Arquivo da etiqueta: Transporte

ESQUERDA UNIDA INSTA Á XUNTA DE GOBERNO A AVANZAR NA AMORTIZACIÓN DAS PRAZAS DE TAXI

EN CATRO ANOS, NON SE FIXO PROPOSTA ALGUNHA QUE PERMITA APLICAR A PARTIDA ADICADA

peter-kasprzyk-111462-unsplash

ESQUERDA UNIDA manifesta que os 50.000 euros aprobados no pasado pleno municipal de Ponteareas adicados á amortización de prazas de taxi serán totalmente inútiles se non se avanza no xeito de empregalos.

EU apoiou no pasado pleno as modificacións orzamentarias propostas polo goberno municipal. Entre ellas, a creación dunha partida adicada á amortización de prazas de taxi no Concello, tendo en conta que a día de hoxe existen 13 prazas de mais, feito que produce que o colectivo de taxistas do concello teña uns baixos ingresos polo seu traballo.

Ainda así, ESQUERDA UNIDA entende que a creación dunha partida para este fin non supón que se inicie o proceso de amortización de prazas, xa que ata agora o goberno municipal non avanzou en absoluto na busca da fórmula de aplicación destes 50.000 euros para amortizar prazas. Polo tanto, actualmente esta partida non se pode aplicar.

Esta cuestión foi manifestada por Lino Costas, concelleiro de EU no pleno municipal, instando así mesmo ao alcalde e á xunta de goberno a avanzar nesta cuestión. ESQUERDA UNIDA considera que non é xustificación o feito de carecer de informes, tal e como manifestaba no pleno a concelleira de seguridade, xa que o feito é que a día de hoxe non teñen ningunha proposta ao respecto que se poida valorar. EU entende que a única vía para proceder á amortización de prazas de taxi pasa pola elaboración dunhas bases de subvencións para tal fin, previa valoración das mesmas, algo que xa manifestou en diversas ocasións ao goberno municipal.

ESQUERDA UNIDA lembra que a amortización de prazas de taxi foi un compromiso ao que chegaron no ano 2015 todos os partidos que estaban naquel momento na corporación municipal, PP, BNG, PSdG e ACiP.

Para EU, o feito de que nestes catro anos non se avanzara absolutamente nada nesta cuestión responde á absoluta falta de interese por parte do goberno municipal.

Así mesmo, ESQUERDA UNIDA manifesta que por moito que non fora o actual goberno quen creou o problema das prazas de taxi concedidas indiscriminadamente por gobernos anteriores, o feito é que éste é un problema creado pola administración municipal e polo tanto, un debe resolvelo o Concello.

Advertisement

O PORQUÉ DA OPOSICIÓN DE ESQUERDA UNIDA Á CIRCUNVALACIÓN DEFENDIDA POLO RESTO DA CORPORACIÓN

O SEU TRAZADO PARTE DESDE O ACCESO Á A52 EN MOREIRA ATA A N120 A ALTURA DO IES DO BARRAL

circunvalación DELES EVA 2

Opoñémonos á mesma por tres razóns principais :

  1. É unha infraestrutura que non liquida os problemas actuais de tráfico.

    A circunvalación non desviará de maneira significante o tráfico da N120. Desde Cans ao Barral, pola N120 hai 9’5 km, contra os 12’2 km pola autovía, contando coa circunvalación. Quitando nas horas puntas nas que o tráfico se dividiría entre os dous accesos, continuarase accedendo maioritariamente pola nacional.

    Polo tanto, para liquidar os terribles problemas de seguridade viaria na N120, a circunvalación non supón ningunha solución. Para mellorar a seguridade nesta vía é preciso dotala de pasos de peóns e beirarrúas, ademais de baixar o límite de velocidade.

    Se con esta redución de velocidade -que só aumenta en un minuto a duración do traxecto- se conseguira que o tráfico que atravesa Ponteareas cara as parroquias do Este e cara a Mondariz pasase pola circunvalación, esta redución non sería significativa. Para darse conta só hai que comparar a intensidade do trafico na N120 a ambos lados do núcleo.

    Por outra banda, quen acceda desde Moreira, continuará utilizando a estrada de Angoares para chegar directamente ao centro. E o que é peor, o tráfico pesado cara as zonas industriais continuará pasando pola rúa Castelao. Se se obrígase a utilizar a circunvalación a este tipo de tráfico estaríamos trasladando o problema a N120 ao seu paso polo núcleo.

  2. Supón unha agresión medio ambiental dun alto impacto sobre o río Uma.

    Xa vimos que os usos da circunvalación proposta son escasos. Pero o que o proxecto proposto conta cunha certeza: o medio natural do municipio será afectado.

    Terá un impacto definitivo sobre o Río Uma e a súa Ribeira. Oitocentos metros da circunvalación ocupan a contorna do río Uma, que o atravesa en dous puntos, un espazo catalogado como de interese comunitario da Rede Natura 2000. A circunvalación destruirá un rico ecosistema da contorna de Ponteareas. Ademais, transcorre a escasos metros da ponte medieval do Cabalón en Angoares.

  3. Trátase dun malgasto económico.

    Trátase dunha infraestrutura extremadamente cara se valoramos o seu potencial uso e o impacto no medio ambiente que pode xerar. Sen contar cos sobrecustos que afectan a este tipo de infraestruturas, xa están a solicitar 21 millóns de euros.

    A crise no estado español tivo uns precedentes de malgasto de cartos da banca privada en promoción inmobiliaria, que foi acompañado dun desembolso público en infraestruturas inútiles. Debemos aprender da experiencia dos anos previos á crise e non caer nos mesmos erros. O estado regalou 60.000 millóns de euros aos bancos, e regala obras ás empresas construtoras, mentres recorta en sanidade, educación ou transporte público.

A alternativa de Esquerda Unida é máis efectiva á hora de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria no casco urbano e nas parroquias de Xinzo, Areas, Arnoso e Angoares.

circunvalación NOSA EVA 2

Respecto á N120, para mellorar a súa seguridade e as condicións de vida da veciñanza, hai que darlle un tratamento de travesía urbana. Dotando a ambos lados da estrada de beirarrúas amplas, con arborado, bancos e boa iluminación; ademais de pasos de peón cada 300m como máximo, rotondas nos cruzamentos principais para reducir o risco de choque entre vehículos, ademais de forzar a necesaria redución da velocidade. Cabe destacar que limitando todo o tramo Areas-Arnoso-Xinzo a 50 km/h só se aumenta 1 minuto o tempo para recorrelo. Ademais, un carril bici fomentará o uso da bicicleta para todo tipo de desprazamentos, xa que o terreo é propicio.

Por outra banda, propomos solucionar o acceso desde Moreira desdobrando a PO403 ao seu paso por Angoares. Esta opción permite:

  • Eliminar o tráfico na estrada principal de Angoares, o que permitirá deseñar este tramo para o seu uso comunitario.

  • Unir a A52 coa N120 (o novo enlace coa autovía chegará ata o CEIP Bouza Brey, onde se conectará coa PO403, e desde aí unha nova vía pasará pola rotonda das Pombas, cruzará a estrada de Guillade detrás do IES Pedra da Auga e se conectará á N120 xunto a actual gasolineira) .

  • Obter unha circunvalación máis próxima ao núcleo, polo que se preserva o espazo natural, de alto valor ecolóxico e paisaxístico.

  • Resolver o remate e cosido polo SE da trama urbana.

  • Executar a primeira fase do enlace para o polígono industrial da Lomba, enlace que eliminará o tránsito de vehículos pesados que pasan actualmente pola rúa Castelao e, ademáis, mellorará o acceso para as parroquias de Ribadetea e Padróns.

Deste xeito, obtemos unha circunvalación completa en torno ao casco urbano, o que resolverá o tráfico perimetral permitindo eliminalo do centro. Actualmente, case cada desprazamento en vehículo depende de introducirse no centro para coller outra dirección.

Esta alternativa permitirá diminuír e ordenar o tráfico do centro e devolver o espazo urbano para o uso comunitario. O actual deseño das rúas de Ponteareas fai que unha grande cantidade da superficie pública estea reservada para o vehículo privado, ben como vía de circulación, ben como espazo de estacionamento. A nosa proposta pretende disuadir o tráfico dentro do casco urbano, proxectando aparcadoiros nas marxes desa circunvalación en torno ao centro. Limitando así o tráfico dentro da vila a residentes, carga e descarga, persoas de mobilidade reducida, transporte escolar, etc. Queremos para Ponteareas o que outras vilas no resto do país xa teñen: un espazo onde poder convivir máis e mellor entre veciños e veciñas.

Con todo, o fundamental na cuestión da mobilidade é reducir o tráfico. Para diminuír o número de persoas obrigadas a coller o seu transporte privado, temos que mellorar profundamente o transporte público.

Coa apertura de novas vías non se reduce o tráfico, foméntase. Esta comprobado que cantas máis facilidades se poñan para o transporte en vehículo particular, máis se utilizará. E canto máis se utilice, as vías van quedando de novo desactualizadas ante o novo fluxo de tráfico. É por iso que as actuais aproximacións das políticas públicas son reducir o número de coches e non aumentar a capacidade das vías.

Para reducir o tráfico é imprescindible fomentar o transporte público, que conecte as parroquias có núcleo urbano e o concello coa área metropolitana.

Propomos intensificar as accións para que Ponteareas estea incluída na área metropolitana de Vigo, en concreto na súa rede de transporte. Gozando así das subvencións ao transporte de autobuses que conecten focos de acceso prioritario.

Esiximos un estudo da implantación dun sistema ferroviario de proximidade. Galicia é unha das poucas comunidades que non conta cunha rede ferroviaria de proximidade metropolitana. Esta é unha inversión en infraestruturas moi potente. Pero son proxectos dun custe inferior ao que vai supor os centos de km de AVE que se construíron e se están a construír. Pensemos en cantas veces nos desprazamos a Madrid -o prezo medio dun Sevilla-Madrid son 60€, dun Barcelona-Madrid son 90€- ou cantas veces nos desprazamos a Vigo. Seguramente, a inversión que máis melloraría a nosa calidade de vida sexa a aposta polo tren de proximidade.

Para solucionar a conexión entre as parroquias e o centro urbano cabe implementar as seguintes medidas:

  • Implementar un sistema de transporte baixo demanda nas parroquias. Sistema xa aplicando noutros territorios de España. É útil para desprazamentos que saibamos que imos realizar con antelación e de xeito periódico. Mediante chamada telefónica, as usuarias indican o traxecto e momento en que precisará deste servizo de transporte para así deseñar os percorridos e os horarios definitivos que se efectuarán co parque de taxis municipal.

  • Implementar un sistema de aplicación móbil de compartición de Taxi. Como mellora do sistema previamente proposto e que o faga máis versátil para atender a desprazamentos menos planificados.

  • Construción dunha rede de carrís-bici. A bicicleta pode ser unha alternativa real ao coche nunha grande cantidade de parroquias. Para iso precísanse das infraestruturas necesarias para garantir a seguridade na estrada, así como lugares de estacionamentos seguros na vila.

Esquerda Unida propon que, como mínimo nunha primeira fase, se constrúa esta infraestrutura na N120 desde Vilasobros ata Xinzo, na PO403 (estrada de Salvaterra) desde Moreira ata o centro urbano, e na PO254 (estrada de Mondariz) desde Pías ata o centro urbano.

Co fomento do transporte público e do uso da bicicleta, ademais de aumentar a seguridade viaria protexemos o medio ambiente e reducimos a dependencia ao transporte privado. A mobilidade sustentada no vehículo particular dificulta a igualdade de oportunidades, condicionada ao nivel económico e ao lugar de residencia: carecer de coche no rural dificulta o acceso aos servizos e ao emprego, o transporte público é fundamental para o desenvolvemento do rural.

Queremos priorizar as inversións no transporte público. Este beneficiará á maioría da poboación, mellorando a nosa calidade de vida, permitindo unha política de mobilidade máis saudable e que reducirá o noso impacto no medio ambiente.

A ESQUERDA UNIDA NÉGASELLE A ASISTENCIA A UNHA XUNTANZA PARA TRATAR OS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

O ALCALDE CONVIDOU A MARCHARSE AO CONCELLEIRO DE EU, LINO COSTAS, BAIXO PETICIÓN DALGÚNS DOS PRESENTES NA REUNIÓN —

ESQUERDA UNIDA PRESENTARÁ UNHA ALEGACIÓN AOS ORZAMENTOS DO ESTADO CON RESPECTO Á N120 —

O pasado venres 18 de xaneiro, celebrouse unha xuntanza no salón de plenos do concello entre os grupos da Corporación Municipal de Ponteareas e a Plataforma de afectados da N120 para tratar o asunto dos Orzamentos do Estado para 2019. Nesta reunión o alcalde de Ponteareas manifestoulle ao concelleiro de EU, Lino Costas, que segundo a devandita plataforma, non tiña sentido que participara na xuntanza ao non compartir o posicionamento dos outros grupos da Corporación Municipal, PP, PSOE, ACiP, BNG e ARDT con respecto á variante de Ponteareas, convidándoo a marcharse da xuntanza á que fora convocado o día anterior e negándolle deste xeito a tratar a cuestión da mellora da seguridade viaria da N120 ao seu paso por Ponteareas.

Esquerda Unida sabe, que o verdadeiro motivo para negarlle a esta organización participar nesa reunión é que nin o alcalde de Ponteareas nin os resto dos grupos da corporación municipal queren escoitar as razóns de EU para opoñerse á chamada variante de Ponteareas. Non queren que esta agrupación lles desmonte a súa farsa: o engano continuado á veciñanza por motivos electoralistas.

Esquerda Unida lembra que se ten un representante na Corporación Municipal de Ponteareas débese a que este foi votado pola veciñanza, polo que negarse a escoitar as súas razóns é unha actitude totalmente antidemocrática.

Con respecto á eliminación da previsión de gasto destinado á chamada variante de Ponteareas, EU xa manifestou o seu rexeitamento por non considerala unha mellora real da mobilidade do Concello e por afectar de xeito moi grave ao entorno do río Uma.

Esquerda Unida non se opón á mellora do acceso a Ponteareas, pero considera que esta non debe facerse a través dunha circunvalación ineficiente e de enorme impacto ambiental, se non a través doutras alternativas, como por exemplo o desdobramento da PO403 ao seu paso por Angoares. En todo caso, EU considera que a mellora do acceso á vila de Ponteareas debería facerse comezando por un estudo técnico que valore todas as alternativas.

Esquerda Unida afirma que os distintos gobernos do Estado levan vinte anos xogando coa veciñanza ao propoñer a posibilidade desta variante que saben inxustificable, xogo ao que se suman o resto dos grupos da corporación municipal de Ponteareas.

Por outra banda, EU manifesta a súa disconformidade coa rebaixa de seis millóns a cen mil euros do custe total da partida contemplada no proxecto de orzamentos do Estado para 2019 adicada á mellora da seguridade viaria na N 120 ao seu paso por Ponteareas.

Por iso, Esquerda Unida presentará unha alegación a estes orzamentos para que se manteña a partida contemplada nos anteriores de 2018. Manter cen mil euros como custe total desta obra, que incluiría construción de beirarrúas, rotondas, carril bici e pasos de peóns, cando anteriormente se contemplaban seis millóns, sería tanto como recoñecer que non se ten pensado facer.

A agrupación local considera inexplicable que non se lle dea a máxima prioridade a esta actuación da que depende a seguridade das persoas que utilizan a diario ese tramo da N 120. Esta decisión do actual goberno do Estado parece menos explicable aínda cando existía un compromiso anterior da Dirección General de Carreteras, manifestado en distintas reunións mantidas coa corporación e con representantes da veciñanza de Ponteareas, de executar estas actuacións no prazo máis breve posible.

ESQUERDA UNIDA NON APOIARÁ A MOCIÓN SOBRE A VARIANTE DE PONTEAREAS

O vindeiro martes oito de xaneiro celebraráse un pleno extraordinario onde se debaterá unha moción conxunta do BNG, PSOE, A Riada do Tea, PP e ACiP na que se reclama ao Ministerio de Fomento a redacción dun novo convenio entre este, a Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas.

Para Esquerda Unida nunca foi unha prioridade a construción desta variante. Todo o contrario. Para esta organización, a execución de novas vías de transporte sempre deben xustificarse sobradamente, algo que non se da neste caso. Se ben é certo que se xeran pequenas retencións en horas puntuais no acceso da N120 ao núcleo de Ponteareas, non estamos ante unha cuestión da máxima urxencia. Ademais, está por demostrar que a construción desta circunvalación dea solución aos problemas de tráfico da N120. É bastante dubidoso que esta circunvalación que conectaría a saída da A52 na parroquia de Angoares coa N120 na zona do Barral, en Arcos, se utilice o suficiente como para desconxestionar a N120 nin, sobre todo, xustificar a agresión que suporá ao Rio Uma, un río -lembremos- incluído na Zona de Especial Protección do río Tea.

Polo demais, EU considera que se o estado ten que gastar 20 millóns de euros, tal e como estaba consignado nos Orzamentos de 2018 e como se reclama na moción, estes estarían bastante mellor investidos promovendo unha mellora do trasporte público, algo que no Concello de Ponteareas é moi deficiente e que obriga a utilizar o transporte privado para acceder a calquera tipo de servizo. Lembremos, de paso, que a Xunta de Galicia deixou a Ponteareas fora da Área Metropolitana de Vigo e consecuentemente da Área de Transporte Metropolitano, algo que si sería positivo para a mobilidade no noso concello.

Polo tanto, Esquerda Unida, aínda que si apoiará o punto terceiro da moción no que se solicita a Fomento a redacción do proxecto de mellora da seguridade na N 120 ao seu paso por Ponteareas, non apoiará os puntos relativos á reclamación da redacción dun novo convenio.

EU entende que estamos ante unha mostra do nerviosismo destes partidos debido á proximidade das eleccións municipais de maio. Esquerda Unida de Ponteareas non será partícipe de demagoxias electoralistas de ningún tipo, tal e como expoñen agora mesmo o resto dos partidos da corporación.

ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA SOLUCIÓN Á CARENCIA DE LOCAIS PARA OS COLECTIVOS SOCIAIS

A SITUACIÓN VESE AGRAVADA POLA DECISIÓN DO PLENO, CO VOTO EN CONTRA DE EU-SON, DE RENUNCIAR Á XESTIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES

Dende hai varios anos, diferentes colectivos sociais de Ponteareas reclaman ao Concello a cesión de locais onde realizar as súas actividades sen que ata o de agora se dera ningunha solución.

A situación é máis grave, se cabe, no caso da Asociación Ponte Solidario, que despois de anos de suplir as carencias dos Servizos Sociais Municipais, dando cobertura a máis de 160 núcleos familiares de Ponteareas, pode verse abocada a cesar a súa actividade ao requirírselle por parte do propietario o abandono do local que ocupan actualmente e non atopar ningunha solución firme por parte do Concello. A única proposta a este respecto, foi a cesión temporal dun local na Estación de Autobuses de Ponteareas, pero sen ningunha garantía de tempo de ocupación e únicamente para lugar de reunións e arquivo de documentación, de xeito que terían que abandonala en calquera momento a requirimento do Concello ou da Xunta. Ademáis, terían que facerse cargo tanto do mantemento do local coma dos gastos de auga e luz.

ESQUERDA UNIDA lembra que esta situación non se daría se o Pleno do Concello non aprobara en outubro de 2015, coa oposición frontal de EU-son, a transferencia á Xunta de Galicia da Estación de Autobuses, renunciando así dun xeito irresponsable á posibilidade de xestionar os locais adscritos a ela. Deste xeito, agora o Concello non pode garantir ningunha permanencia nos locais ao estar pendente de que a Xunta faga efectiva a transferencia.

Para ESQUERDA UNIDA a única solución, dadas as circunstancias, pasaría por que o Concello mediara coa Xunta de Galicia de xeito que esta lle ofrecera ao colectivo unha garantía de ocupación temporal á asociación.

O que non pode permitir de ningún xeito o Concello, é que esta asociación teña que cesar a súa actividade por falta de apoio xa que moitas familias, veciñas e veciños deste Concello, dependen agora mesmo dela ao ser os servizos sociais do Concello claramente insuficientes.

Por outra banda, o anuncio por parte do Concello de negociacións coa Seguridade Social para a cesión do edificio que ten na Praza Maior, non é unha solución xa que isto pode demorarse, segundo aseguran dende a Xunta de Goberno, un ano coma mínimo. Tempo do que non dispón a asociación.

ESQUERDA UNIDA agarda que toda esta situación non sexa unha manobra política da Xunta de Goberno para anular a estes Colectivos Sociais, precisamente porque son os que poñen en evidencia a incapacidade do Concello para acadar unha política social e medioambiental que protexa a toda a veciñanza.

O GOBERNO E O RESTO DE GRUPOS POLÍTICOS, AGÁS ESQUERDA UNIDA, APROBAN A PRIVATIZACIÓN DE FACTO DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES

O PLENO APROBOU A INICIATIVA DO GOBERNO DE TRASLADAR A COMPETENCIA DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES Á XUNTA

ESTA DECISIÓN SUPORÁ A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO, COMO É A INTENCIÓN MANIFESTA DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

O derradeiro pleno aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE, PP, ACiP e a abstención de ARDT, a solicitude á Xunta de Galicia para que esta asuma as competencias que lle son propias do servizo da estación de autobuses de Ponteareas.

Se ben consideramos desde ESQUERDA UNIDA que efectivamente é responsabilidade da administración autonómica, este traspaso suporía a privatización do servizo como xa tratou, abrindo por dúas veces concurso para adxudicación da explotación a empresas privadas, quedando desertos.

ESQUERDA UNIDA nunca apoiará decisións que supoñan directa ou indirectamente a privatización de servizos públicos, que supoñen unha diminución na calidade do servizo e un custo engadido para as veciñas de Ponteareas, para beneficio duns poucos empresarios e deterioro das condicións laborais do persoal empregado.

A CIRCUNVALACIÓN DE PONTEAREAS ORZAMÉNTASE POR SÉPTIMA VEZ

O GOBERNO ESTATAL DO PP VOLTA BURLARSE DE PONTEAREAS NOS PRESUPOSTOS DE 2016

O Goberno estatal, nas mans do PP, utiliza os Presupostos do Estado coma unha simple campaña electoral, voltando a orzamentar para 2016 unha partida para a famosa “variante de Ponteareas”, circunvalación que, supostamente, evitaría os problemas de tráfico na vila. Esta afirmación queda en clara evidencia, se ollamos os Presupostos anteriores.

A variante foi orzamentada xa para o proxecto de 2010 con 100.000 euros, seguidos dos 134.100 de 2011, 150.000 de 2012, 10.000 en 2013, outros 10.000 en 2014, 120.000 en 2015, e agora, en plena campaña das eleccións xerais, orzamentan unha partida de 420.000 para a circunvalación en 2016.

Nesta serie, pode apreciarse claramente un aumento das partidas en relación á cercanía das eleccións, como as de 2010 e 2011, previas ás eleccións xerais e locais, a de 2012, previa á das eleccións autonómicas en Galicia, e as de 2015 e 2016, partidas orzamentadas ante as eleccións municipais e xerais. Pola contra, a partida orzamentada para 2013, ano no que non houbo eleccións, foi de 10.000 euros, igual que a de 2014, ano de eleccións europeas, normalmente moi baixas de participación.

Non nos consta que, en todos estes anos no que o PP leva orzamentando un total de 944.100 euros en partidas para dita circunvalación, dándoa ás veces coma un feito, se trazara nin a primeira liña sobre o papel. Trátase, nin máis nin menos, que pura campaña electoral, coa que o PP engana unha e outra vez á veciñanza de Ponteareas.

Esquerda Unida aposta por un cambio de modelo no transporte, no que se primen formas de desprazamento sostible, coma o transporte colectivo, incluído o ferroviario, polo que non apoiamos a construcción indiscriminada de novas vias de asfalto, e menos cando poden afectar a zonas ambientalmente sostibles. Independientemente disto, consideramos inaceptable que dende o goberno do PP, manteñan esta actitude de contínuo engano á veciñanza.

ESQUERDA UNIDA RECLAMA QUE A COMARCA DO CONDADO SEXA INCLUÍDA NA ÁREA DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO

Hai AlternativaA XUNTA DE GALICIA DEBE ELABORAR UN PLAN DE TRANSPORTE SOSTIBLE QUE, INDUBIDABLEMENTE, DEBERÍA INCLUÍR A COMARCA DO CONDADO NA ÁREA DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE VIGO

Logo da volta das negociacións da Xunta de Galicia de cara á implantación dun Área de Transporte Metropolitano, onde non se inclúe a Comarca do Condado, dende Esquerda Unida queremos manifestar que esta situación é, cando menos, discriminatoria.

No Condado, prodúcense diariamente unha gran cantidade de desprazamentos en vehículos privados de cara á contorna de Vigo, feito que supón, ademais dos problemas de conxestión das estradas, prexuízos económicos e ambientais. Esta situación podería verse mellorada en boa medida coa creación dun área metropolitana de transporte, o que serviría para racionalizalo, para promover o transporte público e para minimizar os gastos en transporte da poboación.

Por outra banda, dende Esquerda Unida consideramos que a mellor forma de levar adiante a futura Área de Transporte Metropolitano, sería a creación dun Consorcio de Transporte Metropolitano coa cooperación das distintas administracións públicas implicadas, de cara a coordinar de forma conxunta as competencias que lles corresponden en materia de transporte en materia de creación e xestión do servizo de transporte e de planificación das infraestruturas necesarias para a prestación de dito servizo.