social, Manuel Troncoso, cara o Consello Sectorial Social (CSS), EU decidiu abandonar este órgano de participación. Esta decisión manterase ata que este espazo sirva ao obxectivo para o que se creou.
O Consello Sectorial Social xurdiu despois do traballo de impulso de diferentes asociacións ponteareás que centran o seu labor en organizar as persoas contra os problemas económicos e sociais que impactaron con forza na vila. O obxectivo da creación deste espazo foi por en común as perspectivas e ferramentas dos diferentes axentes que traballan polo combate da pobreza no noso municipio para resolver o maior número de situacións de emerxencia social, así como traballar por unha mellora no conxunto dos servizos sociais municipais.
Con todo, a implicación do goberno no Consello Sectorial Social demostra a maior das indiferenzas na resolución de situacións de emerxencia social a través do esforzo, coñecemento e decisión colectiva. Este Consello, por norma, debe manter reunións ordinarias cada dous meses. Pola contra, entre a xuntanza celebrada o pasado venres 22 e a anterior pasaron case 14 meses. No transcurso da reunión sucedéronse varios episodios que reflicten a incompetencia do titular da concellería: como a presentación dun documento sen o coñecemento das traballadoras de Servizos Sociais, a incapacidade para realizar nin unha soa das xestións aprobadas no anterior CSS, ou a argumentación por parte do concelleiro de que non convocaba máis reunións porque non vía de que se podía falar se as xuntanzas foran bimestrais, ademais de tentar responsabilizar aos movementos sociais de non convocar por eles mesmos estas reunións. Porén, o responsable político é el, a pesar de que pareza descoñecelo.
ESQUERDA UNIDA pode sacar varias conclusións desta xuntanza: a falta total de vontade política para incluír aos diferentes axentes sociais nas decisións políticas -neste caso en materia de asistencia social-, a prioridade que sobre temas de servizos sociais non corresponde coa situación de emerxencia que vivimos en Ponteareas para unha grande parte da veciñanza, un absoluto tratamento cosmético e electoralista das cuestións políticas ao convocar este Consello curiosamente a tres meses das eleccións municipais -cunha orde do día enfocada a exposición das escasas accións do goberno para a eliminación das condicións de vida precarias- sen a intención de confrontalas e traballalas co resto de axentes para mellorar a vida das persoas de Ponteareas e por último, o absoluto desprezo polas decisións tomadas polo Consello Sectorial en anteriores xuntanzas, xa que ningunha das cuestións aprobadas na anterior reunión foron executadas ou polo menos presentadas ao Pleno Municipal, como consta na normativa.
Por todo isto, EU non lexitimará un órgano utilizado polo goberno de forma contraria aos seus principios fundacionais, lamentando profundamente que o Consello Sectorial non estea a funcionar para o ben de todas as ponteareás. Por outra banda, EU mantén a análise do desacertado de que Manuel Troncoso continúe a desempeñar os labores de responsable de Emerxencia Socialdebido a súa falta de capacidade para as políticas públicas enfocadas na mellora das condicións de vida da veciñanza, así como a falta de vontade política do resto do Goberno por permitir este nivel de deixamento de funcións nun ámbito vital no conxunto de políticas dun executivo que se autodenomina progresista ou de esquerdas.