Arquivo da etiqueta: Servizos Públicos

ESQUERDA UNIDA DEFENDE A MELLORA DO SERVIZO DE PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS

MÁIS DE 500 HECTÁREAS DA NOSA COMARCA ARDERON XA NESTE ANO

EU-SON REXISTROU UNHA MOCIÓN ESIXINDO MÁIS MEDIOS CONTRA OS LUMES

Dende fai meses asistimos a unha vaga de lumes que arrasan novamente centos de hectáreas dos montes da nosa comarca, sen que mais aló do voluntarismo e a profesionalidade que lle poñen os brigadistas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), se estea facendo nada por atallalos.

No noso distrito forestal, o Condado-Paradanta ou como se lle coñece na Consellería de Medio Rural, Distrito XVII, vemos dende o ano 2008, o material deixa de repoñerse ou se se repón con menos frecuencia, prémese aos condutores e condutoras de autobombas (camións) porque as mangueiras se deterioran. Por outra banda, nalgunhas ocasións, acúdese aos incendios con equipos de comunicación avariados, vemos tamén como ano tras ano se contrata unha cuadrilla menos, como non se repoñen os postos do persoal fixo que se vai retirando do servizo, vemos como nos últimos anos o mando único deixa de ser unha prioridade, acudindo a contratación a dedo vía concellos ou empresas publicas (seaga, tragsa), vemos como cada ano se pechan casetas de vixilancia e coordinación entregando estas ao exército que non esta nin sequera coordinado co dispositivo por non poder este asumir o mando civil, e vimos como se entregaba a unha empresa privada a coordinación do dispositivo, (natutecnia).

Para mellorar as eivas que ten a loita contra incendios, EU considera imprescindible: que se cubran tódalas vacantes, para que as brigadas sexan verdadeiramente operativas; que se amplíe o tempo de traballo de todo o persoal fixo-descontinuo para levar a cabo tódolos traballos de prevención que son necesarios facer ao longo do ano; que se unifiquen nun único servizo público autonómico todas as tarefas de prevención, vixilancia, extinción, coordinación e investigación dos incendios forestais.

En resumo, mais prevención, mais brigadistas, mellor xestión forestal e mais e mellores medios materiais, así como unha profesionalizacion dos medios humanos, xa que son e deben ser profesionais do mais alto nivel e non “temporeiros do lume” sen posibilidade de profesionalizarse nin estabilizarse economicamente no sector. Son todas elas condicións necesarias para afrontar calquera vaga de lumes con garantías de eficacia, e non agardando só a que a climatoloxía sexa favorable.

Por todo isto, EU-Son, rexistrou unha moción para ser levada por vía de urxencia ao próximo Pleno Municipal de Ponteareas para esixir á Consellería de Medio Rural que poña os medios necesarios para evitar no posible os incendios forestais na nosa comarca e facerlle fronte no caso de que se produzan.

Advertisement

ESQUERDA UNIDA SOLIDARÍZASE COAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE FCC-PONTEAREAS

Concentración do persoal de FCC o derradeiro 29M
Concentración do persoal de FCC o derradeiro 29M

EU DENUNCIA OS ABUSIVOS SERVIZOS MÍNIMOS ESTABLECIDOS POLO ALCALDE GONZÁLEZ SOLLA E TRABALLARÁ POLA REMUNICIPALIZACIÓN DO SERVIZO

ESQUERDA UNIDA solidarízase coa loita do persoal de FCC-Ponteareas por mellorar as súas condicións laborais.

As penosas condicións de baixos salarios e insuficientes descansos vense empeoradas pola privatización do servizo acordada no seu día polos partidos da corporación ponteareá.

Dende ESQUERDA UNIDA, consideramos que a orixe do problema ven das condicións de traballo do equipo laboral antes da privatización e tamén da propia privatización, xa que o Concello non incluíu ningún tipo de cláusula social no contrato de cara a esixir unhas boas condicións laborais para as persoas empregadas da empresa contratista.

Correspóndelle ao alcalde e actual corporación facer a mediación necesaria para que as reivindicacións das traballadoras e traballadores de FCC sexan debidamente atendidas. Todo o contrario do feito por Solla, quen se puxo de parte da empresa, establecendo uns servizos mínimos abusivos.

O coordinador local Lino Costas, a partir da constitución da nova corporación, retomará con novos recursos o traballo político de lograr a remunicipalización deste servizo.