
O CONTRATO DE FCC CO CONCELLO DE PONTEAREAS REMATA EN DECEMBRO DE 2022, PRORROGABLE UNICAMENTE POR UN ANO MÁIS
Días atrás o Concello publicaba a través da prensa e da páxina web municipal que a mediación da alcaldía fora clave no desbloqueo da negociación do Convenio Colectivo do persoal de FCC no Concello de Ponteareas. Non soamente iso, se non que na publicación do Concello sinálase ao mesmo coma unha das partes asinantes do Convenio. Un auténtico despropósito en si mesmo, xa que entre o persoal de FCC e o Concello non existe “vínculo ningún de dependencia funcionarial nin laboral”. A situación sería distinta se o goberno de Ponteareas, BNG e PSOE, remunicipalizara o servizo tal e coma cabería agardar de calquera organización que se reivindique de esquerdas, algo que está claro que non está no seu horizonte. Nese caso non estaríamos ante este problema porque as condicións laborais dos traballadores e traballadoras do servizo serían negociadas directamente polo concello.
Para o Coordinador de EU en Ponteareas “É evidente que a este goberno municipal de PSOE e BNG non lle interesa o máis mínimo remunicipalizar o servizo e asumir eles directamente as negociacións das condicións laborais. De feito cando se trata de traballadores e traballadoras do propio Concello mostran unha absoluta falta de interese en mellorar as súas condicións laborais tal e como se leva visto dende que están no goberno. Sáelles máis a conta facer a farsa de que apoian aos traballadores e traballadoras cando en realidade non queren saber nada deles.”
Esquerda Unida considera que estamos ante un caso máis da renuncia do goberno municipal a realizar calquera tipo de política máis alá do que faría o propio PP. Nos case oito anos que levan no goberno de Ponteareas non reverteron nin unha soa das privatizacións do PP. Non soamente iso, se non que xustifican as privatizacións dicindo que a xestión privatizada é máis eficiente que a xestión directa. Exactamente o mesmo que di o PP e toda unha declaración de incompetencia. Deste xeito xustifican continuar poñendo os recursos municipais e polo tanto os cartos da veciñanza ao servizo do lucro das grandes multinacionais.
Esquerda Unida defende e sempre defenderá a xestión directa dos servizos públicos por estar demostrado que é a mellor opción para a veciñanza. Ao mesmo tempo, a organización é consciente de que reverter a externalización dos servizos coa actual lexislación é máis complexo que simplemente contratar a redacción de novas licitacións e mantelos privatizados. Pero Esquerda Unida entende tamén que para facer o fácil e non cambiar nada, tampouco facía falta que se presentaran ás eleccións.