• Arquivo

  • Categorías

  • Secións

  • Panel de control

  • Estatísticas

    • 17.010 Visitas

SOBRE A RECOLLIDA DE ALIMENTOS DO CONCELLO DE PONTEAREAS

IMG_2243Estamos en datas previas á celebración da festividade relixiosa do Nadal. A última moda nos concellos é a de competir en alumeado coma se non houbera mañá. Todo xustificado pola suposta retribución económica que isto pode supoñer para os concellos. “Co estupendo alumeado que teremos este ano neste concello “x” atraeremos visitantes doutros concellos para que fagan gasto no noso.” Entendo que a costa de facer menos gasto nos seus respectivos, porque as luces non multiplican os cartos nin a produción de bens. Pero isto xa son cousas do protestón de quenda que está en contra da competividade. Xa se sabe que se levamos decenas de miles de anos evolucionando matándonos uns aos outros, non imos agora a botar abaixo esa tradición.

A maiores das luces esta é tamén unha época de poñerse en plan solidario e facer xestos caritativos cos “pobres” que, aínda que pasen penurias todo o ano, polo menos que teñan un cachiño de turrón para celebrar a festa da cristiandade.

A ese respecto o concello de Ponteareas tivo a brillante idea de poñer ao voluntariado a pedir alimentos nos supermercados para abastecer o Centro de Reparto de Alimentos. Isto estaría moi ben se estivéramos a falar dunha ONG sen outros recursos para axudar ás persoas con problemas económicos, que apelar á solidariedade dos seus conveciños e conveciñas. Pero dáse o caso de que esta recollida de alimentos non a fai ningunha ONG, senón unha administración pública, a máis achegada á veciñanza que se di, que conta cun orzamento anual de case 17 millóns de euros.

Evidentemente, se o concello adica ao voluntariado a pedir alimentos para as persoas desfavorecidas do seu entorno, está recoñecendo que o Centro de Reparto de Alimentos do Concello non está o suficientemente dotado, nin no Nadal nin o resto do ano, para abastecer ás persoas con poucos recursos. Unha cuestión orzamentaria. Ou sexa que hai cartos para festas, luces, corpus e publicidade e propaganda (60.000 euros se gastaron nisto ultimo no 2018), pero non hai para atender á veciñanza en situación precaria.

Ante esta carencia do Centro de Reparto de Alimentos, en lugar de aumentar a partida orzamentaria para que isto non suceda, aos gobernantes municipais do “agora ven o mellor”, non se lles ocorre outra cousa que poñer a pedir ao voluntariado. Fago unha proposta, para o ano que ven que doten de máis recursos económicos ao Centro de Reparto de Alimentos e que manden ao voluntariado a pedir para a festa do Corpus, por exemplo, se non lles chegan os recursos.

Pero claro, resulta que como manobra de propaganda queda moi resultón iso de organizar unha recollida de alimentos dende o Concello. Moito máis que aumentar a partida orzamentaria para dotar adecuadamente o Centro de Reparto de Alimentos. Un exercicio de cinismo impecable. A verdade é que da clase traballadora aproveitase todo. Ata a miseria.

Lino Costas

ESQUERDA UNIDA SUSPENDE A SÚA PARTICIPACIÓN NO CONSELLO SECTORIAL SOCIAL

Debido ás reiteradas mostras de desprezo do concelleiro de emerxencia social, Manuel Troncoso, cara o Consello Sectorial Social (CSS), EU decidiu abandonar este órgano de participación. Esta decisión manterase ata que este espazo sirva ao obxectivo para o que se creou.

O Consello Sectorial Social xurdiu despois do traballo de impulso de diferentes asociacións ponteareás que centran o seu labor en organizar as persoas contra os problemas económicos e sociais que impactaron con forza na vila. O obxectivo da creación deste espazo foi por en común as perspectivas e ferramentas dos diferentes axentes que traballan polo combate da pobreza no noso municipio para resolver o maior número de situacións de emerxencia social, así como traballar por unha mellora no conxunto dos servizos sociais municipais.

Con todo, a implicación do goberno no Consello Sectorial Social demostra a maior das indiferenzas na resolución de situacións de emerxencia social a través do esforzo, coñecemento e decisión colectiva. Este Consello, por norma, debe manter reunións ordinarias cada dous meses. Pola contra, entre a xuntanza celebrada o pasado venres 22 e a anterior pasaron case 14 meses. No transcurso da reunión sucedéronse varios episodios que reflicten a incompetencia do titular da concellería: como a presentación dun documento sen o coñecemento das traballadoras de Servizos Sociais, a incapacidade para realizar nin unha soa das xestións aprobadas no anterior CSS, ou a argumentación por parte do concelleiro de que non convocaba máis reunións porque non vía de que se podía falar se as xuntanzas foran bimestrais, ademais de tentar responsabilizar aos movementos sociais de non convocar por eles mesmos estas reunións. Porén, o responsable político é el, a pesar de que pareza descoñecelo.

ESQUERDA UNIDA pode sacar varias conclusións desta xuntanza: a falta total de vontade política para incluír aos diferentes axentes sociais nas decisións políticas -neste caso en materia de asistencia social-, a prioridade que sobre temas de servizos sociais non corresponde coa situación de emerxencia que vivimos en Ponteareas para unha grande parte da veciñanza, un absoluto tratamento cosmético e electoralista das cuestións políticas ao convocar este Consello curiosamente a tres meses das eleccións municipais -cunha orde do día enfocada a exposición das escasas accións do goberno para a eliminación das condicións de vida precarias- sen a intención de confrontalas e traballalas co resto de axentes para mellorar a vida das persoas de Ponteareas e por último, o absoluto desprezo polas decisións tomadas polo Consello Sectorial en anteriores xuntanzas, xa que ningunha das cuestións aprobadas na anterior reunión foron executadas ou polo menos presentadas ao Pleno Municipal, como consta na normativa.

Por todo isto, EU non lexitimará un órgano utilizado polo goberno de forma contraria aos seus principios fundacionais, lamentando profundamente que o Consello Sectorial non estea a funcionar para o ben de todas as ponteareás. Por outra banda, EU mantén a análise do desacertado de que Manuel Troncoso continúe a desempeñar os labores de responsable de Emerxencia Socialdebido a súa falta de capacidade para as políticas públicas enfocadas na mellora das condicións de vida da veciñanza, así como a falta de vontade política do resto do Goberno por permitir este nivel de deixamento de funcións nun ámbito vital no conxunto de políticas dun executivo que se autodenomina progresista ou de esquerdas.

ESQUERDA UNIDA CONDICIONA O SEU VOTO A FAVOR DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA de Ponteareas considera positiva a decisión da Xunta de Goberno sobre aprazar os Orzamentos de 2018 a un vindeiro pleno para modificar o documento na liña que solicitou EU e para avanzar na negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do Acordo de Funcionarios.

EU instou á Xunta de Goberno a que os orzamentos contemplaran a amortización de prazas de taxi e que contaran cunha partida suficiente para por en marcha unha cociña municipal. Ademais, esixe que antes da aprobación dos presupostos se acorde a RPT.

Na última proposta de presupostos xa se incluíu o compromiso para a amortización de prazas de taxi por valor de 36.308€, tal e como solicitou esta organización e como demanda o colectivo de taxistas. Ademais disto, na xuntanza mantida este luns, a Xunta de Goberno comprometeuse a incluír no orzamento unha partida específica para un estudo de viabilidade da futura cociña municipal, feito que aínda que non chega ao solicitado por EU, esta organización está disposta a aceptar se se inclúe claramente nos orzamentos.

Para ESQUERDA UNIDA é urxente a creación dunha cociña municipal, tal e como existe noutros concellos, que atenda as necesidades dos comedores escolares e das familias en exclusión social. Esta medida aportaría beneficios para Ponteareas: a eliminación do lucro privado das empresas de cátering, a mellora das condicións laborais e dos produtos distribuídos e a potenciación da produción agraria local. Esta medida é fundamental para camiñar cara á municipalización deste servizo. Trátase dunha proposta de gran carga política que aínda que custou que fora incluída nos orzamentos como solicitaba EU, finalmente será incluída.

Por outra banda, aínda que nos orzamentos se contempla a reserva de crédito para a negociación da RPT do concello, ESQUERDA UNIDA considera que se debería avanzar máis nas negociacións antes de chegar á aprobación orzamentaria. EU considera que se pode constatar a falta de vontade política por parte da Xunta de Goberno para avanzar nesta cuestión cando o feito é que convocaron a reunión da mesa de funcionarios para tratar estas cuestións este mesmo luns, un día antes do pleno ordinario ao que pretendían levar os orzamentos de 2018 e por primeira vez dende febreiro de 2016. E todo isto ante a insistencia de ESQUERDA UNIDA para rematar coa negociación da RPT e o Acordo de Funcionarios antes da aprobación dos Orzamentos. Finalmente, a Xunta de Goberno comprometeuse a convocar unha nova reunión da Mesa de Funcionarios e da Mesa Xeral antes de voltar a levar os orzamentos a pleno, momento no que EU poderá valorar o estado das negociacións para decidir o sentido do seu voto.

Polo tanto, ESQUERDA UNIDA ten vontade para aprobar os novos orzamentos para 2018, que considera positivos nalgúns aspectos, polo que será unha vez solucionadas estas cuestións, manifestadas na xuntanza mantida entre todos os grupos este luns, cando EU poderá apoiar os orzamentos, como se decidiu na Asemblea Municipal aberta da organización.

EU SOLICITA AO PLENO A RETIRADA DA COMPETENCIA DE SERVIZOS SOCIAIS AO CONCELLEIRO RESPONSABLE

A XUNTA DE GOBERNO EVITA O DEBATE E VOTACIÓN DA MOCIÓN

ESQUERDA UNIDA levou unha moción de urxencia ao Pleno Municipal celebrado onte, 15 de maio, para darlle fin ás irregularidades do Centro de Reparto de Alimentos (CRA), xestionado pola concellería de Servizos Sociais.

A agrupación de Ponteareas tivo coñecemento de que dende os Servizos Sociais do Concello se está facendo asinar ás persoas usuarias do CRA un documento onde se comprometen a “non utilizar os servizos de calquera outra entidade pública ou privada” polo mesmo servizo. Tendo en conta que a achega de alimentos ás persoas sen recursos por parte do CRA é claramente insuficiente para acadar unha alimentación adecuada, resulta especialmente grave que se tente privar a estas persoas da posibilidade de complementar os produtos que reciben dende o Centro de Reparto de Alimentos cos que poidan adquirir por outras vías.

É certo que o CRA de Ponteareas é un Organismo Asociado de Reparto (OAR) autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dentro do Programa de Axuda Alimentaria do Fondo de Axuda Europea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD), e que como tal, recibe alimentos do mesmo e ten que adecuarse ás esixencias establecidas por este organismo. É coñecido que o FEGA establece o impedimento ás persoas destinatarias finais dos alimentos de acudir a máis dunha OAR a recibir os mesmos. Pero o certo é que no documento que se está a facer asinar ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas non se establece a limitación de utilizar unha soa OAR, se non que se pretende impedir que estas persoas poidan utilizar o servizo de calquera outra organización, estean consideradas ou non unha OAR e reciban ou non os alimentos a través das canles establecidas polo FEGA.

Non existe, polo tanto, ningún impedimento legal ou de outro tipo para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas poidan recibir alimentos de parte de outro tipo de organizacións que non estean integradas no FEAD. Deste xeito EU entende que estamos ante un intento de coacción totalmente inxustificada ás persoas sen recursos do noso Concello. Unha coacción sen ningunha base legal coa que se ameaza ás persoas usuarias do CRA coa posibilidade de ser apartados da utilización do mesmo se recorren ao mesmo tempo a outra organización.

Hai que engadir por outra banda, que no Consello Sectorial Social celebrado o 8 de xullo de 2016, o Concelleiro de Servizos Sociais, o Sr. Troncoso, comprometeuse a ordenar a retirada dun cartel colocado no CRA que establecía do mesmo xeito, o impedimento ás persoas usuarias de utilizar ao mesmo tempo o CRA e calquera outra organización. Este compromiso por parte do Concelleiro de Servizos sociais produciuse ante a reclamación de varias persoas membros do Consello Sectorial Social e despois de recoñecer que non existía ningún impedimento legal para que as persoas usuarias do CRA de Ponteareas puideran ao mesmo tempo ser beneficiarias de outras organizacións que non constituíran unha OAR.

Ante a gravidade destes feitos, que constitúen unha coacción e humillación ás persoas máis desfavorecidas do noso Concello precisamente por parte do organismo que debería preocuparse da súa seguridade e benestar, ESQUERDA UNIDA presentou unha moción de urxencia para instar ao Concelleiro de Servizos sociais a informar debidamente ás persoas usuarias do CRA de Ponteareas con respecto á nulidade do documento feito asinar ás mesmas, e para reprobar e retirar a delegación da competencia de Servizos Sociais ao concelleiro Manuel Troncoso por actuar ou permitir que se actúe de xeito totalmente improcedente con respecto a estas persoas.

Ao ser de urxencia, a moción non pode ser debatida nin votada se non se aproba primeiro a súa urxencia polo pleno. E para a súa aprobación fai falta a maioría absoluta. Onte, nin o concelleiro de Servizos Sociais, nin o resto da Xunta de Goberno estiveron a favor do seu debate no Pleno Municipal.

ESQUERDA UNIDA SOLICITARÁ UNHA AUDITORÍA A CLECE

A AGRUPACIÓN DE PONTEAREAS CRE QUE A EMPRESA ADXUDICATARIA DE SERVIZO NO FOGAR INCUMPLE O CONVENIO COLECTIVO VIXENTE

O concelleiro de EU-son, Lino Costas, solicitará no vindeiro Pleno Municipal, que a Xunta de Goberno audite a xestión da empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar para a atención da dependencia (CLECE), tanto no que respecta á prestación do servizo coma, en particular, no relativo ao cumprimento da normativa laboral.

ESQUERDA UNIDA considera que as obrigas da empresa co seu persoal, no relativo a diferentes artigos do Covenio Colectivo Vixente, poderían non estar a se respectar. Ante os indicios de que o contrato podería estarse executando fora do estrito cumprimento da normativa laboral e de seguridade e saúde no traballo, EU considera inescusable a obriga do concello de fiscalizar o servizo no que respecta ao cumprimento de dita normativa.

Neste senso, existe unha cláusula nos Pregos de Cláusulas Administrativas Particulares e de Prescricións Técnicas que rexen o contrato entre a empresa adxudicataria e o Concello que contempla entre as potestades do Concello fiscalizar a xestión do contratista a cuxo efecto poderá inspeccionar o servizo e a documentación relacionada co mesmo e ditar as ordes para manter ou restablecer a debida prestación” e “interpoñer ao contratista as correccións pertinentes por razóns das infraccións que cometera de acordo co previsto no Prego e das disposicións xerais e regulamentarias que sexan de aplicación”.

Queda clara, polo tanto, a potestade e obriga do Concello de fiscalizar a xestión da empresa tamén no que respecta ás súas relacións co persoal da mesma.

ESQUERDA UNIDA ESIXE O CUMPRIMENTO DO ACORDO SOBRE VIVENDAS DE EMERXENCIA

O TRIPARTITO ESCÚDASE NOS SEUS ERROS PARA DESPREOCUPARSE DOS SERVIZOS SOCIAIS

Lino Costas, concelleiro de EU-son, rexistrou no concello de Ponteareas unha solicitude de corrección de erros na Ordenanza de Vivendas de Emerxencia.

O feito é que a ordenanza publicada polo concello no Boletín Oficial da Provincia e na que se contempla un límite temporal de seis meses para a ocupación das vivendas de emerxencia, prorrogables outros seis meses, non se corresponde co aprobado no Pleno de xullo de 2016.

No citado pleno, EU-son presentou, entre outras, unha emenda á proposta de regulamento na liña do defendido pola maioría do Consello Sectorial Social. Esta emenda, que foi aprobada pola totalidade do Pleno Municipal, consistía precisamente na eliminación do tope de seis meses para a prórroga sempre e cando houbera un informe favorable dos servizos sociais. Deste xeito evitaríase que o dereito de ocupación dunha vivenda de emerxencia cesara ao transcorrer un ano cando as condicións que o motivaron se mantiveran.

Pola contra, a ordenanza publicada polo Concello no BOP non recolle o indicado nesta emenda que foi aprobada por unanimidade. ESQUERDA UNIDA entende que se poden cometer erros ao enviar a documentación, pero o que non é aceptable é que se persista neles e considera moi grave que a Xunta de Goberno se escude precisamente neses erros para rescindir o dereito de ocupación dunha vivenda de emerxencia como xa ocurríu recentemente.

EU manifesta a súa sorpresa polo descoñecemento por parte da Xunta de Goberno e, en concreto, por parte do concelleiro de Servizos Sociais, dun asunto que eles mesmos votaron a favor no Pleno de xullo de 2016. ESQUERDA UNIDA considera evidente que este descoñecemento é unha mostra máis da neglixencia e despreocupación por parte do concelleiro de Servizos Sociais con respecto a unha materia que é da súa competencia.

ESQUERDA UNIDA RECOLLE AS REIVINDICACIÓNS DOS COLECTIVOS SOCIAIS

LEVAN MÁIS DUN ANO AGARDANDO UNHA SOLUCIÓN

OS COLECTIVOS DISCRIMINADOS SON DOS MÁIS ACTIVOS DO CONCELLO

EU-son de Ponteareas rexistrou no Concello unha proposta de acordo ante o Pleno Municipal, recollendo o escrito rexistrado polos colectivos sociais de Ponteareas: ADENCO, Festival das Brétemas, Círculo Feminista, Ponte Solidario e a PAH. Nesta proposta solicítase á Xunta de Goberno local, que solucione o problema da falta de espazos para uso dos colectivos sociais do Concello.

Así, na proposta rexistrada, exponse o trato discriminatorio da Xunta de Goberno, que pon locais municipais a disposición dalgúns colectivos escollidos, mentres outros con sobrada e coñecida actividade no concello, quedan fora.

O único ofrecemento aos colectivos por parte da Xunta de Goberno consistiu na cesión temporal dun local na estación de autobuses pero sen ningún tipo de garantía temporal de ocupación, de xeito que os colectivos terían que desaloxalo en calquera momento a requirimento do concello ou da Xunta de Galicia. Este ofrecemento ademáis, en forma de contrato, referíase a un local distinto e máis pequeno que o falado en xuntanzas previas, e segundo denuncian os colectivos, con equivocacións, erros ortográficos e erratas que poñen de manifesto a falta de preocupación ao respecto da Xunta de Goberno.

ESQUERDA UNIDA denuncia que a día de hoxe, a única acción concreta por parte da Xunta de Goberno con respecto ao uso de espazos a disposición de colectivos locais do Concello, foi para agravar o problema. Así, en setembro de 2015 propuxeron ao Pleno Municipal esixir á Xunta de Galicia que asumira a xestión da estación de autobuses e o acordo de que o Concello non asumira ningún gasto con respecto á mesma a partir de 2016, proposta que foi aceptada por todos os grupos da Corporación Municipal agás EU-son. Con este acordo, o goberno municipal desentendeuse da estación de autobuses, renunciando así á posibilidade de xestionar os seus locais, feito polo cal non poden dar ningunha garantía de ocupación sobre os mesmos.

Por estes motivos, ESQUERDA UNIDA considera moi oportuna a proposta rexistrada por estes colectivos, polo que procedeu a recollela para que sexa debatida no vindeiro Pleno Municipal. A Xunta de Goberno de Ponteareas ten a obriga de solucionar o problema que eles mesmos contribuíron a crear.

ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA SOLUCIÓN Á CARENCIA DE LOCAIS PARA OS COLECTIVOS SOCIAIS

A SITUACIÓN VESE AGRAVADA POLA DECISIÓN DO PLENO, CO VOTO EN CONTRA DE EU-SON, DE RENUNCIAR Á XESTIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES

Dende hai varios anos, diferentes colectivos sociais de Ponteareas reclaman ao Concello a cesión de locais onde realizar as súas actividades sen que ata o de agora se dera ningunha solución.

A situación é máis grave, se cabe, no caso da Asociación Ponte Solidario, que despois de anos de suplir as carencias dos Servizos Sociais Municipais, dando cobertura a máis de 160 núcleos familiares de Ponteareas, pode verse abocada a cesar a súa actividade ao requirírselle por parte do propietario o abandono do local que ocupan actualmente e non atopar ningunha solución firme por parte do Concello. A única proposta a este respecto, foi a cesión temporal dun local na Estación de Autobuses de Ponteareas, pero sen ningunha garantía de tempo de ocupación e únicamente para lugar de reunións e arquivo de documentación, de xeito que terían que abandonala en calquera momento a requirimento do Concello ou da Xunta. Ademáis, terían que facerse cargo tanto do mantemento do local coma dos gastos de auga e luz.

ESQUERDA UNIDA lembra que esta situación non se daría se o Pleno do Concello non aprobara en outubro de 2015, coa oposición frontal de EU-son, a transferencia á Xunta de Galicia da Estación de Autobuses, renunciando así dun xeito irresponsable á posibilidade de xestionar os locais adscritos a ela. Deste xeito, agora o Concello non pode garantir ningunha permanencia nos locais ao estar pendente de que a Xunta faga efectiva a transferencia.

Para ESQUERDA UNIDA a única solución, dadas as circunstancias, pasaría por que o Concello mediara coa Xunta de Galicia de xeito que esta lle ofrecera ao colectivo unha garantía de ocupación temporal á asociación.

O que non pode permitir de ningún xeito o Concello, é que esta asociación teña que cesar a súa actividade por falta de apoio xa que moitas familias, veciñas e veciños deste Concello, dependen agora mesmo dela ao ser os servizos sociais do Concello claramente insuficientes.

Por outra banda, o anuncio por parte do Concello de negociacións coa Seguridade Social para a cesión do edificio que ten na Praza Maior, non é unha solución xa que isto pode demorarse, segundo aseguran dende a Xunta de Goberno, un ano coma mínimo. Tempo do que non dispón a asociación.

ESQUERDA UNIDA agarda que toda esta situación non sexa unha manobra política da Xunta de Goberno para anular a estes Colectivos Sociais, precisamente porque son os que poñen en evidencia a incapacidade do Concello para acadar unha política social e medioambiental que protexa a toda a veciñanza.

ESQUERDA UNIDA APOSTA POLA SUBIDA DO IBI ÁS VIVENDAS BALEIRAS

vivenda

A REFORMA INCLÚE UNHA REDUCIÓN PARA OS COLECTIVOS VULNERABLES E ESTÁ VINCULADA Á CREACIÓN DUNHA BOLSA DE VIVENDA

ESQUERDA UNIDA REXISTROU NO CONCELLO DE PONTEAREAS UNHA MOCIÓN NESTA LIÑA

No Concello de Ponteareas existen, segundo datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) de 2011, máis de 2.200 vivendas desocupadas. De acordo co disposto na Lei de Facendas Locais, e sempre que se trate de inmobles de uso residencial que se atopen desocupados con carácter permanente, pódeselles esixir unha recarga de ata o 50% da cota líquida do imposto.

Neste ámbito o noso Concello pode obter recursos financeiros para destinalos a financiar políticas sociais, ao obxecto de paliar a grave situación económica pola que pasan moitas persoas. Preténdese pois que se destine a servizos sociais o recadado pola imposición dunha recarga do 50% sobre vivendas desocupadas, que non cumpran coa súa función social elemental de vivenda.

Do mesmo xeito, crearíase un regulamento de axudas ao pagamento do imposto sobre bens inmobles a determinados colectivos sociais -persoas en situación de desemprego, maiores, mocidade, con minusvalía, dependentes, vítimas de violencia machista, en risco de exclusión social, etc-, do concello de Ponteareas, cuxa contía suporía o 25% da cota líquida do IBI.

A existencia de vivendas baleiras é unha dilapidación social e territorial insostible. Con esta iniciativa conseguiríanse varios obxectivos, entre eles dar saída a estas vivendas desocupadas e facilitar o acceso a unha vivenda digna a persoas e familias en dificultades económicas. Igual que acontece en moitos municipios grandes e pequenos, deberíase incentivar dende o Concello, a que os propietarios de vivendas baleiras as destinen a aluguer social.

Esquerda Unida rexistrou o pasado 22 de outubro dúas mocións nos seguintes termos: incrementar o 50% a cota líquida do IBI das vivendas desocupadas e crear unha Bolsa Municipal de Aluguer. Ambas as dúas para dar resposta ás necesidades sociais existentes na actualidade.

A %d blogueros les gusta esto: