O PROCESO CONSTITUÍNTE, MÁIS PRETO QUE NUNCA
A ESQUERDA RUPTURISTA E O PIE ALCANZARON UNHA IMPORTANTE PORCENTAXE DOS VOTOS
Destaca en Ponteareas a alta porcentaxe de abstención (56,36%), os votos en branco (2,81%) e os nulos (4,41%). Os resultados de AGEe no concello, son claramente mellorables.
A perda entre o PP e o PSOE de máis de cinco millóns de votos no conxunto do estado con respecto ás anteriores eleccións europeas, que en Galicia son máis de 40.000, marcan unha clara tendencia de caída do bipartidismo, o que significa que a cidadanía comeza a darse conta da ampla coincidencia entre os dous partidos, sempre obedientes aos poderes económicos.
Esta caída do bipartidismo ten o seu reflexo tamén no Concello de Ponteareas, baixando o PP do 48,83% en 2009 ao 31,12% nestas eleccións, e o PSOE do 33,64% ao 20,42% e sumando entre os dous partidos unha perda de 2554 votos.
Os resultados de AGEe no Concello de Ponteareas, que chegou a un 10,10% dos votos, aínda que non son malos, deben facer reflexionar a esta organización sobre o modo de traballo e a súa capacidade de chegar á xente.
A alta porcentaxe de abstención (56,36%) en Ponteareas mostra o enorme desinterese da nosa veciñanza por estes comicios, mentres os votos en branco (2,81%) e nulos (4,41%), que en ningún caso poden ser considerados casuais, indican a alta porcentaxe de persoas descontentas co actual sistema. Todo isto debe ser un acicate máis para esta organización, para ser quen de chegar á xente e explicarlle o noso proxecto político. Esquerda Unida traballa e traballará a prol da clase traballadora e as clases populares en tódolos ámbitos. O fin do bipartidismo, o fin da hexemonía dos defensores dos chamados “mercados”, que non son outros que os bancos, as grandes financeiras e as empresas transnacionais, depende da capacidade das organizacións anticapitalistas de conexión coa clase traballadora.
Dende Esquerda Unida queremos mostrar o noso agradecemento a tódolos veciños que votaron por AGEe e comprometémonos, dende xa, a seguir traballando pola defensa dos dereitos dos de abaixo.