Arquivo da etiqueta: Transparencia

ESQUERDA UNIDA REITERA A SÚA ESIXENCIA NA TRANSPARENCIA DAS CONTAS MUNICIPAIS

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS LEVA ANOS ESIXINDO A TRANSPARENCIA NAS CONTAS MUNICIPAIS.

 No mes de xullo deste ano, Esquerda Unida rexistrou no Concello unha proposta de moción reclamando a transparencia e información pública sobre o estado das contas municipais: foi ignorada por tódos os partidos da corporación municipal.

O Concello de Ponteareas arrastra dende sempre unha enorme opacidade en canto a todo o referido ás contas municipais. De feito, ten o honor de ser o concello máis opaco de Galicia. En troques de utilizar a páxina web do concello para facer propaganda institucional, debería utilizala, como se fai noutros concellos, para achegar aos veciños e veciñas as contas municipais.

 Dende Esquerda Unida manifestamos que o Goberno Municipal ten a obriga de informar diáfana e pormenorizadamente á veciñanza sobre as contas municipais: canto se ingresa e de onde procede, canto se gasta e a onde se destina, canto se debe e a quen se debe.

O Goberno Municipal non pode manter durante máis tempo aos veciños e veciñas, e ao propio Estado, alleos á realidade das contas municipais. A cidadanía de Ponteareas ten o dereito a valorar por si mesma, sen tutelas, a actuación dos sucesivos gobernos municipais con respecto á economía do concello.

Actuación que, por certo, levounos de forma irremediable á desastrosa situación económica da que parece non haber responsables. Seremos os veciños e veciñas de Ponteareas os que teremos que pagar os pratos rotos pola, como mínimo, neglixencia dos gobernantes municipais.

Advertisement

MOCIÓN POLA TRANSPARENCIA DAS CONTAS MUNICIPAIS

Ao amparo do establecido polas leis vixentes, a Agrupación Local de Esquerda Unida en Ponteareas presenta a seguinte moción.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 Os veciños de Ponteareas estamos tendo nos últimos días información sobre a desastrosa situación económica do Concello de Ponteareas.

 A débeda municipal, que ao parecer ascende a 18 millóns de euros, e que é sen dúbida o resultado dunha desastrosa xestión por parte dos sucesivos gobernos municipais, levou ao pleno municipal a aprobar un plan de axuste que incluía o aumento de taxas e impostos e a cesión de servizos municipais.

Isto chega a tal punto que mesmo se está falando da posibilidade dunha intervención do Concello por parte do Ministerio de Facenda, ademais de que perderá a partir de setembro 150.000 euros mensuais procedentes da Participación de Ingresos do Estado.

Todas estas informacións están chegando aos veciños a través de diversos medios de comunicación que poden ser máis ou menos fiables. En ningún caso a información sobre o estado de contas do Concello está chegando pola comunicación directa a través dos medios propios que dispón o Concello para elo.

A falta de transparencia e información por parte das administracións públicas e causa de corrupción e debilita en gran medida a democracia.

Os veciños de Ponteareas teñen dereito de coñecer a situación económica do Concello a través dos seus gobernantes locais ademais de outros medios de comunicación.

Por todo iso, elévanse ao pleno os seguintes:

ACORDOS

  1. Instar ao Goberno Municipal a expoñer no taboleiro de anuncios municipal os orzamentos municipais.
  2. Instar ao Goberno Municipal a publicar na páxina web do concello os orzamentos municipais, o estado de ingresos e gastos, a situación da débeda municipal, os gastos de persoal e demais cuestións relativas á situación económica do concello.

ESQUERDA UNIDA DE PONTEAREAS DENUNCIA A FALTA DE TRANSPARENCIA DO GOBERNO MUNICIPAL

Esquerda Unida de Ponteareas rexistrou este venres, 1 de xuño, unha solicitude reclamando que o anuncio da aprobación inicial do Regulamento do Consello Escolar Municipal sexa exposta publicamente no taboleiro municipal.

A corporación municipal de Ponteareas aprobou  o pasado 17 de abril a reforma do Regulamento do Consello Escolar Municipal, feito que foi publicado no B.O.P. con data de 10 de maio.

Asemade, tamén se aprobou sometelo a exposición pública durante trinta días mediante anuncio que se publicaría no B.O.P. e no taboleiro municipal, cousa que soamente foi cumprida en parte, xa que si ben é certo que apareceu publicado no B.O.P., non foi, a día de hoxe, exposto no taboleiro municipal.

Este feito, ademais de contradicir os propios acordos da Corporación Municipal, vai en detrimento da necesaria transparencia e información que se espera dun goberno que se di democrático.

O Consello Escolar Municipal, é o máximo órgano consultivo do Concello en materia de educación, polo que é do interese de tódolos veciños e veciñas a norma que regula o seu funcionamento. Ao incumprir o acordo da corporación municipal de expoñer no taboleiro de anuncios do Concello o anuncio da aprobación do novo regulamento, o Goberno Municipal está dificultando aos veciños e veciñas de Ponteareas o seu lexítimo dereito á información e a facer alegacións a este regulamento.

É por isto, que dende Esquerda Unida de Ponteareas rexistramos no Concello unha solicitude dirixida  ao Alcalde para que se cumpra a legalidade e se expoña no taboleiro do concello o anuncio da aprobación do regulamento. Así mesmo, tamén esiximos nesta solicitude que o prazo de alegacións se amplíe e os trinta días para facer alegacións comecen a contar dende a súa publicación no taboleiro municipal.